blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

GALICIA PAÍS DOS MORTOS.


Resumimos o contido do vídeo.

GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 27-10-2014 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
AS GRANDES FAMILIAS DE LINGUAS DO MUNDO
Para simplificarmos o panorama de familias lingüísticas imos distinguir 5 grandes grupos:

A familia INDOEUROPEA, as linguas euroasiáticas entre as que se atopa o latín e a nosa.

A familia BANTÚ ou de linguas africanas.

A familia CAMITO-SEMITA entre as que se atopa o hebreo e o árabe, situadas no norte de África e a parte de Asia próxima ao Mediterráneo.

A familia SINO-AUSTRINA con linguas como o chinés e o xaponés en Asia e todas as de Oceanía.

A familia AMERINDIA das linguas do continente americano quechua, azteca, guaraní...

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.
A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".

Por iso o noso traballo durante este curso cremos que debe encamiñarse na procura de preservar o espazo do galego, ese que debe ocupar Galicia no mundo.

CUESTIÓNS:

1- O AVÓ DO GALEGO, quen vén sendo?

O galego, coma a maioría das linguas de Europa e un bo número das de Asia, deriva do indoeuropeo, podemos dicir que é o seu avó ou avoa.

1.1 Cuestión: Procura unha boa definición do indoeuropeo e representa unha árbore xenealóxica ou esquema de todas das 12 grupos ou familias fillas do antigo indoeuropeo (podes informarte nesta dirección: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_indoeuropeas) de todos os xeitos a lista de grupos que debe aparecer é : Albanés, Anatolio, Ilirio ( paleo-balcánico), Grego, Celta, Tocario, Báltico-Eslavo, Itálico, Xermánico, Indo-Iraní e Armenio, procura tamén poñer o nome de algunhas das linguas máis importantes de cada unha destas familias. Non esquezas de situar na árbore o galego indicando quen foi a súa lingua nai.

1.2 Cuestión: As cinco grandes familias de linguas no mundo son a indoeuropea, a sino-austrina(Asia oriental e Oceanía), as camito-semitas, as africanas e as amerindias. Fai un pequeno esquema no que coloques un par de exemplos de linguas de cada familia, procura que sexan linguas o máis coñecidas posibles por todos os compañeir@S Podes informarte en : http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_do_mundo

1.3 Cuestión: Sitúa as linguas romances, románicas ou latinas nun mapa. Investiga tamén sobre cales son as linguas non indoeuropeas de Europa. Cal é a lingua non indoeuropea da nosa península?.Podes informarte en: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_rom%C3%A1nicas.
http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%89uscaro


2- CALES PODEN SER AS CAUSAS DA DESAPARICIÓN DAS LINGUAS E DA EXPANSIÓN DOUTRAS?

Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa que seguramente facía uso de diversas linguas non escritas. Os romanos someten á poboación tras diversas guerras con galaicos, cántabros e ástures e establecen unha división provincial na Península dentro do gran Imperio creado por eles. Gallaecia será unha provincia romana (maior do territorio actual de Galicia, pois chegaba polo sur ao río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores que desapareceron,pero sobre o latín créase a base da que nacerá máis adiante o galego cara o século IX d. C.

3- QUE SIGNIFICA QUE O GALEGO SEXA UNHA LINGUA ROMANCE?

4- SE NO MUNDO HAI 200 ESTADOS E SE FALAN MÁIS DE 6.000 LINGUAS, QUE PODEMOS DEDUCIR DESTES DATOS?
Comentarios (0) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 13-10-2014 06:40
# Ligazón permanente a este artigo
A DERRADEIRA FALANTE DO BO, DO EYAK,...
Sabías que hai 10 millóns de anos debía haber na terra unhas 20.000 linguas? Hoxe só quedan 6900 formas de descubrir o mundo.
Como comenta o libro de texto, un dos idiomas da illa Andamán quedouse recentemente sen falantes.
Grazas á páxina www.survival.es podemos coñecer este caso e algún máis.

O derradeiro falande de dálmata Tuone Udaina

A derradeira falante da lingua tasmaniana Fanny Cachrane Smith.



A derradeira falante de córnico, un idioma céltico:Dolly Pentreath. O córnico é unha lingua revivida no século XX e hoxe crése que hai máis de 2000 falantes deste idioma recuperado.

O idioma da Illa de Man, o derradeiro falante de manx: Ned Maddrell

O derradeiro falante de ubijé: Tevfik Esenç

O da derradeira falante da lingua eyak: Marie Smith Jones

Así aparecía a noticia da súa morte na Voz de Galicia en 2008:

Morre a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua “eyak”.

Efe VOZ DE GALICIA 24-I- 2008
WASHINGTON. A cacique Marie Smith Jones, a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua “eyak”, morreu esta semana aos 89 anos de idade, segundo informou onte o diario The Anchorage Daily News. En Alaska e as illas Aleutianas viven uns 66.390 nativos, dos que aproximadamente 14.800 falan aínda algún dos idiomas orixinais que pertencen a catro grupos lingüísticos. Segundo Leonard Smith, neto da cacique Marie, a muller foi achada morta na súa cama e a familia cre que faleceu mentres durmía. “ Todos din ‘así xa non sofre máis’ comentou ao diario a neta Sherry Smith, “ porque sufrirá moitas dores durante anos”.

Marie Smith Jones, que nacera no 1918 en Cordoba e viviu os seus últimos anos en Anchorage era a derradeira “eyak” de puro sangue e xefa da súa minguante tribo, á que conducirá nunha batalla legal contra as grandes empresas madereiras que cortaban bosques en terra ancestrais. Michael Krauss, da Universidade de Alaska en Fairbanks, un experto en linguas indíxenas, calculou que dez mil anos atrás, cando había na Terra uns 10 millóns de humanos, falábanse máis de 20.000 linguas, e foron a integración social e económica, o desenvolvemento das comunicación globais e a extinción ou asimilación das culturas autóctonas o que levou á desaparición de milleiros de idiomas.




Cuestións para saber máis:
Cantos idiomas hai hoxe no mundo?
A ver se dás coa resposta axeitada. A metade dos idiomas do mundo teñen menos de:

1000 falantes
2000 falantes
10.000 falantes

A cada canto desaparece unha lingua?
Comentarios (1) - Categoría: AS LINGUAS DO MUNDO - Publicado o 06-10-2014 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA TERRA, UNHA LINGUA, UNHA IDENTIDADE.
A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra). Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.


NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:






Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e “ás cuncas" ou "a cachón” Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler os seguintes textos e tras consultar as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras como cres que nace un idioma e por que é tan importante a súa pervivencia no mundo.

COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)


ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira

Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar. Mais os pobos teñen unha forza máxica, invulnerable, e por iso as nacións asoballadas poden verse privadas do seu poder creador, ou poden converterse en parasitos da cultura dominante; pero endexamais se deixan asimilar.
CASTELAO, Sempre en Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: A LINGUA DOS NOSOS AVÓS - Publicado o 01-10-2014 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal