No Día Europeo das Linguas e da Tradución ímolo celebrar co noso idioma:
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.
O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer.
Manuel María.
1- PROXECTO DE AULA DA UNIDADE 0: O poeta emprega unha morea de metáforas para definir o idioma: Unha metáfora é unha identificación dun termo real (o idioma) cun termo imaxinario ( a chave) que é posible porque hai un elemento que as une (o idioma e a chave abren algo). Atopa outras dúas metáforas no poema e indica cal é o seu termo real e o imaxinario.
Crea a túa propia metáfora e logo, reunindo todas as da clase, realizaremos a primeira banda deseñada do curso coas distintas ideas que realicemos.