Becerreablog


BLOG DA BIBILIOTECA DO IES DE BECERREÁ

Bibliotecas escolares de Galicia



Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.

O meu perfil
becerreablog
 SECCIÓNS
 GALERÍA DE FOTOS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O CLUB DE LECTURA CONVERSA CON BREOGÁN RIVERO.

Como recordaredes, o primeiro libro que lemos este ano foi “Tonecho de Rebordechao”, protagonizado por un rapaz que vive cos avós nunha aldea como calquera das que nós coñecemos. O libro gustounos, e como tiñamos a oportunidade, escribímoslle un correo ao seu autor, Breogán Rivero, para presentarlle unha serie de cuestións que nos foron xurdindo coa lectura do libro e sobre as que tiñamos falado nas nosas xuntanzas do club. Queremos darlle as grazas publicamente a Breogán polo xesto de respondernos e dedicarnos tanta atención, xa que era a primeira vez que contactabamos co autor dun libro que lemos e a experiencia non puido ser mellor.

E esta foi a nosa andaina por este curso. Volveremos para o seguinte con máis lecturas e máis gañas. Despedímonos de todos/as e especialmente de Antía (cazadora branca e carpeta azul), a nosa compañeira de club que cambia de centro e a que estrañaremos.

CONVERSA CON BREOGÁN RIVERO


Como se che ocorreu a historia para o libro?

Eu estaba a escribir a historia dun rapaz ao que chamei Tonecho, que pasaba de vivir nunha grande cidade a unha pequena aldea. Escribía sobre a súa historias, as vivencias, a relación cos avós... Traballando nun documental coincidiu que cheguei a unha fermosa aldea chamada Rebordechao. Gustoume o lugar, pero gustoulle aínda máis ao meu personaxe imaxinario, que me dixo no ouvido: “Eu son de aquí, son de Rebordechao”. Fíxenlle caso, deixou de ser Tonecho, un rapaz que vivía nunha aldea imaxinaria, e pasou a ser Tonecho de Rebordechao.

Viviches ti algunha das aventuras que se contan nel? Quizais algún coñecido, familiar…

So hai unha cousa medianamente real: os parvos da televisión que quedaron sen xantar aquel día eramos nós.

Por que escolliches “Langrán” para o nome do can? Tiveches un can con ese nome?

Coñecín un can chamado “Langrán”. Bautizouno o sogro do meu irmán, un home de Valladolid. Tamén tivera un can pequerrecho e botado para adiante ao que chamaba “Milhomes”. Era curioso porque, sendo de Valladolid, escollía moi ben palabras galegas. O home lía en galego, malia que nunca o falaba.

Por que ten que ser Tonecho o único rapaz da aldea?

En Galicia están a desaparecer moitas aldeas. Comecei a escribir o libro sobre iso, aínda que despois os libros collen vida propia e un non sabe nunca onde van parar. Non sei se en Rebordechao en concreto hai nenos, coido que non todo o ano, porque a resposta do avó no comezo da novela, de que “ás veces pasas o día enteiro sen lle dar os “bos días” a ninguén” é unha frase que –de certo- escoitei a un vello en Rebordechao. Supoño que, cando imaxinaba ao avó de Tonecho, imaxinaba a aquel vello.

Cres que un rapaz podería ser tan feliz como o é el nunha aldea de anciáns, só cun can?

Tonecho ten compañeiros na escola, non está completamente so. No fondo non hai tanta diferencia entre os nenos da cidade e os da montaña: agora na cidade para xogar cos amigos levan aos nenos no coche ata a casa deses amigos. Cos atascos que hai se cadra ata tardan máis que dunha casa a outra nas aldeas. Teño algún amigo que foi vivir á aldea –facendo case cen quilómetros ao día para traballar- por lle dar unha vida mellor aos fillos. E penso que algo de razón ten.

Inspirácheste nalgunha aldea en concreto para representa esta? Viviches nalgunha parecida?

Rebordechao existe. É un lugar fermoso e esquecido, coma hai centos de lugares fermosos e esquecidos nesta terra.

Por que fas aparecer un personaxe portugués nunha aldea galega?

Non é portugués. Chámanlle así porque –disque- naceu alá. Os alcumes sonche así, e Tonecho non se entera moito de porqué lle puxeron ese alcume a aquel home grandón e boa xente.

Por que introduces a lenda do “home do unto”?

Cando Tonecho –imaxinario- teimou en me dicir que el era de Rebordechao, introduciu á aldea na historia, e tamán a súa paisaxe e as súa lendas. Unha das liñas nas que eu traballaba era a de que o neno atopaba lendas e historias de medo que os avós usaban para “educalo”. Rebordechao aportou a súa propia lenda, a lenda do Lobisome, de Romasanta, o Home Lobo de Allariz, o Home do Unto (de todas as maneiras era chamado). Unha lenda baseada nun personaxe real.

Por que é o Remixio un home tan amargado? Inspirácheste nalgún coñecido?

Supoño que si. Coñeceredes moitos personaxes así ao longo da vosa vida, amargados que semellan aledarse do mal alleo. É un sentimento cativo de xente de corazón cativo, pero existe xente así.
(Curiosamente un sociólogo chamado Lisón Tolosana escribira hai tempo, nun estudo sobre o maxia en Galicia, que nalgunhas zonas os galegos usabamos “envidia” e “envexa” como termos distintos. A “envexa” non era mala de todo, pero a “envidia” podía traer mal de ollo e causar o mal nos “envidiados”. Non sei se o sociólogo tiña razón, pero en todo caso nas comunidades hai en ocasións alguén que adquier o “rol” de amargado, e gosta de negarlle a felicidade aos demáis.)

Por que lles deches aos avós estas características e non outras?

Pois non sei. As descusións dos avós ao comezo da novela –no coche- son moi semellantes ás descusións que tiñan moitas veces o meu pai e a miña nai. Coido que o vello tiña como meu pai a casa inzada de libros, e a miña nai rifaba con el por tanto libro por todas partes. (É curioso, non me decatara disto ata hoxe)

Que personaxe é o que máis che gusta e o que menos? Por que?

Coido que os avós.

Por que ao final todo remata tan ben? Por que ao bo de Tonecho non o podía ter comido o “home do unto”? Imos volver saber algo deste rapaz algún día?

A ver, oh! Quen fixo esta pregunta? Por que lle queredes mal ao pobre Tonecho? Por que queredes que morra nas poutas dun asasino? Sodes malos, eh?

Que pensas dos club de lectura? Gustaríache participar nun deles?

Gústanme os clubes de lectura. Teño participado –de rapaz e de non tan rapaz- aínda que hai tempo que non o fago. Gústame porque despois podemos falar entre todos e sabemos do que falamos. Serve moito para aprender a analizar e a despertar o espíritu crítico. Para dialogar e para discutir. Para aprender que non todos temos os mesmos gustos nin as mesmas ideas. (Inciso: tamén teño participado en Cineclubes, pero rematei un pouco farto. Os cineclubes –no meu tempo- adoitaban ser demasiado “culturetas”. Lembro unha película rusa que comezaba cun plano-secuencia dun vello sentado sen facer nada durante vintesete minutos. Vintesete minutos co vello ocupando toda a pantalla, mirando, quieto-parado e sen dicir nada. Miraba e miraba, e non pasaba nada. Unha obra de arte, disque, pero eu teño para min que o proxector estaba avariado e ninguén se decatou)

Nós sentímonos moi identificadas co personaxe de Tonecho cando limos o libro e tamén con algunha das súas aventuras. O feito de que todas sexamos de pequenas aldeas fainos ter cousas en común e por iso se nos fixo tan interesante a lectura do libro.

Moitas grazas. Hai moitos mundos nos libros, moitos mundos que agardan por vós.
(E hai un escritor agachado en cada un de vós, non o esquezades nunca)

Grazas. Foi un honor.
Comentarios (4) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 06-06-2009 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal