blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUE DIN OS RUMOROSOS? O NOSO HIMNO.

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.



Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas 5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros 10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono 15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son, 20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados 25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa 30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

UN HIMNO CON PREGUNTAS:
Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

3- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.

4- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste.

5- Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

6- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos" unha árbore que co seu son anuncia unha revelación na que hai un pasado (coas raíces na terra), un presente (que podemos asociar a seu tronco, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta, tocando o ceo). Son _____________.

7- A revelación ou o anuncio será escoitado por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante).

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


8- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?



CONTINUARÁ
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 26-05-2020 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
COMO RECOMENDAR UN LIBRO?
O primeiro que debes facer para recomendar un libro é redactar o texto que logo gravarás procurando seguir unha estrutura como a seguinte:

1- Indicar título, autor ou autora e a editorial.

2- Unha introdución sobre o tema ou temas principais que relata o libro.

3- Argumentos ou razóns polas que se recomenda o libro.

4- Despedida cun texto ou anécdota do mesmo ou simplemente recordando algo do máis relevante do seu contido para invitar a lelo.

Para que che resulta máis doado esta actividade, podes ver esta recomendación que che pode servir de modelo:



E logo os alumnos/as no facebook do Colexio:

Alejandra Blanco

Noa Pazos

Mario Silva
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 19-04-2020 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Achegamento ao himno galego
TRABALLAMOS CO HIMNO GALEGO. Sabías que é o único himno do mundo que comeza con interrogantes? Que sabes sobre o Himno galego, coñeces este poema épico de Eduardo Pondal e a súa música de Pascual Veiga? Que nos di o himno? Segue as propostas que che facemos para axudarte nesta investigación.

Identifica no Himno galego en primeiro lugar unha personificación e intenta explicar quen fai as preguntas iniciais do poema e a quen se dirixen ou quen as responde:




Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


O autor do Himno é_______________________.

Lembra a segunda parte e indica cal é o símbolo no poema que representa o pasado, presente e futuro: Os rumorosos que son os pinos. A raíz no pasado, o tronco o presente e o futuro que está nas copas que son as que "pregoan a redenzón da boa nazón de Breogán".

Sobre Breogán e o seu adn, por se queremos da lenda historia podedes ler este artigo do ADN de Breogán.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 29-03-2019 06:36
# Ligazón permanente a este artigo
As fragas: flora e fauna galegas (I)
Imos seguir ampliando vocabulario. Coñeceremos o léxico das fragas de Galicia, a súa flora e a súa fauna:

As fraguas do río Eume

As árbores de Marín
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 26-03-2019 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
O maio de Manuel María


Fanse zocas pechadas e chinelas
en Loentia,Duarría e Formarán.
Non hai zocas xeitosas como elas:
ben lle caen ó pé e ben se tran!

Foron afumadas cun casqueiro.
Ó andar son ledas, cantareiras.
Aunque feitas de bido ou amieiro
son, como o vento, de lixeiras!

A gracia da abidueira
atopou o seu destino,
fíxose zoca chinela,
apreixa un pé femenino!

Fíxose zoca chinela
a abidueira lanzal.
Agora sobor da acera
canta con voz musical!

A zoca xa é canción
delgada como asubío
que aprendeu a abidueira
dos merlos de xunto ó río.


Fíxose zoca chinela
a gracia da abidueira
e vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!

Procuramos os recursos literarios neste poema para poder ir coñecendo o estilo da poesía de Manuel María.





O CARRO

Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!


Manuel María, Terra Chá, 1954

Manuel María, 2001, Obra poética completa I (1950-1979), A Coruña: Espiral Maior



Imos camiñando cara a Terra Chá de Manuel María
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 02-05-2016 07:47
# Ligazón permanente a este artigo
non se me ocorre
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 11-03-2016 07:13
# Ligazón permanente a este artigo
Cal é a mellor canción de amor en galego?










Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 15-02-2016 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO NAS ESCOLAS: ALGO MÁIS QUE UN DEREITO
Por que estudamos galego nas escolas e institutos de Galicia e nalgúns de Castela e León?
O poder estudar galego como todo dereito recoñecido emana das leis que rexen aos cidadáns destas Comunidades Autónomas, dos seus Estatutos de Autonomía e da Constitución Española (1978).

Fixémonos no que pon a Constitución no seu ARTIGO nº 3:
1.O castelán é a lingua oficial do Estado. Todos teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
2. As demais linguas epañolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

Son pois as leis as que garantes a cooficialidade do galego en Galicia. O noso Estatuto di:

ARTIGO nº 5

1.A lingua propia de Galicia é o galego.
2.Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3.Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todo os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4.Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Logo na Lei de Normalización Lingüística: O galego, como lingua propia de Galicia , é tamén lingua oficial no ensino en todo os niveis educativos.

DO DITO AO FEITO SEMPRE HAI UN TREITO

Xa vimos que hai linguas faladas no Estado que non son oficiais, que non están recoñecidas. Sabemos tamén que hai nenos e nenas galegofalantes que viven en Asturias ou Estremadura que non reciben clases na súa lingua propia porque nestas comunidades non está recoñecido este dereito.

Logo os galegos temos unha gran sorte que a partir da volta da Democracia temos o dereito a saber e usar o galego. Hai quen de todos modos subliña que o tratamento do castelán e do galego non é idéntico: Temos o dereito a usar o galego, namentres que do castelán temos o deber de aprendelo ademais de o dereito ao usar.

Pero parece curioso que namentres en Galicia é obrigatorio, noutros territorios galego-falantes o status da lingua sexa distinto, formando parte do mesmo Estado. Bótalle unha ollada aos territorios do galego fóra da Galicia Administrativa.
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 17-01-2016 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
GALICIA PAÍS DOS MORTOS.
GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? razóa a resposta.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?
Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 28-10-2015 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
Modelos de probas para setembro
A continuación colocamos distintos modelos de probas por avaliacións para que se poida ter unha idea de como será a proba extraordinaria de setembro:

1ª AVALIACIÓN:

1- LINGUA E SOCIEDADE: Nun mapa da península ibérica indica os nomes e os territorios nos que se falan as distintas linguas da península.

2- LÉXICO: Asocia cada adxectivo a un sinónimo e un antónimo: SINÓNIMO ANTÓNIMO
A. inxenuo agudo covarde
B. obediente miñaxoia xeneroso
C. listo destemido tranquilo
D. inquedo mesquiño malicioso
E. valente vaidoso parvo
F. fachendoso hipócrita rebelde
G. ruín bulebule sincero
H. falso guiado humilde

3- GRAMÁTICA: Escribe o artigo determinado esixido por cada un dos seguintes substantivos masculino ou feminino:
__ viaxe__ mel ___laranxeira __ ponte __ análise __ crise __ paréntese __castañeiro__ friaxe __ nariz __ cárcere
__ sangue __ sal __leite __garaxe __ paxe __ romaxe __ hepatite __dor __ arte __ calor __ orde __árbore __servidume __ costume __limoeiro __ marxe __suor __ sinal __orixe__ til __mar __eme ___ele

4-Escribe o feminino das seguintes palabras:
catalán, comellón, heroe, campión, italiano, tecelán, san, cru, marqués, xudeu, paspán, alemán, cidadán.


5-Escribe o plural das seguintes palabras:
fértil, iraquí, anzol, til, dólar, cóctel, ollomol, patín, fiel, sol, cadáver, esquimó, pavillón, lapis.

6-Escribe DÚAS oracións cun adxectivo en grao positivo e logo converte esas oracións nunhas comparativa USANDO nunha as partículas coma/ ca e noutra como/ que, e finalmente outras en grao superlativo.


7-ORTOGRAFÍA: Ponlle tiles ao seguinte texto: ( texto 1: A afogada e unha rapaza fermosisima, esvelta e palida, loura e de longos cabelos, enguedellados en algas que adoita aparecer entre a escuma do mar dos dias de mareira ou trebon andando sobre o mar ou asomando a cabeza entre as furnas. Non e unha serea, ten figura humana, comunica desgrazas e cando se ve, vai ocorrer un naufraxio; e, pois, agoiro de morte. E muda, non fala e emite chíos semellantes aos das gaivotas.

8-LITERATURA: Define os xéneros literarios tanto na forma como polo seu contido.

9-Identifica nun pequeno grupo de textos se son literarios ou non, se son da literatura popular ou non e a que xénero pertencen os textos:


10 – COMUNICACIÓN/ EXPRESIÓN: Redacta un texto cunha descrición persoal dun amigo/a imaxinario nas que as primeiras cinco liñas fagas unha prosopografía, logo fagas un segundo parágrafo cunha etopea e finalmente un parágrafo final transformando este retrato nunha caricatura.


Avaliación:

1-Que é un alcume? Distingue entre nomes e alcumes:
Os apelidos teñen diversas orixes. Coloca os seguintes onde corresponda: Ponte, Louzán, Cabaleiro, Fortes, Conde. Porto, Biéitez, Castelo. López, Piñeiro., Estevez, Outeiro, Portela, Sardiña, Regueiro. Silva, Ledo. Nogueira, Barreiro,Brañas, Bouza, Pombo, Fidalgo.
CALIDADES HUMANAS: OCUPACIÓNS E CLASES SOCIAIS: TIPOS DE TERREO: PLANTAS:
ELEMENTOS DA PAISAXE: CONSTRUCIÓNS HUMANAS: PATRONÍMICOS:
ANIMAIS:

2-Crear palabras con sufixos derivativos:-encia - . . . . . . . . . . . . . . .aría - . . . . . . . . . . . eiro - . . . . . . . . . . . . . . . idade - . . . . . . . . . . . . . . . ear - . . . . . . . . . . . . . . .
ado - . . . . . . . . . . . . . . .oso - . . . . . . . . . . . . . . . ante - . . . . . . . . . . . . . . .és - . . . . . . . . . . . . . . . ura - . . . . . . . . . . . . . . . ar - . . . . . . . . . . . . . . -ego

3- EXPLICA A COLOCACIÓN DO PRONOME ÁTONO. Pon exemplos.

4-Coloca ben nunha serie de oracións os pronomes axeitados:


5- Escolle e coloca correctamente o te / che nun grupo de oracións.





6-LITERATURA: Medir os versos dun poema e indica que tipo de rima teñen:

7-Define e pon un exemplo das principais variedades da lingua:
a sociocultural:
a xeográfica:
a histórica:
a situacional:


8-Define Lírica, estrofa e verso.

9-Identifica que tipo de pronomes persoais son os subliñados nun texto.


10-PLAN LECTOR: Comprensión e expresión:
DRAGAL: Pon en orde os textos da novela e resume o seu argumento da novela (unhas 15 liñas).


Avaliación:

1-LÉXICO Que significan os seguinte prefixos gregos: A. hemat- / hemo- B. pneumo- C. osteo- D. nefro- E.hepato- F. gastro- G. dermato- H. cardio- I. oftalmo-

2- Emparella os adverbios e as locucións adverbiais que teñan o mesmo significado.
A. quizais B. amodo C. gratis D. axiña E. tarde
F. abofé G. moito

3-GRAMÁTICA: Conxuga CONXUGA os seguintes tempos: (todas as persoas)
Verbo VER: Pretérito de indicativo e de subxuntivo.
Verbo TER: Antepretérito de indicativo e presente de subxuntivo.
Verbo PODER: Pretérito de Indicativo e presente de subxuntivo.
Verbo IR: presente e copretérito de Indicativo.

4-Conxuga os presentes de indicativo (3 con alternancia) dos verbos OBEDECER, DIVERTIR, SENTIR E SUBIR.

5-EXPRESIÓN: Constrúe 6 tipos de oracións con actitudes distintas do falante e sinala as preposicións que uses.

6-Oracións Indica cal é o suxeito e o predicado nas seguintes oracións e identifica cun círculo adverbios:
Hoxe traballei demasiado.
Xa chegaron os corredores.
Ela comeu pouco.
Sempre me encantaron os doces.


Axiña iremos todos á festa.
Nós corremos tanto onte.
Non fixo nada.
Quero máis.


7- EXPRESIÓN/LITERATURA: En dous parágrafos, con corrección ortográfica a vida e obra de Filgueira Valverde.

8- LINGUA E SOCIEDADE: Define lingua minorizada e prexuízo lingüístico.
Localiza nos seguintes textos o tipo de prexuízo que agochan:
A) “ Compara o castelán que ten máis de 400 millóns de falantes co galego. Cantos ten o galego?”
B) “Eu creo que se unha persoa me fala en castelán debo dirixirme eu tamén a ela no mesmo idioma”
C) “ Os que falan así sonche do monte”.
D) “ Eu cando vou ao médico fálolle en castelán”.

9- ORTOGRAFÍA: Usando puntos,comas, dous puntos e puntos suspensivos escribe un texto de 15 liñas sobre a tradición dos maios en Galicia: Mitos, alumear o pan, xestas nas portas, maios humanos e cónicos, etc...

10- LITERATURA: Localiza no himno galego os recursos seguintes: antítese, símbolo, metáfora, metonimia, personificación, anáfora, aliteración, paronomasia...

Comentarios (0) - Categoría: GALEGO - Publicado o 01-07-2015 06:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal