Bífidos inactivos


Pasa-lo límite
Pasa-lo límite, de Xavier Alfaya
O rapaz que nos conta este anaco da súa vida áchase medio perdido entre a adolescencia e a mocidade.
Mórrenlle os pais e a irmá casa e vive en Madrid. O rapaz segue aferrado ó mundo no que naceu e foi feliz. Négase a autoarrincarse da súa terra. Sobrevive nunha propiedade que lle resulta enorme coa axuda dunha vella criada da casa. Cobra unha pensión que malamente lle dá para ir tirando.
As necesidades económicas acaban por metelo nunha banda de perigosos contrabandistas. Líbrase case que por milagre das súas gadoupas e das da policía. A aventura permítelle un respiro económico para encarreirar a súa vida cara á mariña mercante: navegar é a súa paixón.
Prepareime para inicia-la miña carreira de Náutica pero, co curso dos acontecementos, as cousas torcéronse bastante e tiven que volverme pregunta-lo que ía facer no mundo.
Pero esa xa é outra historia que ó mellor contarei algún día
(p. 81).

Imaxe de http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/ResultadoBusqueda.aspx?CodigoBiblioteca=CED055&Valores=D
Comentarios (1) - Categoría: Narrativa - Publicado o 19-07-2007 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Lukumí
Lukumí, de Alfredo Conde.

“Son, polo tanto, un negriño ensimesmado na contemplación do mundo que transcorre por diante dos seus ollos, pampo ante el, disposto a seguir sabendo de todo o que ó ser humano lle depara a súa fráxil condición, o curto voo que significa o seu breve paso pola vida, o ir e vir dos seus afáns, de xeito que quizais me anime a seguir contando esta aventura. Será outro día, noutra circunstancia, quen sabe?, quen pode afirmalo se, a fin de contas, todo consiste en esperar? E agora non podo facelo. Dáme toda a impresión de que ando a me namorar dunha chinesa” (p. 237).
Este parágrafo final sintetiza toda a vida do “negriño”, fillo de galego e bailarina negra do Tropicana. Pola memoria do protagonista narrador pasa a vida da saga familiar, dende os ardores amorosos do Caribe ata a mingua do patrimonio económico.
A novela é unha evocación. Malia a cantidade de aventuras que no relato se nos contan, en realidade é unha novela de acción interior. O protagonista repasa a vida da saga familiar e apunta que vai seguir na mesma liña de vitalidade xuvenil ata morrer. De paso non deixa de comentar acontecementos políticos e sistemas de goberno que condicionan a vida dos cidadáns máis alá do desexable. Resulta moi crítica, aínda que politicamente correcta, a visión que se nos dá da Revolución cubana.
Novela de tempo lento, para ir lendo amodo.
Imaxe da capa da obra na páxina do Consello da Cultura
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 06-06-2007 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Soidades de Ana
Soidades de Ana

0. Jordi Sierra i Fabra narra nesta novela a mala morte dunha adolescente, escoada a causa dun aborto ilegal e mal practicado. Os efectos xa os coñecemos cando arrinca a novela, pero a irmá máis vella da protagonista tentará atopar as causas e os causantes que a mataron. Isto é o que nos conta a novela, que non é pouco. Despois, como remate lóxico de toda narración que trate o tema, a vida segue e as cousas teñen de ir pouco e pouco ó rego.
1. O tema central pode dicirse que é o do aborto en adolescentes. Mais en realidade o autor sinala os culpables sociais de que estas cousas sucedan (http://www.sierraifabra.com/ant/secciones/Obras/Resumenes.php). Ana, a protagonista, só ten a culpa de se namorar dun insensato. Despois a súa vida andará á valga: os que a queren axudar non poden, e os que poden non saben facelo e tórnanse, mesmo sen querelo, en inimigos; o “inimigo interior” do que nos fala o relato. Os pais, medoñentos, preocupados pola honra e por non furar en episodios pasados que non queren ver repetidos na familia, acaban por ser os peores inimigos desta infeliz rapaza. Mais non son os únicos: xentes de conciencia estrita, amargadas, necesitadas de dobregar o resto do mundo ós seus criterios acaban por se converteren en verdugos de quen non ten capacidade para facerlles fronte (na novela boticario e médico que practican a obxección de conciencia).
2. A historia de Ana cóntasenos dende as pescudas da irmá máis vella, Vitoria. O nome non está exento de significado aquí, pois este personaxe representa a outra cara da moeda que conforman as dúas irmás: máis vella, máis madura, decidida e valente, capaz de enfrontarse ós pais sen romper con eles, con idea clara do que quere ser e facer na vida, de gobernala seguindo os seus propios criterios. A irmá pequena, pola contra, representa a cruz da moeda: acaba morta por non saber facerse valer. ¿Suxírenos o autor que son os fillos quen deben cortar ese cordón umbilical psicolóxico que os pais desexan manter por medo ó que lle pase ós seus cachorros?
3. Os pais da novela teñen unha actitude en común: danlle a vida ós fillos, pero ademais consideran que este feito condiciona a estilo de vida que os fillos deben levar. Herdarán algo máis cós bens materiais: pretenden que herden tamén os seus soños, o seu traballo, a súa honra... que sexan os seus continuadores en todo, mesmo despois de eles morreren.
Temos na novela dúas posturas: a de Vitoria, rompedora dende o respecto e a do seu mozo, continuadora dende o amor polos seus vellos. O desenlace da novela fai soñar cunha solución conciliadora entre ambas as dúas posturas.
4. A xeración dos pais insiste en que a liberdade ten moitas limitacións. A xeración dos fillos admite certas limitacións, pero non tantas que abafen a súa propia vida e néganse a cangar tamén coas limitacións da liberdade dos propios pais. A loita xeracional está servida e a novela ofrécenos dúas saídas posibles, unha delas lamentable: a do tema central.
5. Á parte dos embarazos non desexados, e do aborto conseguinte, o autor enfoca outros temas de interese vital para os adolescentes: as relacións paterno-filiais, as relacións e cargas familiares (enfermidade, impedimentos, morte...), o namoramento, a vida en parella (cos seus inconvenientes e as súas vantaxes), a educación sexual, a amizade, a soidade...
6. Sobre este tema é especialmente insistente o autor, quen por boca de Vitoria fai un diagnóstico atinadamente terrible: “Cóntoche o soa que estaba Ana. Soa aos quince anos. A pero das soidades (...). Ás veces creo que esta é a xeración da soidade. Canto máis se ten, menos se posúe. Cantos máis medios, menos comunicación. Cantos máis móbiles, vídeos, consolas, ordenadores, correos electrónicos, máis cárceres da alma. Canto máis cheo está todo, máis baleiros nos atopamos. Canto máis nos falan, menos oímos. E canto máis coidamos saber, máis ignoramos” (pp. 169-70). En resumidas contas, os adolescentes de hoxe están rodeados de obxectos, pero non achan persoas seguras ás que recorrer na súa soidade.
7. Tamén no aspecto externo parece andar descolocada a mocidade do relato: non se viste apropiadamente para o clima; prima a estética sobre as necesidades do corpo. Xerseis finos, embigo ó aire, piercings e argolas, pelo revolto, dedos cargados de aneis...
8. O relato discorre no reducido tempo que vai dun martes ó luns seguinte. Pretende centrarse no enterro e na procura das causas que levaron á morte a protagonista. Malia todo, pode apoñérselle á novela un final feliz: hai que pensar na vida e nos vivos. Vitoria pasa a un primeiro plano para o lector, e convértese no modelo que debe imitar.

(Jordi Sierra i Fabra, Soidades de Ana, Vigo, Galaxia, 2007.)
Capa do libro. Imaxe da páxina do Consello da Cultura.
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 30-04-2007 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Nas transparencias do Miño
Nas transparencias do Miño, de Andrés Pociña.

Cóntanos esta novela un retallo da vila de Portomarín, antes de que o encoro lle cambiase o carácter e somerxese nas augas apresadas as ilusións dalgúns dos seus habitantes.
Cóntanos tamén o espertar á vida do propio protagonista narrador, dende naipelo ata que se fai home. Neste sentido, resulta unha estupenda novela de educación sentimental.
Ese neno-mozo que nos fala converte e dá voz ó pai-nai Miño, que se converte deste xeito no motivo central da novela. A súa corrente dá vida á vila; as súas augas convértense en espello no que mirarse, son corrente fecundadora e á vez fecundada, medio de vida e gadaña da morte, leito de lecer e tumba para o eterno repouso.
Ó longo de oito capítulos encabezados con citas poéticas que lle acaen ó relato, Andrés Pociña vainos debullando o devir vital de Portomarín –ficticio, segundo o autor–, dos seus habitantes e mais do neno que dá voz ó que conta –tamén ficticios, aínda que poderían ser reais na totalidade (p. 7).
A vida da xente vaise compasando á vida do río: as actividades, o ánimo, a sorte ou a desgraza seguen o ritmo do tempo. No que portén ó protagonista, o río é cómplice e confidente das súas vivencias máis íntimas.
Nos oito capítulos da obra temos relatada unha forma de vida acorde coa natureza. Só o encoro logrou estragala, pero disto, aínda que se anuncia, non se fala. O relato céntrase no tempo que se perdeu.
Comeza o relato situándonos no espazo vital, marcando o antes e despois coa historia do vello que morre asolagado pola saudade despois das augas asolagaren o vello Portomarín. Despois van vindo o tempo da escola, non sempre agradable; a adolescencia, axudada por un río confidente; a conversión en home feito e dereito, co pantalón de perneira longa e o primeiro traballo na noite carraxenta do río; a marcha precipitada do mestre e o caixón con libros que lle axudarán a abrir os ollos á vida e a entendela na súa, por veces, desagradable complexidade; a descuberta do amor carnal e o soños doutros mundos contados por testemuñas vivas; o namoro e a preparación para o futuro. E así remata a novela, deixándonos cun mozo feito, con todo o porvir por diante pero no aire. O lector decidirá que é que pode pasar de agora en diante. Esa é a decisión do autor e, como diría o pai do protagonista:
--Entón non hai máis que falar sobre o asunto.

(Andrés Pociña, Nas transparencias do Miño, A Coruña, Laiovento, 2005.)
Capa da obra en http://www.andelvirtual.com/tev/herencia/l1878.jpg
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 29-04-2007 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O pai do artista
O pai do artista, de Xavier Frías Conde.

Considerado literatura infantil ou xuvenil, este relato longo –ou novela curta– acáelle moi ben a pais de familia que non deprenderon a facer fillos libres e independentes senón pandotes encargados de libralos das propias frustracións.
Carlos, oficinista de profesión, esquece o aniversario do seu fillo Mario. A muller, Sabela, lémbrallo e bótalle en cara que non lle teña un agasallo para o pequeno, mentres que o pequeno si se lembra de lle facer un debuxo para o pai. Aínda así, o pai non deixa de ser un sentimental que leva o agasallo do fillo na súa carteira para contemplalo no traballo. Pasa casualmente pola oficina un xefazo, que paga unha cantidade desorbitada polo debuxo. Mario, un pouco por medo outro pouco por cobiza, vende o debuxo do fillo. De volta á casa, a muller aféalle a acción. Pero Mario decide facer negocio coas habilidades do neno, mesmo en contra da opinión da muller. As cousas van a máis, e a muller colle o neno e abandona a casa familiar. Mario acaba só, estivo a piques de perder o traballo e reacciona: decide recuperar a súa familia. Xa decidirá o fillo cando sexa grande ser o que lle pete na vida.
Polo medio, o relato fainos ver a importancia que ten para a vida dos nenos falar con eles, contarlles historias, quitarlles medos, darlles consellos para arranxar os seus pequenos ou grandes problemas (o acoso escolar, por exemplo).
Relato de final feliz, pode considerarse un bo conselleiro para pais que teñen fillos, aínda que non quita que resulte lectura agradable –ten unha vea humorística innegable– para fillos que teñen pais.
(Xavier Frías Conde, O pai do artista, A Coruña, Biblos, 2004)
Capa da obra
Comentarios (1) - Categoría: Narrativa - Publicado o 21-04-2007 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Cadáver adiado
Antón Tovar, Cadáver adiado, Sada, Ediciós do Castro, 2001.

Poemario formado por 43 sonetos.
Ábrese con esta dedicatoria: A Tucha, sempre viva. Coma se fose o contrapunto ó título da obra. Séguenlle dúas citas a xeito de declaración de intencións: a de Fernando Pessoa (Cadáveres adiados que procrían), e a de Epicuro (Fuxe a velas despregadas da cultura... vive oculto). Dúas citas que testemuñan o pesimismo vital do autor e o seu afastamento da parafernalia cultural.
O prólogo do profesor Alonso Montero repara na saída case que simultánea doutro libro do autor, Diario íntimo dun vello revoltado. Ambas as dúas obras comparten as liñas vitais enriba citadas; son coma complementarios: “Foron paridos baixo a mesma dura lousa existencial. Escritos por necesidade íntima” (p. 9). Dous libros para furar na intimidade.
O prologuista, que comparte con outros críticos (Carballo Calero, Cunqueiro, Xavier Carro) a consideración de Tovar como un dos mellores poetas galegos dos nosos tempos, sinala este sonetario, se non como dos máis relevantes da súa obra poética, si como un dos máis “sobrecolledores”. Completa o corpus poético de Tovar, é nel unha peza coherente.
O poeta vai deixando anacos da súa vida nos sonetos: os amores, a nenez, a familia, o traballo, os desgustos, a descrenza, a enfermidade... Se procuramos un soneto que pareza unha autodefinición quizais teñamos que escoller o titulado

SINXELO

Amo a palabra clara, luz sinxela,
solitaria miserio dos meus labios.
Non escribo prós parvos nen prós sabios
que escribo pró silencio dunha estrela.

No lar pido á rapaza unha vasoira,
se estou na vila falarei con Susa,
direi escoba comunal e suxa
pra varrer a memoria morredoira.

Alguén tenme chamado españolista
e miserable, miserable mente
baralla, humilla, esgrevio e arribista.

Galeguista non son, nunca son nada,
son unha verba clara malfadada
na que transcorre a morte claramente.

Imaxe BVG
Comentarios (0) - Categoría: Poesía - Publicado o 04-04-2007 16:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Sede en Ourense
Uxía Casal, Sede en Ourense, Vigo, Galaxia, 2005.

0. Sede en Ourense recrea o panorama que resultaría nun caso de seca extrema. Anos sen chover provocarían necesidades nunca vistas e cambiarían o modo de comportarse da xente. O aseo persoal, a bogada, a cociña… veríanse fondamente alterados. Os políticos enfrontaríanse a un duro desafío para solucionar de forma axeitada os problemas sociais que esta situación carrexaría. Mais tamén habería xente capaz de lle tirar partido a tan desastrosa situación, mesmo á marxe das leis. Ou mellor aínda fóra das leis.
Precisamente neste ámbito é onde se moven como peixe na auga os membros do grupo protagonista, liderado por mulleres de forte carácter, ideas claras e dobre vida.
Esta dobre vida vén sendo o eixo vertebrador do relato. Por un lado, temos a aparencia dunhas señoras da súa casa, que viven unha existencia anódina, levando como boamente poden os trafegos da vida; pero por outro lado, achamos unhas misteriosas mulleres, agochadas baixo un nome de guerra, capaces de dirixir unha trama de actividades tan lucrativas coma perigosas (Minia/Vella Serea; a súa filla Aurora, xefa dos traficantes de auga). De compañía levan uns homiños que van facendo o que boamente poden, arriman o ombreiro e déixanse levar mentres se preguntan polo sentido das súas pobres vidas: Casimiro /Pequeno Granxeiro (sexador de polos en paro), Orentino / Espídico (xastre), Lalo (taberneiro).
As profesións destes tres non parecen inocuas. Veñen sendo como unha extensión da súa personalidade. A de Casimiro acentúa o seu sentimento de inutilidade; e por riba, ó quedar no paro, desapareceulle o norte da singradura vital: amólao non ser un bo protector da muller e arrepíao atoparse inerme ante a lingua afiada da sogra. Pola súa parte, o xastre Orentino, aínda que se dirixan a el antepondo o don, presenta o lado frouxo da profesión e do alcume. Con todo, na novela sae moi ben parado: equilibra a tradicional percepción negativa do seu oficio coa literaria do xastre valente; compleméntase ademais cunha xusta sona de home culto, capacitado profesional e home rico de seu. O terceiro pé do protagonismo varonil témolo en Lalo, o dono da cervexería. O seu local actúa de punto de encontro, e isto converte o dono nunha especie de confidente, psicólogo colectivo e orientador da parroquia, un individuo ideal para deixarlle caer as mágoas. Así pesan menos.
1. A historia central do relato é a que nos conta unha actividade comercial lucrativa, aínda que ilegal: o contrabando de auga. Cando a detectan, as autoridades pretenden facerse co seu control case dun xeito tan ilegal –se non máis– cós particulares que a viñan levando ata ese momento.
Polo medio desta historia policial vanse entrefebrando outras: a da relación matrimonial de Casimiro e Aurora; os amores de nai desta; a de despiste do achado do documento marabilloso que emociona ó xastre... e outras pequenas historias máis humildes e particulares (envexas, comenencias, rancores familiares...), pero non menos importantes para explicar a vida cotiá.
2. A parella protagonista forman un matrimonio feliz, con entrega heroica incluída, aínda que pareza o contrario. O pobre do Casimiro considera nalgún momento que chegou ó cume da súa desgraza: a sogra convertida en patroa. A situación, así e todo, terá un final feliz cando os personaxes se coñezan mellor e se acepten como son.
3. A novela está ateigada de recursos humorísticos. Aínda que estamos ante unha situación límite, sabemos dende o principio que non vai chegar o sangue ó río. Os nomes dalgúns personaxes e os seus alcumes espertan o sorriso en máis dunha ocasión. Con todo, o recurso ó humor destaca no tratamento das autoridades, nomeadamente policías e políticos que parecen sacados dalgunha aldea de república bananeira: móveos a comenencia e ríllaos a envexa e a desconfianza.
4. Pero o que triunfa e a aceptación da vida tal como nos vén. O taberneiro déixanos unha preciosa lección que se pode resumir en poucas palabras: non arrepentirse do pasado, senón reconciliarse con el; a vida é unha cadea de feitos, e cómpre coller todos os elos para que non fique incompleta.
O final case que non pode ser máis feliz: chove ó gusto de todos e celebrábano coma se fose o remate dunha guerra. ¿Ó gusto de todos? En fin, hai quen sente algo de mágoa por non poder seguir co negocio da auga.
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 25-02-2007 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Entre fronteiras
Xavier Alcalá, Entre fronteiras, Vigo, Galaxia, 2004.
Primeira entrega da triloxía Evanxélica Memoria. Nárranos a vida da expansión da doutrina evanxélica -e a vida do país en xeral- nun período histórico comprendido entre a etapa final do reinado de Alfonso XIII e o remate da guerra civil.
O narrador-protagonista, ó longo de sete capítulos, vai enfiando os acontecementos persoais e públicos coa mentalidade dun notario que pide axuda a Deus para levar a bo termo tal cometido.
O ritmo narrativo vaise acompasando co ritmo dos acontecementos: as dúbidas de fe, a desconfianza na igrexa oficial, a esperanza da liberdade de cultos da República, o temor a unha desfeita social, a guerra civil e a represión -durante e despois-, o culto ó personalismo, o estalido da guerra mundial, o retorno ás catacumbas. O ritmo do relato acelera ou faise pousón á medida que os feitos narrados o precisen.
O remate desta primeira parte da triloxía está especialmente logrado: unha moza -as mulleres nesta obra reciben un tratamento especial, digno dunha boa análise-, despois de ter sido represaliada (matáronlle os pais, pechárona nun convento, obrigárona a participar en procesións...) logra marchar para o estranxeiro. Na despedida do protagonista, levanta un dedo profético que queda no aire anunciando un futuro estarrecedor: "Os que fiquedes para resistir preparádevos para vivirdes nas catacumbas". O autor logra singularizar a esta moza, que se perde pola estación entre un mundo de xente.
A novela logra dar unha visión de feitos históricos desgraciadamente coñecidos a través dun home de fe. Se xa os feitos a pau seco resultan duros e crueis, dende a perspectiva dun crente logran outra dimensión pola que resultan aínda máis crueis.
A miseria moral da España cainita vese con máis claridade cando se enfoca o feito relixioso no binomio vencedores (fe verdadeira) / vencidos (idólatras, descridos).
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 20-02-2007 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O descenso do derradeiro ocaso
Ángel de la Cruz, O descenso do derradeiro ocaso, Compostela, Sotelo Blanco, 2005. Ilustracións de David Rubín.
Obra gañadora da cuarta convocatoria do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (2004).
Cóntanos como dúas periodistas da TVG, que traballan para elevar os índices de audiencia dun programa sobre asuntos do máis alá, viaxan a Trasomundo da Cancela para explotar informativamente un crime sen resolver.
Remata a novela e, para o lector, quedan máis ou menos claras as claves do crime obxecto de pescuda e mais as do segundo crime que se comete durante a investigación. Para as autoridades, seguirá nas brétemas do misterio.
Os dous crimes son, en realidade, o mesmo. Cambia a vítima, pero non a man executora: a de Xema, unha das periodistas. ¿Motivo? No primeiro, unha violación; no segundo, a utilización da rapaza como muller obxecto. Se non fose ilegal, podería dicirse que o tiñan merecido. Poida que o cabo da garda civil que investigou o primeiro caso pensase o mesmo, no fondo, aínda que o disimule cun celo profesional fóra do común.
O autor move os seus personaxes como actores nunha película e non lle dá apenas datos ó lector, que se ve sumido na incerteza ata o final do relato. A única pista -a da coincidencia do nome de Xema co dunha lápida- non lle serve ó lector para sospeitar nada concreto. Tamén son motivo de inquedanza os tipos raros que buligan polo escenario: un alcalde crucificado que se substitúe na cruz por un anuncio de venda de viño, un resucitado que acaba morrendo, un cura báquico, un político pelingreiro, a dona do balneario que pon nervioso ó cabo da garda civil (que a ten por asasina certa)...
Así e todo, a novela -facendo honra do espírito báquico co que se abre- remata facendo "un brinde pola vida". Por esa vida á que se agarran os personaxes que merecen vivila.
O espazo narrativo está embazado do misterio preciso para o desenvolvemento da acción. Pódese acreditar nela ou non, pois en Trasomundo todo pode ser verdade ou mentira, realidade ou soño... como corresponde a un lugar imaxinario da Raia, que xa de por si vén sendo o estranxeiro do estranxeiro, pero que queda ó alcance da man aínda que non veña no mapa.
Tocante ó evidente contraste entre o mundo rural e o urbano, o primeiro é, con permiso dos urbanitas, bastante máis potente e interesante: posúe máis colorido, máis variedade de individuos, máis paixón nos sentimentos... Nese mundo líbranse batallas de vida e morte a cara descuberta.



Capa do libro Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca
Comentarios (0) - Categoría: Narrativa - Publicado o 03-01-2007 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Desmentindo a primavera
Poemario de Marilar Aleixandre.
Vén sendo a historia dunha casa e das xentes que nela viviron entre 1557 e 2000.
Artéllase o poemario en tres partes que dan unha visión retrospectiva:
1. O libro fechado:
esgazou a póla do freixo
o mesmo día a mesma man
que te esgazou
impugnando rebentos merlos estalotes
desmentindo a primavera

A casa remata a súa andaina vital.

2. Sangran libro e cereixa recolle a etapa cainita de 1936.
foi nese xullo cando sangrou a cereixa
sen que a morderamos
nos foxos do camiño medrou entullo
de froitos atroces


3. O ulido dos anos, terceira parte, refírese á remota historia da casa (1557).
Fecha o poemario referíndose a un tempo pasado, pero remata cun esperanzado poema-desexo:
quizais
sempre que nun poema
rebente de amarelo unha xesta
será outra vez primavera no prado de Eiroas.
Comentarios (1) - Categoría: Poesía - Publicado o 25-12-2006 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2]

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal