 Hai que ser cego para non ver que en Galicia a morte ten características de auténtico deus. É unha divindade temida, pero tremendamente xusta, que fai a todos por igual porque non ten dúas vara de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra moura.
A Morte avisa sempre da súa chegada, esa é a Morte Branca, que se presenta para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. Logo virá a Morte Moura, esta xa vestida de negro, para levarse deste mundo aos avisados.
Nunha ocasión a Morte Branca, e como excepción, disque tivo compaixón. Tratábase dun home novo, san, cos fillos sen criar aos que había que manter. Prometeulle volver e avisalo convenientemente. O home chegou a vello. Un día, entre o lusco e fusco, chegou a Morte, petou na porta e ordenoulle:
- Vamos!
- Como? Non quedaches en darme os avisos?
- Xa chos din.
- Non tal.
- Caéronche o pelo e os dentes?
- Caeron.
- Perdiches a vista?
- Perdín.
- Haiche que berrar para que oias?
- Hai.
- Andas engoumado e cos pés a rastro?
- Ando.
- E logo, que máis avisos querías?
A Morte Moura irmá da Morte Branca, nunca fai a viaxe en balde, aínda que se trate de enganala, é inexorable.
Cóntase dun pai moi pobre que se botou aos camiños en busca dun padriño para un fillo acabado de nacer. Ofrecéronselle o Demo e mais Deus, pero non os aceptou por inxustos, por tratar distinto a uns doutros. Despois ofrecéuselle a Morte e aceptouna porque non fai distingos. Ademais a Morte prometeulle facer ao seu afillado rico.
- Será médico sen necesidade de estudos. Se me ve a min á cabeceira dun doente, dirá que non ten remedio; se me ve aos pés da cama, que receite o que se lle ocorra, que non hai perigo.
O afillado medrou, fíxose médico sen estudos e fartouse de gañar cartos. Pero nunha ocasión o doente era rico, moi rico e poderoso e ofreceu montes e moreas se o salvaban. O padriño, a Morte, axexaba á cabeceira da cama, pero o afillado devecía polo capital prometido.
A Morte contaba os segundos. O afillado tivo un alustre e ordenou:
- Sacalo da cama! Agora, deitádeo cos pés para a cabeceira!
Así o fixeron. O doente librou, pero o afillado non se lembrara de que a Morte nunca fai as viaxes en balde e alí mesmo, de pé como estaba, morreu.
CUESTIÓNS
Despois da lectura fai un resumo coas túas palabras destas narracións tradicionais, pero antes debes consultar e apuntar tamén aquelas palabras que non coñezas como, por exemplo: inexorable, alustre...ou expresións como "ter dúas varas de medir" " ofrecer montes e moreas"
|