biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A GAITA, O GAITEIRO E OS LOBOS
Fermoso poema da coñecida historia da gaita e o lobo. Esta versión poetizada foi publicada en El Compostelano, 3 de Agosto de 1928.

A GAITA, O GAITEIRO E OS LOBOS

Non é conto... Certo foi!
outros moitos, e buliron
ventos, por onde non doi.
Na parroquia do Aparral,
terra da vila das Pontes,
-entre ríos, vales e montes,-
do partido ortigueiral.
Vindo unha noite das fías
un gaiteiro e seu rapaz,
tras os ouveos dos cans,
ouviron... non ladaíñas!
Dous lobos, no amencer
famentos lobos, ouvean:
e carne humana olfactean
e xa chegan para comer.
Nisto, o gaiteiro berrou:
e co rapaz xa rubindo
por un carballo, ruxindo,
cheo de medo rosmou:
- Os lobos! Quen ollara
nosa vida, ou nosa morte?
Eles son dous; polo norte
ben os vin! Xa chegan, xa!-
E logo os lobos chegaron
a ouvear na carballeira,
e do carballo na beira
coas pouta ben acovaron.
O redor do carballiño
unha cova eles fixeron:
para que caira, lles deron
ás poutas moito camiño...
E viña abaixo, o carballo:
mais, lixeiriño o gaiteiro,
e seu rapaz, ben lixeiro,
brincan noutro... Bo traballo!
E foi co fol, o brincar
o gaiteiro, -sen xa ter
nin forzas para o soster-
co roncón deu en roncar.
Feitos dous cans de palleiro

os lobos foxen brincando:
tolos, de medo, ouveando
pola gaita do gaiteiro.
Dera co cóbado ao fol
o gaiteiro, sen querer,
e despois, houbo que ver:
salvos viron vir o sol!
Rindo, o gaiteiro e o rapaz
déronlle entón a gaitiña,
até chegar á casiña,
sempre ollando para atrás.


José Fernández Merino

Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 24-02-2009 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
As nosas lecturas
Desde 4º B queremos compartir as lecturas que fixemos na nosa clase nestas últimas semanas. Algunhas delas axudáronnos a preparar a visita de Kiko Da Silva.


É un libros precioso que se titula a Memoria das árbores. Está ilustrado por Kiko Da Silva, escrito por Xosé Antonio Neira Cruz e publicado por Kalandraka.
Trata dun neno e da árbore que o seu pai plantou o mesmo día que el naceu. Recomendámosvolo!!




Recomendámosvos o conto: Que contan as ovellas para durmir? de Kiko Da Silva, publicado por Galaxia na colección Árbore. É un conto sobre unha ovella chamada Bee que non sabía que contar para durmir e lle andaba a preguntar a moitos animais ata que o descubriu.



Tamén queremos recomendarvos o libro de La leyenda de Boni Martín. Trata dun neno rico que vai vivir ao Castañar, un pobo fermoso pero moi pobre, cando o seu pai finxiu que se arruinara. Alí coñeceu ás súas curmás e ... non vos contamos máis porque esperamos que o leades.
Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 22-02-2009 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
Contacontos de Kalandraka
O martes 17 a nosa biblioteca rebordou de actividade ao longo de todo o día. A primeira hora da mañá, xusto antes da chegada de Kiko Da Silva, os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º recibiron aos contadores de Kalandraka, que nos deleitaron coas últimas novidades desta editorial, acompañadas coa boa música que Pablo sempre incorpora aos contos.



Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 22-02-2009 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Kiko Da Silva
En plena semana de Entroido veu Kiko Da Silva á nosa escola. Atopounos co mandil e o pano na cabeza pero iso non impediu que nos ensinara unha chea de cousas sobre o mundo da banda deseñada, que nos aprendera a darlle expresión aos rostros, que nos descubrira trucos de animación dos personaxes...
Gustounos coñecelo, tanto como nos gusta o seu traballo.


Visitade o álbum para ver as fotos do seu obradoiro e tamén, como non, o guapísimos que estaban os asistentes. Premede enriba da foto.


Kiko Da Silva
Comentarios (11) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2009 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
Esperando a Kiko Da Silva
Este martes, 17 Kiko Da Silva vén de "xira" polo concello de Rianxo da man dos equipos de normalización lingüística do IES Félix Muriel, o CEIP Castelao e o CEP Xosé Mª Brea Segade.
En Taragoña contamos con el para dous obradoiros, un de mañá e outro de tarde, para o alumnado de 4º, 5º e 6º. Xa temos ganas de que chegue o martes! Mentres seguiremos coñecendoo por medio da súa obra e ambientando a nosa escola para recibilo.




Lembrade, para ver mellor a publicación premede en: Open publication.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2009 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
Sígueme!
Andrea, Romina, Alba e Carla, que xusto este venres estivo enferma e non puido vir, prepararon para o día antes de San Valentín unha historia de amor diferente e que non ten nada de rara. Foi a nosa homenaxe ao AMOR, de calquera tipo, sen deixarnos limitar por datas concretas nen tópicos.
Sígueme de José Campanini, con ilustracións de Roger Olmos e publicado por OQO é unha preciosa historia de amor, con ilustracións cheas de detalles que enriquecen o texto. Ademais nesta ocasión tamén soou na biblioteca o tema que creou Almudena Janeiro sobre este conto e que se inclúe no libro-CD Contos en cantos



Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 16-02-2009 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Se eu fose moi delgado
Esta semana aínda que tivemos un día menos de clase por mor dun novo temporal houbo dobre sesión de contacontos.

"Se eu fose moi, moi delgado podería entrar na casa polo buraco da pechadura e rir ás gargalladas ao ver os meus avós tan asustados. Podería poñer os pés enriba dos seus ombros e procurar as cousas esquecidas que hai sempre encol dos armarios."

Carlos e Raúl levaban tempo querendo contarnos "Se eu fose moi delgado", conto de Antonio Mota publicado por Kalandraka. Non sabemos se eles xa experimentaron as fantásticas aventuras que conta esta historia, porque a verdade é que os dous son moi delgados, pero o que sí sabemos é que nos fixeron rir e o público non perdeu detalle.








Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 15-02-2009 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Cos seus ollos na Arousa

Desde a Biblioteca Brea Segade temos un grande interese por ir achegando textos rianxeiros ou sobre Rianxo rescatados de un semiesquecemento en bibliotecas, hemerotecas, manuscritos inéditos... Comezamos con este fermoso texto que Ramón Otero Pedraio dedicou ao seu amigo Castelao, morto no desterro uns anos antes.


COS SEUS OLLOS DE AROUSA


os seus ollos de Arousa vai Daniel amodiño polas rúas esculcando recantos. Coida ás veces descubrir furnas cheas de salaios de algún afastado mar. Se pasan mulleres para o mercado, os ollos de Daniel reflicten nubes, gaivotas, ramos... Vainas pescudando... Un intre as pedras alédanse. Daniel, de xovenciño, xa adoutrinado no devalar das horas no Atlántico, vaise decatando de xermolar primaveral e dos outonizos salaios da cidade... Mais ó tempo de gozar sofre. Por que as xentes non teiman escoitar a fala das horas de Santiago?.
Daniel ama aos labregos e aos mariñeiros. Nos entoados soportais pasea o señorío un vello paisano, cheiro de eido, de eido e traballo fatigado, co baixo rumor dos zocos, rendemento e medida do esgrevio da terra, e os ollos claros, verdecentes, como pozancas dos salseiros nos penedos, - é por moitos desprezado, ignorado, ou tido por elemento dunha paisaxe serva,... Daniel ségueo cos ollos, figúraselle máis fermosa a rúa, como se fora de néboas e luz de Arousa feita a nobre harmonía, mira no labrego a vontade e a ilusión erguedoira das torres... E debúxao. Sabe, amantiño, guloso de fraternidade, apañar o sorrir, a faciana labourada polo traballo, as mans... As xentes, consideran quizás con ar de crítica os debuxos, rin, téñenos por graciosos, son “caricaturas” dos paisanos. E Daniel cala e traballa. Cada riscadela do seu lapis leva un acento de dor, de beleza, de esquencemento. Os vellos con alma de neno trasposta no ollar, os cegos coa cova e a tampa xeada dos ollos, o meniño, sepultura da estudantina chaman. Unha foula de alegría enche a badía e os peiraos da cidade. Daniel ri co esqueleto na clase de Anatomía. Ten amor e simpatía polo irónico esqueleto... Cruzando o Hospital couta as bágoas, vai ceibando consolos. A un doente fálalle do seu val e rise con el das charranadas dos cacique, un groso tinque de fixo amparado por algúns daqueles cabaleiros esgumiados, de alto colo, paseantes polos soportais. Se é mociña parola con ela dos seus namoros. Non hai mellor médico do que Daniel. E até estuda un pouco. Ten de compracer a Don Ánxel. Con Don Ánxel fala o estudante da vila de Rianxo... Sempre colleu o barco triste Daniel para a deixar... A gris mañá devaladoira, as gorxas duras das pesqueiras, a figura liviá co gran sombreiro negro e bohemio do artista reflectindo na auga... Moitos mares habíana de reflectir polo mundo. El levaba a luz da Arousa nos ollos... de estudante, aplaudido, grande “Kapel master” da farra e do humor, espallando ideas ao vento como flores unha belida árbore, despois soado artista, home feito de terra e de espírito galego, Daniel chegaba polas rúas compostelás co mesmo degoiro, deixándose levar pola tristura e transcendencia da cidade.
Desde os primeiros días para el se descubría Santiago. Faloulle en galego e Compostela respondeulle leda. Falou en galego co Rei David. Falou na roda e concerto dos velliños inspirados do Pórtico. Para el descubriría a zanfona, e con ela os vellos instrumentos románicos, unha música en galego romance. En galego falou ós bechos das basas: non tiveron noxo e el non tiña medo: con el serían capaces de saír ao mundo. Soubo parolar co apóstolo pescador. Nos fondos silencios da catedral mandara de aquí para alá a liviá forma non rematada da onda, e o latexar das froumas co debuxar de Daniel... Á súa figura, esguía e longal, ía rente aos espesos muros de pedra e quedaban consolados da súa nudez, do seu cotián testemuñar inmortalidade. Chiscáballe o ollo ás gárgolas. O mal... para Daniel o mal resolvíase nunha caricatura. Pois nela latexa unha posibilidade de amor. Sempre fica a esperanza do home...
Moitas veces temos percorrido, calando as máis, outras “falando das nosas cousas” o Santiago devolveito pola noite á sinceridade e beleza do soño, e á chea verdade devaladoira. O “ Parvís de Notre Dame”, América, Rusia, os museos do mundo coñeceron e respectaron ao artista. Es sería ditoso con esta definición da súa carreira: saír de Rianxo, chegar a Santiago, e no medio o mundo... Acordaba cediño para descubrir o primeiro lucir do sol, feito “Año de Deus” no cumio das igrexas románicas de Santiago. Santiago quedoulle agradecido, non o pode esquecer. Pois fixo novamente falar en galego ás pedras ata entón mortiñas de xeadas glosas... Cos seus ollos de Arousa o derradeiro sen luz Daniel gardou a luz de Compostela.
Ramón Otero Pedrayo


Este relato pertence a un libro inédito chamado Do San Lucas ao San Xoán. Sazóns de Compostela, datado o 31 de Agosto de 1957. Recuperado polo Dr. Domingo García- Sabell, foi publicado na revista Dorna, expresión poética galega. (1982)


Para obter pdf preme aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Biblioteca Virtual BBS - Publicado o 15-02-2009 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Dramatizamos contos
Petra chegou á nosa biblioteca e gustou tanto que Gadea, Sintayehu, María Domínguez, Uxía e María Fernández decidiron preparar, pola súa conta e nos recreos, unha pequena dramatización para os contacontos dos martes. Foi un éxito, aquí temos a mostra.

Petra de Helga Bansch en OQO editora.

Comentarios (4) - Categoría: As nosas creacións - Publicado o 09-02-2009 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
Amor e libros
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está dedicado este ano ao amor, e na nosa biblioteca neste mes de febreiro os contacontos dos recreos falarán tamén de amor.
Comezamos coa escolla de Alicia, Sarai, Amanda e María: Los amantes mariposa.
Trátase dunha lenda anónima xaponesa editada por Edelvives e que ten unhas belísimas ilustracións de Benjamin Lacombe. Recomendámosvos visitar a súa páxina para ver outros traballos seus e por suposto ler esta fermosa historia de amor procedente dunha cultura diferente á nosa.









Comentarios (2) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 09-02-2009 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Contacontos en xaneiro
Xaneiro trouxonos frío, vento, chuvia, apagóns... pero tamén bos contadores e contadoras e boas historias que compartir.

Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 09-02-2009 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Maxicamente vello
Desde a Biblioteca Brea Segade sumámonos á proposta recollida en Open Vieiros para este domingo: Escoitade música, lede poesía.




O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o marmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

A fala - Manuel María
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2009 01:30
# Ligazón permanente a este artigo
Azur e Asmar
Estrea o día 30 de xaneiro, Día escolar da paz e a non violencia. Nos mellores cinemas.

Aquí tedes o trailer co que se anunciou Azur e Asmar, a película que vimos na tarde do Día da Paz.



Fermosísima película polo que nos conta e por como o conta. Gustouvos?
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2009 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Día da paz
Comezamos o día "conspirando" coas bibliotecas escolares galegas e continuamos preparando nas clases mensaxes, desexos, palabras de paz sobre pombas brancas. Unha cadea de mans levounos ao Auditorio onde lemos as nosas mensaxes e as deitamos sobre un mapa do mundo. Rematamos a mañá escoitando xunt@s os nosos poemas pola paz.
O mundo pareceunos mellor, e a paz, posíbel.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-02-2009 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
A escola dos piratas

"A chuvia interminable
Marta espertou co ruído que facían as pingas de auga ao bater con furia contra os cristais. Abriu os ollos con desgana...
Que chovese seguido durante ben días non era ningunha novidade...
Pero o raro era que o fixese tanto tempo seguido, pois xa levaban así varias semanas."



O novo libro dos clubs de lectura acáenos de marabilla. Chuvia, chuvia e máis chuvia. Agora o que precisamos de verdade é unha aventura tan fantástica e divertida como a que viven Marta e os seus compañeiros e compañeiras no libro de Agustín Fernández Paz A escola dos piratas.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 04-02-2009 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas