blogalizando



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entroido versus Coresma

As orixes do Entroido:A palabra significa entrada, festa da entrada da preparación dunha boa entrada da primavera. É logo unha festa previa á primavera (antes do Solsticio)e data de cando non había certeza de que a primavera volvía cada ano, ou máis ben, críase que había que facer algo para que os deuses da Natureza ofrecesen unha primavera boa, produtiva e fecunda. Era unha festa na que se realizaban rituais propiciatorios na honra deses deuses da Natureza e das Estacións nos que a máscara e outros ritos con lume, como a queima dun boneco, debían ser elementos centrais asociados a unha mellor e maior fecudidade, por iso é tan reiterada a referencia a ambos sexos nos festexos de entroido. Ritos que se realizaban a partir do solsticio de inverno 21 de decembro) e antes do equinocio da primavera (21 de marzo).

Pero por que conservamos o Entroido sendo unha festa pagá realmente tan primitiva? Grazas ao Cristianismo que non foi capaz de rematar con estes cultos pagás, anteriores a aparición da relixión cristiá, que ante a imposibilidade de prohibilas, colocou un período de 40 días de xexún (ieiunum en latín) na Idade Media para evitar que se mesturasen coas celebracións coa Pascoa, é dicir coa conmemoración da morte e resurreción de Cristo.

Lembrade que estes corenta días, de aí vén o nome da Coresma, se colocan cada ano en función da primeira lúa chea que haxa despois da entrada da primavera.

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 07-03-2019 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Atoparse coas Mouras




As vellas mouras construtoras de mámoas e megalitos
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 30-01-2019 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
RELATOS DA TRADICIÓN ORAL PARA O MES DE DEFUNTOS

TEMPO DE DEFUNTOS

MORTE BRANCA, MORTE MOURA

O PAXARO DA MORTE

AS LUCIÑAS

ÁNIMAS E PANTASMAS

ASOMBRAMENTOS DO CASTIÑEIRO

A SOCIEDADE DO ÓSO

A ESTADEA e ESTáNTIGA

A COMPAÑA

OS ROMEIROS DO ALÉN: STO.ANDRÉ DE TEIXIDO

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 28-11-2018 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
A Estadea e a Estántiga

Estadea ou a Estántiga son algúns dos moitos nomes da Compaña.

Estadea debe ser unha pantasma moi alta que cuberta cun sudario branco nalgunhas ocasións dirixe a comitiva da Compaña.
Pero outros din que a Estadea non é máis que unha ánima en pena con ese mesmo apecto, altísima pantasma, que se presenta soa. Recoñécese polo descarnado do seu rostro que non convén mirar de fronte, aluman un ollos vermellos coma brasas e polo sitio da boca daquela caveira xorden bafaradas de lume. É un aviso de morte.

A Estántiga ou Estantiga, é unha deformación posiblemente de "hoste antiga" (en latín "hoste" fai referencia a un exército inimigo) e adoita ser un dos nomes da Compaña en Galicia e en Asturias.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 28-11-2018 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
A Sociedade do Óso

Pode confundirse coa Compaña e resulta doado comprender o motivo. Os membros desta sociedade secreta, composta por persoas que aparentemente soncoma ti ou coma min, teñen o costume de percorrer os camiños de noite en pantasmal procesión, igualiño cá Compaña. Nestes percorridos os socios levan na man para alumarse ósos de defunto coma quen leva unha candea de cera.
Os Socioas da Sociedade do Óso saben cando un dos seus consocios vai morrer e vano buscar á casa e acto seguido fanlle un funeral na igrexa, sempre de noite. O corpo real do defunto queda na casa e o que vai no cadaleito é en realidade a sombra do morto.
Coidadiño se presencias un funeral desta Sociedade no transcurso da cerimonia u dos socios hase de achegar a ti e hache poñer na man unha candea acesa. Cando todo remate, vaise facer de día e atoparaste só no adro da igrexa e comprobarás que non hai tal candea, o que tes na man é unha tibia humana xeada e fría coma a mesma morte.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 28-11-2018 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Asombramentos do castiñeiro

Os soutos poden ser tamén lugares perigosos na nosa tradición. Enriba do castañeiro canta o moucho que, como é sabido, é un dos avisos da morte máis habitual, e debaixo dun castañeiro pode aparecérselle a un a sombra de alguén que vai morrer (outro aviso da morte, que os estudados denominan urco e pode tomar a forma que lle pete unha vez morto, tal vez unha pega, ou un moucho ou mesmo unha castaña).
Quizás por iso non recomendan durmir debaixo do castañeiro polos malos soños que poida traer (parece unha boa indirecta mesmo cunha carga irónica de que debaixo do castañeiro o que hai que facer non é estar durmido, senón traballar) pero efectivamente o castañeiro pode ser perigoso polos “asombramentos”, especialmente os ninos poden ser vítimas deles. As sombras poden ser ánimas en pena que causan dano aos familiares próximos para que os lembren pois andan penando e non poden entrar nin no Ceo nin no Inferno.
En Mondoñedo cóntase que unha nena noviña dirixíase á noitiña por un camiño a recoller as ovellas. O avó levaba un tempo mal, encamado e con poucas esperanzas de vida. Ao pasar por diante dunha casa xusto fronte ao outro lado do camiño, viu ao seu avó vestido como para ir a misa, esperando debaixo dun castiñeiro. Ela seguiu e ao volver para casa dixéronlle que o avó morrera. Unha señora que tamén o vira, logo lle explicou que o avó se aparecerá debaixo do castiñeiro vestido como para ir a misa porque se estaba despedindo dela.
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 18-11-2018 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Ánimas e Pantasmas

Despois da visita da Morte Negra, a alma dos defuntos despréndese do corpo e colle o camiño do Máis Alá, do Alén. Traspasadas as fronteiras do Alén, a alma convértese en ánima. Na nosa tradición a maioría das almas pasan a ser Ánimas do Purgatorio, pois considérase que están alí, nese Purgatorio coma se estivesen nunha estación de tránsito lavando as manchas que lles impiden a entrada no Paraíso.

Neste proceso de limpeza, de cando en vez, volven por este mundo e aparécense a veciños e familiares na procura de axuda ou dun favor para purgar as súas culpas. Cando veñen, veñen de noite e andan normalmente por aquí coa mesma roupa coa que foron amortallados, e por diante o seu corpo semella o que tiveron en vida, pero por detrás véselles ben que están mortos.

As ánimas preséntanse aquí para que amigos e parentes lles axuden a cumprir promesas que non cunpriron en vida, ou para que reparen no seu nome malas accións. Moitas veces veñen poñer no seu sitio verdadeiro os marcos das leiras que cambiaran, con mala intención,cando eran vivos, ou para que vaian a algún santuario ou romaría onde estaban ofrecidos.

As pantasmas son ánimas en pena que andan solitarias na noite e aparecen nas casas ou nos camiños producindo o pánico da xente. Hai quen pensa que as pantasmas poden tamén ser almas perdidas que non saben ou non poden abandonar este mundo, e andan vagando por el.

Os vivos podemos defendernos da aparición das ánima slevenado encima "cousas boas"(amuletos). Nunca debemos fuxir delas; pola contra, temos que requerilas para saber se precisan algunha cousa. se lles podemos axudar cómpre que o fagamos xenerosamente e sen medo ningún.

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 15-11-2018 06:37
# Ligazón permanente a este artigo
TEMPO DE DEFUNTOS

Chega o Día de Defuntos. En todas as partes comezamos a ver cabazas que representan caras aterradoras que nos invitan a celebrar o Halloween. Pro atención!, non é americano todo o que parece. Ata hai trinta anos por moitas aldeas de Galicia tallábanse cabazas por estas datas, e a día de hoxe cada vez hai máis lugares nos que se está a recuperar esta tradici´n na forma do Samaín.

Hai aproximadamente 2600 anos chegaron a Galicia os pobos celtas. Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como foi a metalurxia do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas. Os celtas eran politeístas, adoraban a moitos deuses: Dagda (deusa da bondade), Nuada (guerra), Bríxida (lume)… que representaban tanto forzas da natureza como as condicións do espírito. De aí que as súas festas coincidan con determinadas datas relacionadas coas estacións e cos seus cambios. En concreto a festa do 1 de novembro era na honra á deidade Samaín (as follas comezaban a caer, facíase de noite antes e a temperatura baixaba).

Igual que outros pobos, os celtas consideraban as cabezas dos seus inimigos máis que como un botín de guerra como o cerne dos misterios do ser humano. Crían que “aquel que posuise unha caveira posuiría a forza máxica da súa pantasma”.
Cando chegaban as celebracións do Samaín (ao chegaren as longas noites escuras) tense por certo que os celtas colocaban unhas candeas rudimentarias no interior das cabeiras dos inimigos mortos, colocándoas nos cruzamentos de camiños, nos arredores e nas murallas dos seus castros, co obxecto de arrepiaren os inimigos, para asombro e veneración das súas xentes e para esconxurar os perigos. Pensaban que tal día como ese as portas entre o mundo dos vivos e dos mortos estaban abertas, era un día en que os mortos e os vivos podían comunicarse.

É curioso que moitos anos despois o Cristianismo escolleu estas datas para celebraren o Día dos Defuntos e de Todos os Santos. Orixinalmente esta dfesta druídica celta chamábase “ a vixilia de samaín”, así que… de onde vén o nome de Halloween? Vén do intento de cristianizar esta festa pagá. Concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a “ Todos os Santos” o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamada “ Día de Todos os Santos” (ou All Hallow´s Day en inglés) e cedo chegou o costume de chamar á tardiña antes All Halloweén, que acurtando é Halloween.

Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se fan no noso país con ocasión do Día de Defuntos, atoparemos unha serie de costumes ancestrais propios. Desde deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Portonovo, Quiroga…)lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles uns pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar os viandantes.

Para saber máis

RESUME O TEXTO e logo responde as seguintes cuestións:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos. Galicia celebra o Samaín ou o Halloween? Razóa a resposta.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- A castaña ten valores simbólicos moi interesantes investiga sobre eles.

5- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?

Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 05-11-2018 06:13
# Ligazón permanente a este artigo
A FESTA DO MAIO EN GALICIA


Unha festa tradicional con gran arraigo na nosa comarca é a Festa do Maio. Trátase dun festexo tradicional que ademais se mantivo ao longo dos tempos e chegou a nós coma unha expresión moi asociada a nosa infancia pois será a infancia quen cobra un protagonismo especial no mantemento desta tradición.

Aínda que sexan os máis novos quen aparezan en primeiro plano en moitos destes costumes que se adoitan realizar o 1º de maio, os adultos tamén son partícipes e promoven outras tradicións asociadas todas a este ciclo. Os maios están relacionados coa entrada da primavera, é dicir, son a expresión ante todo dunha festa de orixe moi antiga, posiblemente precristiá, claramente agraria e moi vencellada á fecundidade dos campos. hai quen di que era unha festividade céltica relacionada coa deidade da fertilidade Beltane. Todas as culturas do mundo teñen algunha evidencia de festexar este festexo dentro do ciclo anual de costumes.De feito o espertar da natureza era asociado co comezo do ano en moitas sociedades primitivas.Lembremos o mito grego de como naceron as estacións.

Botémoslle unha ollada aos rituais que se dan na nosa terra. Procura saber en que consisten os distintos costumes e onde se conservan a día de hoxe:

1-Alumear o pan.Tamén chamado lumepan
2-Colocación dos maios nas portas.
3-Os maios cónicos tradicionais: Ourense en Pontevedra ou Marín
4-As embarcacións de maio.
5-O maio humano.

Os maios na literatura galega. Procura un dos textos que che invitamos a coñecer. A que tipo de maio cres que fai referencia? Por que?

O poema de Manuel Curros Enríquez

Ahí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Curros Enríquez
Comentarios (2) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 27-04-2018 06:04
# Ligazón permanente a este artigo
Atoparse coas Mouras




As vellas mouras construtoras de mámoas e megalitos
Comentarios (0) - Categoría: TRADICIÓN ORAL - Publicado o 09-01-2018 06:26
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal