Becerreablog


BLOG DA BIBILIOTECA DO IES DE BECERREÁ

Bibliotecas escolares de Galicia



Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.

O meu perfil
becerreablog
 SECCIÓNS
 GALERÍA DE FOTOS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

23 DE ABRIL.
O día 23 de Abril celebramos o día do libro. Durante toda a semana os alumnos puideronse achegar á biblioteca para compartir as opinións de coñecidos deportistas, escritores, artistas e persoas relaccionadas coa cultura de ámbitos diferentes, nunha exposición chamada "Para que les? " unha iniciativa de Implicadas. Org na que colaboramos sumándonos a 103 centros educativos de toda Galicia. A exposición completábase coa achega dos alumnos, que deixaban a súa opinión sobre a pregunta que se formulaba para celebrar o día do libro. A nosa sorpresa foi comprobar as respostas tan elaboradas que os nosos alumnos aportaron, mesmo a dalgún profesor anónimo que tamén se animou a deixar o seu pensamento.
Grazas a todos por colaborar, e aos departamentos de Lingua Castelá, Lingua Galega e Titores de Grupo, que se achegaron pola biblioteca para participar.
PREME AQUÍ PARA VER AS IMAXES DA EXPOSICIÓN E O TRABALLO DOS NOSOS/AS ALUMNOS/AS E PROFES.
Comentarios (2) - Categoría: XERAL - Publicado o 25-04-2010 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
OS CLUBS COMENTAN AS SÚAS LECTURAS (VI)
TÍTULO: AIRE NEGRO
AUTOR: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
EDITORIAL: XERAIS
CLUB:CO LIBRO Á TUMBA (3º ESO)
COÑECE AS NOSAS OPINIÓNS PREMENDO EN "COMENTARIOS".
Comentarios (6) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 09-04-2010 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZAMOS A PRIMAVERA CON POEMAS

Do 21 ao 26 de marzo, expuxemos na biblioteca " Poemas das Pequenas Cousas". Comezamos recollendo poemas que nos propuxeron entre moitos colaboradores doutros centros de Galicia que tamén participaban coa súa exposición e baixo o mesmo título. Unha vez que tivemos colgados os nosos poemas, pola biblio comezaron a visitarnos de forma organizada os alumnos da ESO. Os primeiros en visitarnos foron os alumnos de primeiro de ESO, co seu titor e coa profesora de Lingua Galega, pero non foron os únicos, tamén se achegaron pola nosa pequena exposición os alumnos de segundo curso coa profesora Chus, os de terceiro coa profe Lucía de Lengua Castellana, os alumnos de plástica coa profesora Mónica, e o grupo de cuarto coa profesora Marta María.
Todos os grupos realizaron un pequeno bosquexo que consistia nun debuxo sobre un poema dos expostos, ou ben un poema persoal da súa invención, así conseguimos entre todos dar corpo e cor ao día da poesía, completando unha exposición de grandes poetas coas nosas propias creacións.

O equipo da biblioteca agradece unha vez máis a todo o profesorado a súa colaboración nos actos que van xurdindo durante o curso, así como aos nosos alumnos as súas achegas, cada vez de maior calidade. PREME AQUÍ PARA VER ALGUNHAS FOTOS.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 02-04-2010 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
O XENEROSO XESTO DUN GRAN DEPORTISTA.
Un gran deportista
O pasado mes de Febreiro solicitamos a Julio Baptista, xogador de fútbol do equipo As Roma e da selección brasileira, un pequeno xesto para incentivar a lectura entre o noso alumnado. Durante esta semana recibimos de Xulio unhas fotografías lendo dedicadas ao alumnado do noso centro.
Agradecemos o xesto dun xogador da categoría de Baptista, que debe recibir peticións como a do noso centro habitualmente, que teña a amabilidade de contestar para favorecer o desenvolvemento da cultura entre os máis novos.
Dende o IES de BECERREÁ invitamos Julio Baptista e Silvia a coñecer as nosas rutas e a compartir un día connosco, esperamos que acepten o noso convite antes do próximo Mundial.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 01-04-2010 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
COMENZAN AS ENTREVISTAS DOS CLUBS DE LECTURA
ENTREVISTA A FINA CASALDARREY:

RESPOSTAS PARA O I.E.S. BECERREÁ
FEBREIRO 2010
Arredor do libro Ola estúpido monstro peludo!

-QUE É O QUE QUERES TRANSMITIRNOS CON ESTA HISTORIA?

Ante todo quería contar unha historia o mellor que sei, aínda que o certo é que nunca somos “inocentes” cando escollemos un tema e o levamos de determinada maneira. Oxalá a literatura tivese forza máis alá do gozo de ler e fose capaz de remexer conciencias e cambiar o que hai de ruín no mundo, pero a xulgar polo que segue a caer ao noso redor, non podo menos que dubidar...
Con este libro, conformaríame con que entreteña, e se conseguise que o lector, a lectora, sintan repulsa pola personaxe do monstro e lle collesen xenreira, de tal xeito que desexen non parecerse xamais a el, sentiríame moi satisfeita.

-ERA A TÚA VOCACIÓN DE PEQUENA ESCRIBIR?

Gustaríame dicirvos que si e mesmo poder rodear esta afirmación cun aquel de romanticismo confesándovos que, na miña infancia, pasei varios anos encamada por mor dunha “terrible” enfermidade, que exerceu de inxección intravenosa cara o gozo da lectura e que, o día en que sandei, fíxeno co firme propósito de me converter en escritora. Pero a realidade foi outra: no meu ambiente e na miña época os libros andaban escasos e ser escritora, sobre todo iso, “escritora”, en feminino, era un soño prohibido.
Os escritores eran para min seres que estaban nun olimpo dos deuses, nunca tivera a oportunidade de ver ningún diante... Creo que a quen de vós lle guste isto de inventar mundos, levádesme moita dianteira, estades máis preparados do que eu estaba á vosa idade.

-EN QUE BASAS A HISTORIA DO LIBRO?

O tema central é duro, moi duro; trátase da violencia de xénero entendida tal e como a define a UNESCO: cando un home trata con violencia a unha muller. Por desgraza, ao noso redor cada día temos situacións que nolo recordan.
A literatura, ademais de beleza, tamén é denuncia social, reivindicación, loita... e escribir para nenos non significa escribir para persoas menos intelixentes ca min, hai moitas maneiras de falar de temas moi complexos.
Eu tentei comunicarme cos nenos e coas nenas —ademais, por suposto, de cos adultos que lembran que algún día foron nenos.

-POR QUE NOS ENGANAS AO PRINCIPIO?

Porque a literatura tamén é aventura, sorpresa... Pero, sobre todo, porque non quería ferir a sensibilidade de ninguén e quixen botar man da fantasía ata a hipérbole. A esaxeración e o humor suavizan o drama: un drama tremendo neste caso. Tampouco non quería que a figura do pai —xa que a gran maioría exercen con responsabilidade de tales— quedase lixada. Non quería un pai “real”, aquí preferín que ninguén puidese identificar o seu co monstro. Oxalá , aínda así, non haxa lectores que lle atopen semellanzas. E se os houbese... que se animen a dicilo.
En resume, quixera que “conscientemente”, un neno que se achegue a esta historia, só vexa unha narración de intriga e fantasía, o resto... que llo atopen os adultos... se queren.






-QUE SE SENTE AO SER ESCRITORA?

Sinto o privilexio de poder contarlle cada vez a máis xente algo que argallei e, un agradecemento xigante a todas as persoas que len os meus libros. De feito, nos últimos libros que publiquei procuro que na dedicatoria apareza sempre este agradecemento a calquera lector ou lectora anónimos. “E, por suposto, a ti...”

-DOS LIBROS QUE FIXECHES CAL CHE GUSTA MÁIS?

Xa son moitos... Non son quen de quedarme só con un. Independentemente da idade que teñades gustaríame que lerades: O estanque dos parrulos pobres, O misterio dos fillos de Lúa, A lagoa das nenas mudas, Quen me quere adoptar?, Isha, nacida do corazón, A pomba e o degolado, Lúas de nácara, Dúas bágoas por Máquina... e se me deixo levar polo sentimento que me moveu no momento en que escribín cada un deles, seguiría ata dicilos todos ou case todos.

-PENSAS ESCRIBIR MÁIS LIBROS PARA A XENTE NOVA?

Se a cabeciña e a saúde me axudan, por suposto que si. E con máis ganas ao saber que hai xente coma vós que colle os meus libros nas súas mans para seguir dándolles vida. Grazas.

-CAL É O TEU TIPO DE LECTURA FAVORITA?

Gústanme as historias verosímiles, que sexan cribles, mesmo aínda que me leven a un mundo de fantasía. Agradezo que me sorprendan, que me intriguen, que me arrinquen unha bágoa, que me fagan rir, que haxa de “maldicir” a quen interrompa a miña lectura nun determinado momento, recoñecerme nalgunha páxina, escandalizarme (non traumatizarme!)... Cantos máis “méritos” deses teña un libro, mellor.
Hoxe... a min gústame ter a casa chea de libros, aínda que non os dea lido todos!
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 01-04-2010 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal