blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUE DIN OS RUMOROSOS? O NOSO HIMNO (I)

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.



Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas 5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros 10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono 15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son, 20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados 25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa 30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

UN HIMNO CON PREGUNTAS:
Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

3- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.

4- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste.

5- Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

6- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos" unha árbore que co seu son anuncia unha revelación na que hai un pasado (coas raíces na terra), un presente (que podemos asociar a seu tronco, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta, tocando o ceo). Son _____________.

7- A revelación ou o anuncio será escoitado por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante).

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


8- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?



CONTINUARÁ
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 26-05-2020 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0