A landra que non se ve en maio,
non se ve en todo o ano.
Dúas palabras sementar e esperanza, que unidas á lingua que falamos, provocan de inmediato unha mensaxe tremendamente evocadora e positiva, que parte do presente mirando cara ao futuro, capaz de superar un pasado xa esgotado, entendido como un proceso colectivo de progreso e aberto á ilusión dunha nova primavera.
Unha vella canción moi popular en Galicia dicía:
Sementar sementarei,
loguiño de crarear,
en tanto no pobo medre
un meniño, un vello e un cantar.
Un meniño rebuldeiro
que fale na lingua nai
que suba nos pexegueiros
a fruta verde a roubar.
Un vello que dea consellos
un rostro de fume e pan
que conte contos ós nenos
do cuco e do paspallás.
Un cantar de redención
que troque a desolación
nun limpo e craro alborear.
Logo, deixáime morrer,
entre dous regos, queimado,
cando veñan os solpores
dos homes esfamiados.
Esta cantiga fala da esperanza que medra ao sementar palabras e ver medrar coa lingua nun pobo un meniño, un vello e un cantar...Unha reflexión sobre a importancia da tradición oral, de que pase de xeración en xeración, de boca en boca o saber dese pobo a través da lingua nai.
Sabías que sen lingua, é dicir, sen ter a capacidade de nomear as cousas, non hai coñecemento? Imos procurar argumentos para darlle resposta a esta cuestión.