blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Probas de xuño
Para os que teñen a 3ª son tres temas do libro (7, 8 e 9) e as Letras Galegas 2015 (Filgueira Valverde).

Moi importantes neste grupo de temas son os verbos.
Repasar: Vocabularios dos tres temas,a parasíntese, préstamos e estranxeirismos, Adverbios, locucións adverbiais, preposicións e locucións prepositivas. Tipos de oracións e distinción de suxeitos e predicados. Os signos de puntuación. Os distintos prexuízos lingüísticos, os conceptos de lingua minorizada e minoritaria.E os recursos literarios.

Para os que teñan aínda pendente a 2ª deberán estudar os tres temas ( 4-5 e 6) nos que hai dúas cuestións moi importantes:

Os pronomes tónicos e átonos (a súa colocación)e a definición e distinción dos tres xéneros literarios.

Repasar: En léxico: Vocabularios dos seres fantásticos, a compossición e derivación de palabras con prefixos e sufixos, un repaso as regras de acentuación e aos acentos diacríticos. En gramática: Os distintos tipos de pronomes e o seu uso. En literatura: a medida dos versos e a rima, tipos de narradores e elementos da estrutura dun texto narrrativo. E na lingua e sociedade: as variedades da lingua (vulgar, estándar e culta).
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 16-06-2015 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
Proba oral
A proba oral consistirá en:

-MEMORIZAR un poema (o himno galego).
-CONXUGAR verbos (só para os que o precisen).
-LÉXICO: Dunha listaxe de palabras e locucións ou frases feitas procurar sinónimos ou expresións semellantes.
-EXPOSICIÓN dun tema coñecido seguindo un guión.
-RESPOSTAR a cuestións con coherencia e corrección sobre temas variados relacionados co curso.
Comentarios (2) - Categoría: GALEGO - Publicado o 09-06-2015 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Os recursos do himno galego
Imos ter que aprender o Himno galego para a próxima proba oral que imos realizar, pero antes imos coñecer a súa orixe e por que este himno é tan peculiar entre os himnos todos. Logo saberemos que recursos literarios podemos atoparmos nos seus versos.

ORIXE E AUTORES

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental do emigrante ferrolán Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías»-, quen primeiro pensou en Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores. A súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.

ORIXINALIDADE DO POEMA

Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Pero que se pregunta o noso himno? E quen fala?

O recurso fundamental será o símbolo dos Pinos(ver imaxe)

Imos logo descubrir que é o que nos di o noso himno:


OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
-os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- luar:nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla en forma de arpa do pino.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

RECURSOS (exercicio de clase)

Cales son os seus principais recursos:

SEMÁNTICOS (do contido e significado das palabras)

No épiteto "rumorosos" hai unha metonimia, como a explicas?

O símbolo dos pinos, que pode significar?

A personificación, en que versos a podes atopar?

Onde ves algunha antítese?

Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora, sabes cal?

MORFOSINTÁCTICOS (da forma e o ritmo)

O Hiperbato neste poema é frecuente, sinala un exemplo?

Viches algunha anáfora? Dinos onde.

FONÉTICOS (da musicalidade e dos sons)

Localiza un exemplo de aliteración

Nos versos 18 e 19 hai unha paronomasia, cal é?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 07-06-2015 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2015





Xosé Filgueira Valverde algúns datos.

17 de maio 2015
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 12-05-2015 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
AS ORIXES DO TEATRO NA BIBLIOTECA

Hoxe día internacional do Teatro fomos á Biblioteca para escoitar aos compañeiros/as de 4º de Cultura Clásica de 4º da ESO que nos explicaron cales eran as orixes deste xénero literario.

No blog da Biblioteca de Secundaria podemos ver unha reportaxe máis ampla desta experiencia didáctica.

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 27-03-2015 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
EN QUE CONSISTE O TEATRO
Imos achegarnos ao xénero do teatro:




Cuestións:
1- Cales son os personaxes que interveñen nesta trama?
2-Describe brevemente como son.
3- En que lugar e en que tempo se atopan?
4- Cal é o conflito que xorde entre eles?
5- Ao se tratar dun resumo dunha representación o final queda aberto, cal cres que será o final da historia? Sera comedia ou traxedia?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 25-03-2015 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
O NOSO ENTROIDO COMO É?


Chegou o Entroido, pero sabiades que era o noso Entroido un dos 10 máis orixinais do mundo?



Pero cal é o calendario, os días de celebración do Entroido galego? A diversidadde do noso entroido é unha das peculiaridades.






A PALABRA ENTROIDO:

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 10-02-2015 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
A Santo André de Teixido
No Mes de Defuntos procuraremos aprender algo que nos caracteriza como galegos que é a nosa especial relación coa morte. Será porque vivimosno Cabo do mundo?
Imos comezar analizando unha curiosa peregrinación que debemos realizar todos, ben de vivos ou ben de mortos. Di o refrán: "a Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo". Por iso comezamos por analizar este curioso documental que ademais de localizar este santuario na Costa da Serra da Capelada, perto de Fisterra. Logo conta a lenda de Santo André e como hai tradición de que vaian en peregrinación vivos e mortos a aquel lugar. Os mortos necesariamente por seren romeiros do Alén( precisan mesmo a axuda de familiares vivos para atoparen o camiño cara esa illa do Alén cara a que se dirixen unha vez chegados a Teixido de aí os amilladoiros de pedras). Os vivos por ofrecemento ou promesa para sandar algún mal para o que moitos acoden co ataúde.
Pero un lugar máxico tamén presenta rituais que teñen que ver coa vida como o asociado á fonte dos tres canos ou a herba de namorar ou o xunco do bon parir.
No santuario, un dos máis visitados de Galicia, véndense tamén un amuleto-recordo que é pan de Santo André.




Imos pois despois de ver o vídeo responder as seguintes cuestións:
- Que significa a expresión romeiros do Alén?
- De que se queixaba Santo André a Xesucristo ao se instalar o seu santuario neste lugar de Teixido? Que lle contesta Cristo?
-Como pode ir un morto que non foi de vivo a Santo André ou a calquera outra romaría ao que estaba ofrecido? Que significa "petar no sartego"?
- Por que motivos acoden ao santuario os vivos?
- Define os seguintes conceptos: Romaría, Alén, ofrecemento, "herba de namorar", amilladoiros, "xunco do bon parir", procura tamén dous sinónimos de ataúde:...
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 27-11-2014 08:09
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA PAÍS DOS MORTOS.


Resumimos o contido do vídeo.

GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 27-10-2014 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
INFORMACIÓN DE CARA A SETEMBRO
A información de cara a proba de setembro inclúe varias probas modelo de exame das xa realizadas no curso, orientacións e propostas de traballo para preparar ditas probas. Tamén incluíremos unhas recomendacións de lecturas para o verán.

PROBA MODELO 1ª AVALIACIóN: tema 1,2,3,4
1-LITERATURA:Procura na seguinte narración indicar os elementos e a súa estrutura:
OS RUÍNS
O ruín non vos é outra cousa que a ánima dun morto condenado ao Inferno e que ao estar amortallado cun hábito bendito, debe desprenderse del para poder deixar este mundo.
Un home que ía regar o seu prado todas as noites sentía un estraño runxir. Aconsellouse co crego da parroquia e esa mesma noite encarándose co lugar de onde viñan os ruídos dixo:
- De parte de Deus, dime o que queres!
Entón apareceu o defunto vestido cun hábito e pediulle que llo rachase. Citáronse para a noite seguinte. O home confesou co cura, comungou e cargouse de “ cousas boas” e levou unha fouce canda el. No lugar da cita fixo un círculo e púxose nel. Cando apareceu o ruín, rachoulle o hábito coa fouce con axilidade. Entón o ruín desapareceu por un burato que se abriu aos seus pés do que saían laparadas. Antes de marchar tivo tempo de dicir:
- Inda rabie quen tanto che aprendeu, que se non, habías vir comigo!
Aos poucos días o pobre home morreu co susto.

2- Como se chaman os tres xéneros literarios. Defíneos tanto na forma como no contido que os caracteriza.

3-GRAMÁTICA: VERBOS: Conxuga o presente e pto perfecto de Indicativo do verbo ANDAR e BATER. Pon o futuro e as formas nominais do verbo PARTIR.

4- Enumera os distintos tipos de palabras pon dous exemplos de cada.

5-Divide estas palabras en constituíntes: avelaiona, falaches, chovería. Escribe dúas palabras con prefixo e dúas con sufixos.

6-Distingue suxeito e predicado (indica se é nominal ou verbal) e logo analiza só as oracións con predicado verbal:
O ruín era unha ánima en pena. O crego parecía moi listo.
Entón apareceu o defunto cun hábito negro. A profesora explicou hoxe a lección aos alumnos.


7-LÉXICO: Que é un antónimo? Que é unha etimoloxía? Que significa o nome de Galicia? De onde procede, pero quen o xeneralizou?
Sinónimos de proído: constipado: inmunizado: mazadura:
Explica estes enunciados: Teño un cabalo no pescozo:
Teño a voz tomada:
Ten un hematoma na cara:
Estar coma un buxo:

8-EXPRESIÓN ESCRITA/ ORTOGRAFÍA e LÉXICO DA AULA. Redactar un texto de 10 liñas mínimo sobre un destes temas:
- Os romeiros do Alén a Sto. André de Teixido.
- A Chuvia en Galicia.

9-LINGUA E SOCIEDADE: Responde con varios argumentos traballados na aula sobre as razóns de que haxa un descenso tan brutal de galegofalantes dende os nosos bisavós ata o día de hoxe. (Escribe dous ou tres parágrafos)

10: Responde en poucas palabras ás 7 cuestións seguintes: a) Quen é o pai do galego, é dicir, a lingua da que procede o galego?
b) Que lingua será entón o avó da nosa lingua?
c) É o galego unha lingua romance? Por que?
d) Que é unha familia de linguas?
e) Cales son as familias máis destacadas polo seu número de falantes no mundo?
f) Que acontece normalmente en cada estado, fálase unha lingua ou máis? Argumenta a resposta co que pasa no Estado Español.
g) Son todas as linguas do Estado Español da mesma familia lingüística? Por que?

PROBA MODELO DA 2ª AVALIACIÓN temas 5,6,7,8

1-COMUNICACIÓN/ PLAN LECTOR: Que modo de contar presenta este texto? Como chamarías o debuxo que fai de Suso e como o de Luís? Intenta explicar as características deste tipo de textos con exemplos tirados deste:
“ O Suso era un neno coma outro calquera. Nin alto nin baixo, nin gordo nin fraco,nin louro nin moreno, pero co pelo algo crecho. Iso si. Caíanlle dous medios rizos pola fronte que máis dunha vez o alporizaran diante do espello. Tiña os ollos da cor da abelá e gustaba de andar cunha vara na man...Xesús Silveira Pose. Suso para todos, Furón para algúns... E sorte que tivo porque, por poder, ben lle puido quedar Mexón... tiña ao seu irmán Luís que non é dos que che andan con parvadas, e corta polo san guste ou non guste... era un tipo serio. De poucas palabras...nunca aparentara ter un mínimo interese polo Suso. Aquela separación de idade (dez anos) levábaos por camiños diferentes... Suso descubrira a outro Luís. Descubrira o irmán grande que se preocupaba máis ca de si mesmo. O irmán responsable que valoraba o seu irmán pequeno, que se preocupaba das súas necesidades...”

2- O NOME DAS COUSAS: Ponlle nome ás partes da cara ( na proba aparecía unha ilustración para situar nun rostro humano 12 substantivos)

Sinónimos de nortello: fazula: beizos: testa: sen:
Que significa: “andar en crequenas” / “facer unha cambadela”


3-ESCRIBE BEN: V/ B A _ruxa colleu a _asoira e en lugar de _arrer díxome: _és ou _oume ao pouco tempo esta_amos _oando polo ceo era unha mara_illa e aínda que sempre fun un tanto co_arde ía _en amarradiño a ela sen medo ningún esti_en _oando toda a noite. _imos polo aire _ufos curuxas morcegos e mouchos tamén escoitei a a_elaíña antes de que me soara o meu mó_il. Era Al_erte. - _as _ol_er hoxe? pregunta_ame nota_lemente ca_reado o meu a_ogado .

4- GRAMÁTICA DOS VERBOS: Indica o nome dos tempos verbais do modo INDICATIVO e pon un exemplo da forma verbal de cada tempo do verbo CANTAR.

5-Indica o nome dos tempos verbais do modo SUBXUNTIVO e do IMPERATIVO cun exemplo da forma verbal de cada tempo do verbo PARTIR.

6- Escribe o presente de Indicativo con alternancia vocálica de durmir, servir e advertir.

7- Por que uns verbos como FACER, TER son irregulares. Indica como serán as raíces deste verbo nos seguintes tempos:
INDICATIVO /SUBXUNTIVO
Presentes: Perfecto: Futuro:
Presentes:
Perfecto: Futuro:

8- LITERATURA / Define o xénero literario da poesía. E explica que é a rima e a diferenza entre a rima consonante e asonante:

9- EXPRESIÓN ESCRITA/ ORTOGRAFÍA e LÉXICO DA AULA. Redactar un texto de 10 liñas mínimo sobre o seguinte tema: A Mourindade, os Mouros e as Mouras.

10- LINGUA E SOCIEDADE: Coloca o artigo masculino ou femenino aos seguintes substantivos:
_ Traxe, _ paxe, _ garaxe _ paisaxe, _ carruaxe, _ costume, _ servidume, _ legume, _ nariz, _ leite _ sangue, _ mel, _ arte, _ cor, _ lume, _ sal, _ cume, _ cárcere, _ análise, _ paréntese, _ orixe.

Responde: Hai linguas máis importantes que outras? Por que? (redacta argumentos en dous ou tres parágrafos).


PROBA MODELO DA 3ª AVALIACIÓN: 9,10,11,12 e Letras Galegas.

1- O NOME DAS COUSAS: O interior da casa ( na proba aparecía unha ilustración dos espazos e mobles do interior dunha casa.
Cal é o significado das frases feitas: Varrer para casa/ todo son pingueiras/ beber os ventos por alguén/ dicir amén a todo/

2- ORTOGRAFÍA: PONLLE TIL as palabras que lles corresponda nas seguintes oracións:
a) Compre que maña chamedes a Anton por se quere sair connosco. Se cadra logo ven a xogar as bolas.
b) Dixeronme que fora a casa de Ramon e que agardase fora ata que chegase el. Debia traer unha bola de pan.
c) Alguen esta agardando a sua resposta. Logo ves a casa e ves que tipo de pregunta e esta.
d) Ven un esquio nunha arbore que habia preto do muiño. Logo el so viu un oso pardo.
e) Sauda cortesmente e da as grazas polas mazas.
f) A viuva sabia mais do que dicia, pero as veces compre non ter tanta presa. Ela e moi apurada, mais onte non.


3- GRAMÁTICA: Escribe o plural de: sofá,_________ mércores____________, caracol,___________ túnel,_________ animal,_________ luns,________ curmán,_________ actriz,_______ til,_____
exame________ hotel,_________ robot,________ lapis,__________ sinal,_________autobús_________

Escribe o artigo determinado esixido por cada un dos seguintes substantivos:
__ cabotaxe__ mel ___laranxeira __ ponte __ análise __ crise __ paréntese __castañeiro__ friaxe __ nariz __ cárcere __ sangue __ sal __leite __garaxe __ paxe __ romaxe __ hepatite __dor __ arte __ calor __ orde __árbore __servidume __ costume __limoeiro __ marxe __suor __ sinal __orixe__ til __mar __eme ___ele

4- ESCRIBE un exemplo de demostrativo, posesivo, indefinido e numeral. Por que son diferentes os pronomes tónicos dos átonos. Como se colocan os pronomes átonos: pon un exemplo dalgunha das súas excepcións.

5- Substitúe por un pronome átono o CD ou CI destacado, como no modelo: Mercou un libro./ Mercouno.
Xoán avisou os amigos hoxe. _________________________/ Trouxestes o que vos encarguei?_________________
Nunca escoitei esa canción.__________________________/ El fixo un peixe ao forno.______________________
Trouxo as noces para Antón e Aldara:____________________ Iria contou a ti a verdade ______________________
INTRODUCE nas seguintes oracións os pronomes das parénteses, escribíndoas de novo correctamente:
Quen dixo que o partido era hoxe? (escolle: te ou che).
Deixaron ir ao cine? (escolle: te ou che)..
Pediu moitos favores (lles).
Faltaban os mellores do equipo (nos).
Non leva sempre no peto (as).
Quero que digas a verdade (me).

6- CONXUGA OS TEMPOS: Presente, Perfecto e Futuro de IND e presente de subxuntivo de SER e SABER.

7- LITERATURA: Indica dos seguintes subxéneros: novela, mito, lenda, relato breve ou conto de autor e conto popular, a que narrativa pertencen, a narrativa culta ou a tradicional ?

8- Localiza estes recursos: metáfora,paralelismo, personificación, símil ou comparación,
antítese e hipérbole.
Cal dos poemas é épico e cal lírico? Explica o simbolismo do Himno galego.

Maio longo...Maio longo;
todo cuberto de rosas,
para algún telas de morte,
para outros telas de vodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min,
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.
(Rosalía)

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
(Díaz Castro)

Que din os rumorosos
na costa verdescente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.


( Eduardo Pondal)




9- LINGUA E SOCIEDADE: Que diferenza o nivel culto e vulgar da lingua.
Define a lingua estándar.

10- EXPRESIÓN: LETRAS GALEGAS: QUE SABES SOBRE DÍAZ CASTRO? Redacta un texto de 12 liñas sobre o autor.

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 25-06-2014 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal