blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DESCUBRE A VERDADE...A GALICIA QUE LEVAS DENTRO
“Cada lingua dálle personalidade cultural ao seu pobo e transmítella a cada un dos seus membros. Cada pobo ten a súa. Cada home ten a do seu pobo. Nós, os galegos, temos a nosa.” RAMÓN PIÑEIRO

Este é o lema co que arrincamos este curso 2011-12: "Descubre a verdade...a Galicia que levas dentro"Xira ao redor da idea da educación da nosa identidade. Se o que nos fai humanos é precisamente a fala, exercer como tales humanos esixe vivir na procura de nós mesmos e manifestarnos como tal, de xeito auténtico ou verdadeiro. “Coñécete a ti mesmo” é unha fermosa e vella sentencia da antiga Grecia que podemos aplicar á hora de nos dispor a coñecer ese nós colectivo que se chama Galicia e que usa unha lingua que nos dá identidade no mundo, o galego.

Tomamos este texto como primeira lectura do curso e lectura central da Unidade 0. O debuxo que tes a túa dereita acompaña o seguinte texto.



CHEGOU DAS AMÉRICAS
(de “Cousas” A.D. R. Castelao)

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 19-09-2011 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
PARA RECUPERAR EN SETEMBRO
Hai alumnos/as que precisan presentarse en setembro para recuperar ou ben o curso enterio ou ben avaliacións que teñen pendentes: Para facilitar o seu labor imos colgar algunhas indicacións no blog.



PARA ALUMNOS/AS que deben recuperar 1ª, 2ª e 3ª avaliacións:

TEMAS do Libro: primeira 1,2,3, 4 /segunda 5-6-7-9 ( páxina 123) e terceira 10-11- 12, ademais das LETRAS GALEGAS: Lois Pereiro e o Himno.

O léxico de todos os temas anteriores.

A LINGUA POR DENTRO: Práctica gramatical do: Xénero e numero en substantivos e adxectivos/ frase nominal, substantiva e adxectiva. Determinantes e colocación dos pronomes (páx.123) Complementos directo e indirecto e circunstancial, adverbios e preposicións.

Escribir ben (H/- no tema 8) V/B no tema 10. Repaso dos verbos ver anexo do libro.

Recomendamos ler o libro: Cando petan na porta pola noite, de X.P. Docampo (Xerais)



PARA ALUMNOS/AS que deben recuperar 1ª e 2ª avaliacións:
TEMAS do Libro: Primeira Unid. 1,2,3, 4/ segunda 5-6-7-9 ( páxina 123).

O léxico de todos os temas anteriores.

Prácticas coa lingua : Xénero e numero en substantivos e adxectivos/ frase nominal, substantiva e adxectiva. Determinantes e colocación dos pronomes (páx.123) Complementos directo e indirecto e circunstancial.

Escribir ben (H/- no tema 8). Repaso dos verbos INDICATIVO ver anexo do libro

Lectura recomendada: Cando petan na porta pola noite, de X.P. Docampo (Xerais).




PARA ALUMNOS/AS que deben recuperar 2ª e 3ª avaliacións:

TEMAS do Libro: Segunda 4-5-6-7-9 (páxina 123) e terceira 10-11- 12 e LETRAS GALEGAS: Lois Pereiro e o Himno.

O léxico de todos os temas anteriores.

Prácticas coa lingua: Xénero e numero en substantivos e adxectivos/ frase nominal, substantiva e adxectiva. Determinantes e colocación dos pronomes (páx.123) Complementos directo e indirecto e circunstancial, adverbios e preposicións.

Escribir ben (H/- no tema 8) V/B no tema 10. Repaso dos verbos ver anexo do libro.


Lectura recomendada: Cando petan na porta pola noite, de X.P. Docampo (Xerais).




SOBRE OS EXAMES DE SETEMBRO

Terán todas estas probas de recuperación unha estrutura semellante ás que tivemos durante o curso nas distintas avaliacións, ademais dunha pregunta de redacción sobre a lectura recomendada. A continuación colgamos un modelo:


MODELO DA PRIMEIRA AVALIACIÓN
1- ESCRIBIMOS BEN: ACENTÚA correctamente e RESUME UN TEXTO.

2- INDICA que é un til diacrítico e pon ti outros 9 exemplos de uso de til diacrítico:

3- OS NOMES DAS COUSAS: Ponlle nome ás partes do corpo humano:( no folio de exame ía un gravado do corpo masculino e outro feminino).
Sinónimos de:
-cadaleito: -trabe:
-Alén: -morte moura:

4- LITERATURA E FORMAS DE COMUNICACIÓN: Explica brevemente as peculiaridades da lingua literaria.

5- FORMAS DE COMUNICACIÓN: Cales son os tres xéneros literarios fundamentais e cómo se definen, tanto polo seu contido como na forma que presentan.

6- Que caracteriza ao ser humano fronte as restantes especies animais, segundo Castelao?
Que significa para un galego, segundo Vilar Ponte, ser “algo máis que un galego habitante” e ser “orixinal no universo”?

7- A LINGUA POR DENTRO: Identifica Suxeito e Predicado, analiza as funcións ou tipo de complementos das oracións:
Ith percorreu todas as illas dende a torre.
O home soñador preparaba unha viaxe longa polo mar cara unha terra descoñecida.
Fixeron tres naves para trinta homes.
Leveiche a roupa cara a barca onte pola noite.

8- Substitúe o complemento directo e o indirecto polo pronome átono correspondente:

Pedín un libro aos Reis Magos, logo fixen uns agasallos para ela.
Mercamos varios xogos para todos vós.-

Explica como se debe colocar o pronome átono con respecto ao verbo e as súas 4 excepcións (pon exemplos).


9- Analiza en árbore as seguintes frases: Unha ánima en pena / Un cadaleito negro.

10- LINGUA E SOCIEDADE: Explica que grandes familias lingüísticas hai no mundo:
-Que é o indoeuropeo, que significa que o galego é unha lingua romance?

MODELO DA SEGUNDA AVALIACIÓN

1- FORMAS DE COMUNICACIÓN: Indica que tipo de voz narradora presenta un texto (que aparecía no folio de exame) e en que estilo está a parte dialogada do mesmo. Logo transfórmaa ti e escríbea no estilo contrario.

2- A LINGUA POR DENTRO: Escolle a opción correcta:
a) Tivo que ser alguén coñecido quen díxocho.
b) Xa che teño dito que non te quero ver así vestido.
c) Che me contou unhas cousas interesantísimas.
d) Eu xa sabía que te era un home moi listo.


3- Substitúe o subliñado por pronomes átonos. Exemplo: Mercou un coche ao seu pai. Mercoullo

a) Colleu as lambetadas ao irmán.
b) Tirou a pucha sobre a mesa.
c) Fixo os deberes para a clase de galego.
d) Recollín uns vídeos para o meu pai.
e) Preguntou a lección aos rapaces.


4- Indica os 4 casos nos que o pronome átono vai antes do verbo e pon un exemplo de cada caso.

5- ESCRIBE OS SEGUINTES TEMPOS DE INDICATIVO: Presente e Copretérito do verbo IR, Pretérito do ANDAR.
Antepretérito e Futuro do HABER e Pospretérito do verbo VIR.

6- ESCRIBIMOS BEN: Completa os seguintes enunciados con h ou Ø:
Contoume unha _istoria dun _árabe que era moi _umana e chea de _umor.
• _enrique tivo un accidente moi grave e levárono ao _ospital nun _elicóptero.
• _ola! Díxolle Óscar ao novo _óspede do _ostal.
• Caeu do _órreo e rompeu varios _ósos da perna, entre eles o _úmero.
• O seu _irmán está de vacacións nun poboado _indú.
• _elena vai a clases para aprender a tocar a _arpa.
• Non nos deixaron pasar ao concerto porque está proi_bida a entrada a menores.


6-Escribe s ou x segundo corresponda:
ei_e e_tender e_ilio madei_a
e_cavadora sinta_e
e_terno e_trañar
a_ila apro_imar
e_i_ir e_ame
e_a_erar e_hibir


7 - LINGUA E SOCIEDADE: Os dialectos do galego, que son, cantos bloques lingüísticos hai e as súas características.

8-OS NOMES DAS COUSAS: Que é un topónimo? Que é un xentilicio? Escribe correctamente os seguintes topónimos: Rianjo, Sanjenjo, Seijo, La Coruña, Puentearenas, Cantodarena, La Laje, El niño de la Guía, Ginzo.

9-Descobre os nomes desta habitación (no folio había un debuxo semellante ao do libro de texto.

10- Redacta un pequeno texto (10 liñas) co léxico da casa: A cociña da miña casa.




MODELO DA TERCEIRA AVALIACIÓN

1-O nome das cousas: ( inclúe o folio de exame dúas ilustracións que son de instrumentos musicais tradicionais de Galicia e de vestiario e calzado habituais)

2- A LINGUA POR DENTRO A)Escolle o adverbio que cumpra de entre os que se che ofrecen para cada enunciado.
Ven _____ xunta min (aí, acó, arredor).
Segou a herba _____ (ao rente, a carón, enriba).
A comida estaba boa _____ (de máis, bastante).
Escollerase unha persoa _____ (ao chou, de socato) que será a voceira.
Na farmacia déronme esta crema _____ (en balde, de balde).
Paso pola túa rúa _____ (acotío, decontino).

3-CONXUGA OS SEGUINTES VERBOS: Presente
e Pretérito de INDICATIVO de: IR, SUBIR, VER, VIR

4-CONXUGA AS SEGUINTES FORMAS VERBAIS:
SERVIR: 1ª persoa sing. de Presente Indicativo:_________ 2ª persoa sing. de presente de Indicativo_________
FUXIR: 1ª persoa sing. de Presente Indicativo:__________ 3ª persoa plural do presente de Indicativo:_________
HABER: 1ª persoa sing. de Pretérito Indicativo:___________1ª persoa sing. Presente de Subxuntivo:___________
VIR: 2ª persoa plural de Antepretérito:_____________ 3ª persoa sing. Pospretérito:_______________
ESTAR: 1ª persoa de plural Copretérito:________________ 1ª persoa sing. Presente Subxuntivo:___________

5-ESCRIBIMOS BEN: Usamos os dous puntos cando:
V F • Imos dar comezo a unha enumeración.
V F • Nunha carta queremos enviar un saúdo ao destinatario.
V F • Queremos indicar que o falante titubea ou se interrompe.
V F • Separamos enumeracións de oracións non relacionadas entre si.
V F • Separamos oracións que expoñen un feito e as súas consecuencias.
V F • Escribimos un encabezado dunha carta.

B)Puntúa correctamente o seguinte texto e coloca nos espazos en branco B ou V:
A _ruxa colleu a _asoira e en lugar de _arrer díxome: _aste ou quedas comigo ao pouco tempo esta_amos _oando polo ceo fomos _er ao meu a_ogado que _i_ía nunha casa _ranca ela sa_ía _en como era Al_erte e esti_o a piques de a _isarme que a _oda coa _ol_oreta de _al_ina era o__io que non tiña _alor legal era un tanto par_o se acepta_a.

6-LITERATURA: Redacta un texto sobre a vida e a obra de LOIS PEREIRO (10 -12 liñas)
- Que recurso formal atopas
nestes versos de Lois Pereiro:

Somentes
intentaba conseguir
deixar n aterra
algo de min que me sobrevivise



7-Localiza os seguintes recursos: metáfora, simil, anáfora, personificación,
aliteración, antítese e hipérbole dunha serie de versos de diversos poemas. Indica a rima que ten o texto indicado:


Maio longo...Maio longo;
todo cuberto de rosas,
para algúns tes, telas de morte,
para outros, telas de vodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min,
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.
(Rosalía de Castro)


8-Explica quen era Breogán e que significan as palabras subliñadas no himno:

Que din os rumorosos
na costa verdescente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, onde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán. (Eduardo Pondal).

9-Cal é a esencia dun texto teatral: define que é un drama no contido e como se distingue formalmente un texto teatral.

10-ESCRIBIMOS BEN: (a escoller) Describe en 10 liñas: a) un campo de fútbol.
b) A roupa que gardamos nos armarios da nosa casa.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 04-07-2011 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
SOBRE O HIMNO GALEGO
O único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes. Pero que se pregunta o noso himno?, quen fala?

Eduardo Pondal compuxo un logo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Imos logo descubrir que é o que nos di o noso himno:

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


Esta é a música:


BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:(exercicio de clase)

- os rumososos:
- luar:
- arume arpado:
- monótono fungar:
- cinguido:
- confín:
- castros:
- inxuria:
- rudo:
- encono:
- Breogán:
- arroubo:
- féridos:
- bardos:
- vaguedades:
- pregoa:
- redenzón:
- nazón:

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 10-06-2011 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
LOIS PEREIRO: LETRAS GALEGAS 2011
Celebramos as Letras Galegas este ano dedicadas a Lois Pereiro. Podes consultar na páxina da Academia Galega unha biografía e unha reseña acerca da súa obra.
Destas liñas escritas polo seu irmán entresacamos as seguintes:

"Escoitara coma quen oe o río das orixes"

"Nunca escribirei en castelán", díxolle un día á que empezaba a ser a súa moza, Piedad Cabo. "Quero ser como Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo".

Modesta proposición "Teño liberdade de acción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua".

"Non podo ver nenos que son só ollos", díxolle á nai.

Poemas 1981/1991 (Edicións Positivas). Corenta e dous poemas "mestura de video-clip, haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio", escribiu Manuel Rivas en Babelia, "que o converten no clásico que ten a literatura galega sen sabelo".


"O futuro é por forza alleo a min" Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (Edicións Positivas, 1995)

Epitafio
"Cuspídeme enriba cando pasedes
diante do lugar onde repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria".



Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 10-05-2011 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
XA PODES PASAR POLA BIBLIOTECA POLO TEU CARNÉ
UN LIBRO PARA AS VACACIÓNS:

Recomendamos estes tres dos que podes atopar exemplares na Biblioteca de Secundaria de paso que recolles o teu carné:

IMPLICADOS NO DESENVOL.O son das buguinas. Xerais.
CASTRO, Francisco. O ceo dos afogados. Xerais.
JAUREGUÍZAR. Plastilina nos pulmóns. Tambre.

FARIÑA, Anxo. Os megatoxos e a espada esmeralda. Promocións culturais galegas
RIVADULLA CORCÓN, X. H. Os piratas da Illa de esperanza. Xerais
MARTÍN, Paco. Das novas cousas de Ramón Lamote. Galaxia
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 14-04-2011 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Topónimos e xentilicios de Galicia
De todo o Estado, os galegos somos a Comunidade que máis nomes de lugar( topónimos) e seguramente,tamén máis xentilicios (os nomes dos habitantes dos diversos lugares. Seguiremos investigando logo.
Comentarios (1) - Categoría: GALEGO - Publicado o 09-04-2011 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA DOS NOSOS AVÓS
Utilizamos este tema para comezar este exercicio de memoria sociolingüística, é do novo traballo de ROI CASAL:



Estamos investigando cal era a lingua dos nosos avós, a os dos seus pais, e a dos nosos para saber e comprender porque nos falamos o que falamos.

Imos coa letra do tema musical de Roi Casal:

O idioma é a chave coa que abrimos o mundo.
O salouco máis feble o pesar máis profundo.
O idioma é a vida, o coitelo da dor,
o murmurio do vento, a palabra de amor.

O idioma é o tempo e a voz dos avós,
ese leve ronsel que deixaremos nós.
O idioma é un berce, patrimonio do pobo
maxicamente vello, eternamente novo.

O idioma é a patria e a esencia máis nosa
E a creación do mundo meirande e poderosa,
O idioma é a patria e a esencia máis nosa.

O idioma é a forza que nos xungue e sostén
Se perdemos a fala non seremos ninguén
O idioma é o amor , o latexo , a verdade,
a fonte da que agroma a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer,
precisamos da lingua se queremos vencer.
O idioma é a forza que nos xungue e sostén.

Letra do poeta Manuel María


Copia a letra da peza e indica:
1- Cal é o tema central desta cantiga?
2- Trátase dunha descrición na que abonda metáfora. Localícizaas e comenta o sentido das que creas máis importantes.
3- Intenta explicar con argumentos claros que quere dicir cando se afirma "se perdemos a fala non seremos ninguén".
4- Intenta comentar e explicar coas túas palabras estas outras dúas afirmacións relacionadas co título deste tema: O idioma é o tempo, a voz dos avós... maxicamente vello, eternamente novo" (fíxate na antítese vello-novo)
5- Outro verso que se repite na composición é "O idioma é a forza que nos xungue e sostén" razoa sobre o sentido do mesmo.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 15-03-2011 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
O LOBO ao LOBISHOME




Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 21-02-2011 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Unha proposta para poñer en práctica nesta Semana da Paz:
Unha iniciativa sinxela e participativa é a que propoñemos para os cursos de 1º da ESO.

PALABRAS POLA PAZ

Vexamos un exemplo de como podemos facer neste blog do CEIP RECIMIL:
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 30-01-2011 08:19
# Ligazón permanente a este artigo
O galego na prensa
Estamos a traballar coa prensa diaria, cos xornais e imos aprender do que os propios xornalistas fan a diario.
Deixamos aquí dous enlaces para que poidades acceder a GALICIA HOXE e tamén ao XORNAL DE GALICIA

Debedes saber que nas súas versións dixitais algúns xornais ao contrario no que se produce coa edición na rúa que sóa aparece en castelán, pode consultarse en galego se o seu lector escolle esa versión dende a súa casa, ese é o caso da VOZ DE GALICIA (EN GALEGO).

Existen outras publicacións con aspecto de xornais como A COMARCA no Morrazo que non teññen versión dixital, pero que están editadas tamén en galego.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 20-01-2011 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal