biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A motora zarpou para Pontevedra!

Despedindo á motora, que hoxe marchou para Pontevedra. Teremos que agardar ao sábado para vela xa no Salón do Libro. Que ganas!!





Cuarto




Terceiro




Segundo




Primeiro





A nosa motora


Comentarios (3) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 25-02-2013 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
A motora de Cambeses
Este ano o equipo de biblioteca coordinou a participación das clases de 1º, 2º, 3,º e 4º no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Participamos cunha maqueta que reproduce a antiga motora dos Cambeses, que comunicaba por mar a Rianxo e Vilagarcía. Nela van seis libros-pasaxeiros en banda deseñada, que contan a historia da motora, os seus aspectos técnicos, anécdotas dos veciños e veciñas de Rianxo que viaxaron nela e unha aventura imaxinaria coa motora como protagonista. Foi un traballo de investigación, de recollida de lembranzas das familias e de creación partindo de todo ese material recollido. Ademais de aprender sobre a motora e o tempo no que viaxou pola ría de Arousa, para poder elaborar os nosos libros aprendemos sobre banda deseñada, que é o tema da campaña de biblioteca deste curso.
Pasámolo moi ben e aprendemos moito. Queremos agradecer a colaboración das familias dos nen@s de 1º e 2º ciclo que se volcaron mandándonos lembranzas e información sobre a motora. Grazas tamén a Joaquín Cambeses Calvo que compartiou con nós o seu tempo, as súas lembranzas, fotos, o Rol da motora...
Aquí vai unha reportaxe do proceso de creación da motora e dos libros.


Comentarios (3) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 25-02-2013 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
A toda máquina!

O XIV Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra xa quenta motores! A toda máquina! o lema deste ano, convida a buscar un oco nas nosas axendas para visitar o salón entre o 2 e o 23 de marzo e gozar do mundo dos libros e da lectura. Este ano ademais temos un motivo a maiores para preparar unha escapada a Pontevedra: o Brea Segade participa no salón como centro convidado.

Mirade que programa de actividades tan apetecible presenta o salón nesta edición. PROGRAMA
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-02-2013 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía na BBS

Hoxe no recreo a biblioteca encheuse de poesía para celebrar á nosa poeta máis universal e para sentir que Rosalía segue viva nas vosas voces. Rosalía tamén estivo presente nas aulas e continuará a estalo durante todo o mes da poesía, que na nosa escola comezou hoxe... na BBS.




Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 25-02-2013 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía nas nosas voces

24 de febreiro, Día de Rosalía.
Este luns botaremos a andar o mes da poesía no Brea Segade e lembraremos a Rosalía. Farémolo escoitándoa nas vosas voces, nun traballo que realizamos hai dous cursos partindo do libro Rosalía, de Helena Villar Janeiro e Ánxeles Ferrer e que ata agora non poideramos recuperar. Imos escoitar as voces do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º cando erades dous anos máis noviños narrando a vida de Rosalía e lendo, rapeando e recitando os seus versos. Deramos por perdido este vídeo, así que na BBS estamos encantad@s con telo recuperado.


Comentarios (2) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 23-02-2013 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
E contamos contos!

Desfixémonos de vergonzas, de medos e de problemas, xogamos, fomos collendo confianza e seguimos xogando cos ingredientes para crear contos, rímonos, rímonos moito... Pasámolo moi ben e rematamos contando os nosos contos colectivos, contos de trasnos, de partidos de fútbol e de monstros. Esther Carrodeguas convertiu a nosa biblio durante unha tarde nun espazo de encontro de adult@s e neno@s ao redor dos contos e nos encantou. Marchamos para a casa cunha "caixa" chea de ferramentas para contar historias en familia, para xogar cos contos nas casas, cos amig@s e tamén na escola.
Grazas Esther! Foi unha tarde xenial!




Comentarios (11) - Categoría: Familias - Publicado o 23-02-2013 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
A partes iguais
No equipo de biblioteca A partes iguais gustou moito desde a primeira lectura. Gustounos porque é unha boa historia que ademais convida a reflexionar sobre as desigualdades e a inxustiza, e sobre os valores que deben presidir a sociedade na que nos gustaría vivir e na que nos gustaría que medren os nos@s nen@s. A partes iguais de Darabuc e Lina Žutautėfoi foi unha das recomendacións para o Nadal das bibliotecas do Concello de Rianxo, pero aínda non se "presentara en sociedade" na nosa biblioteca.
Encantounos que Astrid, Tania, Lía e Eva escolleran este título entre as nosas novidades para o contacontos desta semana e sobre todo encantounos que ao devolver o libro despois de practicar para contalo, a unha delas lle saira de dentro:
- Este libro é precioso!
Porque o é, claro que o é, no texto e nas ilustracións. E que gusto dá ter boas historias e boas contadoras nos nosos recreos lectores!








Comentarios (1) - Categoría: Novidades - Publicado o 23-02-2013 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Na BBS contamos tod@s: Avelino
Avelino, o avó de Marcos e Pedro, volveu á nosa biblioteca a contarnos contos populares, deses que avós e avoas poden contar a montóns e que temos que escoitar e gravar ben na nosa memoria para que non se perdan e para que continúen pasando de xeración en xeración. Contounos historias de raposos, de lobos, de pegas, de carballos que abundaban en Taragoña e o Araño hai moitos anos e tamén algunha anécdota da súa xuventude. Coma sempre un gusto escoitalo e aprender del e un gusto ver as caras dos nenos e nenas gozando dos contos populares.
Grazas Avelino!





Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 15-02-2013 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Cóntame un conto!
Na BBS estamos de noraboa! Esther F. Carrodeguas estará na nosa biblio impartindo un obradoiro de contos dramatizados para nenos/as e adultos/as. Todo un luxo!

Lembrade, tedes ata o venres 15 para anotarvos nesta actividade. Entre filloa e filloa non esquezades convencer a un adult@ para que se anote con vós. Non deixedes pasar esta oportunidade de pasalo ben xogando cos contos.


From Cóntame un conto!
Comentarios (0) - Categoría: Familias - Publicado o 10-02-2013 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Bo Entroido!
Desde a BBS querémosvos agasallar cun temazo de Entroido que xa foi exitazo durante toda esta semana nalgunhas clases da escola: "O Antroido move o corpo" de Paco Nogueiras Nodar. Seguro que vos vai gustar e non ides parar de bailar. Porque aínda que chova a cachón estamos no Entroido e temos que "antroidar". Pasádeo ben! BBS


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-02-2013 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Herdeiros pola forza

Mañá venres 8 de febreiro, ás 8 da noite, Xurxo Ayán e Manuel Gago presentarán o seu libro Herdeiros pola Forza na nosa biblioteca. O coloquio-presentación terá lugar no marco dos actos que baixo o título Chamando ás portas da historia organiza o equipo de dinamización lingüística en colaboración coa ANPA.
Este acto está aberto a todo o público que queira visitarnos, así que animádevos.

Recomendamos unha visita aos blogues dos autores:

Xurxo Ayán
Manuel Gago
Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 07-02-2013 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
@s piratas lectores e "La bolsa o la vida"
Aquí temos as opinións e debuxos dalgúns dos piratas lectores sobre o libro "La bolsa o la vida" de Hazel Townson.
Premede sobre a imaxe para velo máis grande.



Comentarios (1) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 01-02-2013 01:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas