blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Asombramentos do castiñeiro

Os soutos poden ser tamén lugares perigosos na nosa tradición. Enriba do castañeiro canta o moucho que, como é sabido, é un dos avisos da morte máis habitual, e debaixo dun castañeiro pode aparecérselle a un a sombra de alguén que vai morrer (outro aviso da morte, que os estudados denominan urco e pode tomar a forma que lle pete unha vez morto, tal vez unha pega, ou un moucho ou mesmo unha castaña).
Quizás por iso non recomendan durmir debaixo do castañeiro polos malos soños que poida traer (parece unha boa indirecta mesmo cunha carga irónica de que debaixo do castañeiro o que hai que facer non é estar durmido, senón traballar) pero efectivamente o castañeiro pode ser perigoso polos “asombramentos”, especialmente os ninos poden ser vítimas deles. As sombras poden ser ánimas en pena que causan dano aos familiares próximos para que os lembren pois andan penando e non poden entrar nin no Ceo nin no Inferno.
En Mondoñedo cóntase que unha nena noviña dirixíase á noitiña por un camiño a recoller as ovellas. O avó levaba un tempo mal, encamado e con poucas esperanzas de vida. Ao pasar por diante dunha casa xusto fronte ao outro lado do camiño, viu ao seu avó vestido como para ir a misa, esperando debaixo dun castiñeiro. Ela seguiu e ao volver para casa dixéronlle que o avó morrera. Unha señora que tamén o vira, logo lle explicou que o avó se aparecerá debaixo do castiñeiro vestido como para ir a misa porque se estaba despedindo dela.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 18-11-2018 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal