
Amizades perigosas.
O primeiro contacto coa obra, como adoita pasar (ás veces, lamentablemente), foi a través dunha película que alquilaran os meus pais para o VHS (hai uns cantos aniños...) e que non me deixaban ver sen previa censura. Quizais foi ese factor inquisitorio o que máis chamou a miña hormonada atención de adolescente. Falo das Dangerous Liasons (Amizades perigosas, en galego) e o certo é que co paso do tempo, e despois da lectura e relectura (e relectura,...) da obra, a película segue a parecerme unha auténtica obra mestra, na que Stephen Frears captou, desde o meu punto de vista, a esencia (maquiavélica, por qué non dicilo) dunha novela na que, en ausencia de narrador (está escrita en estilo epistolar), é o/a lector/a quen descobre, sen axuda, a verdadeira psicoloxía dos personaxes, nunha sociedade na que primaba a hipocresía, a dobre moral e a afectación.
A miña recomendación é dobre, por tanto, xa que non son quen de escoller entre o libro e o film, aínda que penso que a lectura deixa unha sensación gratificante ao facer partícipe ao/á lector/a das intrigas e manipulacións dos protagonistas, puidendo tamén xulgar ou mesmo comprender os seus actos a través da intimidade das súas cartas. A complexidade destes personaxes, tanto na novela coma na película, consegue sorprender sempre a pesares do tempo, da idade, dos gustos e, coma no meu caso, das veces de relectura e visionado...
|