lexislatura 2007/2011


O meu perfil
foronacionalistadecambre@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Rogos e preguntas para o Pleno Ordinario 26 de marzo de 2009
Rogos


PRIMEIRO, Prazas escolares e de comedor no colexio de Cambre

A punto de se abrir o prazo de solicitude de prazas nos colexios públicos é previsíbel que un ano máis no CEIP de Cambre se volvan rexeitar admisións de alumnos por ser superior a demanda que a oferta de prazas. Tamén, no caso de non se tomar medidas, por segundo ano consecutivo as prazas de comedor para os alumnos admitidos non serán suficientes, Lembramos que o presente curso, a pesares dos compromisos adquiridos, un importante número de nenos quedaron sen praza de comedor.

* Instamos ao goberno local a que se tomen as medidas negociadoras coa administrador educativa en funcións e coa nova que tomará posesión para solucionar con tempo suficiente este problema.
* Instamos, así mesmo a que se acometan as reformas necesarias para aumentar a capacidade do comedor escolar e que ningunha familia que o solicite quede sen praza.

Preguntas

PRIMEIRA. Seguridade vial en Pravio e Cela

- Ten previsto o goberno local a instalación de medidadas de reducción de velocidade no contorno do paso de peóns da Ponte de Cela, así como a instalación de pasos de peóns protexidos nas proximidades do cruceiro de Pravio, tal como ven sendo reclamado insistentemente, tanto por veciños e usuarios da senda fluvial como por representantes cidadáns?

SEGUNDA. Reposición do arborado na Pz. Europa

Nos últimos anos diferentes temporais ou enfermidades teñen acabado con algúns exemplares arbóreos senlleiros no parque da Pz. Europa de Cambre. Ten o goberno municipal a previsión de repoboar con exemplares nobres estas perdas?

TERCEIRA, Espazo de traballo nos Servizos sociais de Cambre

Cal é exactamente o problema de espazo do que ten falado a concelleira de Servizos Sociais nos medios de comunicación e cal é a falta de previsión do BNG á que se refire?

CUARTA, Nova perda de subvención en Cambre, a reforma da casa consistorial.

O non cumprimento das tramitacións referidas á subvención da Consellaría de Presidencia para a reforma da casa consistorial deu lugar a perda de máis de 500.000€. Poden explicar as causas desta perda e se hai iniciado algún procedemento para a recuperar?


Cambre, 23 de marzo de 2009

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 22-03-2009 20:18
# Ligazón permanente a este artigo
Rogos e preguntas para o Pleno de 26 de febreiro de 2009
Rogos para o Pleno Ordinario de 26 de febreiro de 2009

PRIMEIRO, Situación do goberno municipal após a dimisión dun concelleiro delegado

Instamos ao Sr. Alcalde a que explique ao Pleno as repercusións para o funcionamento do Goberno Local da dimisión dun dos seus concelleiros do grupo de goberno e a que diga como garantirá o funcionamento municipal.

SEGUNDO, Deficiencias na Avd. Do Temple, fronte ao colexio Portofaro

No pasado pleno de xaneiro, denunciamos os problemas de alumeado público fronte ao colexio Portofaro. A pesar do compromiso do goberno, un mes despois sigue sen se solucionar o problema. Agora debemos engadirlle que augas negras están a aparecer na beirarrúa do edificio en obras, cos conseguintes malos olores e insalubridade. Instamos ao goberno municipal a que se corrixan estes problemas coa maior urxencia.

TERCEIRO, Auga na estrada Cambre-Sigrás

Rematadas as beirarrúas está a sair auga permanentemente na ponte do ferrocarril, na casilla de Carro. A estrada está permanente mollada co conseguinte perigo. Instamos ao goberno municipal a que se corrixa esta situación

Preguntas para o Pleno Ordinario de 26 de febreiro de 2009

PRIMEIRA. Adquisición de terreos para o novo colexio

En que punto se encontra o procedemento de adquisición dos terreos para o novo colexio público fronte á Barcala?

SEGUNDA. Ampliación do colexio do Graxal

Pasa o tempo e se comproba que as obras de ampliación non dan comezado. Que coñecemento ten o goberno municipal sobre o estado desta obra?

TERCEIRA, -Tramitación das obras do fondo especial estatal de inversións e do Plan Arume

Os prazos corren e é moito o que nos xogamos. Solicitamos que se informe como están as tramitacións dos proxectos e as contratacións das obras neles incluídas.

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 23-02-2009 20:34
# Ligazón permanente a este artigo
Rogos e preguntas pleno ordinario 29 de xaneiro de 2009
Rogos

PRIMEIRO, Consecuencias do temporal e colaboración cos afectados

Despois do forte temporal do fin de semana chega o momento das avaliacións e as reclamacións de danos. As peores consecuencias para familias e negocios foron a interrupción do subministro eléctrico que pode ter provocado importantes prexuízos económicos. Interrupcións que nalgunhas parroquias do concello se mantiveron até o domingo de maneira inexplicábel.

Solicitamos do goberno municipal que se habilite un sistema de información e axuda para canalizar as reclamacións de danos diante da administración e da compañía de subministro de enerxía eléctrica.

SEGUNDO, sobre o apagón analóxico e a cobertura de TDT

O día 3 de abril de 2010 –queda un ano-, producirase o “apagón analóxico” e a recepción de televisión será exclusivamente por sistemas dixitais. Somos coñecedores de que seguen a existir zonas de sombra e mala calidade de recepción no territorio municipal, asunto que temos tratado en diferentes ocasións diante do Pleno. A posibilidade de recepción do sinal televisivo vai máis aló do ocio e o entretemento, está directamente vinculado ao dereito a información da cidadanía.

Instamos ao goberno municipal a que presente diante do Pleno un informe sobre o mapa actual de cobertura e sobre as accións que se tomarán para garantir, na data mencionada, o dereito ao acceso á información dentro do prazo establecido.

TERCEIRO, Alumeado público fonte ao CEIP Portofaro

O cruce da Estrada do Temple coa Travesa da Coutelana, fronte ao colexio Portofaro, é un dos puntos máis conflitivos de tránsito no concello. A construtora do edificio que se está levantando nese lugar retirou un farol de alumado público que daba servizo ao cruce, e que lle coincidía xusto polo acceso á obra, aumentando así o perigo para peóns e vehículos.

Instamos ao goberno municipal a que ordene a súa reposición inmediata


Preguntas



PRIMEIRA. sobre a perda de subvencións

Solicitamos explicacións ao Pleno pola perda de subvencións ao concello, no no 2008, da Deputación Provincial, 800.000€, e da Consellaría de Cultura, 7.500€.

SEGUNDA. Mala execución de obras municipais

Aos retrasos nas obras ocorridos durante todo pasado ano no Temple, hai que lle engadir agora a mala execución e remate dos mesmos no caso da Pz. Manuel Murguía. Sen pretender obviar que é a empresa construtora a responsábel de executar ben os traballos solicitamos que se explique:

-cal é o control de calidade que se seguíu dos mesmos por parte municipal?

- que medidas se van a tomar, ou tomaron, para correxer os defectos na obra?

TERCEIRA, auditoría de consumos enerxéticos municipais

No pleno ordinario de xullo do pasado ano a Corporación acordou por unanimidade: "O Pleno do Concello de Cambre cos obxectivos de redución da factura enerxética municipal e de contribuír aos usos racionais da enerxía toma a decisión de contratar unha asistencia técnica externa para a realización dunha auditoría enerxética de todos os consumos municipais, que contemple un plano de redución e racionalización dos consumos"

- En que estado está a tramitación desta contratación decidida polo pleno da corporación?

CUARTA, Posta en funcionamento da Escola Municipal de Música

Segundo se nos informou no mes de novembro pola concelleira de Cultura a obra da Escola Municipal de Música está rematada.

- Cando se vai proceder á adquisición do equipamento e mobiliario necesario?

- Cando se fará o traslado para as novas instalacións?

-É satisfactorio o acabado externo e interior da obra contratada?



Cambre, 26 de xaneiro de 2009

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 26-01-2009 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Os nacionalistas manifestan a súa satisfacción co acordo acadado sobre o Fondo Estatal de Investimento Local

O BNG logra incluir a práctica totalidade das súas demandas ao Fondo de Inversión na proposta que presentará o Concello e que irá a pleno o vindeiro luns

Cambre, 16 de xaneiro de 2009.- O BNG de Cambre manifestou hoxe a súa satisfacción polo acordo acadado no reparto dos fondos do Plan estatal para o Concello de Cambre.

O portavoz nacionalista, Xabier Iglesias , confirmou que o acordo recolle a práctica totalidade das propostas formuladas pola súa formación, á que se engadiron peticións recollidas de entidades veciñais. Neste senso, expresou a súa satisfacción polo acordo e o seu desexo de que este proxecto sexa apoiado polo conxunto das forzas políticas de Cambre no pleno. Sinalou que tralo acordo é agora o goberno local quen ten a responsabilidade de non demorar as tramitacións dos proxectos e da súa execución “para que non se perda un só euro destes fondos”, insistiu, afirmando que o BNG “estará vixiante sobre a boa marcha dos investimentos”

Lembrou que as propostas do BNG foron as primeiras en estar sobre a mesa e que incluían un total de 21 intervencións, destacando a recuperación de proxectos da etapa do anterior goberno (no que o BNG estivo á fronte da Área de Cultura e Benestar) entre os que destacou a continuación coa 2ª fase da Escola de Música; a reforma do ximnasio do colexio de Cambre ou a instalación de placas solares na Galescola da Barcala.

Iglesias destacou que dentro das intervencións en seguridade viaria se vaia a acometer a beirarrúa da estrada entre o IES dos Campóns e a Escola municipal de Música no Souto, na parroquia de Sigrás.

A reparación e mellora de diversas instalacións deportivas nas parroquias ou o arranxo e modernización de parques infantís foron outras das propostas destacadas. O voceiro do BNG quixo facer un especial recoñecemento para dúas entidades veciñais, a de Brexo-Lema e a de Sigrás pola súa disposición a pasar a titularidade de cadanseu edificio ao patrimonio municipal, onde se van a facer investimentos para todos os cidadáns.

Lembrou que unha importante parte dos investimentos se ocuparán da renovación de tramos de abastecemento de auga e saneamento que redundarán na mellora do servizo en varias zonas e, na eliminación de fugas que están a provocar graves perdas económicas e deterioro medioambiental.

Gabinete de comunicación do BNG de Cambre

PLENO EXTRAORDINARIO
20:30 h
Orde do día:

Proposta de aprobación, se procede, dos investimentos a incluír no Fondo Estatal de Investimento Local creado por Real Decreto-Lei 9/2008, de 28 de novembro.

Volver
DOCUMENTO APROBADO NO PLENO
O QUE PROPUXO O BNG
Categoría: Plenos - Publicado o 16-01-2009 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Rogos e preguntas para o Pleno Ordinario de 27 de novembro de 2008
Rogos:

PRIMEIRO, Sobre o Plan de vivenda protexida en exposición pública

Solicitamos que se poñan en marcha os mecanismos políticos e técnicos necesarios que permitan unha posición consensuada municipal co obxectivo de mellorar os deseños dos proxectos presentados e, que reforcen a posición do concello no diálogo coa Consellaría de Vivenda. Así mesmo que se facilite desde a administración municipal información e asesoramento aos propietarios afectados que lles permita mellor defender os seus intereses. Dada a urxencia, o período de exposición pública remata o 27 de decembro, instamos a que se axilice este proceso.

SEGUNDO, Sobre o transporte de proximidade

Ao longo da lexislatura temos falado en varias ocasións da situación do transporte de viaxeiros de proximidade, tanto por estrada como por ferrocarril. Este Pleno ten acadado acordos e, o goberno, tense comprometido a diferentes cuestións, entre outras a realiza unha campaña de difusión e promoción do transporte ferroviario sen que até o momento teñamos coñecemento da súa posta en marcha.

Tamén, respecto aos autobuses, temos falado en máis dunha ocasión da saturación dos que fan a liña da Coruña das primeiras horas da mañá, con unidades saturadas e con retrasos nos horarios de servizo.

Instamos ao goberno municipal a que:

* se poña en marcha a campaña de promoción e difusión do transporte ferroviario
* se negocie coa compañía concesionaria o reforzamento dos servizos de buses das primeiras horas que eviten os atrasos e a saturación dos buses.

Suxerimos, ademais, que dentro desa negociación entre a posibilidade de que en determinadas horas poida haber buses que se acheguen á Coruña atraves da autoestrada AP-9.


Preguntas:

PRIMEIRA. sobre a xestión do subministro de auga

O estudio económico sobre o funcionamento do servizo de subministro de auga non deixa lugar a dúbidas, prodúcese unha perda de 400.000m3 que non son facturados. Que medidas van adoptar para evitar este despilfarro ?

SEGUNDA. Obras de ampliación do colexio do Graxal

Cal é o informe que fai o concello sobre o proxecto de ampliación do CEIP do Graxal e, como está a situación respecto ao comezo das obras?

TERCEIRA, Sobre distintos acordos adoptados polo Pleno da Corporación

Nos últimos meses foron varios os acordos plenarios adoptados por unanimidade sobre cuestións do máximo interese para o benestar da cidadanía e para o funcionamento eficiente da administración municipal. Queremos lembrar, entre outros, a contratación do estudio de viabilidade para a construción dun aparcadoiro no Graxal e, o estudio de consumos enerxéticos municipal. Aprobados os orzamentos, en que situación se encontran ditas contratacións?


Cambre, 24 de novembro de 2008

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 23-11-2008 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Situación do Voluntariado de Cambre
O voluntariado de Cambre chegou a ser exemplar entre o voluntariado municipal en Galicia. Cal é a situación actual do voluntariado de Cambre?


-Dona Carmen Tato Lago, concelleira do PSdeG-PSOE, contesta que o voluntariado de Cambre segue asistindo a congresos, participando en distintas tarefas segundo as necesidades, realizando o último trimestre do ano os correspondentes cursos de formación e seguimento, e continúa habendo altas.

-Don Henrique Xabier Iglesias Oviedo, voceiro do BNG, di que non lle gusta meterse moito en cuestións sobres as que tivo responsabilidade, xa que hai que darlle confianza á xente para que o faga a súa maneira, pero di que hai momentos en que se vén en perigo cuestións verdadeiramente importantes, institucións ou patrimonio que xa estaban antes de que eles tiveran responsabilidades de goberno. Trátase dun voluntariado que foi exemplar e que aínda hoxe é modélico dentro do que son as asociacións de voluntarios municipais de Galicia, por dúas razóns fundamentais, unha polas persoas que o integran, que levan demostrando moitísimos anos os seus valores de altruismo, entrega e solidariedade. E, en segundo lugar, pola presenza dun técnico que era responsable do voluntariado, e que entrou no concello moitos anos antes de que o BNG gobernara. Dende o ano 2000 este técnico está sendo reclamado dende outras institucións, nomeadamente dende a Xunta de Galicia, para que achegue os seus coñecementos sobre o voluntariado. Participou no ano 2000 na primeira Lei do voluntariado, que está en vigor, participou en todos os congresos de voluntariado, chamado polos representantes políticos da administración autonómica, están chamándoo constantemente doutros concellos e institucións para que dea charlas e colabora na formación de persoas voluntarias. Di que tamén tivo unha participación importantísima no Plan galego de voluntariado que está en vigor, e que ten o respecto de todas as persoas que con el traballaron nese plan de voluntariado. Esa persoa, de maneira incomprensible, foi apartada da responsabilidade dese servizo dende o inicio desta lexislatura.

Segue dicindo que é unha decisión política, pero que o problema aparece cando se chega a unhas consecuencias que non son as que expón a Sra. concelleira. O que está ocorrendo co voluntariado é que non hai reunións, non hai seguimento, non hai coordinación, non se fai a avaliación dos programas e dos traballos que os voluntarios están facendo. Di que o outro día unha persoa lles comentou que tiña un traballo de acompañamento a unha persoa dependente, e que estivo indo durante tres meses a chamar á porta sen que a persoa aparecese por ningún sitio. Foron tres meses sen que dende o departamento responsable se lle comunicase se pasou algo con esa persoa.

Tamén pensa que se están facendo listas negras, porque estase chamando por teléfono a persoas que están no voluntariado para dicirlles que lles van dar de baixa por falta de participación, cando o que ocorre é que non se fan os programas para os que esa persoa se comprometeu. Así se deron de baixa a algunhas persoas, incluso de oficio.

Sinala que a orixe da pregunta foi ler nas resolucións do mes de xuño unha resolución da concelleira de Asuntos Sociais, do día 2, na que se dan de baixa a unha serie de voluntarios, e todos, menos un, por baixa de oficio. A única persoa que solicitou a baixa voluntaria foi Rafael Sánchez, unha persoa moi coñecida en Cambre, que acabou pedindo a baixa pola situación insoportable e pola presión a que estaba sendo sometido dentro do grupo de voluntariado. Unha persoa que é un exemplo de solidariedade, de altruismo, de apoio ás causas perdidas, unha persoa fundamental, e que moitas familias de Cambre saben do traballo que ten feito con nenos con problemas, que foron saíndo adiante grazas ao seu traballo, e ao desenvolvemento dunha serie de programas. Di que ante este feito lle xurden dúas preguntas, unha é cales foron as razóns que esa persoa aduciu para solicitar a baixa, e outra, se dende o departamento se fixo algo por evitar que esa persoa levara ao extremo a súa petición de baixa.

Di que a conclusión á que chega é que non se entende o que é o voluntariado. É normal que non se entenda algo cando se inicia unha responsabilidade sobre a que non se tivo experiencia, pero agora xa pasou un ano. O voluntariado non son camareiros para as festas. O voluntariado está rexido por unha lei, ninguén ten obriga de facer nada máis que aquelas cousas para as que se comprometeu, e polo tempo que se comprometeu. Estar inscrito como voluntario non lles pode supoñer ningún tipo de remuneración, pero tampouco custos.

Explica que segundo as súas noticias, a última reunión foi en maio. Di que cando estivo de responsable desa área nunca se meteu no que facían, porque eles eran autónomos no seu funcionamento, e había técnicos competentes, responsables, que levaban o tema adiante. O que está ocorrendo agora co voluntariado, que era unha das cousas máis bonitas e interesantes do concello, é que se está destruindo. Hai meses que dende o seu grupo lles están pedindo ás persoas coas que tiñan unha relación persoal estupenda, que non se marchen, que non o deixen, porque o voluntariado é máis importante que as circunstancias políticas ou que as persoas que están levando agora esa materia.

Conclúe que o voluntariado se está desmembrando, que non funciona, e que non se sinte respecto pola xente. Dille a Sra. Tato que, como responsable da área, pode facer o que queira, pero que vai ter sobre as súas costas destruír unha das institucións e un dos grupos humanos máis importantes que tiña este concello.

-Dona Carmen Tato Lago responde que como o Sr. Iglesias acaba de recoñecer no seu discurso, o voluntariado de Cambre, aínda hoxe, segue sendo exemplar, e que respecto do Sr. Rafael Sánchez, deuse de baixa porque a ONG “Campos” que está a dirixir, estalle levando moito tempo e que agora lle sería imposible participar nos programas de voluntariado, e que, efectivamente, é unha persoa recoñecida no Concello de Cambre polo su labor social.

Respecto do tema das reunións, que segundo o voceiro do BNG non se fan dende maio, quérelle lembrar que a última reunión que se fixo foi coa educadora social que estaba encargada de levar o tema. Esa persoa cesou e, provisionalmente, está a levar o programa de voluntariado a coordinadora de Servizos Sociais.

Os voluntarios que se están chamando, están a acudir a calquera tipo de actividade ou programa que se lles demanda, e non están a ter ningún problema con eles. No tema das reunións, en Servizos Sociais constan as actas de todas as reunións que se fixeron, a diferenza do BNG que non teñen ningunha, porque non as facían. Parece ser que a anterior concelleira non se reunía con eles.

Continúa dicindo que o Sr. Ricardo Puertas era un referente para o voluntariado, e segue a selo, por iso non existiría ningún problema en que levase esa materia, pero está a levar outra serie de traballos que tamén realiza moi ben. Di que se requiriron os seus servizos no concello e non puido seguir levando o voluntariado. Manifesta que en Cambre non hai ningún problema con esta materia, polo que lle pide ao concelleiro do BNG que non o invente, porque o que está a facer é inventar e mentir.

Conclúe dicindo que as baixas que se están a producir son unhas veces por motivos de traslado, outras porque o traballo non lles permite realizar actos de voluntariado. Non ve o problema que ten o voluntariado de Cambre, están as mesmas persoas que cando estaba o BNG, facendo os seus cursos de iniciación e seguimento, están indo aos seus congresos, están facendo reunións cos Servizos Sociais, etc.

-Concedida a palabra a don Henrique Xabier Iglesias Oviedo recoñece que el fixo un discurso, pero que ese é o discurso que lle transmite a xente que está sufrindo unha situación que lle parece intolerable. Do que están falando é da actual época de goberno, non da anterior, e o que está relatando é unha mostra moi pequena do que está ocorrendo. Dille a Sra. Carmen Tato que non sabe o que é o voluntariado, como non sabe o que son os servizos sociais, pero que ese é un problema fácil de solucionar, que o único que hai que ter é unha certa humildade, e gana de aprender cousas. A concelleira dispón dunha estrutura que ten técnicos perfectamente cualificados para levar as cousas. O que debe tentar é mellorar as cousas, pero como mínimo, tentar que non se estropeen.

Continúa dicindo que eles non ían ás reunións porque tiñan un funcionamento autónomo, e ás únicas reunións as que teñen ido foron ás reunións protocolarias, cando había algunha visita, o resto do tempo o traballo organizábano eles, os concelleiros o único que facían era dar o visto e prace, pero non se inmiscuían no funcionamento interno dunha agrupación que ten que ter as súas reglas de funcionamento propias, sen inmiscuirse politicamente os responsables, e iso parece ser que non é o que se está facendo agora.

Expón que se as cousas non cambian vai seguir traendo estes temas ao pleno, e cousas aínda máis concretas. É importante que hoxe estean presentes persoas do voluntariado, e que quede constancia na acta do que a Sra. concelleira di, porque van ter a oportunidade de difundir o que ambos din entre as persoas ás que está citando.

Conclúe dicindo que se está poñendo en perigo unha das mellores cousas que tiña este concello e que non a creou o BNG, que xa existía do goberno socialista anterior, pero que tiveron moito coidado de que iso non se deteriorara, de que mellorase e de que chegara a onde está agora.

-Dona Carmen Tato Lago dille ao Sr. Iglesias que non se preocupe, que así vai seguir e que non vai desaparecer o voluntariado de Cambre.

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 20-11-2008 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG pedirá ao grupo de goberno que aprace o pleno de aprobación de ordenanzas municipais previsto para mañá


O Grupo Municipal do BNG pedirá ao PSOE que aprace o pleno de aprobación das ordenanzas municipais previsto para mañán, martes, ao comprobar que os informes da intervención municipal son desfavorábeis a boa parte das propostas de modificación de Ordenanzas para o 2009. O voceiro nacionalista, Xabier Iglesias, explicou que o seu grupo “consideránse defraudado por un goberno municipal incapaz de facer fronte aos seus compromisos”.

O BNG aclara que estes infomes desfavorabeis non afectan ao fondo da propostas, pero sí refírense a aspectos da tramitación como a ausencia de estudios económicos ou á deficiente xustificación dalgunhas bonificacións propostas.

Pese a defender os contidos da proposta de ordenanzas o BNG síntese defraudado coa actitude do grupo de goberno. "Por iniciativa do BNG se recollen unha serie de modificacións importantes para os veciños de Cambre, a modificación da tarificación do servizo de auga para a familias numerosas é unha das que destacamos, pero logo do acordo acadado co PSOE, eran eles, o goberno, quen tiña que completar o expediente para levalo a Pleno e, comprobamos con decepción, que ese traballo non se fixo", explica o seu portavoz.

Os nacionalistas lembraron que é o PSOE quen goberna e que “é a súa responsabilidade presentar as cousas en tempo e forma. A responsabilidade do BNG é chegar a acordos que beneficien á xente, ao interese xeral”.

O grupo nacionalista insiste, sen embargo, en que manten a súa aposta pola gobernabilidade do Concello, e que permanece á espera de que “o goberno local se poña as pilas e faga o seu traballo”. Neste sentido, indicou que de pouco vale que algúns fagan un esforzo de responsabilidade (en referencia aos acordos propiciados desde o BNG) se outros (o goberno) “están ausentes e se desentenden da marcha das cousas”.

Por todas estas razóns, pedirá que se aprace o pleno para que o goberno local complete os expedentes das ordenanzas cos informe que faltan. Nestas condicións, dixeron, “o BNG non poderá apoiar a proposta presentada”. O BNG mostrou a súa preocupación pola situación que se está a xenerar “ao ver o desinterese do goberno en sacar os asuntos adiante, estáselles escapando todo das mans e é por puro desinterese”.

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 10-11-2008 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
O remate das obras públicas no Temple e o aumento de prazas de comedor no Colexio de Cambre, centrarán as iniciativas do BNG no Pleno de outubro
O remate das obras públicas no Temple e o aumento de prazas de comedor no Colexio de Cambre, centrarán as iniciativas do BNG no Pleno de outubro.

O Pleno tamén tratará a cesión ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dunha parcela no Temple para a construción da segunda Galescola de Cambre e un Centro de Día.

Cambre, 26 de outubro de 2008.- O GM do BNG de Cambre presentou diversas iniciativas para o Pleno ordinario da corporación do vindeiro xoves, 20 de outubro.

Entre elas, segundo informaron fontes do grupo, están dous asuntos que teñen xerado preocupación xeral nos últimos tempos. Referíanse os nacionalistas á falla de solución por parte das autoridades educativas diante do déficit de prazas de comedor no CEIP W.F. Flórez de Cambre, onde máis de 50 rapaces quedaron fora. Os nacionalistas preguntarán ao goberno local polas xestións realizadas e pola previsión de solución deste problema. Advertiron, ademais, do agravio con respecto a outros colexios, onde despois da presión das familias e das denuncias políticas, a Consellería aumentou a oferta de prazas. Resaltan que apesares das promesas da delegación de educación, a situación sigue igual.

En segundo lugar, desde o BNG destacaron que se interesarán pola marcha das obras públicas no Temple, que teñen sumido ao barrio nun auténtico caos desde hai un ano. Farán especial énfase no control municipal das obras e no cumprimento dos prazos para o remate, Referíronse especialmente aos trastornos pola interrupción do tránsito na Costa da Tapia, que agrava a, xa de por si, saturada circulación desta vía.

Por outra banda, os nacionalistas manifestaron a súa satisfacción pola prevista ratificación plenaria da cesión dunha parcela no Temple para a construción, pola Vicepresidencia da Xunta, a través do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, da que será a segunda Galescola de Cambre e o primeiro Centro de Día. O portavoz nacionalista na corporación, Xabier iglesias, salientou que esta cesión deriva dos acordos orzamentarios asinados polo BNG e PSOE. “Este acordo comeza a dar os primeiros resultados e, agardamos, que sexan os primeiros dunha serie de boas novas para os nosos veciños”, comentou. O portavoz nacionalista informou que, tanto a Galescola como o Centro de Día serán dos de maior capacidade entre os que se están a construír polo Consorcio, máis de 80 prazas de educación infantil e, 60 prazas para persoas maiores.


Gabinete de comunicación do BNG de Cambre

Volver
Categoría: Plenos - Publicado o 29-10-2008 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal