blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Día Escolar da Paz: Un conto e un poema
Despois dos exames celebramos na aula esta xornada cun conto e un poema.

O conto titúlase "A bomba e o xeneral" e como o texto que temos na biblioteca está en portugués imos lelo neste idioma irmán para saber ata que punto é doado ler un texto nunha lingua tan próxima.

O poema é de Celso Emilio Ferreiro, todo un clásico que seguro xa coñecedes: Irmaus.

Irmaus
(Celanova, 1912 - Vigo, 1979)

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 31-01-2014 06:08
# Ligazón permanente a este artigo
A descrición do Suso en Misterio resolto
MIRAR A TRAVÉS DOS OLLOS DO OUTRO.

A autora do texto, Concha Blanco, decidiu escoller unha voz para comunicar unha historia que titula: Misterio resolto.

Que tipo de voz narradora cres que escolleu?

Para sabelo temos que ler o texto, claro está, e deducir polo tempo verbal que utiliza se narra a historia dende dentro ou dende fóra da mesma.

Ben, despois de solucionar esta primeira intriga literaria propia de lectores interesados, imos cos personaxes. Tradicionalmente aparecen descritos nas primeiras páxinas dos textos. Ocorrerá así nesta novela?

A descrición é un modelo de contar, un modo de escribir pintando, debuxando. Trátase dunha parada da acción típica dunha narración. Os verbos pasan a ser verbos estáticos: ser, estar, parecer... tamén son moi frecuentes verbos como ter... están case sempre en tempo imperfecto: era, estaba, parecía,tiña... Outro elemento frecuente nas descricións son os adxectivos que expresan a calidade ou os estados dos obxectos ou persoas descritas. Por último, o elemento máis literario das descricións son as comparacións e as metáforas. A comparación nos seus distintos graos (tanto como, máis ou menos que) ou o simple "como" abren a porta á imaxinación. Se dicimos Era alto como un carballo imaxinamos de inmediato unha persoa forte e robusta asociados á comparación feita coa árbore, por exemplo.
logo vén a metáfora esa gran entrada da subxectividade no texto: "es longo, es un día sen pan!"

A descrición persoal pode ser física (prosopografía) ou de carácter (etopea). Se fala dun retrato cando combinamos ambas.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 15-01-2014 06:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal