|
|
|
|
|
|
| Os nacionalistas levarán a Pleno a creación do “Consello Municipal de Deportes” |
|
Ao BNG parécelle imprescindíbel promover a participación das persoas que practican deporte e dos clubes, no deseño e xestión das políticas deportivas municipais.
Cambre, 17 de xuño de 2008.- O BNG de Cambre anunciou hoxe que unha das iniciativas que presentarán no Pleno Ordinario da vindeira semana, é a creación do Consello Municipal de Deportes.
Os nacionalistas argumentaron a necesidade deste organismo na complexidade da actividade deportiva e no interese social que ten a súa promoción e apoio.
Tamén no importante número de asociacións e entidades deportivas, nos e nas deportistas de élite que practican e residen en Cambre, nas numerosas actividades deportivas e, no importante orzamento municipal destinado ao deporte.
Para o grupo nacionalista, este organismo deberá ter competencia en emitir o seu criterio sobre as liñas xerais do anteproxecto de orzamentos xerais do Concello aos efectos de avaliación no relativo ás materias deportivas, así como sobre os programas municipais globais ou sectoriais do ámbito deportivo; debería, así mesmo funcionar como órgano consultivo que poida emitir informes a petición dos órganos de goberno do Concello ou comisións informativas sobre asuntos da súa competencia; deberá estar facultado para emitir informes ou facer propostas por iniciativa propia sobre os aspectos xerais ou concretos da política deportiva no ámbito municipal; propor e/ou realizar actividades deportivas de ámbito municipal, entre outras.
Anunciaron, ademais, que solicitarán do Pleno que se faculte á comisión Informativa de Cultura, na que están englobadas as materias deportivas, para que elabore un texto regulamentario que se poida presentar ao pleno ordinario de setembro, a máis tardar.
Agardan, explicaron, contar co apoio unánime do resto dos grupos e coa dilixencia necesaria en cumprir o acordo por parte do Alcalde.
Volver |
|
|
|
|
|
|