As Luciñas son ánimas de persoas que morreron en desgracia ou violentamente. Só as poden ver quen non teña medo ou quen, ao seren bautizados, os seus padriños se trabucasen ao rezar o credo. Ambas cousas son ben raras que sucedan. Quen ten cu, ten medo e, na cerimonia do bautismo, os padriños sempre poñen moita atención.
As Luciñas aparecen habitualmente no lugar onde morreu alguén. Son luces movéndose, acendéndose e apagándose para que as saquen do penar. Para rematar coas aparicións das mesmas hai que, sen medo algún, as acompañar ao camposanto para que alí descansen en paz e máis nada.
Pola contra os Ruíns son ánimas de mortos condenados ao Inferno que foron amortalladas cun hábito bendito e non poden entran no Inferno e andan penando polo mundo ata que alguén lles axude a rachar o hábito. Para iso andan na procura dun vivo que se sinta obrigado a facelo.
Era un costume a de vestir aos mortos cunha túnica de monxe ou monxa .
Contan que un home ía regar á noite ao prado e sentía alí un runxir que o intrigaba. Consultou o caso co crego que lle aconsellou que cando o volvese a escoitar preguntara:
- De parte de Deus, dime o quen queres!
El fíxoo e aparecéuselle un defunto que lle dixo que quería desprenderse do hábito co que ía vestido.
O home, por consello do párroco, quedou para a noite seguinte coa ánima no mesmo lugar. Confesou, comungou, cargouse de cousas benditas, e levou unha fouce canda el para lle rachar o hábito ao defunto. Chegada a noite, fixo un circo no chan e púxose nel. Apareceu axiña o ruín. Rachoulle o hábito dende o ombro á manga, por diante e por detrás. E entón díxo o condenado:
- Aínda rabee quen tanto che aprendeu, que se non, habías vir comigo!!
E desapareceu por un furado que se abriu aos seus pés cheo de labaradas. Hai quen di que o pobre home morreu co susto aos poucos días. |