blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PROBAS DE DIAGNÓSTICO DE 2º ESO- GALEGO
Para que teñades unha referencia inicial de cómo poden ser estas probas na materia de GALEGO e podades realizar algún exercicio poñemos a túa disposicións uns cantos textos e exercicios modelo:

TEXTO 1º

O REI MIDAS
Midas, rei da Frixia, era un home parvo e ávido. Un día Sileno, o sátiro que con Dionisio estaba vagando polo mundo, veu á porta do palacio real. Tiña fame e sede porque se perdera e camiñara polos montes días e días. Midas acolleuno e deulle comida e agarimo. Sileno parou unha semana alí e a tardiña anterior á súa partida o rei organizou un banquete no seu honor.
—Fuches moi xeneroso como hóspede –díxolle Sileno– e eu douche as grazas.
Pero dime, hai algo que desexes dun xeito especial? Quixera deixarche un sinal do meu recoñecemento.
—Non... non sei –dixo ao cabo–. Sé ti quen decida.
—Moi ben –asentiu Sileno–. Expresa un desexo e serache cumprido. Pero pénsao ben antes de expresalo, porque hai moitas cousas neste mundo que podes escoller.
Falando deste xeito Sileno apartouse, pero antes de que rematase de falar, Midas tomara xa a súa decisión. Quería que todo o que el tocase se volvese en ouro. Faríase máis rico do que un pode imaxinar, o rei dos reis, e todos lle renderían homenaxe.
Tocou unha cadeira e a cadeira volveuse ao instante de sólido ouro. Logo unha mesa, os vasos, as vestiduras que levaba e que tivo que sacar inmediatamente polo enorme peso. Riu de satisfacción e empezou a correr de sala en sala, tocando todo o que vía. Todo ouro macizo.
Pero ao cabo Midas cansou. Non estaba afeito a correr daquel xeito. Á hora do xantar sentouse nunha cadeira de ouro diante dunha mesa de ouro na estancia en que saudara a Sileno. Un servo tróuxolle froita, pero en canto Midas tocou o prato, tamén este se fixo de ouro. Riu divertido pero a súa expresión cambiou decontado ao comprobar que tamén o acio de uvas que levara á boca se fixera de ouro. Os bagos volvéranse belísimas boliñas relucentes e incitantes, pero inútiles para a fame do rei. Ordenou que lle trouxesen a carne, pero sucedeu da mesma maneira. Entón, airado, deulle un couce ao seu camareiro e tamén se fixo de ouro.
Correu á cociña e todo o que tocaba se transformaba no precioso metal. Desesperado, deixouse caer a chorar no chan: agora o significado do don do sátiro estaba claro.
Pasaron os días e a fame e a desesperación aumentaron. Non podía comer, non lograba durmir e cando abrazaba aos seus fillos estes volvíanse estatuas sen vida. Mesmo as bágoas que deitaban os seus ollos caian pesadas ao pavimento de ouro. Ao cabo decidiu consultar cun oráculo e as súas palabras déronlle esperanza.
—Vaite bañar nas augas do río Factolo –díxolle o oráculo– e libraraste da maldición do ouro. Esperamos que comprendeses a lección.
Midas fixo como o oráculo lle suxerira e librouse daquel perigoso privilexio, deixando o ouro do seu corpo nas augas do río, que desde aquela relocen polas areas preciosas.
Michael Gibson: Deuses e heroes da mitoloxía grega

1. Le o texto atentamente e expresa despois en forma de esquema os seus contidos principais.

2. Apoiándote no esquema, resume agora o argumento do texto.

3. En que se diferencia o comportamento de Midas antes e despois de marchar Sileno?

4. Cales destes termos cres que resumen mellor a actitude de Midas?

ambición - xenerosidade - cobiza - humildade -
esmola - soberbia - gratitude


5. Sileno deulle un consello a Midas que é válido sempre antes de decidir algo. Cal é ese consello?

6. Di cal é o significado das expresións marcadas en negra no texto.

7. Cal é o significado da expresión «novo rei Midas» cando a empregamos para cualificar a unha persoa?




Texto 2º


UN MILLÓN DE VACAS
Non ía de negro senón cun vestido estampado azul e branco e levaba sobre os ombros un chal da cor da prata vella, como prolongación dos cabelos. Fíxome sinal de stop desde a sombra da marquesiña1 e, cando me detiven, asomaron con resolución pola xanela do auto uns ollos de curuxa con gafas de cuncha.
—E logo irá para Vigo, ou non?
Preguntoumo coma se realmente non houbese outro sitio a onde poder ir. Grazas, neniño, déchesme a vida, dixo despois de acomodarse no asento e retoca-lo pelo coas mans. Na radio daban os sinais horarios das cinco da tarde e logo soou a sintonía do informativo. Allea ao son intruso que se interpuña entre os dous, explicou deseguida que perdera o coche de liña e que tiña vez no médico. A esta idade non che temos máis que achaques, neniño, ser vello éche unha desgraza. En Galicia, dicía o locutor, hai aproximadamente un millón de vacas. Que va, señora, díxenlle eu por cortesía, non diga íso. Parvadas, dixo ela, pensan que somos parvos, un millón de vacas!, pasan o día dicindo, parvadas. Apaguei a radio e virouse cara a min con rostro satisfeito. Nada do que din é certo, neniño, nada do que din é certo.
Preguntoume que onde vivía e respondinlle que non sabía moi ben. Ando de aquí para aló. Ela sorriu. Os mozos sodes un caso. Eu vivín en Madrid. Coñeces Madrid? Ata hai moi pouco vivín en Madrid. Teño un fillo alí, marchou a traballar e alí casou. Un día apareceu na casa, en Soutomaior, eu estaba pelando nas patacas e díxome anda mamá, colles as cousas e véste comigo. E díxenlle eu pero neniño, e que fago cos animais, e coa casa, quen vai coidar da casa? E el díxome mira mamá, xa haberá quen coide dos animais, deixámosllelos aos veciños, e a casa, a casa ninguén a leva. E así foi. Funme para Madrid.
—E gustoulle Madrid?
—Que?
—Gustoulle Madrid?
—Moito. Gustoume moito.
A vella revolvía no bolso e sacou un pequeno espello e unha barra de labios.
Gustoume moito –dixo despois do arranxo–. Pero non podía durmir. O meu fillo vivía nun piso, un pisiño, pero estaba ben. En fin, podía pasar. A nora é unha xoia. Eu sempre quixen que buscase unha moza da terra, pero, en fin, casou alí, e dígolle que a rapaza é unha marabilla, moi delgadiña, iso si, pero moi xeitosa. Non me deixaba tocarlle a nada. Nin fregar os pratos me deixaba. Tú, mamá –chamábame mamá– a descansar que ya has hecho bastantes trabajos. Eu, miña filla, como todo o mundo. Que no, mamá, que te sientes. Pero, ai neniño, o que non podía era durmir. As paredes sonche de papel. No piso de arriba tiñan un crío, unha criaturiña que, claro, poñíase a chorar. Xusto enriba miña tiña o berce. Queres crer que os desgraciados dos pais non se levantaban para acariñalo? Noite tras noite, e o crío chorando coma unha vítima ata que calaba de cansazo, meu pobre. A min comíanme os demos. Un día encontrei no portal á nai e díxenllo, por estas que llo dixen. Díxenlle que se non tiñan alma, deixar chorar así á criatura. A que non sabes o que me contestou a descarada? Usted métase en lo suyo. Iso foi o que me dixo, mala chispa a confunda. Pero o peor non foi iso.
Mireina de esguello. Tiña os beizos apertados e refregaba as mans.
—O peor foi que iso mesmo me dixo a miña nora. No son cosas suyas, mamá, cada uno vive su vida. Aquela noite o neno volveu chorar. A min comíanme os demos. Así que marchei Que lle parece? Marchei ao día seguinte.
Baixando polo Meixoeiro, recortábase no fondo a silueta caótica de Vigo, coma unha descoidada medianeira2 no paraíso da da.
—Vai á Residencia?
—Non, non. Déixame á entrada que xa eu me arranxarei.
—Se quere, achégoa, ao médico; teño tempo abondo.
Volveuse a negar, pero cando parei o coche no semáforo da praza de España púxome unha man enriba do xeonllo e arrimouse como para dicirme unha confidencia. Sabes onde está a Nova Olimpia? Quedei sorprendido, pero díxenlle que si. Si, creo que si. Pois déixame alí. Hoxe hai baile da tercera edá. Sabes? Cando volvín de Madrid, botei un noivo.
—E non será médico?
—Non, que va!, dixo ela chorando de risa. (...)

1. marquesiña: cuberta para protexer as persoas e cousas da chuvia ou do sol.
2. medianeira: divisoria entre dous espazos, terreos, construcións, etc.
Manuel Rivas: Un millón de vacas

1. Xustifica o título da lectura e dá outros posibles.

2. Por que a vella lle fai sinal de stop ao condutor?

3. Explica por que a protagonista do relato vai para Madrid e por que regresa de alí.

4. A onde vai realmente a vella e por que lle mente ao conductor?

5. Explica por que no texto aparecen palabras en castelán.

6. Di que significado teñen no texto as expresións marcadas en negriña.

7. Ás veces, os materiais de construción das casas son tan malos que permiten o traspaso de sons. Busca no texto unha frase que exprese esta idea.

8. A partir das breves notas descritivas, dos comentarios do narrador e da información que se desprende da conversa, fai un retrato da protagonista do relato.




Texto 3º

Onte foron liberados os dous pilotos do helicóptero que o domingo deixaron na plataforma petrolífera Brent Spar da compañía Shell a dous membros da organización ecoloxista Greenpeace, que queren impedir que a plataforma sexa afundida nunha fosa do Atlántico como pretende a Shell. Greenpeace sinalou onte que os seus colaboradores non evacuarán, a Brent Spar, que hoxe podería alcanza-lo punto, ao norte de Escocia, onde vai ser afundida, o que podería ocorrer mañá. O buque Solo desa organización diríxese ao lugar para impedir que Shell a afunda.
Institucións e empresas danesas ameazaron con boicotea-los productos da Shell, mentres o ministro de Economía de Alemaña, Günter Rexrodt, vetará no seu ministerio repostar en estacións da firma británica. O democristián Rainer Eppelmann pediu que se boicoteen tamén os produtos da petroleira Esso, que ten unha participación do 50 por cento na Brent Spar.
Greenpeace solicitou do Goberno de Londres que anule a autorización dada á Shell para que afunda a Brent Spar, pois contén «unhas 5.500 toneladas de produtos petrolíferos e mais produtos químicos tóxicos dos que a empresa recoñece» ademais de residuos radioactivos.
O premier británico, John Major, afirmou onte que apoia a decisión de afundi-la Brent Spar.

O Correo Galego, xuño de 1995.

evacuar: desocupar.
boicotear: intentar prexudicar.
vetar: prohibir.
residuos: restos, desperdicios.
premier: nome que os ingleses lle dan ao seu presidente do goberno.

1. Rodea cun círculo a resposta correcta: V=verdadeira e F=falsa

1. V F Mañá van levar a plataforma petrolífera Brent Spar a terra para desfacela.
2. V F Dous pilotos dun helicóptero foron detidos por deixar a dous membros de Greenpeace na Brent Spar.
3. V F O ministro de Economía de Alemaña está a favor do afundimento da Brent Spar no mar.
4. V F A Brent Spar contén produtos químicos tóxicos e residuos radioactivos.
5. V F O buque Solo de Greenpeace xa non vai tratar de impedir o afundimento da Brent Spar.

2. Indica cal é a tese do seguinte texto e os argumentos que a apoian.

O Concello de Camariñas abriu un taller de palilleiras ao que non poderán acudir os nenos, xa que ten que cumprir o obxectivo de iniciar ás nenas nos «labores propios do seu sexo».
O encaixe de Camariñas forma parte das tradicións artesanais antigas do país. Sobreviviu grazas, ao tesón de moitas mulleres que herdaron o oficio das súas antergas e que dedicaron a vida a tecer panos, mantelarías, colchas, etc... Moitas facíano para axudar á economía familiar pois a falta de recoñecemento dun oficio propio de mulleres (e feito ás portas da casa) restáballe categoría profesional. Nos últimos anos experimentou un auxe e pasou a ser considerado ben artístico, como realmente o merece. Incluso persoeiros influentes dedicáronse a estudalo. Agora hai posibilidades de aprendelo, por fin sae do místico segredo; pero os nenos quedan excluídos. Consideran que os rapaces non están capacitados para os traballos manuais? Isto ampararía o discurso machista, xa cheirento, que exclúe aos homes do traballo doméstico, argumentando unha incapacidade innata; o innatismos é falso. Os homes son magníficos traballadores manuais, demóstrano a cantidade e calidade dos: chefs, xastres, canteiros, carpinteiros, etc. Por que non palilleiros!
Romper coa inxusta adxudicación de roles é enfrontar o mundo sen prexuízos nin discriminacións por razón de sexo. Nos pobos mariñeiros, os rapaces axudan aos maiores a coser as redes; por que non van poder tecer encaixe? O sexismo condena tanto a unhas coma aos outros a exercer sempre o mesmo rol.
Xa que os nenos aínda non teñen conciencia, teremos que esixir por eles para que ninguén lles roube a posibilidade de aprender e querer unha arte que forma parte da súa cultura.

Mónica Bar Cendón, La Voz de Galicia

3. Escribe unha pregunta para encabezar cada un dos parágrafos desta noticia.

UN AMERICANO SOBREVIVE CATRO MESES NO MAR
NUN BARCO Á DERIVA
Richard Van Pham adaptouse con relativa facilidade ás duras condicións impostas pola aventura.
Pescou para comer, aínda que algúns dos peixes que capturaba os colgaba do mastro para atraer ás gaivotas e variar a dieta. Tomaba os alimentos á prancha, xa que queimaba madeiras do bote para facer lume. Como reserva tiña carne de tartaruga que capturou cunha rede. Bebía auga de chuvia que almacenaba nun bidón. A súa primeira comida tras ser rescatado foi... peixe!
Sobre todo, durmiu. Durante o día evitaba o sol acochándose na bodega. Lía vellos xornais e vía películas de vídeo. O sistema eléctrico non funcionaba, pero o xerador de enerxía solar, si.
O martes chegou a Los Ángeles. Os mariñeiros que o rescataron pagáronlle o billete de avión dende Guatemala a California. As autoridades estadounidenses de inmigración estivérono interrogando durante varias horas.
A súa saúde era boa. Adelgazara 18 quilos e unha mesta barba ocupaba o seu demacrado rostro. Cando chegaron onda el os rescatadores, pediulles que lle arranxaran o mastro, e o motor, para seguir navegando. A Mariña norteamericana decidiu afundir a nave e trasladar ao náufrago a Guatemala.


Texto 4º
Axuntáronse os homes alí onde hoxe hai unha praciña por detrás da parroquia de Aranga. En pouco tempo apareceu o Silvestre montado na egua da casa, e púxose a organizar aquela xente. Nestas estaba, cando dous lobos pasaron a correr coma se viñesen do río. «Alí van». E escoitáronse os primeiros tiros de tantos como se habían escoitar aquela noite. Os homes saíron cos cans tras eles. Os lobos subían cara a Rilleira, onde estaba a casa do Silvestre, con maior axilidade e velocidade cós homes e os cans, pero aínda así non deixaron de perseguilos. Algunhas veces os cans chegaron onda eles, pero os lobos virábanse e, nada máis arregañar os dentes, os animaliños recuaban. Para ver de lles atallar repartíronse en grupos. Uns vían un lobo que lles cruzaba por diante nunha corredoira. Os outros que subían por unha corga, osmaban que viña lobo por riba do cavorco.
«Cando os homes, seguindo o rastro, chegaron a Rilleira mataran dous lobos que deseguida recoñeceron como compoñentes da manda que andaran a procurar todo o que ía de inverno. Os homes recoñecen o rostro do lobo cando botan moito tempo detrás del, aínda que nunca o viran moi ben e tempo abondo. Por alí, entre as casas, acosaron e mataron outros dous, pero os tres que quedaban, entre eles a loba que guiaba aquela manda, escapáronlles máis dunha vez.
»Por fin, á entrada dun souto que daquela había na parroquia, viron entrar aos tres animais. Botaron detrás deles e deron visto como saían do souto e agarraban polo monte arriba. Corrían case xuntos. Botáronlles os cans e os lobos dividíronse, dous viraron cara ao nacente polo monte labrado levando detrás deles os cans, e o outro seguiu cara enriba polo monte.
»Mentres os homes seguían todos detrás dos cans perseguindo os lobos que corrían agora, xa case perdidos, polo monte aberto, a loba volveu a Rilleira, atravesou polo medio das casas e non parou de correr ata que chegou á casa do Silvestre. A Luciana desde unha fiestra do sobrado, viulle brillar os ollos no medio da escuridade coma dúas faíscas ardentes e poñerse ao paso pouco antes de chegar. Deu dúas voltas arredor da casa, rañou na porta e xa non a viu máis; fórase meter nun cortello amecido á casa e por alí pasou á cociña. Luciana, coma se osmase a manobra, baixou polas escaleiras para facerlle fronte á loba e encarouse con ela, o animal arregañou os dentes e saltoulle enriba; a muller caeu a rolos e quedou tirada no chan da cociña. Acordou xusto a tempo de ver como a loba saltaba limpamente sobre do seu corpo e se botaba fóra levando o neno na boca. Comezou a berrar e baixaron os sogros que moito tardaron en comprender o que pasara porque ela non era quen de se explicar como é debido.»



1. Cantos eran os lobos que compuñan a manda?

2. Quen comandaba a manda de lobos?

3. Que pasos seguiu a loba para entrar na casa?
4. Enumera todas as persoas que vivían na casa da Rilleira e as súas relacións.

5. Divide o texto en partes e ponlles un título a cada unha.

6. Fai un resumo do contido do texto.

7. Cal é o significado da expresión «coma dúas faíscas ardentes»?

8. "Recobrou o sentido no momento preciso". Busca no texto unha expresión que teña o mesmo significado.






Texto 5º

O PROBLEMA DA INDIA
De modo máis ou menos preciso, toda a xente sabe a adoración que os hindús dedican aos animais. Ora: o que a maior parte dela descoñece é que esta adoración sexa tan actual e, sobre todo, tan absoluta.
Desde logo, eu tampouco o sabía. A primeira vez que fun a Benarés xulgaba que certas cousas xa non sucedían. Era escéptico, sabedes? E non me asistía razón.
De maneira que, o outro día de chegar, saín do hotel disposto a dar un paseo, e o meu primeiro achado no país estraño, a primeira sorpresa foi unha vaca que camiñaba ceibe polo paseo. Como son europeo, fun procurar un policía.
—Mire, policía: alí hai unha vaca perdida –díxenlle–. Se non a apaña, fará algo que alterará a orde pública...
—Que ela nos salve a vostede e máis a min, forasteiro –respondeu–. As miñas mans non son puras dabondo para forzar a súa vontade. O que ten que facer é mudar o camiño e non lle causar incomodo.
E feito. Desde entón comprobei que había vacas en cada rúa, e que a xente as trataba cunha cortesía submisa.
Coñecer o mundo dáme un gran poder de adaptación; e, de alí a unha semana, xa podía mostrar máis fineza no trato coas vacas que calquera hindú ben criado.
Entrementres, unha rapariga inglesa namorárame; e, como son galante e sabedor daquilo que lles prace ás mulleres, dispúxenme, certo día, a facerlle unha visita, levándolle un ramalliño certamente opulento.
Estaba eu na rúa, agarrado ao ramalliño coas dúas mans, á espera de que pasase un taxi e velaí que unha vaca me viu de lonxe e mirou para min con simpatía. Cun xesto prosmeiro, o animal botou a andar para onde eu estaba e, cando chegou, sen mostrar présa ningunha, uliume un bo pedazo. Despois, cunha cabezada ávida, alongou o fuciño e papou dúas flores do ramalliño.
Foi irritante. Esquecido de todas as conveniencias, pousei a man plana sobre o nariz e empurreina para atrás.
A vaca sabía que non lle era permitido a un estranxeiro descomedirse tanto. Non lembraba que acontecese antes algo semellante; e, en defensa dos seus privilexios, botou un muído profundo, que se sentiu en todo o barrio.
A xente apiñouse ao meu redor, con xesto de hostilidade, e de alí a pouco chegaba un policía para me preguntar que acontecera. Díxenlle:
—Eu levo razón, vostede non pode facer nada. Estaba aquí, sen lle querer mal a ninguén, e veu esta vaca a comerme o ramalliño. Respecto á vaca, eu nunca sería o primeiro na rifa. Pero o ramalliño é meu, adquirino lexitimamente e téñoo destinado a outra cousa.
A multitude berrou indignada e o policía mostrouse aos meus ollos completamente arrepiado:
—Ninguén na India se atrevería a lle negar á vaca aquilo que por dereito lle pertence. E se ela desexa o seu ramalliño, vostede debe darllo.
Pere Calders: Crónicas da verdade oculta

1. Le o texto detidamente, divídeo en partes e fai un breve resumo de cada unha delas.

2. Dende que punto de vista está narrada esta historia e quen é o narrador?

3. O policía di: «As miñas mans non son puras dabondo para forzar a súa vontade». Que se deduce desta afirmación?

4. O narrador di que a adoración dos hindús polos animais é actual e absoluta. Que quere dicir con isto?

5. Explica o significado das expresións en negriña do texto.

6. Que pretende expresar o protagonista cando di «como son europeo, fun procurar un policía»?

7. As persoas que coñecen distintas culturas asimilan máis facilmente os usos e costumes doutras comunidades sociais. Busca no texto unha frase que recolla esta idea.

8. Escribe ti agora unha narración onde contes unha anécdota que che acontecese.



Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 26-06-2009 06:18
# Ligazón permanente a este artigo
A NOITE MEIGA DO SOLSTICIO



E como estamos perto da noite máxica de San Xoán, da que falamos na derradeira clase do curso imos deixar tamén outro enlace para quen precise unha información complementaria.

Para facer un feitizo sobre un texto de Fermín Bouza Brey unha versión musical do grupo Na Lúa:



Para que poidas entrar ao longo do verán na Galicia Encantada deixamos aquí uns enlaces que seguro son do teu interese e que poderás ir consultando cantas veces queiras. Como xa indicamos na aula falan da mitoloxía de Galicia: mouros, trasnos, meigas, lobishomes...
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 23-06-2009 06:35
# Ligazón permanente a este artigo
RAMÓN PIÑEIRO


Ramón Piñeiro é un home do século XX nace nunha Galicia e nunha Europa en plena transformación e cambios que provocarán o emerxer dunha Galicia ben distinta á dos séculos precedentes. A Galicia do agrarismo coa desaparición dos foros e da fidalguía, que dará opción por vez primeira aos labregos galegos a mercar as terras que traballaran durante xeracións. Aparecerá tamén o movemento obreiro e o sindicalismo e Galicia verá medrar cidades como Vigo grazas á industria naval. Por último, o galeguismo nacido no XIX evolucionará cara o nacionalismo creándose o Partifdo Galeguista cuxo obxectivo será a aprobación dun Estatuto para Galicia. Ramón Piñeiro será testemuña destes cambis e transformacións e será nalgúns casos protagonista de procesos de gran transcendencia para Galicia como veremos.

1. O neno que coñece a luz e a diglosia.
- Naceu un 31 de maio de 1915, Armea (Láncara en Lugo), lembanzas da nai que tivo que emigrar e do pai, labregos ambos, que lle ensinou a ler antes de ir á escola cun mestre que falaba castelán. Era reservado e xogaba só. Lembra a primeira vez que subiu nun tren e foi ao San Froilán, e cando viu a luz eléctrica.
Estudou bacharelato en Lugo e leu moito nese período.
2. Un mozo galeguista:
Dende os trece aos quince anos Ramón Piñeiro participaba nos labores do campo coma o resto da súa familia e os seus veciños. Lía e escribía para outros emigrados e xuntábase no adro para resumir as novas. Entra a traballar nun comercio en Sarria e fai o bacharelato superior en Lugo onde contacta coas Mocidades Galeguistas no ano 1932 ( lembrar que o proceso de creación das Mocidades: Dende a creación das Irmandades da Fala en 1916, a Asemblea nacionalista de Lugo en 1918 e creación finalmente do Partido Galeguista no 1931) participa dos congresos en 1933 con 18 anos e fala nun mitin en 1935, tras coñecer a Castelao , Otero Pedrayo e a Risco. Finalmente participa activamente na campaña polo plebiscito do Estatuto para Galicia que se vota en febreiro do 1936.

3. No ermo: Piñeiro na guerra civil
Estala a guerra e é quen de escapar a Láncara dende o Goberno Civil de Lugo onde estaba no Comité de apoio á República. Exilio e morte ao seu redor, provocan a procura dunha salvación desesperada alistándose no bando de Franco, presenza fusilamentos e entra en depresión o que o levará a interesarse pola Filosofía. Rematada a guerra e no proceso da II Guerra Mundial intenta contactar e reconstruir o Partido Galeguista. Comeza no 1942 a estudar en Madrid Filosofía e terá que ir a París clandestinamente para lograr que Castelao forme parte do Goberno republicano no exilio. Á volta foi ao cárcere tres anos nos que segue a súa actividade política. Á saída en 1947 comezan as desavinzas con Castelao ao querer restaurar a democracia, aínda que non sexa coa república, senón coa monarquía que curiosamente apoiara a Franco na guerra civil. Logo comeza o seu labor “a través da acción cultural” creándose Galaxia.
4. A estratexia da editorial GALAXIA:
Os galeguistas consideraron que era preciso mudar de estratexia para a salvación do movemento galeguista nesas circunstancias tan adversas do Franquismo. Por outra parte, observaban como as novas xeracións estaban sendo “formadas” nun clima de autoodio no que o galego non só ficara apartado do sistema educativo e de todo acto público, senón que se agravaba a situación de diglosia e, polo tanto, o desprestixio social da lingua. O 25 de xullo de 1950, con certos precedentes como o suplemento do diario La noche e a creación da colección Benito Soto, verá a luz un novo proxecto editorial denominado Galaxia.
Como as autoridades non concedían permiso para editar novas publicacións periódicas, disfrazárona de colección de libros. Foi así como aparece en abril de 1951 Presencia de Galicia, o primeiro número da Colección Grial,prohibida no cuarto número e logo recreada no ano 1963 como Revista (tiña que ir 50% en castelán)
5. A LINGUA O PRIMEIRO OBXECTIVO:
Cando no ano 1950 se funda a editorial Galaxia, son ben conscientes da necesidade de prestixiar o idioma e recuperar ámbitos de uso. Por iso lle conceden importancia ás traducións de ensaios como o de Heidegger, Da esencia da verdade, que Piñeiro fixo xunto a Celestino Fernández de la Vega, e co que pretendían acabar co prexuízo –ao que tamén contribuíu o lingüista Dámaso Alonso– de que o galego “só serve para facer poesías ou para lles falar aos labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”

O compromiso de Piñeiro coa causa da lingua en circunstancias adversas e o aproveitamento das escasas fendas que deixaba a ditadura apréciase no texto que redactou no ano 1954 con ocasión da VIII Asemblea Xeral da UNESCO que se celebraba en Montevideo. Para este foro elaborou un documento no que denunciaba a persecución que o franquismo exercía sobre a lingua galega.
En 1956, por iniciativa do Consello de Galicia, organismo do exilio en América, celebrouse o Congreso da Emigración Galega en Bos Aires, e Ramón Piñeiro presenta o relatorio “A defensa do idioma, vencello espiritual de todos os galegos”
Durante a década dos corenta a Real Academia Galega era unha institución paralizada. En 1951 comeza a incorporación á Academia de persoas vinculadas ao proxecto da editorial Galaxia –Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Carballo Calero, García-Sabell, Fernández del Riego, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Álvarez Blázquez–. En 1967 incorpórase Ramón Piñeiro cun discurso de ingreso que leva por título “A linguaxe e as linguas”, un texto que é considerado por A. Santamarina e H. Monteagudo como o agromar da sociolingüística galega. Neste texto aparece a súa teoría dos tres prexuízos: o sociolóxico (autoodio), lingüístico(falta de norma) e ideolóxico (mellor unha lingua universal, non a pluralidade).


6. UN FILÓSOFO DA SAUDADE:A guerra decántao cara a filosofía e en 1942 estuda en Madrid. Decepcionado polo ambiente conservador da postguerra. O seu traballo Da esencia da verdade , unha tradución ao galego de Martín Heidegger (1950) que non podería publicarse ata o 56 pola reacción franquista que acusaba dicindo “En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita”. Non impiden que se dedique ao seu gran tema a saudade: intenta demostrar que é un dos trazos distintivos dos galegos. Definida como o sentimento da soidade ontolóxica do home, sérvelle para afirmar a europeidade de Galicia, relacionándoo coa lírica galaico-portuguesa de todos os tempos. A saudade en Rosalía (1952) e Para una filosofía da saudade (1963) Platón en galego (1965) o “mito da espenuca” e unha obra non exclusivamente filosófica Olladas no futuro (1974) reflexións sobre tres liñas básicas: lingua, cultura e pobo.

7. UN HOME POLÍTICO: defensor da Democracia e de Galicia.
Durante a década dos cincuenta, logo da morte de Castelao, acentuáronse as diferenzas entre o grupo de Galaxia e os galeguistas do exilio, que os acusaban de abandonar a loita política a polo culturalismo.
En 1957 en Bos Aires repite ante o Consello de Galicia que o afastamento dos exiliados non lles permite ver con acerto as circunstancias polas que atravesa o galeguismo baixo a peso da ditadura franquista, e que todo o que se fai no interior é un labor político ao que non lle falta visión nin eficacia, para o que presenta como exemplo a denuncia feita na VIII Asemblea da UNESCO no ano 54.

Durante estes anos o grupo Galaxia tiña dous polos: por un lado,Vigo, no que estaba
sede a editorial; por outro, Santiago de Compostela, onde Ramón Piñeiro entraba en contacto coas novas xeracións universitarias para atraelas cara ao galeguismo. Foi así como Piñeiro iniciou un labor socrático desde a súa célebre “mesa de braseiro”, no piso de Xelmírez 15, que se converteu nun símbolo daquela época.

Nos anos 60 o panorama político mudou ao se incorporaren á acción política mozos e mozas á marxe dos que tutelara Ramón Piñeiro e o grupo Galaxia. Así xorde a Unión do Pobo Galego que contesta a acción cultural e o tipo de galeguismo representado por Piñeiro. Mentres tanto, Ramón Piñeiro considera que non é conveniente reducir o movemento galeguista a un só partido, xa que a súa adscrición –tanto que fose á esquerda coma á dereita– deixaría fóra aqueles galeguistas que non sintonizasen con esa ideoloxía.
Nesta liña, cómpre lembrar unha sentenza súa –galego por nación, español por historia, europeo por cultura– que reflicte a súa concepción dun galeguismo non nacionalista. A idea de que agromasen tendencias de distinto signo.

En xuño de 1979. Con todo, no seu paso polas Cortes de Madrid, o goberno da Unión de Centro Democrático quixo rebaixar o nivel de competencias da autonomía galega e aprobou un Estatuto cos votos en contra de toda a oposición, o que se coñece como “Estatuto da aldraxe”. Esta decisión provocou unha mobilización sen precedentes en Galicia e foi neste momento cando se produciu a reacción de Ramón Piñeiro e do grupo Galaxia (Realidade Galega)que finalmente logran un novo Estatuto ao nivel do de Cataluña e Euskadi aprobado no ano 80.
Nunha criticada decisión, Ramón Piñeiro pensou que, dadas as escasas posibilidades que tiñan os partidos nacionalistas de acceder ao Parlamento, era oportuno aceptar a oferta do PSOE de incluír nas súas listas, como independentes, catro galeguistas: Benxamín Casal, Carlos Casares, Alfredo Conde e o propio Piñeiro. Durante a súa etapa parlamentaria, Piñeiro destacou polo seu labor de mediador entre as distintas forzas políticas e pola xestión política que realizou para a aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Finalmente traballou pola creación do Consello da Cultura Galega que presidiu ata o ano da súa morte 1983-1990


Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 15-06-2009 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal