biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.


PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES


























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Despedimos o Club do Libro Aberto



A última xuntanza deste curso do Club do Libro Aberto foi como xa é tradición un xantar, cunha sobremesa de lamber os dedos e unha peli para compartir. Despois de ler banda deseñada nestas últimas semanas escollemos ver a última peli de Tintín, que moit@s aínda non coñecían.
Despedímonos, algúns ata o curso que vén outros, os que marchan para o instituto, ata cando eles queiran, aquí na BBS sempre teremos libros abertos para vós.
Comentarios (2) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 30-05-2012 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
A tartaruga que quería durmir
Na recta final dos nosos contacontos do recreo estreáronse Aitor, Manuel, Jorge e César: Foi o seu primeiro contacontos na biblioteca e que ben o fixeron! Escolleron A tartaruga que quería durmir de Roberto Aliaga e Alessandra Cimatoribus, unha historia moi divertida que nos fala do importantes que son os amigos e tamén do importante que é durmir cando se ten moito, moito sono.
Para o curso que vén contamos con que Manuel, César, Jorge e Aitor repitan a experiencia!













Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 30-05-2012 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Estamos de aniversario!


Hoxe hai 5 anos que botamos a andar este blogue. Moito levamos compartido neste tempo, moitos libros, moitas actividades, moitos proxectos, moitas realidades... e seguimos reafirmándonos no que publicamos naquel noso primeiro artigo, na nosa presentación no mundo dixital.
Desexamos que este blogue cumpra moitos máis, se o fai será porque a nosa biblioteca segue a estar viva e segue a ilusionarnos.



Comentarios (9) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2012 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
Coñece a Rosalía de Castro



O sábado 19 de maio, dentro da programación cultural do concello de Rianxo para este mes das Letras Galegas, teremos a oportunidade de coñecer mellor a Rosalía de Castro por medio dun espectáculo teatral.
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 18-05-2012 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Todas as nosas letras

Hoxe pola tarde na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo a poeta Elvira Riveiro Tobío recitará unha escolma da poesía dos escritores e escritoras das Letras Galegas. Non faltedes, temos cincuenta anos de Letras Galegas que celebrar e voares de esperanza que ceibar.
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 18-05-2012 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
Voares de esperanza
VOARES DE ESPERANZA

Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.

Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.

Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

Agustín Fernández Paz
Manifesto para o 17 de maio do 2012.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2012 07:17
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición Letras Galegas 2012
Este ano os carteis da exposición que a Secretaria Xeral de Política Lingüística distribúe para dar a coñecer ao autor homenaxeado nas Letras Galegas foron elaborados polos nosos veciños do CEIP ADR Castelao de Rianxo. Ademais de podelos ver na entrada do noso centro tamén os podedes ver clicando aquí.

Noraboa ao CEIP ADR Castelao polo seu estupendo traballo!
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 15-05-2012 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Letras Galegas 2012. Valentín Paz Andrade





A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística ofrécenos unha páxina na que recompila todos os traballos e actividades que desde distintos centros e organizacións se levan elaborados sobre o escritor homenaxeado este ano. Entrade e vede canto podemos aprender sobre Valentín Paz Andrade.


Desde a BBS queremos agradecer o traballo da Coordinadora de ENDL e sobre todo o inmenso traballo que tantos profesores e profesoras realizaron para axudarnos a dar a coñecer nas nosas aulas a vida e obra de Valentín Paz Andrade.
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 15-05-2012 23:38
# Ligazón permanente a este artigo
Avós
Sara, María e Andrea foron as encargadas de retomar os contacontos dos recreos contados por rapaces e rapazas. Foi un contacontos especial porque era a primeira vez que tiñamos contadoras de sexto e de segundo xuntas e porque o conto que escolleron é unha marabilla. Avós de Chema Heras é unha tenra e fermosa historia de amor entre un avó e unha avoa que se preparan para ir a un baile.
Se aínda non o coñecedes, non volo perdades!









Comentarios (2) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 14-05-2012 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
Tod@s contamos
From Tod@s contamos
Comentarios (1) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 14-05-2012 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Tere
Tere, a nai de Iago e María, puxo o broche de ouro ás nosas sesións de contacontos do mes dos libros.
Rematamos co Sorriso de Daniela, e un sorriso ben grande é sen dúbida o mellor broche de ouro para esta actividade que tanto nos gustou a tod@s os que participamos nela.

Grazas Tere!

Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 04-05-2012 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Dolores
Dolores, a nai de Irene, leunos un conto que gardaban na súa casa de hai moitos anos. Un conto que falaba de como eran e como se divertían os nenos antes, nos tempos dos avós e as avoas. Os protagonistas, Comido e Comeorellas eran ben fedellos pero tamén ben espelidos. E é que hai cousas que non cambian e de seguro que a todos nos vén a memoria algún neno ou nena así.


Grazas Dolores!


Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 03-05-2012 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Anxo Fariña na BBS
Anxo Fariña volveu visitar a nosa biblioteca, desta vez para ter un encontro co alumnado de 5º e 6º, que nestes últimos meses leu A chave da Atlántida. Anxo ten o seu particular grupo de seguidores e seguidoras no noso colexio, que comezaron a ler a Breogán e despois se engancharon aos Megatoxos, e aos que tamén lles gustou moito A chave da Atlántida, tanto como gustou ao xurado do Premio Merlín 2011.
Anxo volveu conectar cos seus lectores e lectoras e volveunos demostrar que non só lle gusta escribir para rapaces senón tamén encontrarse con eles e falar sobre os seus libros, sobre a lectura... Normal que teña tanto éxito!
Un gusto terte de novo con nós, Anxo!



Aquí tedes o tríptico previo á visita de Anxo Fariña.




Encontro con Anxo Fariña na tarde do 2 de maio.

Comentarios (1) - Categoría: Encontros con escritor@s e ilustrador@s - Publicado o 02-05-2012 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Ánxela
E aínda que abril rematou, os recreos na nosa biblioteca seguen recibindo mamás contadoras de contos que aceptaron o noso convite e se animaron a compartir con nós algúns dos seus contos favoritos. Hoxe, foi Ánxela, a nai de Paula quen nos contou un conto fermosísimo e moi divertido, protagonizado por unha gata diferente e especial. Como non nos vai gustar a gatiña Rosalinda?


Grazas Ánxela!

Comentarios (1) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 02-05-2012 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Esther
¡Te voy a comerrr!

Así comezou Esther e menos mal que tiña aspecto inofensivo e que traía nas mans un conto para nos contar, que senón...
Esther, a nai de Andrea, contounos unha historia sobre os medos no último luns de abril. Era un conto especial, un dos favoritos de Andrea de pequeniña e a nós tamén nos gustou un montón e nos fixo sorrir.


Grazas Esther!

Comentarios (3) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 01-05-2012 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas