|
|
|
GALICIA país dos Mortos... no mes de Santos ou Defuntos |
|
Resumimos o contido do vídeo.
GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .
Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:
A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.
Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.
E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.
Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?
Tras ler os textos e opinións resposta:
1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.
2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?
3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?
4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.
5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país? |
|
|
|
AS LINGUAS ROMÁNICAS E O SEU AVÓ |
|

Xa soubemos que das 7000 linguas do mundo, hai en Europa unhas 200 e destas hai un número máis reducido aínda que son fillas ou derivadas do latín. Estas linguas fillas da lingua de Roma chámanse linguas romances ou neolatinas.
Outro concepto que debemos lembrar é o do indoeuropeo, o avó de case todas as linguas de Europa.
1- Investiga cales das linguas do mapa que aparece máis arriba son romances ou románicas, é dicir, fillas do latín.
2- Que diferenza hai entre linguas romances e linguas indoeuropeas?
3- Procura tamén localizar no mesmo mapa cales das linguas que se falan en Europa non son indoeuropeas.
4- Investiga, tras consultar o seguinte enlace grandes familias de linguas, cales son, ademais da familia de lingua indoeuropeas, as cinco grandes familias de linguas do mundo. |
|
|
|
DAS PALABRAS ÁS FRASES |
|
 1-Escribe no teu caderno un par de frases simples seguindo os modelos de análise da estrutura da mesma en árbore como aparece na ilustración.
2- Le no enlace Tipos de frases que son as frases simples, complexas e compostas e escribe un exemplo de cada analizándoas e tamén desenvolvendo a súa estrutura en árbore.
3- Analiza agora as seguintes frases:
A casa de Xoán.
O coche de portas amarelas.
Arroz con polo e lombo embuchado. |
|
|
|
Maxicamente vello, eternamente novo |
|
 Un idioma é a chave coa que abrimos o mundo, como o poeta Manuel María deixou dito. Tamén dixo que era maxicamente vello, eternamente novo porque a lingua está constantemente en evolució, crea e recrea novas palabras con mecanismos como os que imos describir a continuación que ti xa coñeces e imos lembrar:
A estrutura das palabras variables.
PALABRAS CULTAS E PATRIMONIAIS
O galego é fillo do latín polo tanto a meirande parte do seu léxico ten esa orixe. Pero dende que na Gallaecia comezamos a falar latín ata hoxe, aquelas palabras do latín vulgar foron evolucionando de xeito natural ata se convertiren en palabras patrimoniais, é dicir, sufriron evolucións fonéticas e morfolóxicas propias do paso do latín ao galego. Por exemplo: Gallaecia> Galiza/ Galicia.
Tamén hai palabras no noso idioma que se incorporaron máis tarde directamente do latín ou do grego e manteñen a súa forma orixinal. Son os cultismos: latín Olfactu > galego Olfacto.
Ás veces esa palabra latina ou grega deu lugar a unha palabra patrimonial (con evolucións) e outra culta (sen evolucionar) que se coñecen como pares léxicos: madeira/ materia (ambas do latín "materia").
Hai casos nos que mesmo atopamos tres palabras unha patrimonial, outra culta e unha terceira semiculta (porque non evolucionou por completo)
Por exemplo: do Latín "regulam" temos a patrimonial rella, a culta regular e formas como regra.
EXERCICIOS COAS PALABRAS
1- Identifica a palabra simple de cada serie:
A) cariña, casiña, mesiña, cociña.
B) homazo, golpazo, balonazo, cabazo.
C) prezar, predispoñer, previr, predicir.
D) armamento, pemento, casamento, pasamento.
2- Sinala os constituíntes das seguintes palabras e que tipo de palabras forman (derivadas, compostas...):
ombreiro, pasamáns, centrocampista, desvantaxe, surafricano, vacaloura, vagalume, inmortal, fermosura, humidade, xordomudez.
3- Escribe dúas palabras derivadas a partir destas simples: pan, flor, mesa, pé, campo, terra, árbore, cor, morte.
4- Escribe palabras compostas unindo dous grupos dos lexemas seguintes:
garda- saca- para
raios- augas- montes- rollas- meta- moas -costas-brisas.
Para facer máis exercicios: En galego.eu |
|
|
|
OS NOMES DAS COUSAS: O NOSO CORPO |
|
Lembrando o que estudamos o ano pasado en Primaria imos dar un repaso e ampliar a 50 palabras que debemos coñecer sobre o léxico do noso corpo, a casa dos sentidos. Probemos a facer unha descrición do noso corpo dos pés á cabeza poñéndolle nome a cadansúa parte ata chegar a usar esas 50 palabras no texto.
Podemos ademais xogar e aprender máis con varias propostas que esperan por nós no portal das palabras. Outros espazos para xogar aprendendo na rede e dun xeito interactivo coas distintas partes do corpo en educaplay
Uns exercicios prácticos na rede. |
|
|
|
PALABRA, FRASE E ORACIÓN |
|
De palabras, das frases e das oracións
A palabra, a frase e a oración son unidades da lingua que están xerarquizadas do seguinte xeito: unha oración está composta por frases e unha frase por palabras. E aínda que existen unidades maiores como o parágrafo e o texto, ou menores como os lexemas e morfemas, imos comezar logo por estas tres: palabra, frase e oración.
A palabra é a unidade mínima da lingua do discurso, é dicir, con sentido completo. Debemos lembrar as distintas clases de palabras que podemos atopármonos na nosa lingua. As palabras están compostas por lexemas e morfemas. Un lexema é a parte invariable da palabra que contén o seu significado básico. Por exemplo: "cant-", "terr-". E logo existen os morfemas flexivos (que son elementos variables que indican xénero, número ou desinencias verbais) e morfemas derivativos (que mudan o significado básico da palabra ben con sufixos ou prefixos).
A frase está formada por unha ou varias palabras e desenvolve unha función dentro da oración. Distinguimos tamén varios tipos de frases segundo a clase de palabra que constitúe o seu núcleo.
A oración é unha unidade con independencia sintáctica e sentido completo que contén como mínimo un verbo e remata en pausa. Podemos clasificar as oracións seguindo distintos criterios:
-A estrutura:simples, compostas...
-A natureza do predicado: predicativas, atributivas...
-A actitude do falante:enunciativas,interrogativas...
As oracións están formadas habitualmente por dous grupos de palabras con funcións distintas: suxeito e predicado. o suxeito responde a que fai? ou que é? O verbo é o núcleo do predicado e concorda co suxeito en número e persoa.
Como diferenciamos predicado nominal e verbal?
O predicado nominal está formado por un verbo copulativo (ser, estar, parecer ou semellar) acompañado de atributo. O predicado verbal esta formado por un verbo predicativo (expresa accións)e pode levar complementos ou non.
Dentro do predicado poden aparecer as seguintes funcións sintácticas que iremos estudando: Obxecto directo(OD), Obxecto indirecto(OI), complemento de réxime(CR), atributo(ATRIB) só nas oracións de predicado nominal, predicativo(PVO) e complemento circunstancial(CC).
Saberías...
1. Que 5 categorás de palabras son variables? Pon tres exemplos de cadansúa clase.
2.Que 4 categorías de palabras son invariables? Por que se denominan así? Pon tres exemplos de cadansúa clase.
3. Sabes distinguir entre lexema e morfema?
avoa, avós, cantamos.
4. Sabes distinguir un morfema flexivo dun morfema derivativo.Escolle a resposta axeitada e logo pon un exemplo de cada.
a)Dan información gramatical. Exp.:___________
b) Elementos variables que transforman o significado básico e crean palabras novas.Exp.:________
5. Que diferenza hai entre un prefixo e un sufixo? Pon un exemplo de cada.
6.Escribe un exemplo dos seguintes tipos de frases:
Frase nominal: (Determinante + Nominal)
Frase preposicional:(Director + Termo)
Frase substantiva: (Núcleo + modificador)
Frase adxectiva:(Núcleo + modificador)
Frase adverbial:(Núcleo + modificador)
Frase verbal:(Núcleo (verbo) + modificador)
7.Identifica nas seguintes oracións as funcións sintácticas que se indican e distingue oracións con predicado verbal e con predicado nominal.
- Lugo posúe un importante patrimonio (SUX,PRED, OD).
-O bater do mar é un gran espectáculo (SUX, PRED, ATRIB).
-A ruta comeza en Roncenvalles. (SUX, PRED, CC)
-Galicia é un atractivo turístico para os mesmos españois. (SUX, PRED, ATRIB, OI).
8.Distingue oración simple e composta, e explica o por qué:
Un barco saía cara ás Américas.
Comía un bocadillo e bebía un zume de laranxa.
|
|
|
|
|