|
|
|
|
|
|
| Os nacionalistas manifestan a súa satisfacción co acordo acadado sobre o Fondo Estatal de Investimento Local |
|
 O BNG logra incluir a práctica totalidade das súas demandas ao Fondo de Inversión na proposta que presentará o Concello e que irá a pleno o vindeiro luns
Cambre, 16 de xaneiro de 2009.- O BNG de Cambre manifestou hoxe a súa satisfacción polo acordo acadado no reparto dos fondos do Plan estatal para o Concello de Cambre.
O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias , confirmou que o acordo recolle a práctica totalidade das propostas formuladas pola súa formación, á que se engadiron peticións recollidas de entidades veciñais. Neste senso, expresou a súa satisfacción polo acordo e o seu desexo de que este proxecto sexa apoiado polo conxunto das forzas políticas de Cambre no pleno. Sinalou que tralo acordo é agora o goberno local quen ten a responsabilidade de non demorar as tramitacións dos proxectos e da súa execución “para que non se perda un só euro destes fondos”, insistiu, afirmando que o BNG “estará vixiante sobre a boa marcha dos investimentos”
Lembrou que as propostas do BNG foron as primeiras en estar sobre a mesa e que incluían un total de 21 intervencións, destacando a recuperación de proxectos da etapa do anterior goberno (no que o BNG estivo á fronte da Área de Cultura e Benestar) entre os que destacou a continuación coa 2ª fase da Escola de Música; a reforma do ximnasio do colexio de Cambre ou a instalación de placas solares na Galescola da Barcala.
Iglesias destacou que dentro das intervencións en seguridade viaria se vaia a acometer a beirarrúa da estrada entre o IES dos Campóns e a Escola municipal de Música no Souto, na parroquia de Sigrás.
A reparación e mellora de diversas instalacións deportivas nas parroquias ou o arranxo e modernización de parques infantís foron outras das propostas destacadas. O voceiro do BNG quixo facer un especial recoñecemento para dúas entidades veciñais, a de Brexo-Lema e a de Sigrás pola súa disposición a pasar a titularidade de cadanseu edificio ao patrimonio municipal, onde se van a facer investimentos para todos os cidadáns.
Lembrou que unha importante parte dos investimentos se ocuparán da renovación de tramos de abastecemento de auga e saneamento que redundarán na mellora do servizo en varias zonas e, na eliminación de fugas que están a provocar graves perdas económicas e deterioro medioambiental.
Gabinete de comunicación do BNG de Cambre
PLENO EXTRAORDINARIO
20:30 h
Orde do día:
Proposta de aprobación, se procede, dos investimentos a incluír no Fondo Estatal de Investimento Local creado por Real Decreto-Lei 9/2008, de 28 de novembro.
Volver |
|
|
|
|
|
|