blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A LINGUA DOS NOSOS AVÓS É A NOSA?
Despois de analizar os resultados das enquisas da árbore filolóxica da clase intentamos dar resposta as preguntas que nos faciamos.
Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes?:

Atopamos na aula inicialmente tres respostas posibles a esta cuestión tan complexa:
- A ditadura de Franco. O medo e a represión.
- O ser o castelán o único idioma oficial e das clases acomodadas, logo asociado ao éxito social e o galego ao idioma dos "pobres".
- O non nos falar os nosos pais/ nais en galego a nós a pesar de ter recuperado a Democracia.
- O feito de que haxa un ambiente pouco propicio (amigos/as, compañeiros de clase, etc…) que só nos falen en castelán.

Iremos pois analizando estas respostas, unha a unha:


O IDIOMA GALEGO DURANTE O FRANQUISMO (1936-1975)
Observa este cartel que se repartía en Galicia nos primeiros anos da Ditadura de Franco (1942).

1- A REPRESIÓN LINGÜÍSTICA

- Debemos saber que o noso idioma foi prohibido nas escolas, nos actos públicos, nos xornais, no cine… sendo habitual o castigo físico dos rapaces ou rapazas que o usasen na escola, os despidos de funcionarios ou as multas a xornais e escritores, mesmo a censura que impedía a publicación ou a tradución de libros ao galego.

O castelán era o único idioma que se ensinaba e usaba en público, considerando o galego, catalán ou o éuscaro dialectos. Nesa sociedade represora viviron os nosos avós e esa situación foina que naceron e herdaron, en gran parte, os nosos pais/nais.

Todos vós tivestes, grazas á volta da Democracia, unha mellora considerable á hora de poder coñecer e usar o galego nas aulas, pero aínda así, pasados máis de 30 anos, seguimos sendo herdeiros e sufrimos dalgún xeito a presión dunha sociedade condicionada pola imposición que a ditadura exerceu durante os 40 anos que durou. Esa que, en gran medida, fixo que descendese o número de galego-falantes nos últimos anos.

O feito de que os nosos pais/nais non nos falen a nós en galego é logo unha consecuencia das prohibicións e o desprestixio da lingua galega que durante o Franquismo se asentou .

Despois de analizar as prohibicións do Franquismo como unha das principais causas do descenso de galego-falantes nos últimos anos, imos completar esta análise con outra causa non menos importante.

2-A PERDA DO GALEGO COMO CONSECUENCIA DA DESRURALIZACIÓN.

A lingua galega sufríu un descenso de falantes a partir de mediados do século XX tamén como consecuencia da desruralización.

A desruralización de Galicia é a perda de poboación das aldeas e pobos, mesmo das vilas, especialmente das provincias do interior (Lugo, Ourense, pero tamén de zonas máis afastadas da costa da Coruña e Pontevedra). Esta xente marcha do campo para ir vivir e traballar ás cidades galegas ou fóra de Galicia. Un proceso de emigración que se agudizou nos tempos de Franco e que xunto coa presión e a represión exercida a través das escolas provocou que se fora impoñendo o uso do idioma castelán entre os máis novos. Neste vídeo podedes ver as condicións nas que se escolarizaban aos nenos/as das aldeas do interior de Galicia nos últimos anos do Franquismo:




CUESTIÓNS SOBRE O VÍDEO: As Escolas no Franquismo e a desruralización.

1- A pesares de seren o galego o idioma de Galicia, sabes cando se introducirá por vez primeira nas escolas?

2-Describe en detalle seguindo o que din as mestras cal era a situación dos escolares do rural nos últimos anos do Franquismo.

3- Unha das protagonistas da reportaxe é unha rapaza, en que condición de especial dificultade vive? Por que prefería comer no colexio co resto dos seus compañeiros das aldeas de Friol?

4- Que queren ser de maiores estes nenos/as? Por que cres que ningún quere permanecer no campo? Razoa a resposta.

5-Que fan os rapaces e que fan as rapazas ao rematar a xornada escolar e volver as súas casas? Teñen moito tempo para facer os deberes?

6- A avoa que aparece ao final da montaxe, en que idioma canta aos seus netiños?


3- O DESPRESTIXIO DO GALEGO NA IDEA DE QUE O CASTELÁN É IDIOMA DE PROGRESO.

Ao chegar ás cidades, os medios de comunicación como a Radio, a TV e os xornais e fenómenos de masas como o Cinema, van exercer tamén unha forte presión sobre a poboación galego-falante para que troque de idioma. Comeza así a asociarse progresar co uso do castelán, e, aínda que o galego sexa o idioma máis usado en Galicia ou maioritario, será un idioma minorizado por non gozar de prestixio e de valor mesmo polos seus propios falantes.

Hoxe coa volta da Democracia para o galego, a pesar da desruralización e o seu desprestixio social imposto co Franquismo, as cousas foron cambiando un pouco como podemos comprobar na mesma escola en Friol (Lugo):

Comentarios (1) - Categoría: A LINGUA DOS NOSOS AVÓS - Publicado o 09-11-2015 08:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 jajajaja...Imp#blgtk08#resionante XD
Comentario por risitas (28-10-2017 12:07)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal