Becerreablog


BLOG DA BIBILIOTECA DO IES DE BECERREÁ

Bibliotecas escolares de Galicia



Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.

O meu perfil
becerreablog
 SECCIÓNS
 GALERÍA DE FOTOS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RECOMENDACIÓNS PARA PRIMAVERA

LINGUA GALEGA

- Noutra dimensión. Marica Campo.
Unha historia chea de maxia, misterio e de moitas aventuras fantásticas.
Terás que ler o libro se queres saber todo o que agocha dentro.

- ¿Sobrevives? Fina Casaldarrey.
Narra a estremecedora historia dun rapaz de dezasete anos que cursa os seus estudos de formación profesional. A súa reiterada mala conduta, as súas amizades sorprendentes, a súa obsesión pola caza e polos seus cans podengos, o seu resentimento oculto e as súas absurdas reaccións, non deixan de asombrar continuamente ao profesorado e compañeiros.

LINGUA CASTELÁ

- La evolución de Calpurnea Tate. Jacqueline Kelly.
Callie Vee, é unha nena que vive nun pobo de Texas. A pesar de que a súa nai insiste en que aprenda a tocar o piano, coser e cociñar, ela está máis interesada no que acontece tras a porta pechada da biblioteca, ou no laboratorio do seu avó. Pouco a pouco irá gañándose a este señor un tanto túzaro e empezará a colaborar con el nas súas observacións do medio natural, aprenderá quen é Darwin, que son as especies e as subespecies e tamén o idiotas que se volven os irmáns maiores cando se namoran.

- Las piernas de Amaidú. Luis Matilla
Un traballo escolar poñerá en contacto Miguel e Carlos, cun mundo descoñecido para eles. O tema elixido para a súa tarefa será obter información sobre unha fotografía aparecida en prensa. A imaxe en cuestión é a dun neno ao que lle faltan as pernas a causa da explosión dunha mina antipersoa.
Comentarios (0) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 30-03-2012 08:56
# Ligazón permanente a este artigo

LINGUA GALEGA

- Quen Matou a Inmaculada Silva. Marina Mayoral
Unha novela chea de intriga que atrapase o lector dende o primeiro capítulo.

- O corazón do negror. Joseph Conrado
É unha narración autobiográfica; a crónica dunha viaxe física e psicolóxico ó interior da irracionalidade humana, inspirada nos seis meses que Conrad pasou no Congo colonizado. O autor móstranos sen maquillaxe a corrupción e o horror. Mostra a hipocrisía colonialista, a escuridade
do ser humano, e cuestiona a civilización occidental.

LINGUA CASTELÁ

- El Hobbit.Tolkien
Novela de aventuras de carácter fantástico, na liña do Señor dos aneis.

- Anda con ojo. Pilar Moreno
A profesora Piar Moreno invita ó lector a perder o medo ás matemáticas e a serenarse ante a idea de que estamos rodeados por unha ciencia que podemos encontrar no fogar, o traballo, a cidade... Nas páxinas deste libro móstranse 50 fotografías, dende a natureza ata a arte, pasando por arquitectura, máquinas, obxectos de deseño ou sombras.
Comentarios (0) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 30-03-2012 08:48
# Ligazón permanente a este artigo

LINGUA GALEGA

- Persépolis. Marjane Satrapi
É a historia autobiográfica da iraniana Marjane Satrapi, a historia de como creceu nun rexemen fundamentalista islámico que a acabaría levando a abandonar o seu país. O cómic empeza a partir do ano 1979, cando Marjane ten dez anos e dende a súa perspectiva infantil é testemuña dun cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do xa de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica.

- Incertos. Antón Dobao
Estes contos apuntan ó horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas.


LINGUA CASTELÁ


- Los números del elefante. Jorge Díaz.
Brasil, anos cincuenta, o país ó que chegaron, sen querer, Bernardo e Albino, dous galegos ós que a vida empurraba tanto que a única solución era abandonalo todo e empezar de novo. Unha atmosfera suxestiva e perigosa a este tempo, dous personaxes superados polos caprichos do destino, un labirinto de mulleres, poderosas mafias e baixos fondos.

- Cuando Dios era un conejo. Sarah Winman.
Este é un libro sobre un irmán e unha irmá. Un libro sobre a infancia e o crecemento,as amizades e a familia, o triunfo e a traxedia,e todo o que discorre entre eles.
Comentarios (0) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 30-03-2012 08:41
# Ligazón permanente a este artigo
NOVIDADES
Entre as últimas adquisicións da Biblioteca destacamos:

- Contos por teléfono de Gianni Rodari. Un pai ten que estar fóra da casa seis días á semana. A súa filla non se durme sen que lle conten un conto polo que a chama por teléfono todas as noites para contarlle un conto. Os contos son tan bos que os operarios da telefónica suspenden a súa actividade para escoitalos. E este é o libro deste contos.

- Dramatículas de Afonso Becerra. Este libro do noso veciño de Becerreá está a medio camiño entre un libro de contos e un de poemas.Como na vida, hai escenas de amor e desamor. Hainas de personaxes que se buscan. Hainas de voces que non chegan a ser personaxes porque non dan construído a súa identidade.

- El diario violeta de Carlota de Gemma Lienas. Carlota é unha adolescente que, empuxada pola súa avoa e arroupada por un ambiente propicio, inicia un diario onde anotará todos os casos de discriminación machista que vexa ó seu redor.

- Mans de Xabier Docampo. Un singular libro benéfico no que autor traza unha narración con vocación poética a través das imaxes de mans de diferentes persoas.

- Trabajo infantil de Kaye Stearman. Esta obra describe os diferentes tipos de traballo que levan a cabo os nenos no mundo hoxe en día, explora os argumentos esgrimidos polas diferentes partes e cuestiona que se está facendo respecto diso. Finalmente, descubrirás de que xeito podes contribuír para terminar coa explotación laboral infantil.
Comentarios (0) - Categoría: NOVIDADES E RECOMENDACIÓNS - Publicado o 30-03-2012 08:25
# Ligazón permanente a este artigo
Os anónimos e a "Makinaria" de Carlos Negro
O clube de lectura"Os Anónimos de Mentes Frías" realizaron a súa segunda lectura do curso o pasado luns. Durante unha das súas sesións de lectura, achegáronse ao libro "Makinaria" e quedaron enganchados ao ritmo poético do libro de Carlos Negro.Unha proposta de lectura nova e interesante para eles,a poesía vista dende unha nova perspectiva. Pronto comentarán as súas impresións sobre este interesante libro. E como non pode ser doutro xeito, xa temos nova lectura. Adiante "Anónimos".
Comentarios (6) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 27-03-2012 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
8 DE MARZO DIA DA MULLER TRABALLADORA

Co gallo da conmemoración do día 8 de marzo a biblioteca realizou unha exposición sobre a muller en dúas seccións:
- A titulada A outra metade da Ciencia consistiu nunha serie de paneis sobre distintas mulleres que destacaron no eido da Ciencia como Hipatia de Alexandría, Mary Somerville, Marie Curie ou Grace Murray Hopper.
- A titulada A outra metade da miña vida consistiu nunha selección de escritos ou murais realizados polos alumnos de 1º e 2º ciclo da ESO, sobre unha muller que eles admiraran ou que fora moi importante na súa vida (o panel central da imaxe superior).
Ademais tamén se organizou un punto de lectura con diversos libros relacionados coa temática desta conmemoración. Algúns deles son Usha de María Reimóndez, Mil soles espléndidos de Khaled Hosseini ou Historias de mujeres de Rosa Montero
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 13-03-2012 17:17
# Ligazón permanente a este artigo
Mentes frías comentan O Señor Ibrahim e as flores do Corán
Este libro trata da tolerancia e do entendemento entre iguais.Recomendamos esta lectura xa que fai reflexionar sobre o xénero humano. É unha lectura entretida, que conta as peripecias dun rapaz de 16 anos que sobrevive día a día os perigos da rúa e as barreiras da vida. Animádevos e lede esta historia.

Éric emanuel Shmitt nace en Lyon o 28 de marzo de 1960. O que máis nos atraeu da personalidade deste autor e que para él escribir supón unha vía de escape da súa rebeldía de adolescente. A súa obra O Señor Ibrahim e as flores do Corán publicada no 2004, foi todo un éxito, vendeu 250.000 exemplares en Francia.
Comentarios (1) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 12-03-2012 16:22
# Ligazón permanente a este artigo
CLUBS DE LECTURA DE 1º E 2º ESO: ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
AS INCÓGNITAS DE CARTAS DE INVERNO

No primeiro trimestre os clubs de lectura de 1º e 2º da ESO lemos a novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz e fixémoslle unha entrevista virtual ó autor para aclarar algunhas dúbidas. Aí vai:

POR QUE CANDO ACTUALIZA A EDICIÓN NO 2007 INTRODUCE CAMBIOS NO LÉXICO E INCLUSO NAS ESTRUCTURAS SINTÁCTICAS? ACOSTUMA A REVISAR AS SÚAS OBRAS?

Comezarei aclarándovos que adoito revisar os meus libros, sobre todo os que escribín hai anos. Isto débese a que un sempre queda insatisfeito co que escribe, porque nunca sae como queres. Se a isto lle unes que, co paso dos anos, vas aprendendo mellor o oficio de escritor, é normal que, se os editores me deixan, revise os libros xa publicados. Non só Cartas de Inverno; tamén o fixen con Aire negro (unha de terror, a nova versión sae esta primavera), Contos por palabras, Rapazas... E acabo de facelo con As flores radiactivas.
No caso de Cartas de Inverno, coma nos outros que vos digo, non cambio nada da trama (iso si que non me gustaría, supón facer algo de "trampa". Os cambios que fago refírense aos aspectos formais, ao que é a escritura en si: maior precisión lóxica, parágrafos mellor construídos, corrección de posibles erros.
Hai duas profesoras que fixeron unha análise dos cambios que fixen en Cartas de inverno. Se o atopo, mándollo á vosa profe.

O SEU COÑECEMENTO DOS LUGARES NOS QUE TRANSCORRE A ACCIÓN DA OBRA É EXHAUSTIVO, SOBRE TODO DA COMARCA DE VILARMAIOR. VIVIU NESA ZONA OU DOCUMENTOUSE SOBRE ELA?

Vivín preto desa zona. Durante algúns anos vivín en Pontedeume, que está a pouca distancia de Vilarmaior. E logo, aínda que me mudei a Vigo, conservei durante algúns anos máis o piso que tiña en Pontedeume, e pasaba alí os veráns. Moitas tardes, colliamos o coche a miña dona e mais eu e iamos andas polos camiños da zona onde transcorre o libro. Por iso puiden falar dos espazos con propiedade. Noutras novelas, se non coñezo ben o sitio onde as sitúo, o que fago é documentarme na Rede. Cando escribín Lúa do Senegal, non chegeui a ir ao Senegal, pero vin películas, documentais, lin textos e novelas, viaxei co Google Earth... Canto máis saibas de como é o lugar, escribirás con maior seguridade.

ADRIÁN NUNHA DAS SÚAS EXCURSIÓNS VAI ANDANDO ATE PENA MOURA A VER PETROGLIFOS. EXISTE ESE LUGAR E POLO TANTO OS PETROGLIFOS ÓS QUE SE REFIRE?

Existe, si. Pero os petroglifos non son os que aparecen debuxados na novela, eses están tirados doutros sitios. Os que hai por riba das portas son todos anacos de petroglifos de Campo Lameiro (un día tedes que ir a Campo Lameiro!, paga moito a pena). E o que hai na trapela está en Mogor, moi preto de Bueu.
Sempre me fascinaron os petroglifos, seguen a facelo. Hai unha novela miña, O centro do labirinto, na que os petroglifos xogan un papel moi relevante.

DEBATEMOS MOITO NO GRUPO SOBRE A NATUREZA DO SER QUE ACABA COS PERSONAXES: UNHA MALDICIÓN, UNHA PANTASMA, UN VISCOSO ALIENÍXENA? TOME PARTIDO, POR FAVOR.

Síntoo moito, mais non vou tomar partido. É moi doado de explicar: No borrador que escribín, si que había unha resposta ao que preguntades. Mais logo, creo que con acerto, decidín eliminalo. Por que? Pois porque creo que cada persoa ten os seus medos particulares, e que o libro gañaba máis se eu deixaba só suxeridas as cousas, dun xeito "aberto", de maneira que o lector se vise na obriga de "completar" os ocos que eu deixei. Así que, aínda que me levedes a xuízo, non vou tomar partido. Iso si, amólame que deades só tres alternativas: de verdade non imaxinades nada máis? Ides ter que ler algúns relatos de Lovecraft, o mestre absoluto dos relatos de terror!

QUE FOI ANTES, O LIBRO DE GRAVADOS OU A CASA ONDE SE ATOPA?

Nunca o pensei, mais supoño que sería antes a casa. O libro de gravados, pola data da edición, tampouco non é que sexa moi antigo.

POLA CITA QUE PRECEDE Á OBRA SABEMOS DALGUNHAS DAS SÚAS INFLUENCIAS LITERARIAS, PERO HAI ALGÚN FEITO REAL QUE LLE SUXERIRA ESTA HISTORIA AMAIS DO ANUNCIO DE PRENSA Ó QUE SE REFIRE NO EPÍLOGO?

O anuncio de prensa, como xa poño no Epílogo, é real, retalleino dun exemplar de La Voz de Galicia, creo, cando estaba a xuntar anuncios para escribir Contos por palabras, un libro feito todo a partir de anuncios.
En Cartas de inverno a influencia principal é a dos relatos de Howard Phillips Lovecraft, o autor dos contos de terros que máis medo me meteron na vida.
En canto a feitos reais, creo que non, agás pequenos detalles. Un curmán meu, ten en Pontedeume unha casa case igual á do libro. O do libro de gravados está inspirado nun cadro que aparece nun conto de M.R. James, outro autor de contos de medo que vos había gustar ler.
E logo supoño que hai detalles que tamén saíron da vida real. Tería que repasar a novela para lembralos, agora non o vou facer.

SUPOÑENDO QUE SEXA VOSTEDE UN AUTOR OMNISCIENTE, A RAPAZA DO CUARTO TIVO O MESMO FIN CA OS PROTAGONISTAS?

E eu que sei! Hai razóns para pensar que si. Mais tamén hai razóns para pensar que esa rapaza era un engado para atraer os incautos que picaban, un pouco como o anzol que usamos para pescar peixes. Eu non me fiaría moito dela, a verdade.
Hai algo interesante que dicir: a novela está escrita (case) sempre en primeira persoa, agás os capítulos iniciais e finais. E cando está en primeira persoa, quen nos asegura que ese personaxe está a contarnos a verdade?

QUE SIMBOLIZAN OS PETROGLIFOS ESPALLADOS POLA CASA?

Os petroglifos son a manifestación máis antiga que posuímos da xente que habitou este país hai milleiros de anos. Se cadra, iso ten que ver algo coa cripta. Ou non, calquera adiviña a verdade! O que si é certo é que a min me fascinan os petroglifos, supoño que se nota ben.

HAI ALGUNHA CASA EN VILARMAIOR QUE LLE SUXERIRA A DA HISTORIA?

A isto xa medio respondín antes, en Vilarmaior non hai casa ningunha que se pareza á da historia. Esa casa hai que buscala en Pontedeume onde vive o meu curmán e a súa familia non lonxe do cume do monte de Breamo.

NO PROCESO DE CREACIÓN FÍXOSE VOSTEDE TODAS ESTAS PREGUNTAS?

Tal como vós as propoñedes, non. A dicir verdade, como en calquera novela, supoño que fixen moitas preguntas mentres xuntaba os ladrillos para construír o relato. E seguro que tamén as houbo a medida que avanzaba na escrita, pois van xurdindo dificultades que debes solucionar. O que si vos podo asegurar é que rin ben mentres a escribía, foi divertido facelo.

E PARA REMATAR UNHA PEQUENA CRÍTICA: POR QUE NON PODEN SALVARSE OS PROTAGONISTAS????

Porque as novelas de happy end non son as miñas preferidas, sobre todo se estamos falando de literatura de terror. Por que vai ter que rematar ben? É mellor que o lector quede desacougado, trátase dunha historia de terror. Ademais, xa se salva Tareixa, que non é pouco!

E para rematar eu tamén: anúnciovos que ao longo de 2012, Xerais ten previsto editar un cómic feito a partir de Cartas de Inverno. Eu xa puiden velo e está moi ben: É obra de Antonio Seixas, un autor que xa ten outros cómics publicados.

Moitas grazas pola atención que lle prestastes a este meu libro.

Unha aperta grande, para todas e todos!

Agustín Fernández Paz
Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 01-03-2012 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal