Hoxe tivemos a sorte de contar coa presenza de Mercedes Peón no noso instituto, encontro organizado por Paloma para o alumnado de 1º de bacharelato de Música.
Asistimos a unha bonita perfomance na que, mentres montaba todo o equipo para unha pequena actuación, contestaba ás preguntas dos alumnos e das alumnas.
Así, puidemos enterarnos de que os inicios de Mercedes Peón en Luar os considera interesantes, porque lle permitiu dar a coñecer mostras da nosa tradición musical, que se mantiña viva en diferentes recunchos da nosa xeografía. Para elo, tivo que facer un arduo traballo de campo, pero cun único obxectivo: preservar a tradición cultural galega.
Mercedes Peón tamén contou que, o que valora da música, é o ?trance?, a capacidade de poder expresarse, sentir, atoparse con ela mesma, mirar no seu interior.
O alumnado e profesorado, que tivemos o privilexio de asistir a este encontro, atopamos a unha Mercedes Peón cercana, sinxela, que disfrutaba do momento, cunha grande capacidade de transmitir o seu entusiasmo e a súa paixón pola música e, por suposto, nos atopamos cunha voz poderosa.
Agradecemos a Paloma a oportunidade de coñecer e escoitar a esta grande artista galega e queremos dar as grazas a Mercedes Peón por esta experiencia inolvidable para o noso alumnado.
Guadalupe Vilar
|