blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ROSALÍA, LIBRE DE PENSAMENTO

Rosalía vén ao mundo na Compostela do ano 1837.
O seu nacemento como filla dunha nai solteira, dona Tereixa Castro, unha fidalga padronesa, e o seu pai, Xosé Martínez Viojo, cura da Escravitude, vai marcar dende os seus primeiros días a súa traxectoria como muller nun século especialmente cargado de dificultades para a condición feminina.
Debemos destacar a súa infancia en Ortoño e Padrón, o seu contacto co mundo do rural que lle permite coñecer a fondo a súa lingua materna: o galego.
Súa nai soubo darlle unha educación peculiar e axiña destacará entre a mocidade do Liceo da Xuventude compostelán polas súas calidades como actriz. Tocaba varios instrumentos, sabía francés e era unha gran recitadora.

Consciente das limitacións da muller, con só 20 anos rebélase contra as convencións da súa época:

"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.
Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza. Cando os Señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu me río como eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne. Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.


Desde moi nova participa con intelectuais como Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal(era amiga da familia e, especialmente, de Eduarda que morrerá en 1853) en eventos de carácter progresista como o Banquete de Conxo(1856), pero non será ata máis tarde cando madure de xeito definitivo este contacto co galeguismo emerxente ao que estaban adscritos un bo número de intelectuais liberais da Galicia de mediados do XIX, tras acontecementos como a matanza dos denominados Mártires de Carral e as Guerras Carlistas.

Amiga das letras dende moi nova comeza unha carreira literaria en Madrid, publicando o seu primeiro libro La flor (1857).

Casa con Manuel Murguía en 1858 e un ano despois nace Alejandra, a primeira dos sete fillos que terá o matrimonio, comeza así a partillar as cargas familiares coa súa vocación por seguir escribindo e editando. En 1859 sairá do prelo a novela La hija del mar.

A súa unión con Murguía suporá, tamén, o comezo dunha vida itinerante que a levará a residir en diferentes lugares: Madrid, Valladolid, A Coruña... que marcarán tematicamente parte da súa obra, como pode ser a súa estadía en Castela.

En 1863 publica A mi madre e Cantares gallegos, obra considerada clave no Rexurdimento literario de Galicia .
1864: Edítase o seu único conto en galego, coñecido baixo o título Contos da miña terra.
1865: Las literatas , artigo sobre a condición feminina.
1866: Ruinas, novela publicada por entregas.
1867: Publica a súa novela máis longa e ambiciosa: El caballero de las botas azules.
1868: Murguía é nomeado director do Arquivo de Simancas (Valladolid) cargo que exercerá ata 1870. Rosalía neste tempo escribe grande parte do poemario Follas Novas. A finais de 1870 e inicios de 1871 reside en Madrid, onde coñece a Bécquer.
Nestes anos Murguía é trasladado ao Arquivo do Reino de Galicia e a familia pasa a vivir na cidade da Coruña, onde reside ata 1874.
1880 Publícase Follas Novas, obra que a consagra como poeta galega.
1881: Publicación de El primer loco
1884: Publica o seu último libro de poemas: En las orillas del Sar

1885: Fina en Padrón, aos 48 anos de idade.

Canto sabes de Rosalía?
Comentarios (0) - Categoría: ROSALÍA - Publicado o 20-02-2019 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal