blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VIOLETA TAMURANA de Andrea Maceiras
As fermosas tamura, capaces de provocar bágoas coa súa beleza, son unhas flores únicas que só medran no corazón volcánico da illa de Tamurana, a máis especial das que forman o Arquipélago Perdido. A pesar da vida harmoniosa que durante séculos levaron os habitantes do arquipélago, unha maldición pesa sobre as súas vidas e tamén, sobre a das illas: a súa cor violeta. Por iso, cando uns intrusos de vestienta branca comezan a devastar Tamuranam Pao sabe que, se quere salvala, debe arriscar a súa vida para chegar máis lonxe do que nunca imaxinou.
Na súa procura de respostas, Pao tentará descubrir o segredo máis prohibido, capaz de enfrontar dous mundos, mais tamén comprenderá o valor do coñecemento e o significado da unión e da amizade, gañando o dereito de se atrever a ser diferente e recobrando, finalmente, a maxia da cor violeta.

Esta fantástica aventura é a segunda lectura que realizamos para participar no Premio Martín Sarmiento do presente curso. Un Premio que determinan os propios lectores tras ler en todos os centros de Galicia inscritos nesta convocatoria os tres títulos propostos. Tras das vacacións de Semana Santa abordaremos o traballo da terceira das lecturas.

Unha marabillosa experiencia iniciática e revolucionaria onde a verdade, a solidariedade e o respecto á natureza dos seus protagonistas cobran especial importancia para entender a vida de todos por riba da cor e mesmo das linguas que falen. Pao, Pel, Alen ou o Aleuto son heroes que se atreveron a saber a verdade e foron valentes e ousados ata atopar unha resposta a pesar do esforzo dos Luminosos e dos seus dirixentes por intoxicar a información sobre a realidade do Continente e os colonos.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-03-2012 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
O CARBALLO DE SARMIENTO
O Carballo de Sarmiento, é o titulo dun achegamento á figura de Martín Sarmiento como fundador dos estudos sobre a filoloxía galega, pois el viría sendo o primeiro filólogo da nosa lingua.
Lembra a etimoloxía de filólogo que filos = amante + logos = palabra.

A continuación colocamos o texto base:

O CARBALLO DE SARMIENTO: Amora á lingua, amor á Terra

Martín Sarmiento naceu en Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695 e alí escoitou por vez primeira falar o galego da boca da súa nai Clara, natural de Samos e mesmo do seu pai Alonso que nacera nas terras de Cercedo en Pontevedra. Seus pais levaban xa trece anos naquela vila na que tamén se falaba galego por pertencer ao Antigo Reino medieval de Galicia. Alí casaran e xa tiñan tres fillos cando lles naceu este o seu cuarto fillo ao que lle puxeron o nome de Pedro Joseph. Mais aos poucos meses decidiron virse cara Pontevedra para desenvolver, seu pai Alonso, un novo oficio. En Pontevedra medrou escoitando e falando sempre a lingua que aprenderá dos seus pais: o galego.
“Na Boa Vila ocupamos unha casa asoportalada na rúa da Palma…

Un dos primeiros recordos que gardaba Sarmiento da súa nenez era o da procesión do Corpus de 1698 e dos seus xigantes e cabezudos. Tamén lembraba o momento en que coñecera ao seu avó paterno en 1700 na casa da Raposeiras en Cerdedo.

“Algún tempo despois pasamos a residir en Mourente no pazo de Santa Margarida construído polo meu pai… á sombra do famoso carballo que diante da ermida había e hai hoxe
grazas á oposición a que fose cortado (do Padre Rábago) … e xoguei moitas veces cos meus amigos”
.

Sendo un neno Sarmiento seguro que se deu de conta de cómo dunha landra das de aquel carballo nacían en primavera pequenos e futuros grandes carballos, porque a súa curiosidade innata axiña aprendería a fixarse no mundo natural para aprender del cantas leccións precisen os homes. “Este carballo será un símbolo dunha vida e unha obra fondamente enraizadas na súa terra e, xa que logo, potente representación do compromiso de Sarmiento con Galiza” dirían os organizadores do ano no que se lle homenaxeou con motivo do Día das Letras Galegas no 2002.
A tradición (que tampouco pasaría desapercibida a Sarmiento) di que debaixo desta árbore seica se xura o amor eterno, entre outras cousas. Dende logo o carballo é curioso xa que está torto e ten hoxe unha parte seca, pero a outra é a primeira que bota follas e a última que as perde. Este carballo menciónao Frei Martín Sarmiento no ano 1735, xa naqueles anos falaba da súa lonxevidade polo tanto debe ter moitos, moitísimos anos.
Xa de maior lembrará, en máis dunha ocasión, os castigos que recibían aqueles que na Escola dos Xesuítas usasen o galego e non o castelán ou máis ben o latín que estaban empeñados en facerllo aprender á forza as letras que a pesar de todo amaba.

Do seu temperán amor polas letras e as palabras conta que observaba na igrexa as inscricións en latín cando acompañaba a súa nai á misa… se cadra desa devoción e polo feito de que os seus irmáns maiores fosen para curas, el tamén decidiu ingresar na orde dos Bieitos. E así, aos quince anos, parte cara Madrid ao convento de San Martín polo que Pedro Joseph García Balboa pasará a chamarse Martín, polo nome do Padrón do mosteiro no que ía residir, e Sarmiento, polo segundo apelido da súa nai, xa que o primeiro xa o tiñan outros frades, e de seguro que tamén por amor a ela.

Despois de varios anos de estudos e cando, pola súas boas capacidades, xa era impartía clases a outros monxes, foi destacado axudante do que antes fora mestre seu, o Padre Feixóo, tamén galego e co que seguro falaba na súa lingua nai…outra cousa eran os escritos que este redactaba e que o noso avantaxado alumno corrixía. Estaban en castelán porque ían destinados a unha España que daquela era moi centralista e a igrexa incluso en Galicia era castelanizante, desprezando o uso da lingua vulgar, aínda que o galego é o que falaban todas as xentes humildes: labregos e mariñeiros. Daquela Sarmiento non repara no valor que ía ir cobrando para el co tempo o seu idioma. En galego foron as últimas palabras que lembra da súa nai, xa moi maior que foi visitar en 1725:
“Adeus, Perucho, que nunca me deches que sentir. ”

Os seus estudos vanse ampliando e traballando sobre a poesía e a literatura española, no medio das súas pescudas no arquivo da catedral de Toledo a un home curioso ao que de todo lle gustaba ler e saber, atopou as Cantigas de sta. María escritas en galego en plena Idade Media. Daquela, era o 1727 non tirou ningunha conclusión especial, pero logo lembraría e traería esta descuberta á súa memoria como veremos. Non era polo tanto dogmático e todas as linguas lle interesaban era un políglota pois lía e entendía latín, hebreo, grego, árabe, francés…

De todos os xeitos, o seu entusiasta amor polo galego e pola súa terra nacerá no momento en que se lle pasa pola cabeza iniciar unha nova viaxe a Galicia con motivo do ano santo compostelán. Era 1745, e esta viaxe vai cambiar de xeito definitivo o seu centro de interese nos pregos e pregos e nas cartas e investigacións que levaba a cabo desde a súa cela madrileña. Foi seguramente o home que na súa época máis escribiu, pero negábase a publicar máis libros da súa autoría despois da tremenda polémica que produciron os libros do seu mestre o P. Feixóo e da súa defensa editada co longo nome de Demostración Crítico Apologética que asinou o P. Sarmiento.

Mais volvamos á viaxe e a gran influencia que exercerán no seu futuro aqueles nove meses de estancia en Galicia. Vai redescubrir un dos seus amores da súa vida, o amor a súa lingua nai, o galego e consolidará á vez o seu gran cariño a súa terra. Recollerá palabras que el chamaba “voces” porque as anotaba tras conversas con rapaces e vellos que eran as súas fontes de información máis valiosas, pero tamén na viaxe consultou con detemento códices e documentos antigos que se conservaban nas bibliotecas e escritorios dos mosteiros nos que facía pousada onde comprobou algo que por casualidade atopara en 1727. O cancioneiro do Rei Afonso X, o Sabio, escrito en galego.

A volta desta viaxe comporá o “Coloquio en 1200 coplas” seguindo o estilo rústico (ou rural) que recollendo o estilo e gustos, pero tamén e sobre todo as palabras dos paisanos seus entrevistados. Este traballo realizado en 1746 serviríalle para ir deseñando de cara o futuro novos traballos nos que o galego e Galicia, os seus grandes namoros, estarán moi presentes, e cada vez máis. Os seus deberes na capital, coa corte do rei que o consulta con frecuencia e o reclama para a elaboración de informes réstalle moito do seu tempo, ao igual que os seus amigos ilustres que lle visitan na súa cela, na que, ademais dos máis de 6000 libros, ten un microscopio e unha especie de telescopio. A súa cela é como unha pequena Galicia (ten testos con plantas, sementes que trouxo da súa terra e unha boa colección cunchas das súas praias e outras mostras da fauna e da flora do seu país coa que traballaba día si e día tamén).

Non tardará en preparar para 1754 unha nova viaxe a Galicia quizás coa intención de permanecer xa para sempre a carón do seu irmán, o máis pequeno, Xabier co que xa tivera unha moi poderosa relación fraternal na anterior viaxe. Na casa familiar que teñen en Pontevedra, a carón do carballo, despois dunha excitante viaxe ata Pontevedra, atoparase outra sorpresa a presenza dun seu sobriño, Alonsiño, que vai provocar un coidadoso estudo sobre a Educación da xuventude na que defende que os nenos galegos aprendan primeiro o galego. Dicíao en plenos Séculos Escuros nos que ninguén escribía nin se preocupaba do noso idioma. Por iso os seus traballos foron como as sementes do carballo que agromarían e se farían máis grandes co tempo e serían un dos referentes para os autores do Rexurdimento ( X. M. Pintos, A. Fdez. Morales ou Rosalía de Castro).

Como o rei reclámao desde Madrid Sarmiento, moi a seu pesar polo que significaba deixar Galicia, volve á corte ao seu convento, pero rexeita de plano seguir calquera cargo como o de ser abade. Con sesenta anos entrégase de corpo e alma a unha tarefa: a de seguir investigando acerca das voces do galego e da botánica ( as landras que recollera en Galicia pensaba sementalas para o futuro, mesmo para Alonsiño ou outros centos de Alonsos ou galegos calquera que Sarmiento soñaba (foran os “aletóphilos”, é dicir, os “estudosos e amigos da verdade” sobre Galicia en cada unha das súas parroquias.

Sarmiento sabía, pois era un home adiantado á súa época, que prepararía desde a súa cela un proxecto de futuro para esa terra á que amaba, sementaría landras para crear futuros carballos, ata a fin dos seus días. Os seus escritos manifestaron ás claras cal era o amor que lle profesaba ao seu idioma e mais a súa terra. Como dixeron na súa oración fúnebre no ano da súa morte en 1772, un dos seus frades amigos:

Semper docuit, semper legit, semper scripsit:"sempre ensinou, sempre leu, sempre escribiu"

e deixounos unha fermosa e intelixente máxima” aude sapere: atrévete a saber”
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 01-03-2012 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal