BIBLIOTECA DO I.E.S. CASTRO ALOBRE


OPINIÓN: SÁBADO INDIGNADO
Abro unha nova seción neste blog: “OPINIÓN”. Coa clara intención de incomodar, de que calquera que queira cuestionar, opinar e discutir, participe. Xa sabedes, se enviades os vosos artigos a pgcastroalobre@gmail.com, eu subirei todo (sempre que veña asinado, que sexa respectuoso e non medien insultos).

Por que hoxe? Porque pasaron o día contra a violencia machista e o día internacional da muller, volvemos á carga coas boas intencións, dous días ao ano non fan dano. Mentres, nada cambia, ou todo piora.

Armada de valor leo La Voz de Galicia de hoxe, sábado 1 de marzo. Seguimos coa muller asasinada no Pino. O tema dá para moito, o morbo retroaliméntase, ciganos e ciganas, gravideces, fuxidas en masa. Cruz de navallas. España cañí. Todo vale para vender xornais.

Como non vai ser todo malo e é sábado, regalan a fantástica revista YaEsSábado. Mira ti, que orixinal, e logo eu penso que son mediocre (que tamén) e non dou inventado nada novo.

Portada e cinco páxinas “La revolución de las malenis”. Con todo o meu respecto e agarimo para aquelas persoas que fan madalenas, punto, cosen, etc. ISTO É UNHA REVOLUCIÓN? Non hai moito vin un obradoiro en Vigo, tipo O club da calceta de María Reimóndez. Alí había dous rapaces. Xenial. Na extensa reportaxe que aparece en La Voz, non se ve a ningún home adicado a tan femeninas actividades.

Páxina 8: David Trueba, home, director de cine, un triunfador gozando do seu merecido momento de gloria. Páxina 30: Juan J. Nieto Roig, home, segundo matemático do mundo. Páxina 16: muller, diseñadora de moda (moi ben). Páxinas da 22 á 25, outras dúas excéntricas mulleres que traballan Belén Rueda (actriz) e Elena Ferro (diseñadora de zocos).

Páxina 15: unha actriz e os seus complementos. Páxinas 18 á 21, volve “La Nancy”, e non sei que pasa cunhas princesiñas holandesas. Oito páxinas máis nas que nos explican a nós, mulleres, o bo dos zumos, o fitness e a macrobiótica, e que temos que vestirnos así ou asá.

Mentres, os homes pensan en deixarse barba ou non para parecer máis homes, flipo. Ou beben cervexa no chollo, flipo máis. Creo que na foto que ilustra este último artigo aparece unha muller, pero como é a única que non bebe, debe de ser a que serviu aos traballadores estes, tan guais.

Que é o malo de todo isto? Que seguimos repetindo ata o vómito o modelo patriarcal. Que nada cambia, que esta involución en actitudes, referentes e dereitos, non é casual. Que nós como educadoras e educadores debemos loitar para que a sociedade mellore e non sei se o facemos. Que a perpetuidade destes modelos empobrécennos a homes e mulleres. Que van seguir matándonos e a solución non é facer pasteliños.

E remato coa revista. Non me atrevo nin a ler a contraportada, a señora Echevarria é “de las chicas que no se conforman”. Que medo! Outra revolucionaria.


Paloma García



Comentarios (0) - Categoría: OPINIÓN - Publicado o 16-03-2014 15:31
# Ligazón permanente a este artigo

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

© by Abertal