biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O LIBRO LEMBRA

2 DE ABRIL. DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

“Cando Arno chegou á escola co seu pai, as clases xa comezaran.”
No meu país, Estonia, case todo o mundo coñece esta frase de memoria. Así comeza un libro. O título do libro é “Primavera”, que se publicou en 1912 e foi escrito polo escritor estoniano Oskar Luts (1887 – 1953).
“Primavera” narra a vida dos nenos dunha escola rural dun pobo de finais do século XIX en Estonia. Oskar Luts escribiu dos seus anos escolares. Arno é en realidade o mesmo Oskar Luts na súa infancia.
Os investigadores estudan documentos antigos e escriben libros de historia segundo estes. Os libros de historia falan de sucesos que tiveron lugar algunha vez. Nos libros de historia un non entende ben como era a vida da xente corrente daquela época.
Non obstante, os libros históricos costumistas lembran feitos que non atopamos nos documentos históricos, como por exemplo o que pensaba un rapaz como Arno cando hai cen anos ía á escola. O libro lembra os soños dos nenos, as súas dúbidas, os seus gustos e as súas afeccións. Tamén lembra aos pais dos nenos, como lles gustaría ter sido a eles e o que desexaban para o futuro dos seus fillos.
Por suposto que hoxe en día tamén se poden escribir libros de tempos pasados e estes son adoito apaixonantes. Pero en realidade, un autor de agora non sente os olores, os sabores, os temores e os gustos dos tempos remotos. El xa sabe o que aconteceu, o que o porvir lle tiña velado á xente daquel tempo.
Os libros lembran a época na que foron escritos.
Coas novelas de Charles Dickens sabemos que lle parecía a un neno a veda nas rúas de Londres a mediados do século XIX, cando Oliver Twist paseaba por elas. A través dos ollos de David Copperfield –que eran os mesmos ollos de Dickens- tamén nós vemos toda clase de tipos que vivían na Inglaterra de mediados do século XIX, cales eran as relacións entre eles e cales eran as ideas e emocións nas que se fundamentaban. Como David Copperfield é en gran medida Charles Dickens, este non tivo que inventar nada; el simplemente sabía.
Os libros dannos a coñecer o que realmente sentían Tom Sawyer, Huckleberry Finn e o seu amigo Jim ao navegar polo Mississippi a finais do século XIX, no momento no que Mark Twain narraba as súas aventuras: el coñecía profundamente o que a xente da súa época pensaba dos demais, porque el mesmo vivía entre eles. El era un deles.
As obras literarias que foron escritas na súa mesma época, cando a xente daquel tempo aínda vivía, son as que falan de xeito máis auténtico da xente do pasado.
O libro lembra.

Aino Pervik

Tradución ao galego de
Francisco Castro


Cartel de Jüri Mildeberg

Ano 2011. Manifesto e cartel a cargo da sección de Estonia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2011 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Con Jacobo Fernández Serrano
Unha das mil cousas que podían pasar hoxe era que coñeceramos ao escritor e ilustrador dalgúns dos nosos libros favoritos, e así foi.
Mil preguntas teríades feito de deixarvos e seguro que el as contestaría de bo grao. Cantas dúbidas e curiosidades resolvestes sobre Mil cousas poden pasar! Canto aprendemos sobre o traballo dos ilustradores e dos escritores! Grazas Jacobo, un pracer coñecerte e terte con nós.



Este é o nos tríptico preparatorio da visita.

Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 31-03-2011 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
Viches o león?
Unha carta que a ra non conseguía entregar nin coa axuda de todos os animais da selva, un león soñador e pacífico e sobre todo unha historia de amor. Estes son os ingredientes do conto escrito por Armando Quintero e ilustrado por Géraldine Alibeu que Antía e Diana trouxeron aos nosos recreos lectores. Outra das novidades que non podedes deixar pasar.






Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 31-03-2011 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Faustino Rey Romero nos clubs de lectura
En marzo os clubs lemos poesía, como non!
Este ano quixemos descubrir a poesía dun escritor rianxeiro que para moit@s aínda é un descoñecido e que desde a nosa biblioteca e a nosa escola queremos dar a coñecer porque pensamos que a súa vida e a súa obra ben merecen ser recordadas. Falamos de Faustino Rey Romero, o protagonistas das lecturas de marzo dos clubs de lectura da BBS.

Elaboramos unha escolma da súa obra que lemos, decoramos, comentamos... E por último os clubs prepararon un recital poético cos seus poemas favoritos.
Aquí tedes a escolma e as imaxes do recital.


Escolma poética Faustino Rey Romero


Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 28-03-2011 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Antonio
Onte abriu a Casa Museo de Manuel Antonio no número 24 da Rúa de Abaixo, en Rianxo.
Aledámonos e agardamos que sexa a primeira, máis non a única, das casas de escritores rianxeiros que abran as súas portas ao mundo para compartir a riqueza cultural, literaria e humana que naceu e medrou na fermosísima Rúa de Abaixo de Rianxo.

SOS
FOMOS ficando sos
o Mar o barco e mais nós

Roubánronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda frouxa do horizonte

Este océano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
orientáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxo
Pero tamén sabemos a manobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singradura
No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
O cadáver do Mar
fixo do barco un cadaleito
Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
Sin o Mar e sin o barco
nós.

Manuel Antonio
De catro a catro



Foto de Iván López publicada en Xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2011 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Literatura infantil e xuvenil galega para a Paz

A palabra é a mellor arma, a ferramenta coa que se constrúe a paz e se defende.
(Fragmento da presentación da exposición)

Ata mediados da semana que vén teremos na nosa escola a exposición de Literatura infantil e xuvenil galega para a Paz, organizada polo Seminario Galego de Educación para a Paz e que ten a Pilar Sampedro como comisaria. Dezaseis paneis deseñados por Fausto presentanos unha escolma de obras que usan a palabra para reflexionar e para transmitir valores, nomeadamente o valor da non violencia e da paz. Literatura comprometida, literatura coa que alumnado, profesorado e familias podemos gozar e medrar coma persoas.
Acompañan á exposición as obras sobre as que trata e unha proposta de actividades para traballar na aulas.
Desde a BBS agradecemos a iniciativa do SGEP e o traballo de Pilar Sampedro para ofertar aos centros educativos e á sociedade en xeral, recursos para traballar pola convivencia e a resolución pacífica dos conflitos.











Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 27-03-2011 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
Na horta con Paul Gauguin
O xoves continuamos viaxando, á horta, a Francia, a Taiti... Esta vez fomos da man de Manuela, Alba, Iria, Eva, Dunia e Alicia que nos axudaron a descubrir a vida e a obra do pintor Paul Gauguin. Escolleron un dos seus títulos favoritos da colección El sueño de... de ediciones Brosquil, unha colección coa que estamos aprendendo e gozando moito este curso.





Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 27-03-2011 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Os contos á horta
Esta semana non nos puidemos resistir, co soliño a quentar e a primavera abrollando na nosa horta, decidimos sacar os contos do recreo ao aire libre. O martes viaxamos con Irene e María, que nos leron Soños de circo de Joxan Ormazabal, unha aventura real e imaxinaria, unha viaxe ao mundo do circo e dos soños.












Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 27-03-2011 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
O embigo de Xanecas
A curiosidade dun neno pequeno, o Xanecas, e as trolas da súa familia para explicarlle que é un embigo dan lugar a esta divertida historia escrita por Ramón Aragüés e ilustrada por Francesca Chessa.
Irene, Lía, María e Nuria presentaron outra das novidades da biblioteca, que nos gustou moito por como conta unha historia da vida real, que nos soa moi coñecida e polas coidadas ilustracións.
Buscáde a Xanecas na biblio!







Comentarios (1) - Categoría: Novidades - Publicado o 20-03-2011 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus Entroido!
E aquí vai a última entrega, a queima do nosa Toribiña Menina.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2011 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido 2011. O pasarrúas
O DÍA GRANDE!

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2011 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
Entroido 2011
Comezamos a publicar as reportaxes fotográficas do noso Entroido Pictórico 2011.
Este ano seguindo coa campaña da biblioteca o Brea Segade encheuse de cadros, de pintores, de troula e de Entroido. Mirade, mirade...!

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2011 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Xa chegou!
Xa temos de novo connosco ao Toribio! Ou á Toribia?
Un ano máis @ Toribi@ decidiu sumarse á campaña da biblioteca e poñerse "pictórico".
A ver, a ver, en que cadro se inspirou para poñerse así de guap@? Mirádelle ben a roupa e ese peiteado que leva.

E como non podía ser doutra maneira chegou mandando:

LUNS BIGOTE!


Preparádevos para unha semaniña de troula, o Toribio manda!
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2011 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
Tres han de ser
Febreiro, mes de amores, rematou nos nosos contacontos cunha historia de amor nada habitual. Tres han de ser está baseado nun conto de tradición oral que nos conta como, ás veces, as cousas son coma teñen que ser e non coma os demais queren que sexan. Darabuc escribiu un conto divertido e atrevido que de seguro nos dará que pensar e falar. Boa escolla de María Domínguez, Alicia e María Fernández.






Comentarios (2) - Categoría: Novidades - Publicado o 01-03-2011 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas