Becerreablog


BLOG DA BIBILIOTECA DO IES DE BECERREÁ

Bibliotecas escolares de Galicia



Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.

O meu perfil
becerreablog
 SECCIÓNS
 GALERÍA DE FOTOS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ALGÚNS COMENTARIOS SOBRE LIBROS
VENTO FERIDO de Carlos Casares
Por Yolanda Rodríguez

Este é un libro de contos onde o autor nos presenta moitos temas, como a violencia na infancia, o amor, etc.
A violencia na infancia podémola ver xa no primeiro relato entre uns cantos rapaces. Mandaron ir ao Zalo para o río que alí o esperaba o Rata para lle dar unha bolboreta para a súa colección; isto non foi certo e cando o outro chegou collérono e atárano a unha árbore. Logo tocoulle a Raga darlle cunha vara no lombo e os outros pedíanlle máis...
O amor podémolo ver noutro destes contos. Cando un rapaz se namora dunha rapaza pero ela ten que marchar porque nada máis está de vacacións aquí. El queda moi triste pero despois...
Xa sabedes, un libro para pasar unha bota tarde desta primavera tan cambiante!

AS COUSAS CLARAS de Xosé A. Neira Cruz

Por Leila Carballo

A min gustoume e recoméndovolo. Os elementos que máis destaco son: a intriga, o amor ou u odio. O libro trata sobre a acusación a un profesor de pederasta. Procuran asasinalo un grupo descoñecido que á vez son os que o calumnian. Marga e Afonso, os seus alumnos, han axudalo para resolver este problema.
Hai escenas moi boas e que te fan rir, como cando Marga (a protagonista) vai a unha tenda e faise pasar pola filla dunha señora, para que a dependenta lle dea información sorbre alguén, pero... descubriráa a señora?
Hai outros momentos que non son tan loables, ou polo menos, non tan alegres e divertidos, quizais tristes ou difíciles de entender, como por exemplo o final.

NOITE DE VORACES SOMBRAS de Agustín Fernández Paz

Por Ana Asenjo

Esta é a historia dunha rapaza chamada Sara, que vai pasar o verán á casa da súa avoa, xa defunta.
Instálase nun cuarto, no cal, a súa avoa nunca deixaba entrar a ninguén xa que era dun irmán seu que morrera hai moitos anos. Comeza a sentir unha presenza estraña cando está no seu cuarto. Unha noite atopa un fato de cartas e fotos, un caderno de caligrafía e unha selecta biblioteca do seu tío. Neles descobre a historia de amor que se produciu nos anos da Guerra Civil e os da posguerra.
É unha historia moi emocionante e con intriga ata o final. Para min, a parte máis bonita é cando Sara le as cartas do seu tío.

CONTA SALDADA
de Suso de Toro

Por Fermina García


Unha rapaza de case dezaoito anos perde o seu pai por mor dun suposto suicidio. Un día a rapaza vai á xestoría onte traballa o seu pai, e unha pantasma comunícase con ela a través do ordenador. A partir deste punto a súa vida cambia completamente, ve a existencia con outros ollos. Coa información que lle deu coñece un rapaz, o cal lle axudará a vingar a morte do seu pai... ou...
O que máis me gustou foi a historia, como a conta, pois sempre está a darlle unha pinga de intriga. E o que menos... pois que nalgunhas partes se fai algo pesado polas descricións.

CAZARÍA SALVAXE de Agustín Agra

Por Ismael Carcedo

Este libro conta a historia dun cego que está relatando un conto na praza da vila, no día da festa e que tamén coincide coa feira.
Un rapaz que pasa por alí escoita o nome dun parente seu e achégase para escoitar.
O cego está contando a lenda dun home que se chabama Wotan e que ten uns cans que arrasan todo o que atopan. Este home acabou coa poboación do País do Vento menos cos nosos protagonistas, que sempre logran salvarse. Logo eles marchan á casa onde está o demo para salvar todo o país e...
Eu recoméndolle este libro a todas as persoas ás que lles gusten as novelas de terror ou misterio pois nesta obra atopamos todos estes elementos.
Para as persoas que non lles guste a emoción forte é mellor que se absteñan, por razón de saúde.

A EXPEDICIÓN DO PACÍFICO de Marilar Aleixandre

Por Sandra Castro

Emilia Goianes, unha rapaza que case é unha nena aínda, embárcase nunha goleta chamada Revolución e que se dirixe a explorar as terras de América e o Pacífico. Nos primeiros momentos terá que ir agochada no camarote do seu irmán para que este non a devolva á casa e logo terá que facerse pasar por un rapaz, Marcos Goianes, pois unha muller non podería estar embarcada. Ao longo da viaxe ocorréronlle toda unha serie de aventuras que fan o libro moi entretido e curioso. Nel trataranse temas científicos, contaranos historias que viviron na súa travesía e que foron duras para eles, versará temas de flora e fauna que ían descubrindo ao seu paso por estes países, ou tamén vivirán a morte moi de preto...
Pero o máis importante é a valentía de Emilia para contradicir o que a sociedade daquel tempo lle impoñería e como ela finalmente conseguíu o que quería e máis o amor que a súa nai cría imposible para ela.
Pero hai moitas máis aventuras que terás que descubrir coa lectura.





Comentarios (0) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 29-04-2008 16:36
# Ligazón permanente a este artigo
DICIONARIO DE GALEGO EN INTERNET
Xa podedes entrar en "www.digalego.com" (tamén por móbil) e consultar o dicionario de galego da editorial "IR INDO", tamén editado en papel,que recolle todas as modificacións das Normas Ortográficas e Morfolóxicas establecidas no ano 2003.Contén máis de 65.000 entradas, e ademais incorpora as etimoloxías e as equivalencias en portugués, castelán e inglés. En breve disporá de sinónimos, antónimos e frases feitas.
Comentarios (1) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 24-04-2008 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
NOVOS TÍTULOS EN GALEGO
O departamento Galego acaba de incorporar á biblioteca o libro de Roald Dahl MATILDA, unha das obras máis coñecidas deste autor, e que debera ser unha lectura imprescindible. En breve, ampliaremos este contido cunha reseña completa que elaborará un alumno/a do insti. Tamén contamos coa versión en castelán.
Comentarios (1) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 22-04-2008 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO DE RELATOS POR SMS
I CONCURSO LITERARIO
DE SMS EN GALEGO
IES DE BECERREÁ
2008

 O Servizo de Normalización Lingüística do IES de Becerreá e a biblioteca do centro convocan un concurso de relatos escritos en SMS galegos.

 A temática está aberta a todas as vosas propostas que non poderán exceder as 80 letras nin tampouco ter menos de 30 letras ou caracteres.

 O prazo de entrega rematará o próximo 5 de maio (incluído) e deberanse entregar á/ao profesora/r de lingua galega máis próximo ou responsábel de biblioteca da zona.

 Os relatos habedes velos no blog da biblioteca do centro: http://becerreablog.blogoteca.com, para despois votar o que máis vos aquele.

 O premio consistirá nun lote de libros e unha grande aclamación popular no acto de entrega deste, que se vai celebrar na semana das letras galegas.

ÁNIMO E A ESCRIBIR...
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 22-04-2008 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
Conversa de Sandra Castro e o profe Alberto co escritor Anxo Angueira
Conversa arredor da novela A morte de A., de Anxo Angueira; editorial Xerais 2003
Sandra pregunta:
- Quen matou realmente a A.?
Creo que na trama a solución desta pregunta queda un pouco no aire,
así o entendo eu. O que pasa é que, realmente, quen a mata é o autor.

- Por que estaba tan atada ao seu home e ó de F.?
A min deume a impresión de que A. pertencía a un mundo moi distinto
dos seus compañeiros de viaxe. E creo que o seu home non só non
comprendería que o abandonase: mesmo "impediría" que o fixese (de aí
que puidese ser o asasino)

- Que foi de X. L.?
Non o sei, non o sei. Se esta historia tivese algún día continuación,
veriamos que foi dese para min moi interesante X.L., que representaba,
a respecto do narrador, unha xeración que viviu e coñeceu a
resistencia antifranquista, aínda que non fose en primeira liña.

- Realmente ocorrera a historia que contaba o rapaz ou era todo un invento?
Isto tampouco cho sei. Cómpre desconfiar de quen nos fala de si. Agora
ben, o feito de que se inclúan dúas intervencións de X.L. fai bastante
verídico todo.

Alberto pregunta:

- Citas a novela a dúas mans de Eça de Queiroz e Ramalho Ortigão, O misterio da estrada de Cintra. Alén da semallanza no estilo epistolar e na localización na illa de Malta, na obra dos portugueses hai unha certa parodia-crítica dos novos usos e costumes a cabalo entre a cultura francesa (preponderante no século XIX) e a novidade inglesa. Detectamos que ti tamén procuras parodiar-criticar a sociedade galega da altura, sen esquecer mitificar un sector do nacionalismo galego relacionado coas Follas de Resistencia Poética. Que opinas?
Si. Hai un intento de retratar, desde a óptica de quen era moi novo na altura da morte de Franco, aqueles anos finais da ditadura. A novela foi escrita como novela de folletín, un xénero agora desprezado. Eu procurei, nese sentido, facer algo de parodia literaria, dicir que desde este xénero tamén se pode falar de cuestións políticas e sociais e de que a literatura galega, aínda que como todas sometida ás leis do mercado, sempre debe aspirar a ser literatura/literatura. Polo medio fixen, claro, algunhas veladas reivindicacións, como a das Follas de Resistencia Poética.


Moitas grazas polo teu tempo e recibe un saúdo de Sandra e mais de Alberto dende Os Ancares.

Ps. Deixaríasnos colgar a túa resposta no blog da biblioteca e na revista do centro?

Non teño ningún problema, aínda que sinto que fun pobre nas miñas palabras.

Unha aperta grande para todos e todas.
Anxo Angueira.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 10-04-2008 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
ALUMNOS/AS DE 4º DECORAN A BIBLIOTECA
Hai que recoñecer que estabamos algo faltos de decoración alusiva ao mundo da lectura nos espazos de acceso á biblioteca. Demasiada parede, nunha palabra. E para acabar con esta "frialdade", os alumnos/as de 4º da ESO, coa dirección de Julia (a nosa profesora de Debuxo), elaboraron uns CARTEIS con referencias ao universo das letras que xa colgan das paredes. Graciñas polo traballo e noraboa polo resultado.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 02-04-2008 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal