blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O NOME DE GALICIA
A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra. Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.

NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:






Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e “ás cuncas" ou "a cachón” Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler o seguinte texto e consultando as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras o que nos quere dicir.


Le agora o seguinte texto:
COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 25-11-2013 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
Que debemos falar os galegos?
Despois de analizar os resultados das enquisas da árbore filolóxica da clase intentamos dar resposta as preguntas que nos faciamos.
Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes?:
Atopamos na aula inicialmente tres respostas posibles a esta cuestión tan complexa:
- A ditadura de Franco. O medo e a represión.
- O ser o castelán o único idioma oficial e das clases acomodadas asociado ao éxito social e o galego asociado ao idioma dos "dos pobres".
- O non nos falar os nosos pais/ nais en galego a nós a pesar de ter recuperado a Democracia.
- O feito de que haxa un ambiente pouco propicio (amigos/as, compañeiros de clase, etc…) que só nos falen en castelán.

Iremos pois analizando estas respostas, unha a unha:


O IDIOMA GALEGO DURANTE O FRANQUISMO (1936-1975)
Observa este cartel que se repartía en Galicia nos primeiros anos da Ditadura de Franco (1942).

1- A REPRESIÓN LINGÜÍSTICA
- Debemos saber que o noso idioma foi prohibido nas escolas, nos actos públicos, nos xornais, no cine… sendo habitual o castigo físico dos rapaces ou rapazas que o usasen na escola, os despidos de funcionarios ou as multas a xornais e escritores, mesmo a censura que impedía a publicación ou a tradución de libros ao galego.

O castelán era o único idioma que se ensinaba e usaba en público, considerando o galego, catalán ou o éuscaro dialectos. Nesa sociedade represora viviron os nosos avós e esa situación foina que naceron e herdaron, en gran parte, os nosos pais/nais.

Todos vós tivestes, grazas á volta da Democracia, unha mellora considerable á hora de poder coñecer e usar o galego nas aulas, pero aínda así, pasados máis de 30 anos, seguimos sendo herdeiros e sufrimos dalgún xeito a presión dunha sociedade condicionada pola imposición que a ditadura exerceu durante os 40 anos que durou. Esa que, en gran medida, fixo que descendese o número de galego-falantes nos últimos anos.

O feito de que os nosos pais/nais non nos falen a nós en galego é logo unha consecuencia das prohibicións e o desprestixio da lingua galega que durante o Franquismo se asentou .

Despois de analizar as prohibicións do Franquismo como unha das principais causas do descenso de galego-falantes nos últimos anos, imos completar esta análise con outra causa non menos importante.

2- A PERDA DO GALEGO COMO CONSECUENCIA DA DESRURALIZACIÓN.

A lingua galega sufríu un descenso de falantes a partir de mediados do século XX tamén como consecuencia da desruralización.

A desruralización de Galicia é a perda de poboación das aldeas e pobos, mesmo das vilas, especialmente das provincias do interior (Lugo, Ourense, pero tamén de zonas máis afastadas da costa da Coruña e Pontevedra). Esta xente marcha do campo para ir vivir e traballar ás cidades galegas ou fóra de Galicia. Un proceso de emigración que se agudizou nos tempos de Franco e que xunto coa presión e a represión exercida a través das escolas provocou que se fora impoñendo o uso do idioma castelán entre os máis novos. Neste vídeo podedes ver as condicións nas que se escolarizaban aos nenos/as das aldeas do interior de Galicia nos últimos anos do Franquismo:




CUESTIÓNS SOBRE O VÍDEO: As Escolas no Franquismo e a desruralización.

1- A pesares de seren o galego o idioma de Galicia, sabes cando se introducirá por vez primeira nas escolas?

2-Describe en detalle seguindo o que din as mestras cal era a situación dos escolares do rural nos últimos anos do Franquismo.

3- Unha das protagonistas da reportaxe é unha rapaza, en que condición de especial dificultade vive? Por que prefería comer no colexio co resto dos seus compañeiros das aldeas de Friol?

4- Que queren ser de maiores estes nenos/as? Por que cres que ningún quere permanecer no campo? Razoa a resposta.

5-Que fan os rapaces e que fan as rapazas ao rematar a xornada escolar e volver as súas casas? Teñen moito tempo para facer os deberes?

6- A avoa que aparece ao final da montaxe, en que idioma canta aos seus netiños?

3- O DESPRESTIXIO DO GALEGO COA IDEA DE QUE O CASTELÁN ERA O IDIOMA DO PROGRESO.

Ao chegar ás cidades, os medios de comunicación como a Radio, a TV e os xornais e fenómenos de masas como o Cinema, van exercer tamén unha forte presión sobre a poboación galego-falante para que troque de idioma. Comeza así a asociarse progresar co uso do castelán, e, aínda que o galego sexa o idioma máis usado en Galicia ou maioritario, será un idioma minorizado por non gozar de prestixio e de valor mesmo polos seus propios falantes.

Hoxe coa volta da Democracia para o galego, a pesar da desruralización e o desprestixio do galego no Franquismo, as cousas foron cambiando un pouco como podemos comprobar na mesma escola en Friol (Lugo):

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 12-11-2013 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA DOS AVÓS e AVOAS de 1º ESO A

Despois de realizar unha enquisa nas casas puidemos reunir os datos necesarios para facer esta árbore filolóxica, é dicir, da lingua dos nosos avós, para que a árbore sexa máis completa recollemos tamén os datos sobre a lingua que falaban os nosos bisavós e as nosas bisavoas e para establecer un seguimento incluímos tamén o idioma que usan os nosos pais e as nosas nais.

Que nos interesa sacar en limpo despois de todo este traballo de investigación? Coñecer os problemas que tivo o idioma galego nos últimos cen anos a través dunha testemuña directa, a da nosa casa, a dos nosos familiares, para entender que o futuro da lingua galega dependerá do que nós apostemos por ela.

CUESTIÓNS
1- Tras observar os datos de falantes dos idiomas usados nas nosas familias durante o século XX, por que cres que houbo un descenso tan grande de galego falantes?

2- O idioma dos nosos avós era o galego, pero en que idioma falaron maioritariamente aos seus fillos/as? Por que o fixeron así?

3- Que poderíamos facer nós para superar esta situación herdada e inxusta?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 07-11-2013 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Que relación temos os galegos coa morte?
No Mes de Defuntos procuraremos aprender algo que nos caracteriza como galegos que é a nosa especial relación coa morte. Será porque vivimos no Cabo do mundo?
Imos comezar analizando unha curiosa peregrinación que debemos realizar todos, ben de vivos ou ben de mortos. Di o refrán: "a Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo". Por iso comezamos por analizar este curioso documental que ademais de localizar este santuario na Costa da Serra da Capelada, perto de Fisterra, conta a lenda de Santo André e como hai tradición de que vaian en peregrinación vivos e mortos a aquel lugar. Os mortos necesariamente por seren romeiros do Alén( precisan mesmo a axuda de familiares vivos para atoparen o camiño cara esa illa do Alén cara a que se dirixen unha vez chegados a Teixido de aí os amilladoiros de pedras). Os vivos por ofrecemento ou promesa para sandar algún mal para o que moitos acoden co ataúde.
Pero un lugar máxico tamén presenta rituais que teñen que ver coa vida como o asociado á fonte dos tres canos ou a herba de namorar ou o xunco do bon parir.
No santuario, un dos máis visitados de Galicia, véndense tamén un amuleto-recordo que é pan de Santo André.




Imos pois despois de ver o vídeo responder as seguintes cuestións:
- Que significa a expresión romeiros do Alén?
- De que se queixaba Santo André a Xesucristo ao se instalar o seu santuario neste lugar de Teixido? Que lle contesta Cristo?
-Como pode ir un morto que non foi de vivo a Santo André ou a calquera outra romaría ao que estaba ofrecido? Que significa "petar no sartego"?
- Por que motivos acoden ao santuario os vivos?
- Define os seguintes conceptos: Romaría, Alén, ofrecemento, "herba de namorar", amilladoiros, "xunco do bon parir", procura tamén dous sinónimos de ataúde:...
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 05-11-2013 05:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal