 Éche este transno coma todos os trasnos aos que lles gusta revolver e facer trasnadas na casa na que entran, pero á vez é moi particular, porque só vai a aquelas casas ás que lle invitan por carta a entrar e só aparece nelas na noite do 16 para o 17 de maio. O máis característico deste trasno é que tras facer das súas pola casa adiante deixa un agasallo como compensación que pode ser un libro, un CD ou un cómic sempre, sempre, sempre en galego. Adoita deixalo nos lugares máis insospeitados, gústalle por exemplo meter os libros na neveira á que acode con frecuencia na procura de leite durante a noite.
Este curso comezou visitando xa algunhas casas despois de recibir cartas como estas:
Estimado Trasno das Letras Galegas:
Ata hoxe non te coñecía, pero agora que sei das cousas xenais que fas encantaríame que me fixeras unha visita. Como sei que che encanta, douche permiso para desordenar todos os currunchos da miña casa e se pode ser, tráeme algún libro en galego e agáchao onde queiras. Entendo que non queiras que te vexa, xa que sei que non che gusta, pero por favor, vén a verme o Día das Letras Galegas será todo máis divertido. Espero a túa visita!!
Querido Trasno Das Letras Galegas:
Quería dicirche que este ano fun unha boa rapaza e que me gusta falar galego coma ti xa sabes, e non estaría mal que me trouxeras un libro, porque xa nos estamos achegando ao Día das Letras Galegas. Eu teño moitos libros, pero a gran maioría son en castelán, entón quero que ti me agasalles un en galego.
Non me revolvas moito a casa, por favor!
Un saúdo!
(Ilustración de Antía Argibay e textos de Paula Rosales e Emma Freire) |