biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Queremos ser Libernautas!
O Día do Libro presentamos e repartimos os Pases ao Liberespazo en todas as clases. Así aparece recollido no blogue de segundo ciclo como comezaron a usar os Pases na clase de 3º. Está claro que asumen o reto!


Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 30-04-2013 08:27
# Ligazón permanente a este artigo
A mansión dos Pampín
Mañá falaremos de dous libros no Club de Lectura de adult@s: Sol de Inverno de Rosa Aneiros e A mansión dos Pampín de Miguel Anxo Prado.
Será a nosa segunda xuntanza con Sol de Inverno un libro para falar do pasado e tamén do presente, das voltas que dá a historia, das similitudes entre os tempos convulsos nos que se desenvolve a vida de Inverno e dos tempo difíciles que estamos a vivir.
E tamén falaremos sobre Miguel Anxo Prado e a súa visión da especulación urbanística e dos tempos previos ao momento que estamos a vivir reflectidos na obra de banda deseñada A mansión dos Pampín. Miguel Anxo Prado é un dos creadores de banda deseñada máis premiados e recoñecidos a nivel mundial, precursor e dinamizador de numerosas iniciativas encamiñadas a prestixiar e dar a coñecer a banda deseñada galega e internacional. Na Mansión dos Pampín unha familia recibe en herdanza unha casa e unhas terras. O que o principio lles pareceu unha grande fortuna acaba sendo un rompedeiro de cabeza para eles.
Non deixedes de visitar a súa páxina oficial
Esta é a primeira incursión no mundo da banda deseñada do noso club de lectura de adult@s, a ver como resultou.




Comentarios (0) - Categoría: CLUB DE LECTURA ADULT@S - Publicado o 28-04-2013 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Aventura en la isla
Estas semanas os clubs de lectura da BBS estiveron de aventura, uns cos piratas e os outros cunha panda de rapaces e rapazas que moito lembran aos Cinco. Aventura en la isla de Enid Blyton narra as vacacións de catro rapaces nunha illa, na casa duns tíos. Sen querelo atópanse rodeados de perigos cando investigan os sinistros acontecementos que suceden nesa misteriosa illa. Outra saga de rapaces investigadores da man da mestra do xénero, Enid Blyton.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 28-04-2013 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Para rematar abril...
Para rematar abril xuntanza dos clubs, de todos eles. Comezaremos no recreo coa xuntanza dos Piratas dos Libros e do Biscoito lector e xa pola tarde será o turno dos adult@s.
Os Piratas dos Libros leron nestas últimas tres semanas unha aventura de piratas que, como non podía ser doutra maneira, tiña un tesouro e un misterio para resolver.Novela de aventuras da man de Bala Perdida e de Rosa O'Flaherti, escrita por Manolo Rivas, un dos máis prestixiosos escritores actuais en lingua galega.
Comentarios (9) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 28-04-2013 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Venres verdes na BBS
Sobran motivos para unirnos aos "Venres verdes" da Asamblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2013 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Os nosos recunchos de lectura

A horta, a cama, un sofá, o chan, a BBS... Xa temos moitas fotos cos nosos recunchos de lectura favoritos, lembrade que aínda podedes seguir enviándonos fotos toda esta semana. Animádevos!
Comentarios (1) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 28-04-2013 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Un pesadelo no meu armario
Continuamos convidando ás familias a vir contar contos neste mes dos libros. Tere, a nai de Iago e de María, estivo na BBS coma contadora esta semana. Deixounos a tod@s coa boca aberta falándonos sobre un pesadelo monstroso que de boa gana acolliamos nos nosos armarios, porque nos encantou.
Un pesadelo no meu armario de Mercer Mayer é unha historia sobre medos e sobre como escorrentalos. Ten unhas ilustracións fermosas e moi divertidas que acompañan a un texto sinxelo e directo, para falar clariño sobre o que nos dá medo.

Graciñas Tere, fixéchelo de medo!




Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 28-04-2013 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
Preparando o apadriñamento lector
Grazas á implicación, entusiasmo e preparación dos padriños e madriñas o apadriñamento foi un éxito. Aquí tedes algunhas fotos dos preparativos de 4º, 5º e 6º.




Os afillad@s na maña do martes tamén decoraron os seus agasallos de agradecemento para padriños e madriñas. Fixérono con moito agarimo, sen saber aínda quen lles ía agasallar cun conto.


Comentarios (2) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 27-04-2013 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Nun libro
Foi primicia na nosa celebración do 23 de abril e aquí o tedes para que o poidades ver, escoitar, cantar e bailar cantas veces queirades. Nun libro, un novo tema de Paco Nogueiras Nodar.


Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 27-04-2013 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
O noso Día do Libro
Na tarde do 23 de abril tivemos o acto central da celebración do mes dos libros. Xuntámonos no auditorio e escoitamos "Nun libro" un tema de Paco Nogueiras Nodar, visionamos a curta de animación "A cousa que máis doe do mundo" de Paco Liván e Roger Olmos editado por OQO e recitamos os poemas "Lemos xuntos" de Pat Mora, manifesto do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e "Só un libro", agasallo de Paula Carballeira ás bibliotecas escolares galegas para este 23 de abril.

E despois chegou o momento máis agardado, o apadriñamento lector. Un ano máis os rapaces de 4º, 5º e 6º foron madriñas e padriños lectores dos nenos e nenas de 1º, 2ºe 3º. As imaxes do vídeo que tedes debaixo transmiten case que toda a maxia que sentimos compartindo lecturas e despois compartindo unha actividade plástica, a decoración dun marcapáxinas cunha tira cómica con Libriño, o Liberespazo e o apadriñamento lector como protagonistas.
Revivide esa tarde especial con este vídeo.


Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 27-04-2013 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Brim el cazahadas
Comezamos o Día do Libro da mellor das maneiras posibles, cun contaconto no recreo con Antonio e Héctor coma contadores. Brim el cazahadas de Albert Alforcea foi a historia que escolleron para nós. É dun libro con pictográmas, así que Héctor leu as imaxes e o seu pai o texto do conto. Fixérono moi ben! E a historia de Brim, un cazafadas que acaba sendo o mellor amigos das fadas, gustounos moito.


Grazas Antonio e Héctor por traer a Brim e ás fadas á BBS!


Comentarios (0) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 24-04-2013 08:22
# Ligazón permanente a este artigo
Día do Libro



FELIZ DÍA DO LIBRO!


Como cada ano en abril, celebramos o noso compromiso coa lectura e cos libros. Nesta ocasión queremos ademais facer noso un cartel que El Patito Editorial difundiu xa hai uns anos nun día coma hoxe para reivindicar a banda deseñada, coa que tanto estamos a aprender e a gozar neste curso.
Só un libro é o título do texto co que a narradora, escritora e actriz Paula Carballeira, que tan ben coñecemos e queremos no noso cole, agasallou ás bibliotecas escolares galegas neste 23 de abril. Un ano máis a Asesoría de Bibliotecas Escolares enviou ás bibliotecas do Plambe uns marcapáxinas cun texto orixinal dunha autora galega para celebrar o Día do Libro.
Desde a BBS queremos agradecer á Asesoría de Biblioteca Escolares e a Paula Carballeira o seu fantástico agasallo, que hoxe compartiremos pola tarde nos actos centrais do mes do libros.

Premede aquí para ver e ler o marcapáxinas co texto de Paula.
Comentarios (2) - Categoría: Abril mes dos libros - Publicado o 23-04-2013 07:33
# Ligazón permanente a este artigo
O avó de Andrea na BBS
Traballando sobre a motora de Cambeses descubrimos que se construíra nos estaleiros de Losada no peirao de Sete Fogas. En canto veu esa información Andrea pensou nos estaleiros da familia do seu pai e efectivamente, o bisavó de Andrea construira a motora do Cambeses. Esta semana, coa nosa motora xa de volta na casa, estivo con nós o avó de Andrea, José Losada para contarnos como é o traballo nunha carpintería de ribeira e o que recordaba sobre a motora, aínda que el só tiña un ano cando comezou a navegar. Viñeron con el Esther e Abel, a nai e o irmán pequeno de Andrea. Trouxeron fotos das embarcacións construídas nos estaleiros de Losada e tamén un vídeo que vimos ao rematar para resumir o que nos contara José.
Fixemos unha chea de preguntas, descubrimos que a nosa maqueta tiña algúns "defectiños de construción" e sobre todo aprendemos que a cnstrución de embarcacións de madeira é un oficio que foi moi importante en Galicia pero que agora se está perdendo e deberiamos facer un esforzo por conservar.
Graciñas a José Losada e a Esther por ofrecerse a compartir con nós todo o que saben sobre o mar e as embarcacións.


Comentarios (0) - Categoría: Educación documental - Publicado o 19-04-2013 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Volveu a motora!

De volta na casa.
Comentarios (1) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 18-04-2013 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
O tigre que veu tomar o té
Sandra e Rocío contaronos esta semana O tigre que veu tomar o té de Judith Kerr, publicado por Kalandraka. É un libro escrito xa hai moitos anos, en 1968, que se convertiu nunha desas historias que todos os nenos/as deben coñecer e que segue encantándonos. A quen non lle gustaría que un día un tigre, un elefante, un oso... petara na súa porta para merendar?



Sandra e Rocío foron contadoras por primeira vez, estaban nerviosas e emocionadas, fixérono moi ben e conseguiron que algúns nos emocionaramos por partida dobre lembrando a outras dúas nenas que tamén gozaban moito cos contos e que foron contadoras moitos recreos na BBS.

Un bico grande para Lucía, Sara, Sandra e Rocio.




Indo para o Samaín no recreo do 31 de outubro do 2008.
Comentarios (2) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 17-04-2013 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas