biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.


PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES


























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Afortunadas lectoras
Noraboa a Ana e Arantxa de 6ºA, que foron as gañadoras do sorteo do último libro de Harry Potter. Esperamos que esta última entrega da saga vos guste tanto como esperabades. Agardamos impacientes as vosas opinións.
Para o resto dos participantes no sorteo, paciencia, non habedes tardar en lelo vos tamén.
Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 22-02-2008 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Harry Potter e as reliquias da morte
O último libro da serie de Harry Potter xa está na nosa biblioteca. Mañá, venres 22 de febreiro no recreo, levarase a cabo o sorteo para saber os nomes d@s dous afortunad@s lector@s que poderán levar en emprestito os primeiros exemplares.
Ao longo de todo o día de hoxe foron entregándose os cuestionarios cubertos que permiten entrar no sorteo. Aínda hai tempo atá mañá ás 11:45 para participar.

Comentarios (2) - Categoría: Novidades - Publicado o 21-02-2008 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Contos con Celso Fernández Sanmartín

O mércores pasado tivemos unha visita especial en Educaldea. Celso Fernández Sanmartín, poeta e contador de contos para todas as idades, estivo co alumnado de primeiro e segundo ciclo. Foi un tempo de contos e tamén de cancións, onde houbo momentos de quedar coa boca aberta prendid@s na emoción do que escoitabamos, momentos de escachar a rir e momentos de nos sorprender con desenlaces inesperados. Celso encantounos a tod@s, profes e nen@s, coa maxia dos contos e a maxia dun bo contador de historias.
Comentarios (4) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 17-02-2008 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de Xesús Santos en Asados
O venres 8 de febreiro, dentro das actividades que estamos desenvolvendo sobre Castelao os alumn@s de 5º e 6º acudiron ao CEIP Ana Mª Dieguez de Asados para asistir a unha charla de Xesús Santos Suárez. Santos é mestre xubilado, poeta , investigador, escritor de ensaios sobre a historia de Rianxo, director e actor de teatro e sobre todo bo coñecedor da cultura e historia de Rianxo.
Falou sobre Castelao, sobre detalles da súa infancia e anécdotas da súa vida. Leunos unha carta escrita por Castelao cando aínda era un neno e vivía en Arxentina e axudounos a entender mellor o enorme valor da súa obra. Gustounos a charla e a oportunidade de volver ver aos compañeir@s de Asados.
Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 10-02-2008 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Xa van alá moitos anos...
Xa van alá moitos anos e aínda hoxe teño remorsos.
Non había antroido que deixasen de vir á miña casa dúas máscaras choqueiras. Sempre os dous mesmos esterqueiros, coas mesmas caretas, cos mesmos traxes, cos mesmos ditos. Eles sabían un segredo amoroso da miña mocidade e todos os anos viñan chantarmo na cara; coas mesmas verbas, coas mesmas gargalladas paifocas.
As dúas máscaras batían o chamador da miña porta todos os domingos de antroido. Xustamente todos os anos, no mesmo día e á mesma hora. Eu adoecía por descubrilos; pero endexamais logrei nin tan siquera unha sospeita guiadora. Eles chamaban, entraban breaban o meu segredo, rían a cachón e logo fuxían deixándome alporizado de carraxe.
Un ano convideinos con augardente… e púxenlles diante unha garrafa chea de purgante Leroy (medicina que agora xa non se estila). Os choqueiros cheiraron o augardente, probárono con sospeita, baduaron algúns chistes á miña conta, arrombaron as gorxas e pouco a pouco foron enviando a garrafa enteira; de modo que a cada un cadroulle de tomar quince purgas, pola baixa. Ían ben servidos os malpocados!
O meu divertimento durou pouco. Axiña de se marcharen comezaron os remorsos a rillar na miña conciencia. Eu era un criminal e o suor frío do arrepentimento corríame polo corpo. Eu saín da casa en procura dos choqueiros. Cacheei tabernas e bailes de tranca e as máscaras non apareceron; preguntei a moita xente e ningúen soupo darme razón deles. A mañanciña do luns colleume aínda na rúa, todo apouvigado, en procura dos choqueiros…
Endexamais volvín a velos diante de min. Endexamais! E quedoume un remorso tremendo porque… morrerían?

Alfonso D. R. Castelao
Cousas

Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 04-02-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
Guerra ou chocolate?
Dentro das actividades que se realizaron en Educaldea no Día escolar pola paz e a non violencia, puidemos visionar a montaxe "Marce, o carteiro" realizada pola biblioteca escolar do CEIP de Pazos en Serantes (Ferrol). Marta Conde e Dani Lorenzo léronnos a historia dun carteiro que tiña que entregar unha carta moi importante. Grazas a ese conto poidemos berrar sen ningunha dúbida: CHOCOLATE!!!
Ao remate saboreamos o chocolate e os churros convencid@s de ter feito a mellor escolla e de que o mundo sería moito mellor se tiveramos máis ocasións de compartir contos e doces.


Grazas á biblioteca do CEIP de Pazos.
Para ver máis sobre as actividades do Día da Paz visita Educaldea.
Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 04-02-2008 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas