blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

INFORMACIÓN DE CARA A SETEMBRO
A información de cara a proba de setembro inclúe varias probas modelo de exame das xa realizadas no curso, orientacións e propostas de traballo para preparar ditas probas. Tamén incluíremos unhas recomendacións de lecturas para o verán.

PROBA MODELO 1ª AVALIACIóN: tema 1,2,3,4
1-LITERATURA:Procura na seguinte narración indicar os elementos e a súa estrutura:
OS RUÍNS
O ruín non vos é outra cousa que a ánima dun morto condenado ao Inferno e que ao estar amortallado cun hábito bendito, debe desprenderse del para poder deixar este mundo.
Un home que ía regar o seu prado todas as noites sentía un estraño runxir. Aconsellouse co crego da parroquia e esa mesma noite encarándose co lugar de onde viñan os ruídos dixo:
- De parte de Deus, dime o que queres!
Entón apareceu o defunto vestido cun hábito e pediulle que llo rachase. Citáronse para a noite seguinte. O home confesou co cura, comungou e cargouse de “ cousas boas” e levou unha fouce canda el. No lugar da cita fixo un círculo e púxose nel. Cando apareceu o ruín, rachoulle o hábito coa fouce con axilidade. Entón o ruín desapareceu por un burato que se abriu aos seus pés do que saían laparadas. Antes de marchar tivo tempo de dicir:
- Inda rabie quen tanto che aprendeu, que se non, habías vir comigo!
Aos poucos días o pobre home morreu co susto.

2- Como se chaman os tres xéneros literarios. Defíneos tanto na forma como no contido que os caracteriza.

3-GRAMÁTICA: VERBOS: Conxuga o presente e pto perfecto de Indicativo do verbo ANDAR e BATER. Pon o futuro e as formas nominais do verbo PARTIR.

4- Enumera os distintos tipos de palabras pon dous exemplos de cada.

5-Divide estas palabras en constituíntes: avelaiona, falaches, chovería. Escribe dúas palabras con prefixo e dúas con sufixos.

6-Distingue suxeito e predicado (indica se é nominal ou verbal) e logo analiza só as oracións con predicado verbal:
O ruín era unha ánima en pena. O crego parecía moi listo.
Entón apareceu o defunto cun hábito negro. A profesora explicou hoxe a lección aos alumnos.


7-LÉXICO: Que é un antónimo? Que é unha etimoloxía? Que significa o nome de Galicia? De onde procede, pero quen o xeneralizou?
Sinónimos de proído: constipado: inmunizado: mazadura:
Explica estes enunciados: Teño un cabalo no pescozo:
Teño a voz tomada:
Ten un hematoma na cara:
Estar coma un buxo:

8-EXPRESIÓN ESCRITA/ ORTOGRAFÍA e LÉXICO DA AULA. Redactar un texto de 10 liñas mínimo sobre un destes temas:
- Os romeiros do Alén a Sto. André de Teixido.
- A Chuvia en Galicia.

9-LINGUA E SOCIEDADE: Responde con varios argumentos traballados na aula sobre as razóns de que haxa un descenso tan brutal de galegofalantes dende os nosos bisavós ata o día de hoxe. (Escribe dous ou tres parágrafos)

10: Responde en poucas palabras ás 7 cuestións seguintes: a) Quen é o pai do galego, é dicir, a lingua da que procede o galego?
b) Que lingua será entón o avó da nosa lingua?
c) É o galego unha lingua romance? Por que?
d) Que é unha familia de linguas?
e) Cales son as familias máis destacadas polo seu número de falantes no mundo?
f) Que acontece normalmente en cada estado, fálase unha lingua ou máis? Argumenta a resposta co que pasa no Estado Español.
g) Son todas as linguas do Estado Español da mesma familia lingüística? Por que?

PROBA MODELO DA 2ª AVALIACIÓN temas 5,6,7,8

1-COMUNICACIÓN/ PLAN LECTOR: Que modo de contar presenta este texto? Como chamarías o debuxo que fai de Suso e como o de Luís? Intenta explicar as características deste tipo de textos con exemplos tirados deste:
“ O Suso era un neno coma outro calquera. Nin alto nin baixo, nin gordo nin fraco,nin louro nin moreno, pero co pelo algo crecho. Iso si. Caíanlle dous medios rizos pola fronte que máis dunha vez o alporizaran diante do espello. Tiña os ollos da cor da abelá e gustaba de andar cunha vara na man...Xesús Silveira Pose. Suso para todos, Furón para algúns... E sorte que tivo porque, por poder, ben lle puido quedar Mexón... tiña ao seu irmán Luís que non é dos que che andan con parvadas, e corta polo san guste ou non guste... era un tipo serio. De poucas palabras...nunca aparentara ter un mínimo interese polo Suso. Aquela separación de idade (dez anos) levábaos por camiños diferentes... Suso descubrira a outro Luís. Descubrira o irmán grande que se preocupaba máis ca de si mesmo. O irmán responsable que valoraba o seu irmán pequeno, que se preocupaba das súas necesidades...”

2- O NOME DAS COUSAS: Ponlle nome ás partes da cara ( na proba aparecía unha ilustración para situar nun rostro humano 12 substantivos)

Sinónimos de nortello: fazula: beizos: testa: sen:
Que significa: “andar en crequenas” / “facer unha cambadela”


3-ESCRIBE BEN: V/ B A _ruxa colleu a _asoira e en lugar de _arrer díxome: _és ou _oume ao pouco tempo esta_amos _oando polo ceo era unha mara_illa e aínda que sempre fun un tanto co_arde ía _en amarradiño a ela sen medo ningún esti_en _oando toda a noite. _imos polo aire _ufos curuxas morcegos e mouchos tamén escoitei a a_elaíña antes de que me soara o meu mó_il. Era Al_erte. - _as _ol_er hoxe? pregunta_ame nota_lemente ca_reado o meu a_ogado .

4- GRAMÁTICA DOS VERBOS: Indica o nome dos tempos verbais do modo INDICATIVO e pon un exemplo da forma verbal de cada tempo do verbo CANTAR.

5-Indica o nome dos tempos verbais do modo SUBXUNTIVO e do IMPERATIVO cun exemplo da forma verbal de cada tempo do verbo PARTIR.

6- Escribe o presente de Indicativo con alternancia vocálica de durmir, servir e advertir.

7- Por que uns verbos como FACER, TER son irregulares. Indica como serán as raíces deste verbo nos seguintes tempos:
INDICATIVO /SUBXUNTIVO
Presentes: Perfecto: Futuro:
Presentes:
Perfecto: Futuro:

8- LITERATURA / Define o xénero literario da poesía. E explica que é a rima e a diferenza entre a rima consonante e asonante:

9- EXPRESIÓN ESCRITA/ ORTOGRAFÍA e LÉXICO DA AULA. Redactar un texto de 10 liñas mínimo sobre o seguinte tema: A Mourindade, os Mouros e as Mouras.

10- LINGUA E SOCIEDADE: Coloca o artigo masculino ou femenino aos seguintes substantivos:
_ Traxe, _ paxe, _ garaxe _ paisaxe, _ carruaxe, _ costume, _ servidume, _ legume, _ nariz, _ leite _ sangue, _ mel, _ arte, _ cor, _ lume, _ sal, _ cume, _ cárcere, _ análise, _ paréntese, _ orixe.

Responde: Hai linguas máis importantes que outras? Por que? (redacta argumentos en dous ou tres parágrafos).


PROBA MODELO DA 3ª AVALIACIÓN: 9,10,11,12 e Letras Galegas.

1- O NOME DAS COUSAS: O interior da casa ( na proba aparecía unha ilustración dos espazos e mobles do interior dunha casa.
Cal é o significado das frases feitas: Varrer para casa/ todo son pingueiras/ beber os ventos por alguén/ dicir amén a todo/

2- ORTOGRAFÍA: PONLLE TIL as palabras que lles corresponda nas seguintes oracións:
a) Compre que maña chamedes a Anton por se quere sair connosco. Se cadra logo ven a xogar as bolas.
b) Dixeronme que fora a casa de Ramon e que agardase fora ata que chegase el. Debia traer unha bola de pan.
c) Alguen esta agardando a sua resposta. Logo ves a casa e ves que tipo de pregunta e esta.
d) Ven un esquio nunha arbore que habia preto do muiño. Logo el so viu un oso pardo.
e) Sauda cortesmente e da as grazas polas mazas.
f) A viuva sabia mais do que dicia, pero as veces compre non ter tanta presa. Ela e moi apurada, mais onte non.


3- GRAMÁTICA: Escribe o plural de: sofá,_________ mércores____________, caracol,___________ túnel,_________ animal,_________ luns,________ curmán,_________ actriz,_______ til,_____
exame________ hotel,_________ robot,________ lapis,__________ sinal,_________autobús_________

Escribe o artigo determinado esixido por cada un dos seguintes substantivos:
__ cabotaxe__ mel ___laranxeira __ ponte __ análise __ crise __ paréntese __castañeiro__ friaxe __ nariz __ cárcere __ sangue __ sal __leite __garaxe __ paxe __ romaxe __ hepatite __dor __ arte __ calor __ orde __árbore __servidume __ costume __limoeiro __ marxe __suor __ sinal __orixe__ til __mar __eme ___ele

4- ESCRIBE un exemplo de demostrativo, posesivo, indefinido e numeral. Por que son diferentes os pronomes tónicos dos átonos. Como se colocan os pronomes átonos: pon un exemplo dalgunha das súas excepcións.

5- Substitúe por un pronome átono o CD ou CI destacado, como no modelo: Mercou un libro./ Mercouno.
Xoán avisou os amigos hoxe. _________________________/ Trouxestes o que vos encarguei?_________________
Nunca escoitei esa canción.__________________________/ El fixo un peixe ao forno.______________________
Trouxo as noces para Antón e Aldara:____________________ Iria contou a ti a verdade ______________________
INTRODUCE nas seguintes oracións os pronomes das parénteses, escribíndoas de novo correctamente:
Quen dixo que o partido era hoxe? (escolle: te ou che).
Deixaron ir ao cine? (escolle: te ou che)..
Pediu moitos favores (lles).
Faltaban os mellores do equipo (nos).
Non leva sempre no peto (as).
Quero que digas a verdade (me).

6- CONXUGA OS TEMPOS: Presente, Perfecto e Futuro de IND e presente de subxuntivo de SER e SABER.

7- LITERATURA: Indica dos seguintes subxéneros: novela, mito, lenda, relato breve ou conto de autor e conto popular, a que narrativa pertencen, a narrativa culta ou a tradicional ?

8- Localiza estes recursos: metáfora,paralelismo, personificación, símil ou comparación,
antítese e hipérbole.
Cal dos poemas é épico e cal lírico? Explica o simbolismo do Himno galego.

Maio longo...Maio longo;
todo cuberto de rosas,
para algún telas de morte,
para outros telas de vodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min,
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.
(Rosalía)

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
(Díaz Castro)

Que din os rumorosos
na costa verdescente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.


( Eduardo Pondal)




9- LINGUA E SOCIEDADE: Que diferenza o nivel culto e vulgar da lingua.
Define a lingua estándar.

10- EXPRESIÓN: LETRAS GALEGAS: QUE SABES SOBRE DÍAZ CASTRO? Redacta un texto de 12 liñas sobre o autor.

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 25-06-2014 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
QUE DIN AS ALTAS COPAS?
TRABALLAMOS CO HIMNO GALEGO. Sabías que é o único himno do mundo que comeza con interrogantes? Que sabes sobre o Himno galego, coñeces este poema épico de Eduardo Pondal e a súa música de Pascual Veiga? Que nos di o himno? Segue as propostas que che facemos para axudarte nesta investigación.

Identifica no Himno galego en primeiro lugar unha personificación e intenta explicar quen fai as preguntas iniciais do poema e a quen se dirixen ou quen as responde:




Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


O autor do Himno é_______________________.

Lembra a segunda parte e indica cal é o símbolo no poema que representa o pasado, presente e futuro: Os rumorosos que son os pinos. A raíz no pasado, o tronco o presente e o futuro que está nas copas que son as que "pregoan a redenzón da boa nazón de Breogán".

Sobre Breogán e o seu adn, por se queremos da lenda historia podedes ler este artigo do ADN de Breogán.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 05-06-2014 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Evitando os PRONOMICIDIOS
Deixamos aquí unha pequena indicación a ter en conta para usar correctamente os pronomes átonos e vitando os "pronomicidios":

Os pronomes átonos colócanse normalmente despois do verbo e unidos a el: ( dígocho), pero hai ocasións en que se debe colocar o pronome antes do verbo.

CASOS EN QUE O PRONOME ÁTONO VAI ANTES DO VERBO:

1- Cando vai nunha oración negativa ou desiderativa:
( non te quero, oxalá cho dixesen hoxe!)

2- Cando vai nunha subordinada: (dixo que te amaba).

3- Cando vai nunha interrogativa parcial ou tras un exclamativo:
Quen che preguntou iso?
Como me alegro da túa boa nota!

4-Cando a oración comeza por algúns indefinidos e adverbios: ( alguén mo dixo, seica me falara). Cousa que non ocorre con adverbios como os de tempo e lugar: Mañá achégome alí.


OS PRONOMES ÁTONOS en galego teñen unha certa dificultade, especialmente para os que falan máis galego que castelán ou para os neofalantes. Imos logo darlle un repaso a colocación correcta destes pronomes neste curso, xa que o ano pasado xa os vimos.

Despois do repaso cómpre realizar uns cantos exercicios cos pronomes

Por último neste rápido repaso lembremos de novo o uso do "te" e do "che" e o uso de "llo/lla" e "llelo/llela".

aquí quedan unha chea de exercicios cos pronomes e a súa solución.
Comentarios (0) - Categoría: GRAMÁTICA GALEGA - Publicado o 01-06-2014 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal