A Raiña Lupa pasa por ser a moura máis coñecida e misteriosa da nosa mitoloxía.
Trátase dun mito precristiá que logo se foi cristianizando ata aparecer integrado nas lendas da chegada do corpo de Santiago Apóstolo. Vaiamos logo na procura do noso dragón, as fontes de inspiración da novela de Dragal.
Le atentamente este texto en latín e a súa tradución:
Ophiussa... primo Oestrymnis,
locos et arua Oestrymnicis habitantibus;
post multa serpens effugauit incolas,
uacuamque glaebam nominis fecit sui.
"Ofiusa... foi chamada, ao principio, Estrimnis, porque os estrímnicos poboaban as súas paraxes e cabos; despois, unha multitude de serpes fixo fuxir aos seus habitantes e deixou o territorio privado do seu nome."
Cempsi atque Saefes arduos collis habent
Ophiussae in agro. Propter hos pernix Lucis
Draganumque proles sub niuoso maxime
Septentrione conlocauerant laurem.
"Os cempsos e os saefes ocupan os abruptos cumios do territorio de Ofiusa. Cerca deles se estableceron o rápido luso e a prole dos draganos, en dirección cara o septentrión de abundantes neves".
Ora Maritima, Avieno
Avieno neste texto do século IV d.C. conta que os habitantes máis antigos de Galicia chamados Oestrimnios foron atacados o pobo dos Saefes (serpes ou dragóns) que algúns historiadores identifican coas tribos celtas que conforman a Cultura dos Castros. Poucos vestixios deixaron debido a posterior Romanización que trouxo outros costumes, crenzas e formas de vivir e organizarense a sociedade. Pero nas lendas como a do Santo Hadrián atopamos a un dos primeiros santos nestas terras acabando coas serpes das Illas Sisargas.
Non esquezamos que Ofiusa é o nome que recibe este territorio e que significa "pobo de serpes", os ofidios son a especie destes réptis, "ofis" é a palabra grega da que provén este nome.
Tamén os arqueólogos e especialistas na Cultura Castrexa chaman a nosa atención sobre a aparición de serpes esculpidas en pedra en distintos castros como o de Troña (Ponteareas) acompañados de lendas que se conservaron por tradición oral. Na ilustración a famosa Pedra da Serpe de Gondomil (Ponteceso), unha das máis coñecidas representacións de serpes-dragóns de orixe incerta e que posteriormente foi cristianizado como pode apreciarse pola cruz.