biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cantos libros para apalpar!
O Apalpador é o personaxe que preside o tríptico de recomendacións de lectura para Nadal que elaboramos, un ano máis, as bibliotecas do CEIP Ana Mª Diéguez, do CEIP A.D.R. Castelao, do CEP Xosé Mª Brea Segade, do IES Félix Muriel e a Biblioteca Pública Municipal de Rianxo.
Xa sabedes, nestas vacacións tedes á vosa disposición unha boa escolma de libros e música para gozar en familia. Non esquezades incluír un libro entre os agasallos destas datas.



Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 22-12-2011 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
Contos de Reis e de Nadal
Nas vacacións de Nadal os membros do club de lectura levaron un libro breve pero que nos vai dar, de seguro, moito que pensar e que falar: Contos de Reis e de Nadal de Miguel Vázquez Freire. Son contos ambientados no Nadal para pensar nestas datas dun xeito diferente, véndoas a traves dos ollos doutras persoas e incluso descubrindo como se sinte algún obxecto.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 22-12-2011 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
As carpetas do Club do Libro Aberto
Como todos os anos os membros do Club do Libro Aberto teñen unhas carpetas nas que recoller, se queren, as súas impresións dos libros, debuxos, información complementaria... Aquí van algunhas mostras do que nos suxeriron as nosas lecturas do 1º trimestre.


Cadernos do Club do Libro Aberto
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 22-12-2011 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Xantar e peli no Club do Libro Aberto
O martes despedimos o club por este trimestre e como non podía ser doutra maneira houbo xantar en boa compaña, o delicioso brazo de xitano da nai de Marcos (Graciñas!) e unha boa peli. Non se pode pedir máis!
Bueno sí, que se repita no segundo trimestre.





O libro gustounos moito e a peli tamén. Son moi diferentes pero os cambios que incluíron na película para facer a historia máis visual dan bo resultado. Pareceunos unha boa adaptación.

Comentarios (2) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 21-12-2011 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Arco da lúa
Aida e Ainara pecharon os contacontos do 2011 con Arco da lúa de Txabi Arnal, publicado por Kalandraka. Os soños e os anceios cando se fan realidade non sempre son o que agardabamos, pero paga a pena intentar conseguilos sempre e cando non esquezamos, nin renunciemos á nosa orixe e a nosa identidade.
Unha boa historia, divertida e con suxerentes ilustracións para rematar este ano no que fixemos realidade algúns dos nosos soños sen perder a nosa identidade.








Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 21-12-2011 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Un libro para agasallar 2011


A exposición pode visitarse ata o 21 de decembro en horario escolar e polas tardes os luns e xoves de 15:30 a 17:30 e os martes e mércores de 17:30 a 18:30.
Non deixedes de pasar pola BBS e escoller o voso libro para agasallar!
Comentarios (0) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 17-12-2011 02:18
# Ligazón permanente a este artigo
O gato lambón
Alba e Gadea de 6ºB fixéronnos sorrir co Gato Lambón de Patacrúa, que está publicado en Kalandraka. Mirade as caras dos de primeiro. Dá gusto velos!



Comentarios (3) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 17-12-2011 01:02
# Ligazón permanente a este artigo
Despereaux no Club de Lectura
"É a historia dun rato, dunha princesa, algo de sopa e un novelo de fio."

Desperaux é efectivamente a historia dun rato e dunha princesa pero Kate DiCamillo consegue ademais falarnos da inxustiza, da tolerancia, da diferenza, da beleza e da crueldade e faino tan ben que logra engaiolarnos desde a primeira páxina.
Despereaux Tilling é o heroe desta historia, un rato que se sae do normal polo seu físico e sobre todo polos seus gustos e maneira de ser. Xunto a el os demais personaxes, incluso os malos, fanse querer porque a novela nos vai explicando porque chegaron a ser como son, e cando sabemos os motivos entendemos mellor as "consecuencias".
Despereaux de Kate DiCamillo na editorial Noguer é o último libro que lemos no Club. Encantounos!
O martes que vén, veremos a película nunha xuntanza-xantar coa que remataremos este trimestre. Estamos desexando saber se a peli fai xustiza á novela.
Comentarios (0) - Categoría: CLUBS DE LECTURA - Publicado o 17-12-2011 00:03
# Ligazón permanente a este artigo
10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2011 02:24
# Ligazón permanente a este artigo
Tui a Don Faustino Rey Romero

"Porque amamos a nosa lingua e a súa obra poética."


Nós tamén. Parabéns Levada Libre por esta homenaxe.
BBS
Comentarios (0) - Categoría: Letras Galetras - Publicado o 09-12-2011 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
BUBISHER
No deserto do Sáhara o Bubisher é un paxaro que trae boa sorte. Bubisher é tamén o nome dun proxecto de animación á lectura e dinamización cultural no Sáhara, que botou a andar hai xa catro cursos grazas a unha idea dos alumn@s do Colexio San Narciso de Marín: levar libros aos nenos e nenas do Sáhara.
O proxecto Bubisher tomou forma cun bibliobús que percorre as escolas do territorio do Sahara cargado de libros e de ilusión.




E o Bubisher foi medrando pouco a pouco. En novembro deste ano abriu as súas portas en Smara O niño do Bubisher, a primeira biblioteca pública do Sáhara, froito do traballo e a ilusión de moitas persoas saharauis e españolas.
Cerca de noventa bibliotecas escolares do Plan de Mellora decidimos colaborar co Bubisher e sumarnos a un envío de libros que se vai realizar a finais deste mes de decembro. Os coordinadores do proxecto facilitáronnos un listado de libros para escoller. Desde a BBS mandaremos ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? de Raquel Díaz. Mercamos dous exemplares, un para o Bubisher e outro para a BBS. Escollemos este título porque trata de princesas, de principes, de sapos... de contos populares como os que estamos a traballar este ano na escola, pero cunha princesa un pouco diferente.





Seguiremos contándovos!
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2011 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Bailar nas nubes
Antía, Helena, Irene e Diana deben ser medio meigas!
O martes pasado trouxeronnos aos contacontos do recreo Bailar nas nubes, e iso foi xusto o que empezamos a facer dous días despois, ao enterarnos do premio de Boas Prácticas.

Bailar nas nubes, escrito e ilustrado por Vanina Starkoff e publicado por Kalandraka, foi finalista do III Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado no ano 2010. É un conto con ilustracións luminosas e cheas de cor que nos fala da importancia do entendemento entre diferentes culturas e da riqueza da convivencia de pobos e culturas distintas. Tamén nos fala dos soños e do importante que é loitar para conseguilos.





Comentarios (1) - Categoría: Animando a ler - Publicado o 08-12-2011 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO NACIONAL DE BOAS PRÁCTICAS EN BIBLIOTECAS ESCOLARES
O Ministerio de Educación comunicounos que a nosa biblioteca acadou o terceiro premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares.

ESTAMOS FELICES!

Este premio é un recoñecemento ao traballo feito no noso centro nestes últimos anos para converter a biblioteca nun espazo para aprender, para gozar da lectura, para tomar contacto con diferentes manifestacións culturais e para facer cultura nós mesm@s.
O premio non sería posible sen vós, o alumnado do Brea Segade que se implica con entusiasmo nas propostas da BBS, sen as familias que apoiades todas as iniciativas que vos presentamos e sen os mestres e mestras que traballan moito e non sempre nas mellores condicións, para facer realidade o noso proxecto de biblioteca.
Este premio tamén é o resultado da colaboración e a complicidade con moitas bibliotecas galegas que, coma nós, forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e que hoxe celebran un premio que tamén é seu.
Todo o traballo desenvolto na BBS nestes anos foi posible grazas ao bo facer de Pilar Sampedro e Cristina Novoa que desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares nos apoian, orientan e animan.
Queremos tamén facer partícipes deste premio ao alumnado e profesorado que pasastes polo CEP Brea Segade e que compartistes con nós horas de traballo e de goce na BBS, porque grazas a vós estamos aquí e porque a biblio segue a ser vosa.

Pero ademais de nós outras CINCO bibliotecas galegas resultaron premiadas. Estamos de noraboa e temos moito que celebrar!

Comentarios (14) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-12-2011 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas