biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Concurso Letras Galetras 2008
Xa comezou!
Hoxe apareceron na entrada da biblioteca as primeiras preguntas para resolver, unha para 1º e 2º e outra para os demais cursos. Xa había a quen lle tardaban, e iso que nos cartaces que saíron o venres a cousa estaba clara: dez días, dez preguntas.
Hoxe no recreo na entrada había moita "investigación" ao redor das caricaturas; ben, ben, diso se trata.


Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 19-05-2008 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Celebrando as Letras Galegas 2008
O venres 16 de maio tivemos o acto central deste mes das Letras Galegas. Toda a escola participou nun recital poético musical da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez. Unha escolma dos seus poemas foron recitados ou cantados en versións musicadas por profes e alumnado para ese día. Foi unha tarde especial que comezou coa proxección da fermosa curta "A flor máis grande do mundo" baseada nun relato do escritor portugués José Saramago. Despois escoitamos nas vosas voces a Xosé Mª Álvarez Blázquez, e que ben soou!
E como remate a versión rap do manifesto 365 días: en galego cabe todo interpretada por 6º B.
A última palabra tivoa Borja desexando en nome de tod@s:


Que o galego sexa sempre a flor máis fermosa e grande do mundo!


Aquí tedes unha montaxe con algunhas das fotos do recital, pero atoparedes máis na nosa bibliogalería.


Comentarios (4) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 19-05-2008 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
XA TEMOS UN ANO!

Comentarios (14) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2008 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Especial Letras Galegas 2008 en Vieiros
Enlazamos desde o blogue da nosa biblioteca co coidado e completo especial de Vieiros para as Letras Galegas. Nel poderedes atopar traballos doutras bibliotecas escolares galegas.

Para ir ao especial, premede aquí.
Comentarios (2) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 18-05-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
Temos un tesouro!
Os datos das enquisas sociolingüísticas así o desmostran. No CEP Brea Segade temos moita lingua que mimar, que coidar e facer medrar. Que responsabilidade tan grande a do profesorado do centro! O noso alumnado e as súas familias son galego falantes e pese a todo prefiren ler en castelán. Que estamos facendo mal? Nun día coma hoxe toca homenaxear pero tamén reflexionar sobre o futuro da lingua e sobre o papel que o profesorado e as familias temos no mantemento da lingua propia e da identidade cultural. Incluimos unha selección dos datos recollidos nas enquisas sociolingüísticas levadas a cabo polo Equipo de Normalización Lingüística neste curso. Preme en "OPEN PUBLICATION" para ver a publicación en grande.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2008 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
A Misión de Pencho
Neste mes das nosas Letras, presentámosvos unha creación dos alumnos e alumnas de 4º do noso colexio. Trátase dunha historia en banda deseñada inventada a partires do lema do Correlingua 2008: 365 días, en galego cabe todo.
A misión de Pencho, como ben poderedes ver, é dura e require de esforzo constante, pero el, ao igual que os nos@s caranguexeir@s, ten as cousas claras e non se acovarda ante os problemas cos que se vai atopando. Nós tampouco:

Mil primaveras máis para a nosa lingua!



Preme en "OPEN PUBLICATION" para ver a publicación en grande.
Comentarios (2) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 14-05-2008 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
Temos moita lingua...


que coidar e que lucir con orgullo!

Tal e como todo@s fixemos hoxe no Correlingua da Barbanza.
Visita educaldea para ver máis fotos e información.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2008 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
365 días. En galego cabe todo
Mañá vaise celebrar o primeiro Correlingua na Barbanza, será en Ribeira e acudirán nenos, nenas, rapaces e rapazas dos centros de Infantil, Primaria e Secundaria dos concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. É un dos primeiros froitos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística da Barbanza creada en novembro do 2007.
No CEP Brea Segade de Taragoña estamos ilusionad@s co día de mañá. Temos as nosas camisetas, a nosa pancarta e moitas ganas de correr e de festexar que na nosa lingua cabe todo tal e como di o lema do Correlingua 2008 e o manifesto gañador deste ano que soará mañá en Ribeira nas voces de nen@s dos catro concellos


MANIFESTO GAÑADOR: 365. EN GALEGO CABE TODO
AS SETE MARABILLAS
3º D ESO - CPI VICENTE OTERO VALCÁRCEL DE CARRAL


365. EN GALEGO CABE TODO

3 + 1 estacións: primavera, verán, outono, inverno;
6 x 2 meses dura un ano,
5 x 3 estrofas (e unha máis) escribimos neste manifesto.

En galego, todo o tempo.



315 concellos galegos,
6 continentes na Terra,
5 océanos no mundo.

En galego, por todas partes.



3 son os Reis Magos,

6 de Xaneiro, o día que veñen,

5 regalos que lles pedimos.

En galego, soñamos tod@s



3 unllas ten o xabaril,

6 patas ten unha mosca,

5 dedos ten un mono.

En galego, toda a fauna.



3 MP,

6 XB,

5 MB,

En galego, coas novas tecnoloxías.



3’14 é pi,

6´01 € son 1000 ptas,

5 litros nunha garrafa de auga.

En galego, contamos tod@s



3 Audi A

6 00 (SEAT)

5 Renault

En galego, todo marcha.



3 veces 6 e volves para a casa,

6 e repites tirada,

5 podes saír no parchís.

En galego, xogamos tod@s



3 pistóns ten unha trompeta,

6 cordas unha guitarra,

5 compoñentes un quinteto.

En galego, toda a música



3 Playstation
6 Queixos ten o trivial
5 Pro Evolution Soccer

En galego queremos “viciar” tod@s.



3º da ESO en galego,

6º de PRIMARIA en galego,

5 anos Infantil en galego.

En galego, aprendemos tod@s



3 medallas: ouro, prata e bronce,

6 xogadores de Volei,

5 xogadoras de fútbol sala.

En galego facemos deporte



3 xornais en galego,

6 cadeas de televisión en galego,

5 emisoras de radio en galego.

En galego, todos os medios.



300 páxinas web en galego,

6000 fotologs en galego,

50000 vídeos en Youtube en galego.

En galego navegamos tod@s.



3 km de Correlingua,

6 toneladas de libros,

5 billóns de mensaxes de móbil.

En galego sumamos tod@s



3 millóns de galeg@s,

6 centos mil inmigrantes,

5 millóns de emigrantes.

En galego falamos tod@s.



365. En galego cabe todo: tempo, espazo, soños, fauna, novas tecnoloxías, mates, coches, xogos, música, vicios, ensino, deporte, medios de comunicación, webs, falantes… e as 24 palabras que ti lle engadas para chegarmos a este número máxico:



365 días en galego.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-05-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
Na Biblioteca Pública Municipal Castelao
Segundo e Terceiro ciclo tamén visitaron a Biblioteca Municipal no mes de abril. Estas visitas centráronse nos servizos que se ofertan desde a biblioteca e en como utilizalos. Divididos en pequenos grupos os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º participaron nun xogo de pistas que Sofía preparara para que puxeran a proba a súa capacidade de busca de información e os seus coñecementos sobre a organización dos fondos nas bibliotecas. O xogo resultou moi ben en todos os grupos. Graciñas Sofía.


Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 03-05-2008 01:10
# Ligazón permanente a este artigo
De como veu a Rianxo unha balea
" Cando eu era rapazote(non quero botar a conta dos anos que van alá) chegou un día a Rianxo, paréceme que ás dez e media da mañá, unha balea. Algúns, para lle restar mérito á nosa vila, din que era unha balea moi pequena, unha criaturiña de balea. Faladurías, envexa, non saben o que din. Eu non digo que fose coma un consistorio a aboiar pola ría, non son tan argalleiro; pero a eslora dun patache poida que a tivese ben, e aquí entre vós hai outros que a viron e poden dar razón. E os que non a viron que pechen a boca."
Así comeza un dos relatos de Rafael Dieste na súa obra Dos arquivos do trasno e así descubriron os nenos e nenas de primeiro e segundo que xa hai moitos anos unha balea viñera a Rianxo. Ese descubrimento fixérono na Biblioteca Pública Municipal Castelao da man de Sofía Carou, a bibliotecaria. Descubriron tamén que na biblioteca de Rianxo poden atopar moitos libros para ler e ordenadores nos que buscar información e que ademais oferta actividades para el@s xusto cando a biblioteca da nosa escola está pechada.
Para @s que queredes saber que pasou coa balea de Dieste, buscade Dos arquivos do trasno ben na sección de escritor@s rianxeir@s da nosa biblioteca ou da Biblioteca Municipal.


Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 03-05-2008 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Contacontos en abril



EN ABRIL LIBROS MIL!




Durante todo o mes de abril este lema presidiu a entrada do noso centro e levamos a cabo moitas actividades para celebrar que nos gustan os libros, que nos gusta ler e que nos gusta compartir as nosas lecturas.
Os contacontos nos recreos do mes de abril foron unha boa mostra. Foi o mes con máis contadores e contadoras de contos, houbo varias semanas con dous días de contacontos no recreo e ademáis por primeira vez se leu un conto de produción propia. Que máis se pode pedir?


Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 01-05-2008 15:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas