blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LER E COMPRENDER

Para a lectura deste Nadal, Memorias dun neno labrego de X. Neira Vilas ios ir lendo cada capítulo e consultando as palabras ou expresións que non coñezamos e cando rematemos o capítulo realizar un breve resumo procurando manter a estrutura do propio relato (un parágrafo ou dous parágrafos) co argumento do mesmo, indicando o tipo de narrador, os personaxes, os espazos e os tempos que aparezan nese capítulo.

1-Vocabulario do capítulo
2-Resumo co argumento do capítulo
3- Narrador e personaxes.
4- Espazos e tempos.


A continuación poremos un exemplo do que hai que facer co primeiro dos capítulos:

EU SON...

1- Vocabulario: "ser un ninguén":ser unha persoa a que non se considera, marxinada ou despreciada.

non hai quen lle tusa: persoa á que se lle ten respecto.
Alancar: dar pasos grandes
Brocha: chatola
restrebar ou xuntar monllos: volver a labrar unha leira/ monllo é un atado de herba ou semellantes.
moxardos: moscas
muíños apeados: parados (por encherse de auga)
espeteiras: táboa con espetos ou garfos para colgar
Murnas: mancha na pel por efecto de achegarse ao lume.
fridas: (feridas)
Gurrucho: grolo
Broa: pan de millo
os trafegos da terra os labores da terra
Cortizo: colmea

Adoezo: estar falto ou desexoso de algo.
Tripando: pisar
baldeirar o corazón: baleirar os sentimentos e preocupacións.

2- O primeiro dos capítulos é a presentación do personaxe principal, Balbino, que se define como alguén sen importancia e pobre en oposición a outro personaxe, Manolito, ao que se repecta. É un neno de aldea fronte aos da vila. Está desexoso de ver mundo porque a aldea lle queda pequena e vese triste como os seus semellantes, tamén deescribir un libro. Finalmente dinos que escribe as súas reflexións sobre o mundo que adoece por entender e que a ninguén conta pois pensa que igual está algo tolo. Escribe para envorcar os seus sentimentos cada noite e liberarse desa pobreza que o abafa.

3-Narrador protagonista, é o personaxe principal, aínda que retrata tamén aos que son coma el de aldea. Outros personaxes con certos trazos de antagonistas: son Manolito (ao que se lle respecta) e os nenos da vila (distintos dos da aldea). Cítase a un tal Landeiro do que se di que lle deu un libro escrito por Smith.

4-O espazo ao que fai referencia é unha aldea galega, aínda que fala en concreto dende unha casa, a de Landeiro, na que vive e escribe.
Os tempos son imprecisos ao realizar unha reflexión sobre a súa curta vida no verán e no inverno, unha revisión do seu pasado dá a impresión dun tempo interno dunha secuencia reducida de varios anos da súa infancia na aldea na casa onde naceu e criou. O tempo externo: Os anos 40.



Comentarios (1) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 17-12-2015 06:40
# Ligazón permanente a este artigo
HA DE VIR O APALPADOR
Estamos a poucos días de que dea comezo o ciclo das trece lúas que vai do 24 de decembro ata o 6 de xaneiro, trece noites máxicas para rematar o ano e recibir a figuras tan curiosas como o noso Apalpador.

Lembrade... comezabamos o curso preguntándonos se vivíamos como galegos. Por iso decidimos tomarnos tempo e, ao longo do curso, día a día, ir sabendo máis e máis de como somos os galegos, que significa ser galego. Agora chega o Nadal e xa empezan a bombardeanos coa publicidade como todos os anos:




E entre anuncios que reclaman a nosa atención debemos saber achegarmos de verdade ao significado deste ciclo de Trece noites coas trece lúas.

Comecemos polo que celebramos no día 24 de Nadal, é dicir, o nacemento e utilicemos este vídeo e unha fermosa cantiga tradicional adaptada recentemente polo grupo Berroguetto:



Este é o texto do nadal tradicional:

Cara Belén camiña unha Niña ocupada
fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

Chegaron a Belén e pediron pousada,
responderon desde dentro con voz alborotada
-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?
-Somos Xosé e María que pedimos pousada
- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.
- Cartos non traerei máis que real de prata
-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

San Xosé se apenaba, María o consolaba.
Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,
que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


Unha figura tradicional das nosas montañas é o Apalpador:



Un ciclo, o de Nadal, que remata o 6 de xaneiro coas danzas de Reis coma estas:








Comentarios (0) - Categoría: A LINGUA DOS NOSOS AVÓS - Publicado o 15-12-2015 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
IMOS LER UN GRAN LIBRO

Imos ler un gran libro da nosa literatura para comezar co plan lector deste curso:
MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas.



Este autor que estivo hai uns anos no colexio, faleceu lamentablemente hai uns días e neste curso temos a oportunidade de achegarmonos ao seu libro máis coñecido e universal.

Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-12-2015 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
AS LINGUAS DA NOSA PENÍNSULA

Debemos reparar que as 8 linguas que se falan na península, hai Comunidades Autónomas que non recoñecen como oficial ditas linguas.

Namentres que o castelán é a lingua oficial do Estado Español o galego é cooficial en Galicia, goza dun certo recoñecemento en Castela e León, pero Asturias e Estremadura nin o nomean nos seus respectivos estatutos e os seus falantes nestes territorios están totalmente desprotexidos.

O catalán é cooficial en Cataluña, esta comunidade recoñece comno cooficial tamén o aranés, lingua que se fala tamén en Francia e que alí non está recoñecida. Nas Illas Baleares e na Comunidade valenciá tamén é oficial o catalán, aínda que nesta última recibe o nome de valenciá. Mais o catalán que se fala en Murcia non está recoñecido, como tampouco o que se fala na zona sur de Francia denominada o Rosellón.

O éuscaro é cooficial en Euskadi e en Navarra, pero nas zobnas de Francia onde se fala non está recoñecida esta lingua que é a máis antiga das faladas na península ao non pertencer á familia indoeuropea, como as demais.

O portugués é oficial en Portugal, pero nas zonas de Salamanca, Cáceres ou Badaxoz onde se fala non está recoñecido. Pola contra o estado portugués recoñece o mirandés (unha lingua astur-leonesa) no territorio onde se fala, por iso é curioso que o astur-leonés non estea recoñecido como cooficial nin en Asturias nin en Castela e León.

O aragonés tampouco está recoñecido na súa comunidade e é unha lingua que está nun grave perigo de desaparición pola perda de falantes.

Debemos falar de dúas linguas máis que se sitúan realmente fóra da península, pero nas comunidades norteafricanas de Ceuta e Melilla. Neste territorio hai un importante número de falantes de árabe e de tamazig que son idiomas non recoñecidos polas autoridades destas cidades.

Como podemos apreciar danse situacións ben distintas dependendo do recoñecemento das linguas por parte dos gobernantes que administran estes territorios. Hai estados máis sensibles coa súa protección e outros menos, asi como hai linguas que se respectan plenamente e outras que son atendidas de maneira diferente.
Comentarios (0) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 03-12-2015 06:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal