blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUEN VÉN SENDO O AVÓ DO GALEGO?


Comeza o curso 2010-2011, o noso lema "Respecto á diferenza, dereito á identidade" vainos levar durante este curso polo camiño da tolerancia á diferenza, esa que non impida a nosa afirmación orixinal no universo, que reclame o noso dereito a ser diferentes e a non estragar a nosa cultura, a nosa peculiar forma de ver o mundo.

Unhas palabras tiradas do comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.
A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".

Por iso o noso traballo durante este curso cremos que debe encamiñarse na procura de preservar o espazo do galego, ese que debe ocupar Galicia no mundo.

CUESTIÓNS:

1- O AVÓ DO GALEGO, quen vén sendo?

O galego, coma a maioría das linguas de Europa e un bo número das de Asia, deriva do indoeuropeo, podemos dicir que é o seu avó ou avoa.

1.1 Cuestión: Procura unha boa definición do indoeuropeo e representa unha árbore xenealóxica ou esquema de todas das 12 grupos ou familias fillas do antigo indoeuropeo (podes informarte nesta dirección: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_indoeuropeas) de todos os xeitos a lista de grupos que debe aparecer é : Albanés, Anatolio, Ilirio ( paleo-balcánico), Grego, Celta, Tocario, Báltico-Eslavo, Itálico, Xermánico, Indo-Iraní e Armenio, procura tamén poñer o nome de algunhas das linguas máis importantes de cada unha destas familias. Non esquezas de situar na árbore o galego indicando quen foi a súa lingua nai.

1.2 Cuestión: As cinco grandes familias de linguas no mundo son a indoeuropea, a sino-austrina(Asia oriental e oceanía), as camito-semitas, as africanas e as amerindias. Fai un pequeno esquema no que coloques un par de exemplos de linguas de cada familia, procura que sexan linguas o máis coñecidas posibles por todos os compañeir@S Podes informarte en : http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_do_mundo

1.3 Cuestión: Sitúa as linguas romances, románicas ou latinas nun mapa. Investiga tamén sobre cales son as linguas non indoeuropeas de Europa. Cal é a lingua non indoeuropea da nosa península?.Podes informarte en: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_rom%C3%A1nicas.
http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%89uscaro


2- CALES PODEN SER AS CAUSAS DA DESAPARICIÓN DAS LINGUAS E DA EXPANSIÓN DOUTRAS?

Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa que seguramente facía uso de diversas linguas non escritas. Os romanos someten á poboación tras diversas guerras con galaicos, cántabros e astures e establecen unha división provincial na Península dentro do gran Imperio creado por eles. Gallaeciaserá unha provincia romana( maor do territorio actual de Galicia, pois chegaba polo sur ao río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores que desapareceron,pero sobre o latín créase a base da que nacerá máis adiante o galego cara o século IX d. C.

3- QUE SIGNIFICA QUE O GALEGO SEXA UNHA LINGUA ROMANCE?

4- SE NO MUNDO HAI 200 ESTADOS E SE FALAN MÁIS DE 6.000 LINGUAS, QUE PODEMOS DEDUCIR DESTES DATOS?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 08-10-2010 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal