lexislatura 2007/2011


O meu perfil
foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O BNG avalará a moción para socilitar a Vivenda que non teña en conta a Os Campóns no plan sectorial
Cambre, 21 de febreiro de 2009.- O BNG de Cambre avalará a moción que se presente ao vindeiro pleno para solicitar a Vivenda que non teña en conta a alegación presentada polo Concello en relación ao plan sectorial de Os Campóns, tendo en conta que a maior parte dos propietarios rexeitan o plan. A postura do BNG é a mesma que mantivo durante estas últimas semanas e que xa explicou en varias ocasións a través do seu voceiro Xabier Iglesias. "Se non hai acordo non se fará vivenda de protección onde os propietarios do solo non queiran. Tal como consta nas actas das sesións plenarias onde se tratou o asunto. O BNG en Cambre e na Xunta está comprometido a facer vivenda de protección e vaina facer, tamén en Cambre. Pero de acordo co Concello e cos propietarios”, indicou.

Xabier Iglesias explicou tamén que nestes momentos hai solo en Cambre onde os propietarios si están dispostos a unha negociación e teñen amosado interese. Sempre e cando os solos estean acordes co ordenamento urbanístico vixente e reúnen ás condicións necesarias, alí se farán. “Ese foi ou meu compromiso dende ou principio e non o penso cambiar. Outra cousa son ás mentiras que propagaron algúns", indicou Xabier Iglesias.

Por esa razón, despois de que os propietarios de Os Campóns rexeitasen de forma maioritaria o plan, o BNG está de acordo en solicitar á Xunta que non teña en conta a alegación presentada no seu momento pola Corporación Local propoñendo a zona dos Campóns como alternativa a Lendoiro para desenvolver o plan sectorial. Recordou, ao mesmo tempo, que isto significaba que serán os propietarios os que terán que desenvolver ese ámbito, e que o BNG os apoiará. Lembrou, ademais, que a lei xa lles obriga a dedicar un mínimo do 40%, como mínimo, das vivendas que constrúan a vivenda protexida e, asumir as custos de todo o proceso urbanizador.

O voceiro nacionalista explicou que este debeu de ser o camiño dende un principio para chegar a entendemento cos veciños ,lonxe do enfrontamento e a crispación que buscou lamentablemente o Partido Popular de Cambre. Neste senso, insistiu que a postura do BNG non cambiou, en contra do que intenta vender agora ou PP, xa que en varias ocasións dende ou BNG dixemos que "se a maior parte dos propietarios non querían o plan, o BNG estaba de acordo en non desenvolver vivenda protexida onde os propietarios de terreo non o quixeran".

Volver
Categoría: Urbanismo - Publicado o 21-02-2009 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
Declaracións de Xabier Iglesias sobre o plan de Vivenda


O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias destacou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que aportará a Cambre novos equipamentos e zonas verdes, "creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello", explicou, "ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Cambre".

O portavoz nacionalista tamén valorou as bolsas de solo seleccionadas, por canto apostan pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. "Pensamos que as bolsas elixidas acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como as necesitadas", explicou. Iglesias salientou ademais que "a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 120.000m2 de zonas verdes e 33.500m2 para equipamentos comunitarios nos que se poderán situar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais que tanto precisa o noso concello".

O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera ademais esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar aos concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise.

Volver
Categoría: Urbanismo - Publicado o 24-11-2008 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG esixe o debate urxente sobre a planificación urbanística.


Os terreos que pretenden agora urbanizar serían de protección no novo planeamento

Estase a retrasar a tramitación do PXOUM co único fin de seguir aproveitando unhas normas obsoletas e de dubidosa legalidade



Cambre, 2 de xullo de 2008.- O BNG de Cambre saíu hoxe ao paso, mediante un comunicado, das declaracións efectuadas polo Alcalde, o socialista Varela, sobre a situación do urbanismo en Cambre. Manifestaron que o Alcalde, en vez de responder explicando o que fai e, convocando ás reunións ás que se compromete, utiliza, unha vez máis, a táctica de pretender corresponsabilizar aos demais do que é única e exclusiva responsabilidade del. “Parece que está na oposición en vez de gobernando”, dixo o concelleiro nacionalista Antón Otero. Desde o BNG, insistiu Otero, se preguntan por qué o Alcalde, se di estar tan seguro de que as operacións urbanísticas en marcha son correctas e recibirían o apoio maioritario, non as presenta para o seu debate e as explica na Comisión Informativa correspondente.

Manifestou, así mesmo, ter moitas dúbidas de que o futuro planeamento de Cambre siga a manter as zonas onde se pretende agora construír como urbanizábeis. Cren que serán zonas cualificadas como de protección forestal e paisaxística, por iso as presas en tramitar urbanizacións polas normas do 94, obsoletas e amplamente superadas pola legalidade vixente, dixo.

Desde as filas nacionalistas retaron ao Alcalde a que debata cos grupos, con toda urxencia, segundo se comprometeu no Pleno, estes proxectos. “Si é certo que os traballos do Plan están case nun 90%, por que non os presenta dunha vez”, insistiron desde o BNG e, aclaraou que o que esixen é transparencia e participación.

O mesmo portavoz asegurou que desde o BNG apoiarán os proxectos que sexan bos para o Concello e a súa xente e que, neste momento, a prioridade é obter solo para equipamentos públicos como o novo colexio, cousa que non se conseguirá coas operacións en marcha.

[volver]
Categoría: Urbanismo - Publicado o 02-07-2008 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
O Alcalde comprométese a reunir á Comisión do Plan Xeral


O Alcalde convocará a Comisión informativa do Plan Xeral

Debaterá sobre as novas urbanizacións en tramitación.

Cambre, 30 de xuño de 2008.- O Alcalde de Cambre, o socialista Varela, convocará a comisión informativa especial do Plan xeral de ordenación urbana.

Así o afirmou no transcurso do Pleno da pasada semana.

Esta convocatoria ten a súa orixe na iniciativa nacionalista presentada no Pleno Ordinario, o xoves día 26, na que o BNG amosaba a súa preocupación pola tramitación que se está a facer de proxectos de urbanización baseados nos criterios de planeamento das Normas Subsidiarias de 1994. Normas, segundo comentaron, obsoletas e que non conteñen os criterios de sustentabilidade urbanística necesarios a día de hoxe.

Os nacionalistas amosaron a súa satisfacción porque esta iniciativa fora admitida e, comentaron, que debe ser o ditame desta comisión, onde están representados todos os grupos municipais, o que marque o criterio do planeamento. Xabier Iglesias, portavoz do BNG en Cambre, manifestou que o planeamento urbanístico en Cambre debe, dunha vez, comezar a suscitar consensos e acordos, e que se deben apoiar proxectos cando cumpran non só “cunha legalidade obsoleta e dubidosa” senón tamén adaptada aos criterios de defensa do territorio e do interese xeral.

As mesmas fontes do BNG insistiron en que do planeamento urbanístico é de onde hai que obter o patrimonio do solo que Cambre precisa con urxencia, por exemplo para un novo colexio público, e que con estas operacións en marcha só se obteñen pequenas parcelas inservíbeis e, pola contra, agudizarán o déficit de servizos a cambio dunha ocupación e degradación territorial importante.

Agardan, dixeron, da sensatez de todas as forzas políticas e, sobre todo do goberno socialista, para obter solucións e, para non seguir agravando os problemas que xa ten o Concello.

[ler máis]

Categoría: Urbanismo - Publicado o 02-07-2008 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Demandarán neste Pleno que se convoque a Comisión especial do plan xeral

id









Esixirán o estudo e ditame sobre operacións
urbanísticas en trámite que non pasaron
pola comisión


Cambre, 23 de xuño de 2008.- O vindeiro Pleno Ordinario de Cambre, o xoves 26,
debaterá a iniciativa nacionalista para que se convoque con urxencia a Comisión de estudo do Plan Xeral. Argumentan esta solicitude porque constatan que se están tramitando varias operacións urbanísticas á marxe dos criterios de
planificación falados na Comisión que, din, condicionarán o proxecto de Plan Xeral de maneira negativa.

Desde o BNG pretenden que esta comisión, onde están representados todos os grupos políticos, reciba explicacións detalladas de todas as operacións urbanísticas en marcha e, poda ditaminar sobre elas.

O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias, manifestou a súa preocupación polo que
entende como unha falta de interese do Alcalde en dotar a Cambre dun bo instrumento de planeamento como é o Plan Xeral. Afirmou non entender como se lle poden estar dando para adiante a proxectos de urbanización cun grande
impacto no territorio, sen garantías de conexión aos servizo xerais e, cunha reversión de beneficios para a comunidade practicamente nula. “Estase a programar urbanismo de costas ao necesario diálogo e consenso, baseándose nas obsoletas Normas Subsidiarias de Planeamento do ano 94, e primando o interese particular por riba do xeral”, comentou. Para Iglesias neste caso é onde se ten que notar o carácter conciliador dun alcalde, que ten paralizados na
practica, os traballos de elaboración do PXOUM, mentres impulsa urbanizacións de chaléts fóra dos núcleos urbanos.

Os nacionalistas expoñerán que a prioridade ten que pasar pola obtención de solo para equipamentos públicos, como un novo colexio en Cambre, e non por seguir aumentando o parque de vivendas sen racionalidade, ocupando ademais, zonas rústicas con valores paisaxísticos e medioambientais que se deben preservar.

Gabinete de comunicación do BNG de Cambre

Volver
Iniciativa no pleno
Trampas co
Categoría: Urbanismo - Publicado o 23-06-2008 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal