biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Árbores para Rosalía
Aquí temos a reportaxe fotográfica da mañá do venres pasado: Árbores para Rosalía.
Traballamos duro para, entre todos, plantar máis de cento cincuenta castiñeiros no Campo de Maneiro. A media mañá xuntámonos cos nenos e nenas do CRA de Rianxo para recitar poemas de Rosalía de Castro. Poesía e castiñeiros para un futuro mellor.


Comentarios (3) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 27-02-2012 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Día de Rosalía

Mañá, 24 de febreiro, cumpriranse 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. É unha data importante para a nosa cultura e a nosa lingua, unha data a celebrar tal e como nos propón a Asociación de escritores en Lingua Galega. No noso centro sumarémonos á actividade Unha árbore para Rosalía organizada pola Comunidade de Montes de Taragoña e o Concello de Rianxo. Participaremos nunha plantación de árbores no Campo de Maneiro e remataremos o acto coa lectura de poemas de Rosalía. Queremos que as nosas árbores e o noso coñecemento e admiración polo legado de Rosalía medren fortes.Teremos que coidalos ben.

Ao igual que noutras moitas vilas e cidades de Galicia, mañá pola tarde, ás sete, no paseo da Ribeira de Rianxo, frente ao busto de Rosalía, terá lugar unha lectura pública e libre de poemas para celebrar o Día de Rosalía. Animádevos a asistir e participar no acto lendo algún poema.

Páxina da Fundación Rosalía de Castro
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 23-02-2012 22:18
# Ligazón permanente a este artigo
Con Pere Tobaruela na BBS
E chegou o día. Poidemos coñecer a Pere e falar con el da súa obra e do oficio de escritor. Gustounos tanto coma os seus libros. É unha persoa amena, faladora e moi próxima.
Primeiro estivo con 4º, 5º e 6º, falando sobre Mortos de ningures e Vouvos papar. Preguntamos sobre os personaxes, as ilustracións, o xeito de escribir entre dous autores... E deixounos unha primicia: haberá unha nova aventura da inspectora Nola e o seu gato Lolo. Agardámola con ganas!
Despois do recreo foi o tempo dos de 1º, 2º e 3º, que leran e traballaran sobre Branco de Cores, ou era Negro de cores?

Con Pere tamén veu Lola, unha amiga da BBS e a persoa que fixo posible este encontro. Graciñas Lola!


Grazas Pere por todo o que compartiches con nós durante a lectura dos teus libros e durante a túa visita. Estaremos atenta@s ás túas novas publicacións.




Mentres agardamos pola segunda aventura de Nola.

Comentarios (3) - Categoría: Encontros con escritor@s e ilustrador@s - Publicado o 19-02-2012 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Pere Tobaruela
Comentarios (2) - Categoría: Encontros con escritor@s e ilustrador@s - Publicado o 13-02-2012 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe no Xornal

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2012 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
As pousadeiras do rei
As pousadeiras do rei de Raquel Saiz e Evelyn Daviddi é un conto divertidísimo no que o rei e a súa corte non saen moi ben parados pero sí que nos fan rir desde a primeira páxina. Sara, Ainara e Aida escolleron esta historia para animar os contacontos neste febreiro, mes de farsas, de risas e de pasalo ben.






Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 11-02-2012 17:23
# Ligazón permanente a este artigo
Un mundo de contos
Ao longo do mes de xaneiro traballamos sobre países do mundo que están vivindo situacións de guerra ou conflito. O punto de partida foron os contos populares de diferentes culturas, que nos permitiron descubrir o moito que temos en común. O equipo de biblioteca seleccionou contos populares para que as titorías que participaron na actividade escolleran o país a traballar e o conto a ler.
Os contos foron tamén a disculpa para achegarnos a cada un deses países para aprender sobre eles e sobre os conflitos que están a vivir.
Na tarde do día 31 celebramos o Día da Paz. Xuntámonos todos no auditorio para poñer en común o que aprenderamos.
Comezamos falando do Sahara e vendo xuntos un vídeo sobre o Bubisher,unha iniciativa que a BBS xunto con moitas outras bibliotecas escolares galegas, apoia e coa que colaboramos participando no envío conxunto de libros para o Niño do Bubisher. O alumnado de 4º leu o conto que enviamos en decembro a Smara, ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? de Raquel Díaz Reguera.
E despois cada curso presentou o seu conto e unha pequena información sobre o país do que proviña. Cada clase preparou unha portada para o seu conto e a colocou sobre un mapa do mundo.
Ao longo do trimestre, nos contacontos do recreo, poderemos escoitar esta escolma de contos do mundo, un mundo para o que pedimos, máis contos, máis tolerancia e máis paz.

O acto central do Día da Paz foi froito da colaboración entre o equipo de extraescolares, o equipo de dinamización lingüística e o equipo de biblioteca. En Educaldea podedes atopar máis información sobre este día.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2012 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
"Libros para agasallar" á BBS
Empezan a estar xa nos andeis de novidades algúns dos títulos que escollestes como favoritos na nosa exposición "Un libro para agasallar". Aquí tedes doce dos libros máis votados, que xa forman parte dos fondos da BBS.



Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 09-02-2012 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
As vacacións de Saida
No Club do libro Aberto seguimos en África. Marchamos cara ao Sahara e acompañamos a Saida nas súas vacacións en España. Volvemos a ler sobre o encontro entre dúas culturas, sobre a inxustiza e sobre a solidariedade. Este curso, grazas ao Bubisher estamos a descubrir cousas das que non sempre se fala nos medios de comunicación; este libro vainos ofrecer a visión de dous rapaces sobre o conflito saharaui e como afecta ás súas vidas.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 08-02-2012 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Maxia
Precioso!
Rematamos o conto cun:- Ahhh!
A nosa amiga Charo Pita escribiu unha historia sinxela e máxica que nos fala con humor do máis natural do mundo, os bebés e as mamás.
Alba, Iria e Laura escolleron este conto dunha das nosas escritoras e contadoras favoritas, ilustrado por Madalena Matoso e publicado por OQO.






Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 08-02-2012 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuzos de punta
Xa que non nos está a chover nada nadiña, Nerea, Gloria, Desi, Fátima e Uxía decidiron traer aos recreos da nosa biblio Chuzos de punta de Raquel Saiz e Maja Celija. Precisamos chuvia pero tampouco nos viría nada mal que, como lle pasou ao señor Manolo, do ceo tamén nos caia algo de amor. Esta é unha historia divertida que xoga co papel que as princesas teñen nos contos tradicionais. Ten divertidas ilustracións qque acompañan á perfección un conto cheo de humor. Non o perdades.









Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 08-02-2012 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Mi abuela es africana
En xaneiro O Club do libro aberto viaxou a África cunha pequena escala previa en Alemaña. Para a maioría o mellor do libro foi poder descubrir cousas novas sobre un continente que atrae moito e ao que todos/as queremos viaxar. Pero todos pensamos que unha viaxe a África merecía unha novela con máis aventura e máis dinamismo.








Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 08-02-2012 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
Bebé bigotes
Dunia, Carla e Paula comezaron a andaina de contacontos do 2012 co Bebé Bigotes de Patacrúa e Alessandra Cimatoribus.
Gustounos a historia destes dous velliños que se fan querer e tamén nos deu un pouquiño de pena ver que as veces non chega con querer de verdade algunha cousa para conseguila. Un bo libro para pensar, falar, sorrir...







Comentarios (0) - Categoría: Novidades - Publicado o 07-02-2012 01:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas