lexislatura 2007/2011


O meu perfil
foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

De "decepción" cualifican a proposta de orzamentos do PSOE


O BNG considera “decepcionante” a proposta orzamentaria presentada polo Alcalde.

Insiste en ofrecer a man tendida para aprobar uns orzamentos que contemplen as prioridades da xente de Cambre

Manterán o ofrecemento de diálogo pero consideran dubidosa a disposición do goberno
socialista.


Cambre, 12 de xuño de 2008.- O BNG de Cambre informou hoxe mediante un comunicado que as propostas de orzamentos que lle presentou o goberno socialista son decepcionantes. O portavoz nacionalista comentou que os documentos entregados manteñen unha liña continuista da actuación do goberno no último ano e, introducen, ademais, cambios no persoal que hipotecan o concello para o futuro.

Para os nacionalistas esta proposta está feita máis en base a parches, promovidos desde os “reinos de taifas” nos que se ten convertido o goberno local, que dun auténtico documento político que debe reflectir unha planificación coherente e que cubra as necesidades da xente de Cambre.

As mesmas fontes do BNG manifestaron a súa intención de manter a oferta de diálogo, de ter a man tendida para chegar a acordos, apesares do escepticismo que provoca o documento que lles presentaron.

Insistiron en que non é momento para aventuras irreflexivas que condicionen de por vida a estrutura administrativa do Concello, cargando o capítulo de persoal con compromisos que serán para sempre. Tamén, que é necesario que se faga un esforzo de austeridade e contención nos gastos superfluos, que se acometan de verdade economías no gasto con especial incidencia nos aforros enerxéticos, que non paran de se incrementar.

Respecto do capítulo de investimentos, para o BNG, as prioridades están claras: adquisición de terreos para un novo centro educativo en Cambre, dotación económica suficiente para un Centro de día e a segunda Galescola, reparar todo o saneamento da zona do Temple que pode estar sendo causa dos vertidos á ría , obras en seguridade viaria nas estradas municipais, por citar os proxectos máis significativos. Sen descoidar a garantía de rematar os compromisos herdados do anterior goberno: Escola Municipal de Música, locais de ensaio para os grupos afeccionados e a Casa da Cultura.

O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias, manifestou que seguen coas portas abertas para falar sobre estas necesidades de Cambre. “Non imos actuar con ningún tipo de sectarismo nin actitude preconcibida neste proceso, apesares do pouco que o Alcalde ten demostrado no último ano”, dixo. “Interésanos o que lle interesa a xente, que as cousas marchen e funcionen, é o Alcalde quen ten que dicir se está en disposición de negociar e se está disposto a falar sobre cales son as prioridades a cubrir” . Afirmou que se hai vontade de cambio na orientación da política do goberno, nese punto estará o BNG, “sen máis condicións que os intereses da maioría”



Gabinete de comunicación do BNG de Cambre

Volver
Categoría: Comunicados - Publicado o 12-06-2008 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal