Becerreablog


BLOG DA BIBILIOTECA DO IES DE BECERREÁ

Bibliotecas escolares de Galicia



Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.

O meu perfil
becerreablog
 SECCIÓNS
 GALERÍA DE FOTOS
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CONVERSA CON FRAN ALONSO
CONVERSA MANTIDA VÍA INTERNET ENTRE SARA ARIAS (DE 1º BACHARELATO) E FRAN ALONSO

¿Que problema teño cos cans e cos gatos? Pois realmente ningún, ou moitos, depende como se mire, porque iso de como se mire é cuestión de perspectiva. Quero dicir, que non é o mesmo un can mirado desde atrás para adiante que un can mirado desde adiante para atrás. Mesmo poderían parecer cans distintos, pero son o mesmo can. Iso xa o dicía un señor que se chamaba Ortega y Gasset, non sei se che soa.
Pois mira, vou comezar cos gatos, que son animais distintos, os cans e os gatos, por moito que ti os metas na mesma pregunta. E sei que os metes na mesma pregunta porque caben. Efectivamente. Tamén me couberon a min en Males de cabeza, todos xuntos, pero non amigados, senón todo o contrario, enfrontados, como manda a tradición, que di, non sei se baseada en verdades empíricas, que os cans e os gatos nuncaselevaron entre eles.
Ben, pois comecemos cos gatos, dicía. Os gatos son animais moi moi moi literarios. ¿Por que ? Nin idea, pero desde os tempos dos tempos, os gatos entraron e pasearon ao seu antollo pola literatura universal.
Foro e son protagonistas habituais de poemas, relatos, novelas, etc. Xa Charles Perrault (non sei se sabes quen era, pero seguro que aínda que non o saibas coñeces os seus contos, como Polgariño, por exemplo), ben, pois xa Charles Perrault, dicía, que naceu en mil seiscentos e pico, escribiu (e recreábao da literatura popular, é dicir, do que contaba a xente daquel tempo e era transmitido de xeración en xeración), escribiu, dicía, e repito para que non te perdas, O gato con botas. ¿A que o coñeces? Ben, pois fíxate, desde Edgar Alan Poe, que utilizaba o gato como un elemento de terror nos seus libros, a Borges ou Baudelaire, que escribiron poemas sobre gatos ou aos gatos (por citar algúns nomes da literatura universal), ata o escritor galego Camilo Gonsar, que escribiu relatos de misterio protagonizado por gatos, a min mesmo, que ademais de Males de cabeza escribín un álbum titulado "A casa da duna" onde hai un gato chamado Bicos, a literatura emprega os gatos como protagonistas ou como referentes ou simplemente como metáforas.
¿A ti non che parece que os gatos son moi literarios? Fíxate, son enigmáticos, independentes, esquivos, axilísimos, misteriosos. ¿Quedarías ás escuras cun gato para miralo cara a cara? ¿Serías capaz? Teñen uns ollos brillantes que asustan. A min gústanme moito. Lástima que o seu maldito pelo me produza alerxia. Tanto, que non podo ir ás casas dos meus amigos que teñen gato.
E, por outra parte, fíxate nos cans. Son moito máis prosaicos. Son moito menos literarios: ¿Por que? Nin idea. Home, si, tamén están presentes na literatura. Fíxate, senón, nese libro de Conan Doyle que se titula "O can dos Baskerville". Pero, en fin, son outra cousa. Xa
non existe tanta adoración por eles. Están presentes na literatura universal pero xa non espertan tanta admiración.
¿Estouche explicando con isto o motivo polo que aparecen en Males de cabeza? Non, pero así entendes que eu non son o único, que as cousas non nacen por xeración espontánea e que todo ten o seu sentido.
Ben. En Males de cabeza, a serie "A tolemia é un sombreiro" está protagonizada por un psiquiatra enfermo. Por un psiquiatra desequilibrado, digamos. ¡Vaia contrasentido! A vida é así, está chea de contrasentidos. É complexa. E, ás veces, máis inverosímil que a literatura.
Ben, pois ese psiquiatra sente adoración polos gatos (cos que identifica unha serie de compañeiros seus de traballo) e, case por definición, por confrontación, sente un odio visceral polos cans (tradicionais inimigos dos gatos, tal e como aparece nos debuxos animados, que, por certo, tamén forman parte da nosa cultura universal contemporánea). Nos cans el identifica aos compañeiros de traballo cos que non se leva ou cos que ten problemas de relación), aínda que un individuo así ten problemas de relación con todo o mundo, porque o desequilibrio emocional fai que as persoas perdamos a nosa capacidade de valorar onde están os nosos límites propios e alleos. Ben, pois, tal e como ves, en Males de cabeza, os cans e os gatos, continuando unha certa tradición metafórica e literaria, sírvenme para presentar e representar a visión laboral e vital de confrontación continua que sufre unha persoa.
En fin, espero que entendeses o que che quero dicir.
Unha aperta,
Fran Alonso
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 28-02-2008 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
ODA Á CASTAÑA
Aquí podes ler a oda gañadora do concurso que se celebrou con motivo do magosto, que este curso realizamos o xoves 8 de novembro de 2007, o mesmo día que recibimos ás rapazas do insti de Cee para a súa inesquecible visita a Becerreá e a comaraca de Os Ancares.


ODA Á CASTAÑA


A castaña marrón,
Irresistible,
dura e chea de sabor,
grande,
tardía, desatinada
raíña dos froitos,
princesa dos froitos,
princesa dos sentidos
agarimosa no padal,
quentosa nos invernos
chea de faíscas de explosión e sabor,
protexida por un niño de espiñas
que cando a intentas coller, as
súas poutas ha de sacar.
Oh castaña,
estrela nos tambores,
sabor irresistible.
Oh, exquisita castaña,
dona dos castiñeiros e soutos,
froito ilustre
de cores escuras pero cálidas,
froito que non abandona.
Aténdeme
castaña
Comentarios (1) - Categoría: XERAL - Publicado o 28-02-2008 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal