Neira Vilas (Gres, 1928) no seu libro 100 anos do himno galego (Edicións Embora) aclara que a súa achega non pretende ser unha «historia completa», senón o froito das súas investigacións en Cuba -onde viviu 31 anos- sobre as circunstancias que rodearon o nacemento e estrea da composición, así como a súa difusión ata chegar ao centenario celebrado no 2007.
Neira Vilas remarca o papel fundamental do emigrante ferrolán Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías»-, quen primeiro pensou en Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían Eduardo Pondal e Pascual Veiga os autores. A súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade. No seu libro, Neira Vilas di que «non hai constancia de que a peza fose premiada nin interpretada» no certame de 1890, pero que Fontenla contactou con Pondal e Veiga ante a imposibilidade de contar con Curros e Chané.
Pondal escribiría logo o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes. Pero que se pregunta o noso himno?, quen fala?
Eduardo Pondal compuxo un logo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.
Imos logo descubrir que é o que nos di o noso himno:
OS PINOS
Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:(exercicio de clase)