lexislatura 2007/2011


O meu perfil
foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Declaracións de Xabier Iglesias sobre o plan de Vivenda


O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias destacou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que aportará a Cambre novos equipamentos e zonas verdes, "creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello", explicou, "ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Cambre".

O portavoz nacionalista tamén valorou as bolsas de solo seleccionadas, por canto apostan pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. "Pensamos que as bolsas elixidas acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como as necesitadas", explicou. Iglesias salientou ademais que "a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 120.000m2 de zonas verdes e 33.500m2 para equipamentos comunitarios nos que se poderán situar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais que tanto precisa o noso concello".

O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera ademais esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar aos concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise.

Volver
Categoría: Urbanismo - Publicado o 24-11-2008 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Sementando un futuro sen violencia machista

Volver
Categoría: Comunicados - Publicado o 23-11-2008 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
MOCIÓN: 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, ten que ser unha data de compromiso dos gobernos co conxunto de organizacións sociais e da cidadanía en xeral para a sensibilización e a actuación respecto do grave problema que constitúe a violencia machista.

É, pois, unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero.

Todas, todos, podemos facer algo contra a violencia machista

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero, os recursos creados para atender as mulleres en situación de violencia de xénero, as campañas de sensibilización e os pasos que se deron para avanzar na consolidación dos dereitos das mulleres son necesarios para loitar contra este fenómeno, mais é necesario optimizar o seu uso e achegalos con maior eficacia ás mulleres.

Por outro lado, a prioridade das accións políticas que se dirixen á atención das mulleres que padecen a violencia machista é tal que non deben verse influídas por conxunturas económicas, antes ben, poñen en evidencia a necesidade de atender con maior eficacia á hora de prestar os recursos, aínda en momentos de crise.

O papel que teñen os Concellos é fundamental, pois desde eles pódese garantir a atención, o acceso aos recursos e a prevención directamente. Así poden constituírse en modelo para todas as veciñas e veciños na actuación eficaz e posta en marcha de políticas de intervención reais e que sexan eficaces á hora de mentalizar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo.

Este compromiso é fundamental á vista das cifras de denuncias realizadas e cifras de casos concretos de violencia que en moitas ocasións acaban coa vida das mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas.

É necesario implicar o conxunto da cidadanía, trasladarlle a información actualizada, e corresponsabilizar os axentes sociais para que poidan intervir directamente sobre os casos que se puideren dar, porque tratándose dun problema de carácter social, imbricado nos valores sociais existentes e cun carácter estrutural, que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres, precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade.

Temos que construír unha sociedade onde o centro sexan as persoas, sen distinción de sexo, e igualitaria.

É por isto polo que cómpre a implicación de todas as administracións, tamén das municipais, no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. E son tamén os Concellos quen poden artellar mecanismos de responsabilización e implicación de toda a cidadanía para acabar coa violencia machista.

Este mesmo mes, o noso concello foi protagonista circunstancial nun novo crime contra unha muller. A condena unánime que suscitou xunto coa demostración de dor e solidariedade obrígannos a redobrar esforzos na prevención e na atención ás vítimas. Os orzamentos municipais deste ano, inclúen unha partida específica para atención ás vítimas, logo de que o Pleno da Corporación aprobase unha moción presentada polo BNG o pasado ano.

Temos, pois, os medios e a sensibilidade e vontade necesaria. Precisamos organizar e estruturar estes medios e recursos para lograr a maior eficiencia na atención ás mulleres agredidas.

En consecuencia o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Mellorar a efectividade das accións contra a violencia de xénero a través da creación de protocolos locais e comarcais que incorporen os recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, e que teñan como finalidade axilizar o acceso á atención e aos recursos para as mulleres que padecen a violencia machista.


Cambre, 22 de novembro de 2008

Volver
Categoría: Mocións - Publicado o 23-11-2008 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
Rogos e preguntas para o Pleno Ordinario de 27 de novembro de 2008
Rogos:

PRIMEIRO, Sobre o Plan de vivenda protexida en exposición pública

Solicitamos que se poñan en marcha os mecanismos políticos e técnicos necesarios que permitan unha posición consensuada municipal co obxectivo de mellorar os deseños dos proxectos presentados e, que reforcen a posición do concello no diálogo coa Consellaría de Vivenda. Así mesmo que se facilite desde a administración municipal información e asesoramento aos propietarios afectados que lles permita mellor defender os seus intereses. Dada a urxencia, o período de exposición pública remata o 27 de decembro, instamos a que se axilice este proceso.

SEGUNDO, Sobre o transporte de proximidade

Ao longo da lexislatura temos falado en varias ocasións da situación do transporte de viaxeiros de proximidade, tanto por estrada como por ferrocarril. Este Pleno ten acadado acordos e, o goberno, tense comprometido a diferentes cuestións, entre outras a realiza unha campaña de difusión e promoción do transporte ferroviario sen que até o momento teñamos coñecemento da súa posta en marcha.

Tamén, respecto aos autobuses, temos falado en máis dunha ocasión da saturación dos que fan a liña da Coruña das primeiras horas da mañá, con unidades saturadas e con retrasos nos horarios de servizo.

Instamos ao goberno municipal a que:

* se poña en marcha a campaña de promoción e difusión do transporte ferroviario
* se negocie coa compañía concesionaria o reforzamento dos servizos de buses das primeiras horas que eviten os atrasos e a saturación dos buses.

Suxerimos, ademais, que dentro desa negociación entre a posibilidade de que en determinadas horas poida haber buses que se acheguen á Coruña atraves da autoestrada AP-9.


Preguntas:

PRIMEIRA. sobre a xestión do subministro de auga

O estudio económico sobre o funcionamento do servizo de subministro de auga non deixa lugar a dúbidas, prodúcese unha perda de 400.000m3 que non son facturados. Que medidas van adoptar para evitar este despilfarro ?

SEGUNDA. Obras de ampliación do colexio do Graxal

Cal é o informe que fai o concello sobre o proxecto de ampliación do CEIP do Graxal e, como está a situación respecto ao comezo das obras?

TERCEIRA, Sobre distintos acordos adoptados polo Pleno da Corporación

Nos últimos meses foron varios os acordos plenarios adoptados por unanimidade sobre cuestións do máximo interese para o benestar da cidadanía e para o funcionamento eficiente da administración municipal. Queremos lembrar, entre outros, a contratación do estudio de viabilidade para a construción dun aparcadoiro no Graxal e, o estudio de consumos enerxéticos municipal. Aprobados os orzamentos, en que situación se encontran ditas contratacións?


Cambre, 24 de novembro de 2008

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 23-11-2008 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Situación do Voluntariado de Cambre
O voluntariado de Cambre chegou a ser exemplar entre o voluntariado municipal en Galicia. Cal é a situación actual do voluntariado de Cambre?


-Dona Carmen Tato Lago, concelleira do PSdeG-PSOE, contesta que o voluntariado de Cambre segue asistindo a congresos, participando en distintas tarefas segundo as necesidades, realizando o último trimestre do ano os correspondentes cursos de formación e seguimento, e continúa habendo altas.

-Don Henrique Xabier Iglesias Oviedo, voceiro do BNG, di que non lle gusta meterse moito en cuestións sobres as que tivo responsabilidade, xa que hai que darlle confianza á xente para que o faga a súa maneira, pero di que hai momentos en que se vén en perigo cuestións verdadeiramente importantes, institucións ou patrimonio que xa estaban antes de que eles tiveran responsabilidades de goberno. Trátase dun voluntariado que foi exemplar e que aínda hoxe é modélico dentro do que son as asociacións de voluntarios municipais de Galicia, por dúas razóns fundamentais, unha polas persoas que o integran, que levan demostrando moitísimos anos os seus valores de altruismo, entrega e solidariedade. E, en segundo lugar, pola presenza dun técnico que era responsable do voluntariado, e que entrou no concello moitos anos antes de que o BNG gobernara. Dende o ano 2000 este técnico está sendo reclamado dende outras institucións, nomeadamente dende a Xunta de Galicia, para que achegue os seus coñecementos sobre o voluntariado. Participou no ano 2000 na primeira Lei do voluntariado, que está en vigor, participou en todos os congresos de voluntariado, chamado polos representantes políticos da administración autonómica, están chamándoo constantemente doutros concellos e institucións para que dea charlas e colabora na formación de persoas voluntarias. Di que tamén tivo unha participación importantísima no Plan galego de voluntariado que está en vigor, e que ten o respecto de todas as persoas que con el traballaron nese plan de voluntariado. Esa persoa, de maneira incomprensible, foi apartada da responsabilidade dese servizo dende o inicio desta lexislatura.

Segue dicindo que é unha decisión política, pero que o problema aparece cando se chega a unhas consecuencias que non son as que expón a Sra. concelleira. O que está ocorrendo co voluntariado é que non hai reunións, non hai seguimento, non hai coordinación, non se fai a avaliación dos programas e dos traballos que os voluntarios están facendo. Di que o outro día unha persoa lles comentou que tiña un traballo de acompañamento a unha persoa dependente, e que estivo indo durante tres meses a chamar á porta sen que a persoa aparecese por ningún sitio. Foron tres meses sen que dende o departamento responsable se lle comunicase se pasou algo con esa persoa.

Tamén pensa que se están facendo listas negras, porque estase chamando por teléfono a persoas que están no voluntariado para dicirlles que lles van dar de baixa por falta de participación, cando o que ocorre é que non se fan os programas para os que esa persoa se comprometeu. Así se deron de baixa a algunhas persoas, incluso de oficio.

Sinala que a orixe da pregunta foi ler nas resolucións do mes de xuño unha resolución da concelleira de Asuntos Sociais, do día 2, na que se dan de baixa a unha serie de voluntarios, e todos, menos un, por baixa de oficio. A única persoa que solicitou a baixa voluntaria foi Rafael Sánchez, unha persoa moi coñecida en Cambre, que acabou pedindo a baixa pola situación insoportable e pola presión a que estaba sendo sometido dentro do grupo de voluntariado. Unha persoa que é un exemplo de solidariedade, de altruismo, de apoio ás causas perdidas, unha persoa fundamental, e que moitas familias de Cambre saben do traballo que ten feito con nenos con problemas, que foron saíndo adiante grazas ao seu traballo, e ao desenvolvemento dunha serie de programas. Di que ante este feito lle xurden dúas preguntas, unha é cales foron as razóns que esa persoa aduciu para solicitar a baixa, e outra, se dende o departamento se fixo algo por evitar que esa persoa levara ao extremo a súa petición de baixa.

Di que a conclusión á que chega é que non se entende o que é o voluntariado. É normal que non se entenda algo cando se inicia unha responsabilidade sobre a que non se tivo experiencia, pero agora xa pasou un ano. O voluntariado non son camareiros para as festas. O voluntariado está rexido por unha lei, ninguén ten obriga de facer nada máis que aquelas cousas para as que se comprometeu, e polo tempo que se comprometeu. Estar inscrito como voluntario non lles pode supoñer ningún tipo de remuneración, pero tampouco custos.

Explica que segundo as súas noticias, a última reunión foi en maio. Di que cando estivo de responsable desa área nunca se meteu no que facían, porque eles eran autónomos no seu funcionamento, e había técnicos competentes, responsables, que levaban o tema adiante. O que está ocorrendo agora co voluntariado, que era unha das cousas máis bonitas e interesantes do concello, é que se está destruindo. Hai meses que dende o seu grupo lles están pedindo ás persoas coas que tiñan unha relación persoal estupenda, que non se marchen, que non o deixen, porque o voluntariado é máis importante que as circunstancias políticas ou que as persoas que están levando agora esa materia.

Conclúe que o voluntariado se está desmembrando, que non funciona, e que non se sinte respecto pola xente. Dille a Sra. Tato que, como responsable da área, pode facer o que queira, pero que vai ter sobre as súas costas destruír unha das institucións e un dos grupos humanos máis importantes que tiña este concello.

-Dona Carmen Tato Lago responde que como o Sr. Iglesias acaba de recoñecer no seu discurso, o voluntariado de Cambre, aínda hoxe, segue sendo exemplar, e que respecto do Sr. Rafael Sánchez, deuse de baixa porque a ONG “Campos” que está a dirixir, estalle levando moito tempo e que agora lle sería imposible participar nos programas de voluntariado, e que, efectivamente, é unha persoa recoñecida no Concello de Cambre polo su labor social.

Respecto do tema das reunións, que segundo o voceiro do BNG non se fan dende maio, quérelle lembrar que a última reunión que se fixo foi coa educadora social que estaba encargada de levar o tema. Esa persoa cesou e, provisionalmente, está a levar o programa de voluntariado a coordinadora de Servizos Sociais.

Os voluntarios que se están chamando, están a acudir a calquera tipo de actividade ou programa que se lles demanda, e non están a ter ningún problema con eles. No tema das reunións, en Servizos Sociais constan as actas de todas as reunións que se fixeron, a diferenza do BNG que non teñen ningunha, porque non as facían. Parece ser que a anterior concelleira non se reunía con eles.

Continúa dicindo que o Sr. Ricardo Puertas era un referente para o voluntariado, e segue a selo, por iso non existiría ningún problema en que levase esa materia, pero está a levar outra serie de traballos que tamén realiza moi ben. Di que se requiriron os seus servizos no concello e non puido seguir levando o voluntariado. Manifesta que en Cambre non hai ningún problema con esta materia, polo que lle pide ao concelleiro do BNG que non o invente, porque o que está a facer é inventar e mentir.

Conclúe dicindo que as baixas que se están a producir son unhas veces por motivos de traslado, outras porque o traballo non lles permite realizar actos de voluntariado. Non ve o problema que ten o voluntariado de Cambre, están as mesmas persoas que cando estaba o BNG, facendo os seus cursos de iniciación e seguimento, están indo aos seus congresos, están facendo reunións cos Servizos Sociais, etc.

-Concedida a palabra a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo recoñece que el fixo un discurso, pero que ese é o discurso que lle transmite a xente que está sufrindo unha situación que lle parece intolerable. Do que están falando é da actual época de goberno, non da anterior, e o que está relatando é unha mostra moi pequena do que está ocorrendo. Dille a Sra. Carmen Tato que non sabe o que é o voluntariado, como non sabe o que son os servizos sociais, pero que ese é un problema fácil de solucionar, que o único que hai que ter é unha certa humildade, e gana de aprender cousas. A concelleira dispón dunha estrutura que ten técnicos perfectamente cualificados para levar as cousas. O que debe tentar é mellorar as cousas, pero como mínimo, tentar que non se estropeen.

Continúa dicindo que eles non ían ás reunións porque tiñan un funcionamento autónomo, e ás únicas reunións as que teñen ido foron ás reunións protocolarias, cando había algunha visita, o resto do tempo o traballo organizábano eles, os concelleiros o único que facían era dar o visto e prace, pero non se inmiscuían no funcionamento interno dunha agrupación que ten que ter as súas reglas de funcionamento propias, sen inmiscuirse politicamente os responsables, e iso parece ser que non é o que se está facendo agora.

Expón que se as cousas non cambian vai seguir traendo estes temas ao pleno, e cousas aínda máis concretas. É importante que hoxe estean presentes persoas do voluntariado, e que quede constancia na acta do que a Sra. concelleira di, porque van ter a oportunidade de difundir o que ambos din entre as persoas ás que está citando.

Conclúe dicindo que se está poñendo en perigo unha das mellores cousas que tiña este concello e que non a creou o BNG, que xa existía do goberno socialista anterior, pero que tiveron moito coidado de que iso non se deteriorara, de que mellorase e de que chegara a onde está agora.

-Dona Carmen Tato Lago dille ao Sr. Iglesias que non se preocupe, que así vai seguir e que non vai desaparecer o voluntariado de Cambre.

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 20-11-2008 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pedirá ao grupo de goberno que aprace o pleno de aprobación de ordenanzas municipais previsto para mañá


O Grupo Municipal do BNG pedirá ao PSOE que aprace o pleno de aprobación das ordenanzas municipais previsto para mañán, martes, ao comprobar que os informes da intervención municipal son desfavorábeis a boa parte das propostas de modificación de Ordenanzas para o 2009. O voceiro nacionalista, Xabier Iglesias, explicou que o seu grupo “consideránse defraudado por un goberno municipal incapaz de facer fronte aos seus compromisos”.

O BNG aclara que estes infomes desfavorabeis non afectan ao fondo da propostas, pero sí refírense a aspectos da tramitación como a ausencia de estudios económicos ou á deficiente xustificación dalgunhas bonificacións propostas.

Pese a defender os contidos da proposta de ordenanzas o BNG síntese defraudado coa actitude do grupo de goberno. "Por iniciativa do BNG se recollen unha serie de modificacións importantes para os veciños de Cambre, a modificación da tarificación do servizo de auga para a familias numerosas é unha das que destacamos, pero logo do acordo acadado co PSOE, eran eles, o goberno, quen tiña que completar o expediente para levalo a Pleno e, comprobamos con decepción, que ese traballo non se fixo", explica o seu portavoz.

Os nacionalistas lembraron que é o PSOE quen goberna e que “é a súa responsabilidade presentar as cousas en tempo e forma. A responsabilidade do BNG é chegar a acordos que beneficien á xente, ao interese xeral”.

O grupo nacionalista insiste, sen embargo, en que manten a súa aposta pola gobernabilidade do Concello, e que permanece á espera de que “o goberno local se poña as pilas e faga o seu traballo”. Neste sentido, indicou que de pouco vale que algúns fagan un esforzo de responsabilidade (en referencia aos acordos propiciados desde o BNG) se outros (o goberno) “están ausentes e se desentenden da marcha das cousas”.

Por todas estas razóns, pedirá que se aprace o pleno para que o goberno local complete os expedentes das ordenanzas cos informe que faltan. Nestas condicións, dixeron, “o BNG non poderá apoiar a proposta presentada”. O BNG mostrou a súa preocupación pola situación que se está a xenerar “ao ver o desinterese do goberno en sacar os asuntos adiante, estáselles escapando todo das mans e é por puro desinterese”.

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 10-11-2008 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal