lexislatura 2007/2011


O meu perfil
foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Consellería de Educación deixa fóra da solución do comedor ao colexio de Cambre


O BNG de Cambre móstrase moderadamente satisfeito pola decisión da Consellería de cubrir a demanda de comedor nos colexios de O Graxal, Portofaro e Sigrás, pero denuncia que non se dea solución ás familias no caso do CEIP de Cambre. Din non entender, neste caso, a razóns que levaron ao organismo autonómico a deixar fora aos máis de 50 alumnos do colexio Wesceslao Fernández Flórez. O voceiro do BNG, Xabier Iglesias, explicou hoxe que, como xa anunciou hai uns días, a súa formación política presentará unha moción sobre o servizo do comedor escolar e sobre a amplición do colexio de O Graxal, preguntando tamén ao concelleiro de Educación, Jaime Lisnier, pola non inclusión do colexio de Cambre (Wesceslao Fernández Flórez) na relación de centros onde se vai a ampliar o servizo de comedor.

Xabier Iglesias criticou tamén as declaracións feitas por este concelleiro nas últimas horas sobre o servizo de comedor xa que “confunde o papel de director e de concelleiro. As súas manifestacións están totalmente fora de lugar o afirmar que existen familias que piden o servizo de comedor e non o necesitan”. Para o voceiro nacionalista estas manifestacións poñen de relieve que o concelleiro non coñece a función social e educativa dos comedores e, de todas formas, “se coñece algún caso de familias que non cumpran os requisitos que o denuncie, é a súa obriga”-

Así mesmo, presentou a moción que levará ao pleno do vindeiro xoves, coa que pretende instar á Consellería de Educación o comezo inmediato das obras de ampliación do CEIP do Graxal que garantan a súa plena operatividade no comezo do curso 2009-2010 e a resolver satisfactoriamente a demanda de prazas de comedor escolar nos centros do noso concello, adoptando as decisións necesarias que garantan que a situación non se volva a repetir no vindeiro curso.

Xabier Iglesias explicou que o comezo deste curso 2008-2009 ten agudizado en Cambre os problemas de saturación e oferta insuficiente que se viñan detectando en anos anteriores. Ademais, ao problema do déficit de prazas escolares, engádeselle a dos servizos complementares como é o caso dos comedores escolares. Foi no CEIP do Graxal onde estes problemas tiveron maior relevancia pero non é o único centro onde se producen. Catro dos cinco colexios de infantil e primaria do concello non contan con prazas suficientes para absorber a demanda dun poboación que sigue a medrar. A ampliación do Graxal só paliará parte do problema, que necesita ser abordado con tempo, con criterios de planificación e con decisión.

Por fin este verán foi asinado o convenio coa Consellaría de Educación para acometer as obras de ampliación no Graxal. O compromiso de comezo das obras neste mes de setembro foi recibido con esperanza desde Cambre. Non soluciona os problemas para este curso pero permite agardar que non se volvan repetir o curso que ven. Os retrasos na obtención da parcela por parte municipal son sobradamente coñecidos e os veciños saberannos valorar no seu momento pero, agora, cumpre dedicar todos os esforzos a que non se produza un só día máis de retraso no inicio da ampliación. E, nisto, toda a corporación municipal de Cambre debe mostrarse unánime.

Ademais disto o curso comeza cun importante número de familias que quedan sen opción de comedor nos distintos colexios, 150 nenos e nenas segundo os primeiros listados. Non é aceptábel un servizo de educación nestas alturas que non dea este servizo ou que exclúa a familias que o precisan. As necesidades das familias traballadoras pasan porque existan medidas de conciliación que lles permitan compatibilizar traballo e familia. Comprobamos agora o acertado das medidas de impulso dos comedores escolares e dos programas de apertura de centros con almorzo, postos en marcha polo anterior goberno municipal. Pero vemos, tamén, que as decisións tomadas pola delegación de educación frustran as demandas das familias. É unha cuestión de decisión política e de sensibilidade coas demandas da sociedade. A orientación do gasto público en educación ten que ir na liña de favorecer a igualdade de oportunidades e, para isto, os comedores escolares son imprescindíbeis.

[Volver]
Categoría: Educación - Publicado o 24-09-2008 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Rogos e preguntas Pleno Ordinario 25 de setembro de 2008


Rogos para o Pleno Ordinario de 25 de setembro de 2008

PRIMEIRO, Sobre as beirarrúas en construción entre a Ponte das Insuas e os Campóns

O GM do BNG de Cambre insta ao goberno local e ao Alcalde para que se dirixa a Deputación provincial co fin de que se inicie a expropiación dos terreos necesarios para a correcta execución das beirarrúas entre as Insuas e o IES de Sigrás.


Preguntas para o Pleno Ordinario de 25 de setembro de 2008

PRIMEIRA. Datos de escolarización nos colexios públicos de infantil e primaria para o curso 2008-2009

O pasado Pleno de 28 de agosto, o concelleiro de educación comprometeuse a expoñer neste de setembro os datos de escolarización e cobertura dos servizos de educación complementares. Lembrámoslle este compromiso e insistímoslle en que explique como se teñen resolto os problemas na cobertura de prazas e na adxudicación das mesmas, tanto nas escolares como nas de servizos de comedor.

SEGUNDA. Tala de árbores na fraga de Quintán en Cecebre
Coñece o goberno local que nos últimos días se ten cortado algunha árbore na fraga de Quintán en Cecebre? Ten iniciado algún tipo de acción ou expediente?

TERCEIRA, sobre os rexistros de datos persoais do concello de Cambre

- Que medidas ten tomado o goberno municipal para adecuar as bases de datos persoais que manexa o concello, para adaptalas ás esixencias da lei de protección de datos e, cales son as bases ou rexistros que existen actualmente?


Cambre, 22 de setembro de 2008

[Volver]
Categoría: Preguntas plenos - Publicado o 22-09-2008 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
MOCIÓN: sobre os graves problemas do transporte na comarca coruñesa
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Moitos son os problemas de mobilidade e accesibilidade na área metropolitana da Coruña. A construción de novas estradas só corrixirá unha parte. Desde o BNG entendemos que os problemas de mobilidade só se resolverán cando se cumpran varias condicións: o día no que se rematen as infraestruturas proxectadas, cando se aprobe unha planificación urbanística coordenada e, por suposto, coa aprobación dun Plano director de transporte público.

Facermos unha aposta polo transporte público é fundamental se queremos pórlle fin ao problema. Apostarmos por liñas de autobuses con unidades e frecuencias axeitadas, pola construción de enlaces intermodais, polo transporte de proximidade aproveitando e mellorando os camiños de ferro existentes, pola posta en funcionamento de aparcadoiros disuasorios nas conexións das grandes vías de comunicación e nas estacións intermodais.... Todo isto suporá a mellora da mobilidade pero, tamén, o avance na calidade de vida da nosa poboación.

E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte

ACORDO

1. Solicitar á Xunta de Galiza:



Na liña de chegar á constitución da Área Metropolitana da Coruña, con entidade xurídico-política e, con competencias en transporte e mobilidade

A colaboración cos municipios da comarca para a creación inmediata dun ente metropolitano de transporte que actúe na perspectiva de crear un sistema de transporte metropolitano que contemple entre outros:

- A implantación de liñas de transporte metropolitano por estrada con billete único.

- A posta en funcionamento do transporte marítimo pola ría, interconectada cos demais sistemas de transporte

- A interconexión do ferrocarril e do autobús.

- A planificación do Carril Bus e de taxi na Área Metropolitana da Coruña.

- A conexión dos paseos marítimos e a potenciación do uso da bicicleta.

- A eliminación da portaxe na AG-55 entre A Coruña e Arteixo.

- A creación de aparcadoiros nas áreas de descanso das autoestradas e nos apeadoiros do tren, na conexión da Vía Ártabra coa AP-9, na conexión da A-6 coa 3ª Rolda e co polígono de Ledoño, entre outros.

2. Solicitar do Goberno español:

- A execución dunha Estación intermodal na Coruña.

- O establecemento inmediato de servizos ferroviarios de proximidade entre A Coruña-Betanzos-Ferrol e A Coruña-Betanzos-Oza dos Ríos.

- A implantación de novas frecuencias na liña ferroviaria A Coruña-Santiago adaptados ás necesidades das persoas usuarias.

- A eliminación da portaxe na AP-9 entre Guísamo e A Coruña.


[Volver]
Categoría: Mocións - Publicado o 22-09-2008 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
MOCIÓN: Para que se inclúa nas ordenanzas fiscais a discriminación na tarifa da auga para familias numerosas


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O pasado ano durante o debate de aprobación das ordenanzas fiscais do ano 2008, o grupo municipal do BNG propuxo unha reforma das tarifas no consumo de auga para adaptalas segundo a composición das unidades familiares, entendendo que o criterio de tarifar por vivenda e bloques, supuña unha carga para as unidades familiares grandes.

Por parte do goberno municipal, que contou neste caso co apoio dalgún grupo da oposición, aduciuse a falta de tempo para poder efectuar o estudio técnico necesario para adaptar as tarifas. Comprometeuse, así mesmo, en revisar os criterios nos vindeiros exercicios.

Situados ás portas dos traballos de elaboración dos orzamentos do vindeiro ano coa conseguinte revisión das ordenanzas fiscais, o grupo municipal do BNG quere que, desta vez, o tempo para realizar esta proposta non sexa impedimento e se poidan adecuar as tarifas a realidade da composición dos domicilios.

Por estas razóns somete á consideración do Pleno da corporación a seguinte proposta:

1.- O pleno do concello de Cambre insta ao goberno local a que teña en conta un modelo de tarifa no subministro de auga baseado no número de persoas que compoñen a unidade familiar e non no enderezo para adaptar a tarifa por bloques de consumo a este criterio.
[Volver]
Categoría: Mocións - Publicado o 22-09-2008 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
MOCIÓN: Para urxir a ampliación do CEIP do Graxal e para que o servizo de comedor cubra toda a demanda nos colexios de Cambre
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O comezo deste curso 2008-2009 ten agudizado en Cambre os problemas de saturación e oferta insuficiente que se viñan detectando en anos anteriores. Ademais, ao problema do déficit de prazas escolares, engádeselle a dos servizos complementares como é o caso dos comedores escolares.

Foi no CEIP do Graxal onde estes problemas tiveron maior relevancia pero non é o único centro onde se producen. Catro dos cinco colexios de infantil e primaria do concello non contan con prazas suficientes para absorber a demanda dun poboación que sigue a medrar. A ampliación do Graxal só paliará parte do problema, que necesita ser abordado con tempo, con criterios de planificación e con decisión.

Por fin este verán foi asinado o convenio coa Consellaría de Educación para acometer as obras de ampliación no Graxal. O compromiso de comezo das obras neste mes de setembro foi recibido con esperanza desde Cambre. Non soluciona os problemas para este curso pero permite agardar que non se volvan repetir o curso que ven. Os retrasos na obtención da parcela por parte municipal son sobradamente coñecidos e os veciños saberannos valorar no seu momento pero, agora, cumpre dedicar todos os esforzos a que non se produza un só día máis de retraso no inicio da ampliación. E, nisto, toda a corporación municipal de Cambre debe mostrarse unánime.

Ademais disto o curso comeza cun importante número de familias que quedan sen opción de comedor nos distintos colexios, 150 nenos e nenas segundo os primeiros listados. Non é aceptábel un servizo de educación nestas alturas que non dea este servizo ou que exclúa a familias que o precisan. As necesidades das familias traballadoras pasan porque existan medidas de conciliación que lles permitan compatibilizar traballo e familia. Comprobamos agora o acertado das medidas de impulso dos comedores escolares e dos programas de apertura de centros con almorzo, postos en marcha polo anterior goberno municipal. Pero vemos, tamén, que as decisións tomadas pola delegación de educación frustran as demandas das familias. É unha cuestión de decisión política e de sensibilidade coas demandas da sociedade. A orientación do gasto público en educación ten que ir na liña de favorecer a igualdade de oportunidades e, para isto, os comedores escolares son imprescindíbeis.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG de Cambre somete para a súa consideración e aprobación, ao Pleno do Concello de Cambre as seguintes propostas:

1.- Instar á Consellería de Educación o comezo inmediato das obras de ampliación do CEIP do Graxal que garantan a súa plena operatividade no comezo do curso 2009-2010.

2.- Instar á Consellaría de Educación a resolver satisfactoriamente a demanda de prazas de comedor escolar nos centros do noso concello. A que solucione con urxencia para este curso o problema das familias que quedaron inicialmente sen o servizo e que, adopte as decisións necesarias que garantan que a situación non se volva a repetir no vindeiro curso.

3.-Ofrecer toda a colaboración necesaria do Concello de Cambre dentro das súas competencias para axudar a resolver esta situación.


Debate extraído da acta:


"
Concedida a palabra a don Jaime Manuel López Lisnier, concelleiro de Educación, Xuventude e Deportes, manifesta que con respecto a todas as vaguidades que se comentaron, quere sinalar que respecto dos comedores escolares, todos os colexios teñen cubertas todas as demandas de comedor escolar dende que así o comunicou a Consellería o martes pola tarde, agás algún atraso que hai no colexio de Cambre. Parece que o atraso no colexio Wenceslao se debe a que é un sistema distinto de concesión, que leva directamente a Xunta, con cocina no propio colexio, e que están estudando a posibilidade da súa ampliación. Todo isto despois das xestións feitas por parte dos directores dos colexios e da propia Concellería de Educación.

Continúa dicindo que outro punto ao que se refería o PP, era á aula do centro sociocultural, respecto da que dicían que os nenos non poderían ir ao recreo cos demais nenos e que non poderían recibir algunhas materias. Non sabe por que vai ser así, porque este local foi solicitado polos propios pais o ano pasado, antes de que a Consellería adaptara uns módulos para acollelos provisionalmente, di que o usaron o ano pasado nenos de 3 anos, que o están usando este ano. Non é certo que poidan entrar sen control persoas dende a rúa, porque a profesora que atende aos nenos pecha ela mesma a porta. O local está pechado e alí non entra ninguén. Se se refire a que se poidan usar por parte doutras persoas eses locais, alí só un día á semana entra unha persoa a traballar nunha das oficinas, nada máis. Con respecto a pedir un profesor de apoio para esa aula, non é unha competencia do concello, é competencia exclusiva da dirección do centro solicitalo á Consellería de Educación. De feito en todos os concellos con aulas de Educación Infantíl teñen un profesor de apoio, a distribución dese profesor de apoio entre as distintas aulas corresponde á dirección do centro.

En canto ás medidas de seguridade, como os enchufes, evidentemente é un local cedido, pero os protectores están xa postos polo colexio, dende hai uns dous días.

Con respecto á ampliación do colexio, da que se fala nas dúas mocións, o xoves da semana pasada, falaron coa Consellería, co delegado e coa subdirectora xeral de construcións escolares, e tal e como se comunicou ás ANPAS, o proxecto está terminado, está enviado ao DOG para a súa publicación, e consideran que en 12 ou 15 días estará publicado no DOG. Solicitáronlles que enviaran unha copia do proxecto ao concello, para ver como ía ser a obra. A partir de que saia no DOG e se abra a licitación, seguirá os períodos de tempo normais nunha obra deste tipo. O que confirmou a Consellería e que en setembro eles terían a ampliación do colexio terminada.

Segue dicindo que, con respecto ao polideportivo, non existe tal polideportivo no colexio de Sigrás, di que é unha pista cuberta, que despois tivo un peche. Hai unha serie de deficiencias que afectan á cuberta, que como é de chapa metálica suda, o que ocasiona que haxa goteras. Os técnicos, en épocas pasadas, trataron de solucionalo abrindo unha aireación ao redor, pero non resultou e entra auga. Agora mesmo está en estudo a solución a eses problemas, e contan con que nun par de meses poidan ter xa uns orzamentos feitos e unha valoración do que se vai facer.

Con respecto á ampliación dos colexios, no Portofaro é imposible, xa que se trata dun colexio declarado Premio nacional de arquitectura, polo que non se pode tocar nin ampliar, o que si se ten en proxecto é a construción dun novo colexio entre Cambre e A Barcala, xa se están iniciando os trámites para a compra ou expropiación dos terreos na zona de Lendoiro, ao carón do campo de fútbol e club de tenis. É unha zona que é de equipamento, polo que non hai recualificación posible, e por tanto, estanse iniciando os estudos pertinentes para lograr facerse cos terreos suficientes, un mínimo de 12.000 m2. Iso desconxestionaría os colexios do Graxal, Portofaro e Cambre.

Concedida a palabra a dona Mª Jesús González Roel, voceira do PP, manifesta que dende o seu partido saben de sobra que a ampliación non vai solucionar os problemas, o que solicitan é a disposición dos novos terreos xa, que se concreten datas e que se poñan a disposición da Xunta para un novo colexio. A ampliación é insuficiente, polo que é unha esixencia total.

Con respecto ás prazas de comedor di que se é un problema que tiña tan fácil solución, non entende porque se permitiu manter a incerteza ata setembro, dos pais que tiñan que enviar aos nenos ao colexio, cando estaban inscritos dende xuño. Solucionouse unicamente porque se mobilizaron, e felicítaos porque parece que é a única maneira de que se consigan as cousas.

Concedida a palabra a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo, voceiro do BNG, manifesta que o seu grupo vai votar a prol da moción que eles presentan, e en contra da moción que presenta o PP, porque di que ten un montón de incorreccións, entre outras, nas cuestións que propón, e na utilización de problemas que todos poder ver, pero aos que se lles ten que buscar solucións. Propoñen poñerse de acordo en facer unha cousa, apoiar unhas reivindicacións, defender a alternativa de que todos os servizos e prazas estean a disposición de todos os pais e que non quede ningunha familia fóra, pero di que ven que hai algunha posición que máis que revolver, o que lle interesa é que as cousas vaian mal, para que lles vaia ben a algúns outros.

Di que seguramente o PP non se acorda de quen foi o que iniciou o procedemento para obter a parcela anexa ao colexio para cedela á Consellería de Educación. Lamentan, como xa fixeron moitas veces, que quen tiña a obriga de poñela a disposición da Consellería non o fixera e tardara tanto. Di que o que hai que facer é urxir para que comece a obra dunha vez e que en setembro do ano que vén non volva a haber estes problemas. Non saben que asesoramento técnico pode ter o PP para propoñer cousas que son auténticas barbaridades, como é ampliar máis o colexio Wenceslao Fernández Flórez, ou o colexio Portofaro, co que se convertiría nun colexio como é o de Arteixo de Ponte dos Brozos de máis de 1000 alumnos, unha cousa totalmente inmanexable e un auténtico monstro. O que hai que facer é buscar alternativas en positivo que solucionen os problemas para o día de mañá, e di que iso é o que fixeron dende o BNG. Eles chegaron a un acordo, e agardan que se cumpra, porque eles chegaron a ese acordo, pero outros son os que teñen a responsabilidade de xestionalo, de obter unha parcela para un novo colexio que aliviará moitas prazas do colexio Portofaro, e iso xunto coa ampliación do Graxal, solucionará os problemas de escolarización no Temple, e solucionará tamén os problemas de escolarización en Cambre, porque non só hai problemas no Temple, senón que os hai en todos os colexios, porque se miran a ratio de alumnos que ten o colexio de Sigrás, verase que están xa no punto de saturación, e incluso este curso xa rexeitaron nenos que solicitaban ir a ese colexio. Di que hai que pensar un pouco no futuro e pensar, sobre todo, en que dentro dun ano ou dous, non volvan estar discutindo as mesmas cousas. Di que quen tivo a responsabilidade de xestionar estas cousas, e quen a ten durante esta lexislatura, é o goberno, eles lamentan que non tiveran a dilixencia suficiente para que as cousas se tiveran solucionado antes, pero en todo caso, quen lle deu o seu aval a este goberno e ao alcalde no comezo da lexislatura non foi o BNG, senón que foi o PP, eles saberán como tardaron tanto tempo en darse conta de que non funcionaba.

Continúa dicindo que levan varios meses tratando os temas de Educación, e os temas das prazas, e volven a insistir nunha cuestión que dixeron xa dende o primeiro día, a eles o que lles parece imposible é solucionar todas as cousas e todos os problemas, sobre todo pola falta de planificación que se arrastra, e comprenden que as solucións non poden ser para mañá, pero lamentan, unha vez máis, que non houbera a firmeza suficiente por parte do goberno municipal, e o adianto suficiente e as previsións suficientes para que estos problemas estiveran solucionados no seu debido momento. Di que o mesmo que se completou a oferta do mañanceiro, puido facerse o mesmo co servizo de comedores, e aí parécelles que houbo unha falta de firmeza, unha falta de rigor, e unha falta de ter as cousas claras por parte do goberno para enfrontar as cousas no seu momento. Di que no punto no que están hai que felicitarse porque, por fin, grazas á presión das familias, á presión política dalgúns grupos e tamén á presión que se fixo dende o goberno, en última instancia, a Consellería de Educación deu marcha atrás e ofreceu prazas de comedor en todos os colexios. Eles queren que se vote a súa moción para esixir que esa solución se dea tamén no colexio de Cambre, e o que botaron en falta foi que todo ese traballo, e ese esforzo quen o tiña que liderar era o goberno municipal e debeu facelo, porque ademais tivo o ofrecemento por parte deles, e por parte das demais forzas políticas, de respaldar as accións de goberno en todo momento, iso non o fixo e tiveron que chegar a esa situación de incerteza. En todo caso di que no tema das prazas de comedor hai que felicitarse de que se arranxara, aínda que fose tarde, e que nos outros temas hai que instar á Consellería para que solucione o tema da ampliación e que en setembro do ano que vén estea o problema solucionado. Pensa que desa maneira cumprirán co deber que teñen.

Concedida a palabra a don Luis Miguel Taibo Casás, voceiro de EU-IU, manifesta que para o seu grupo é evidente que os gobernos municipais teñen que ter unha escala de preferencias, sobre todo nos seus investimentos, en función das necesidades dos cidadáns. Di que o tema que están tratando é da suficiente envergadura como para telo previsto coa suficiente antelación, conciencia e dedicación que se merece, porque se está a falar da educación dos nenos e nenas de Cambre. É unha cuestión que debería ser a máxima preferencia para calquera goberno municipal que teña unha mínima sensibilidade ante este tipo de problemas. Coincide o seu grupo en que non existiu previsión en canto aos problemas derivados do aumento de poboación no concello, e por conseguinte respecto da creación de prazas escolares e mellora de infraestruturas nos centros de ensino. Quere lembrar e reprochar ao mesmo tempo ao goberno municipal que a urxencia da planificación prexudique á calidade da ensinanza, como tamén a ausencia de previsión xenera a perda de espazos comúns nos centros de ensino, masificando as aulas.

Continúa dicindo que moitos destes problemas poderían estar resoltos, ou polo menos, ter un estudo real das necesidades, se no concello funcionara o Consello Escolar Municipal, como un órgano de participación e encontro en materia educativa diante dos problemas que van xurdindo, como é o caso do desamparo que están a sufrir os nenos e nenas e os pais de Cambre, que non poden estar escolarizados cerca dos seus domicilios, nas mellores condicións, para o desenvolvemento das súas actividades, nin dispoñer de prazas nos comedores. Di que o seu grupo vai votar a prol da moción presentada polo BNG, e que comparten a sensibilidade do Partido Popular na moción que presentaron, pero que non poden compartir a idea de que se amplíe o colexio de Cambre, porque todos saben que a última vez que se fixo unha ampliación xa houbo problemas ao estar preto dun castro, o que fai que a Xunta non permita a súa ampliación. Reitera que comparten totalmente a sensibilidade do Partido Popular e que votarán a prol de todas as mocións que teñan por obxectivo mellorar a calidade do ensino no concello.

Concedida a palabra a don Nicolás José Cubeiro Martínez, manifesta que o que hai que facer é traballar en serio. Respecto das manifestacións do voceiro do BNG, di que eles están aquí para trasladar as necesidades dun grupo de veciños, con vontade de que se arranxe, que non lles importa que o BNG non vaia votar a prol da súa moción, e que aínda que non sexa aprobada, eles van votar a prol da moción do Bloque, porque o que están intentando é que o problema se solucione, están pensando nos intereses xerais, non nos do grupo municipal popular. Quere dicir que hai que parar xa con tanta felicitación por unhas cousas e outras, porque non hai ningún motivo para facelo, todo o contrario, deberían estar algo avergonzados.

Sometida a votación ordinaria a moción presentada polo grupo municipal do PP, votan a prol os sete concelleiros do PP, votan en contra os seis concelleiros presentes do PSdeG-PSOE e os catro concelleiros do BNG, e abstéñense os dous concelleiros de EU-IU.

A corporación, por dez votos en contra, rexeitou a moción presentada polo grupo municipal popular.

Sometida a votación ordinaria a moción presentada polo grupo municipal do BNG, votan a prol os seis concelleiros presentes do PSdeG-PSOE, os sete concelleiros do PP, os catro concelleiros do BNG e os dous concelleiros de EU-IU.

A corporación, por unanimidade dos dezanove concelleiros asistentes á sesión, aprobou a moción tal e como foi transcrita."

[Volver]
Categoría: Educación - Publicado o 22-09-2008 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG de Cambre mostra a súa preocupación polos máis de 150 rapaces que quedan sen servizo de comedor e insta a Educación a poñer solucións
O BNG de Cambre presentará unha iniciativa no próximo pleno para que dende o Concello se inste á Consellería de Educación a dar solución aos problemas de falta de prazas de comedor escolar que existe nos colexios do municipio. Segundo os datos dos que dispón o voceiro nacionalista, Xabier Iglesias, os nenos que quedarán sen servizo de comedor o próximo curso serán máis de 150 entre todos os centros escolares de Cambre o que vai repercutir de forma negativa en moitas familias do municipio.

O voceiro nacionalista censurou, ademais, a forma na que Educación xestionou este problema tendo en conta que no colexio de O Graxal, por exemplo, solicitouse, en tempo e forma, unha amplición do número de prazas de 130 a 160 que non foi aceptada pola delegación, o que fixo que quedasen fóra 43 nenos.

Ante estas circunstancias, o BNG pedirá ao equipo de goberno que se dirixa con urxencia á Delegación Provincial e que por parte desta administración se intente dar solución a un problema que afecta moitas familias de Cambre.

Igualmente, como o BNG realizou no Parlamento de Galiza, Xabier Iglesias anunciou que a súa formación tamén presentará unha iniciativa a nivel municipal sobre as obras de ampliación do Colexio de O Graxal. O BNG recorda que en febreiro de 2008, o pleno da corporación acordou ceder á Consellería unha parcela para a execución das obras de ampliación do centro. O pasado 21 de xullo, no acto de sinatura dun convenio, a Conselleira de Educación anunciou ou comezo inmediato das obras e en todas as comunicacións do seu departamento indícase que estarán finalizadas antes do inicio do curso 2009-2010.

Para os nacionalistas o anuncio "non foi sen tempo, porque a carencia de prazas escolares (e nos servizos complementares como comedor) é un problema endémico non Graxal e noutras zonas urbanas do municipio que non viron acompañado o desenvolvemento urbanístico dos últimos aos cun medre equivalente da oferta educativa pública "afirma o concelleiro e voceiro nacionalista, Xabier Iglesias. O voceiro recordou tamén neste sentido que varias familias residentes na área de influencia do colexio non puideron escolarizar aos seus nenos en infantil (tiveron que o facer afastados do seu domicilio) entanto que, publicadas as listas de admitidos, 38 nenos van ficar fóra do servizo de comedor.

Por estas razóns o BNG instalará o goberno local a que se dirixa a Educación para que a Consellería realice con urxencia as obras de ampliación do colexio.

Así mesmo, informou que demandaran do Alcalde que se inicie canto antes a tramitación para adquisición de terreos para un novo colexio que estará situado entre Cambre e o Temple. Recordou que esta adquisición estaba incluída nos acordos entre o BNG e o PSOE para a aprobación do orzamento deste ano. E, dixo, é unha prioridade para o BNG.

[Volver]
Categoría: Educación - Publicado o 20-09-2008 14:02
# Ligazón permanente a este artigo
Moción: “Seguridade vial en pravio: sendas peonís no núcleo de pravio e de pravio á castellana”
Moción conxunta BNG+PP+EU-IU+PG: “Seguridade vial en pravio: sendas peonís no núcleo de pravio e de pravio á castellana”

Exposición de motivos


Desde o inicio da lexislatura, tanto o Goberno Local como a totalidade dos grupos municipais mantiveron varias reunións coa Asociación de Veciños de Pravio e Cela (AVEPCE), iniciando así unha nova etapa marcada pola participación e colaboración. Polo tempo transcurrido até hoxe, poidemos comprobar que o único resultado foi de frustración. Os problemas continuan sen solucionarse, por iso é polo que plantexamos neste Pleno as seguintes cuestións, dada a súa importancia de máxima prioridade e urxencia:

1)Senda peonil PK 4+130 e PK 4+470 na estrada AC- 214

A travesía é unha promesa de moitos anos, anunciada tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Goberno Local, e na última campaña electoral iniciouse un sendeiro que continua sen rematar despois de máis dun ano. Esta situación está causando moitas molestias aos veciños que cederon terreo, cunha obra inacabada diante da súa casa e, por outra parte, continua a situación de grave risco para os peóns. Polo que resulta urxente a conclusión desta obra para garantizar a seguridade vial.

2)Senda peonil de Pravio á Castellana na estrada AC-214.

A Asociación de Veciños de Pravio e Cela tratou este asunto en reunións co Sr. Alcalde e dadas as dificultades pola negativa de cesión de terreos por parte dos propietarios para construir a senda, desde a Alcaldía proponse entubar a cuneta para aproveitar o espazo para a construción da senda coa existencia de espazo suficiente para levar a cabo esta obra. Pero pola incertidume que xera o Goberno Local e a sorpresa que supón para a Asociación de Veciños que no ve contemplada esta obra no orzamento municipal de 2008 foi unhas das razóns polo que promoveu esta iniciativa.
Esta é outra obra comprometida e de prioridade para a seguridade vial dos veciños e da súa mobilidade.

Despois da reunión mantida entre a Asociación de Veciños de Pravio e Cela e os Grupos Municipais da Oposición o pasado venres, 12 de setembro de 2008, todos os grupos municipais acordamos presentar de forma conxunta esta moción en base aos motivos expostos para someter á consideración e debate do Pleno a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1ºExecutar de forma inmediata a finalización da obra do proxecto “Seguridade Vial: andén peanil na estrada AC-214 entre PK 4+130 e PK 4+470 (Pravio)”.

2ºQue o Goberno Local solicite á Xunta de Galicia con carácter urxente o permiso para realizar a senda peonil na estrada AC-214 entre PK 5+050 e PK 5+750 pola marxe esquerda en dirección a Cambre.

3ºQue os técnicos municipais elaboren un proxecto con medidas mínimas dun metro de ancho para a senda peonil na estrada AC-214 entre PK 5+050 e PK 5+750, xa que consideramos que o terreo é suficiente.

4ºQue se crea a partida orzamentaria necesaria para realizar a obra de senda peonil na estrada AC-214 entre PK 5+050 e PK 5+750 ou que se modifique a partida orzamentaria correspondente.

5ºUnha vez reunidos os requisitos pertinentes no prazo de tempo máis breve posible, instar ao Goberno Local que inicie o expediente de contratación polo procedemento de urxencia da obra de senda peonil na estrada AC-214 entre PK 5+050 e PK 5+750, xa que esta obra representa seguridade vial para os veciños que se desprazan diariamente de Pravio a Cambre e viceversa. E que o prazo de execución e remate da obra sexa entre seis ou nove meses como máximo.



Cambre, setembro de 2008.

Asinan O/A Portavoz:

Partido Popular Bloque Nacionalista Galego



María Xesús González Roel Xabier Iglesias Oviedo


Esquerda Unida de Cambre. Partido Galeguista de Cambre.


.

Luis Miguel Taibo Casás Manuel Marante Gómez
Categoría: Mocións - Publicado o 20-09-2008 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Comisións Informativas para o día 23 de setembro de 2008

Comisión Informativa de Presidencia, Réxime Interior, Facenda e Promoción Económica.

Preguntas


PRIMEIRA, Contratación da asistencia técnica do programa Arume

En que mesa de contratación se explicaron ou debateron os pregos de contratación desta asistencia técnica.

SEGUNDA, Sobre as contratacións en curso pendentes de informe

En que situación están a elaboración de informes e propostas de adxudicación dos procedemento de contratación en curso.


TERCEIRA, Sobre o Consello Municipal de Deportes

No pleno ordinario de xuño aprobouse unha moción do BNG na que se decidía a creación do Consello Municipal de Deportes:

Poden informar sobre os trámites iniciados para á súa creación


CUARTA, Sobre as obras de saneamento paralizadas.

Cal é a situación das obras de saneamentos en varias parroquias paralizadas polo abandono da empresa contratada?

Comisión Informativa de Ordenación do Territorio, Medio Ambiente, Obras e Servizos.

Preguntas

PRIMEIRA. Sobre o Plan de Obras e Servizos provincial 2009

As propostas para o POS 2009 deberán ser enviadas á Deputación antes do 30 de novembro.
Sobre que proxectos están traballando ou cales son as previsións para destinar os máis de 400.000€ que corresponden este ano.


SEGUNDA. Aparcamento no centro de saúde de Cambre


No pleno dom es de xullo o GM do BNG presentou unha iniciativa para que se estudara o habilitar a parte posterior do centro de saúde de Cambre para aparcadoiro. Fundamentalmente ao servizo dos profesionais do centro. Persoal do centro, sobre todo os que fan visitas domiciliarias durante a xornada, insiste nos problemas que lles causa e o tempo que perden pola saturación de vehículos na zona pública.

- Que xestións se teñen feito para avaliar esta proposta e cal é o resultado?


TERCEIRA. Situación das obras no Temple.

Solicitamos que se informe sobre a marcha das diferentes obras públicas na parroquia do Temple e das previsións de remate das mesmas.


CUARTA. O xardín da casa de Arrigada

- Teñen previsto a limpeza e desbroce deste xardín municipal?


QUINTA, Bando informativo sobre talas forestais

O pleno do concello, por iniciativa do BNG, aprobou unha moción que, entre outras cousas, decidía a publicación dun bando da alcaldía informando dos requisitos e limitacións das talas forestais.

Cando se vai publicar dito bando?

SEXTA, Arquetas de pluviais no contorno de dúas polideportivas
Segundo puidemos comprobar nas inmediacións das polideportivas do Graxal e dos Campóns, hai rexistros de pluviais sen tapa, co conseguinte perigo.

Hai algún plan para revisar estas instalación e corrixir os desperfectos?


SÉTIMA, Sobre o camiño municipal 335 en Fraís

Hai algunha novidade sobre o mantemento deste camiño no proxecto do novo vial que executa a Deputación ?


Comisión Informativa de Educación, Benestar social, Cultura, Normalización lingüística.

Preguntas

PRIMEIRA. As obras da Escola Municipal de Música

Solicitamos que se informe sobre a marcha das obras da escola e as previsións de remate das mesmas.


SEGUNDA. Sobre as subvencións da Deputación Provincial para investimento, actividade cultural e para a Rede de actuacións culturais.


Na Comisión informativa de agosto, a Sra. Concelleira quedou en facilitarnos por escrito os datos que expuxo verbalmente sobre as subvencións de cultura da Deputación provincial e a participación na Rede cultural provincial.

Cando nos vai facilitar o informe?


Cambre, 20 de setembro de 2008

[Volver]
Categoría: Preguntas cc.ii. - Publicado o 20-09-2008 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG presenta iniciativa no Parlamento sobre o CEIP do Graxal

O BNG de Cambre leva ao Parlamento a ampliación do colexio do Graxal e a situación do comedor do colexio

Cambre, 8 de setembro de 2008.-O BNG presentou á Mesa do Parlamento unha pregunta a instancias do voceiro da formación nacionalista en Cambre, Xabier Iglesias, relativa ás obras de ampliación do Colexio do Graxal. No seu escrito, os nacionalistas preguntan cando van comezar as obras de ampliación do colexio e se as novas instalacións estarán finalizadas para o comezo do próximo curso escolar 2008-2009. Ademais, o voceiro nacionalista de Cambre indicou que os deputados do BNG se interesarán polas medidas que vai adoptar a Consellaría de Educación para acomodar a oferta de prazas de comedor do colexio do Graxal.

O BNG recorda que en febreiro de 2008, o pleno da corporación acordou ceder á Consellaría unha parcela para a execución das obras de ampliación do centro. O pasado 21 de xullo, no acto de sinatura do convenio, a Conselleira de Educación anunciou o comezo inmediato das obras que en todas as comunicacións do seu departamento se indica estarán finalizadas antes do inicio do curso 2009-2010.

Para os nacionalistas o anuncio "non foi sen tempo, porque a carencia de prazas escolares (e nos servizos complementares como comedor) é un problema endémico no Graxal e noutras zonas urbanas do municipio que non viron acompañado o desenvolvemento urbanístico dous últimos anos cun medre equivalente da oferta educativa pública "afirma o concelleiro e voceiro nacionalista, Xabier Iglesias. O voceiro recordou tamén neste sentido que varias familias residentes na área de influencia do colexio non puideron escolarizar aos seus nenos en infantil (tiveron que o facer afastados do seu domicilio) entanto que, publicadas ás listas de admitidos, 38 nenos van ficar fóra do servizo de comedor.

Por estas razóns ou BNG instará a Educación a realizar con urxencia ás obras de ampliación do colexio e a resolver o problema do comedor.

As preguntas serán presentados na Mesa do Parlamento polos deputados Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas.


[Volver]
Categoría: Educación - Publicado o 09-09-2008 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal