Este blog, xunto co apartado da biblioteca da nosa web, son as ferramentas que poñemos a disposición da comunidade educativa para dar a coñecer todo o relacionado coa nosa biblioteca e o mundo da lectura, e temén, para que teñades unha vía de comunicación sempre aberta.
Con grande implicación do alumnado do centro, na semana do 20 ao 24 de novembro tiveron lugar as distintas actividades programadas para denunciar e sensibilizar sobre as situacións de violencia física e psíquica que viven moitas mulleres a diario.
Das xanelas e doutras partes do instituto colgaban prendas e teas negras, en sinal de loito polas mulleres que están a vivir esta traxedia; o alumnado acudiu tamén vestido de negro; da nosa "árbore dos dereitos humanos", e doutros paneis e portas, penduraban carteis reivindicativos e de denuncia; os alumnos e alumnas de 1º da ESO realizaron un mural con "post-it" debuxados, invitándonos a rebelarnos contra os maltratadores cando recoñezamos a un deles; alumnado de 3º confeccionou e repartiu lazos entre o alumnado e profesorado do centro; e un grupo de alumnas e alumnos de 1º de BAC elaboraron e executaron unha emotiva Haka coa que representaron o seu desafío aos violentos, ao tempo que salientaban a forza solidaria da mobilización do colectivo feminino(vídeo 1).
O venres día 24, estes mesmos alumnos e alumnas de 1º de BAC acudiron ao acto organizado polo Concello de Becerreá, no que tres alumnas (Blanca, Gabriela e Paula) leron un manifesto orixinal no que expresaron o seu rexeitamento absoluto ao machismo e a violencia exercidos sobre as mulleres (vídedo 2). Ademais, executaron de novo a súa Haka reivindicativa, esta vez diante das veciñas e veciños da vila congregados na praza do Concello, dos que recibiron o merecido recoñecemento. Neste acto tamén participaron outros colectivos veciñais e alumnado do CEIP San Xoán.
Agradecemos ao noso alumnado a súa implicación e sensibilidade amosadas, tanto na organización como na participación nesta campaña de denuncia contra a violencia machista e de solidariedade coas vítimas. PREME AQUÍ para ver as fotos dos actos desenvoltos no centro e no Concello.
INFÓRMATE AQUÍ de como foi a celebración do magosto 2017 no centro, con novidades respecto a outros anos, e todo organizado e coordinado polo alumnado de 4º da ESO, como é tradicional.